Sala para o libro no Museo do Pobo Galego

Onte foi inaugurada a nova sala no Museo do Pobo Galego denominada “Da imprenta. Dos impresores e encadernadores. Do libro e a prensa” e subvencionada polo Xacobeo. A sala presenta os oficios de impresores e encadernadores e recolle o máis representativo da cultura letrada na historia de Galicia até o presente. A inauguración desta sala constitúe un feito significativo xa que carecemos en Galicia dun museo sobre a imprenta e o libro, unha institución necesaria para recoller toda a nosa memoria literaria e textual. Quizais esta sala do Museo do Pobo Galego, que xa temos ganas de visitala, poida ser o xermolo do Museo do Libro Galego que entendemos formará parte do proxecto da Biblioteca e Hemeroteca Nacionais da CdC.

Urbano R. Moledo

No artigo da semana fago unha semblanza da figura de Urbano R. Moledo, o dramaturgo galeguista de ideas socialistas que protagoniza Cardume, a novela de Rexina Vega. Tamén recupero do esquecemento os nomes doutras doce persoas que, coma el foron, fusiladas o 10 de decembro de 1936 no castelo do monte do Castro. A literatura como memoria resistente.

Etiquetas:

O Vigo de 1800

Javier Mosquera, o xornalista que mellor coñece a historia viguesa, publica hoxe en Faro unha reportaxe moi interesante para coñecer o Vigo de hai douscentos anos. De viliña mariñeira e amurada a volcán de dinamismos. Merece arquivarse no blog. De interese didáctico.

A imaxe é unha reconstrucción realizada por Carlos Núñez.

Etiquetas:

O discurso de Manuel Azaña

O famoso último discurso de Manuel Azaña, o das tres pes (“Paz, Piedad, Perdón), pronunciado o 18 de xullo de 1938 no concello de Barcelona, pode escoitarse completo aquí (setenta e catro minutos en sete arquivos). Un documento histórico para arquivar. Moi recomendable a súa utilización didáctica.

Etiquetas:

Presentación "De provincia a nación"


Foi moi brillante a presentación celebrada hoxe do monumental libro de Justo Beramendi. O Vicepresidente da Xunta, que presidiu o acto, soubo contextualizar moi acaidamente a aparición de tan importante obra na situación actual do nacionalismo. A presentación xirou, ademais, arredor da intervención do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández que gabou a harmoniosa arquitectura conceptual dunha obra que definiu como “magna”. Especialmente importantes foron dúas das súas afirmacións: “Xa temos escrita a biblia da historiografía nacionalista”. “Nesa ducia de libros imprescindible que ten unha biliografía dun país, en Galicia sempre estarán dúas obras: O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras e De provincia a nación de Justo Beramendi”.
Entre o numeroso público estaban figuras do galeguismo e da política galega como Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Ramón Villares, Francisco Jorquera, Lorenzo Fernández Prieto, Xosé Antón Segade, Xerardo Estévez, Mercedes Rosón e moitas outras. Unha presentación importante para o que entendo será o noso libro do ano e unha das obras que marcarán como referentes o noso catálogo durante un longo período.

Actualización (27-10-2007)
: a crónica da Voz de Galicia.

Etiquetas:

Atacado o monumento de Puxeiros

Onte foi atacado o monumento que o pasado sábado foi inaugurado en Puxeiros, lembrando a sete persoas que foran alí cuneteadas o 15 de setembro de 1936. Unha lamentable manifestación de intolerancia que denunciamos con indignación.

De provincia a nación

Hoxe, coincidindo co Día da patria galega 2007, entrou no prelo De Provincia a nación. Historia do galeguismo político, a magna obra que durante unha década preparou Justo Beramendi. Este groso volume de 1248 páxinas, encadernado en cartone e en formato 17 x 24, é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade.
O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada. Estará nos andeis das librarías na primeira semana de setembro.

Etiquetas:

Ardora

Dedico o artigo da semana a comentar as Ordenanzas de 1573 sobre a pesca da sardiña na ría de Vigo, texto que coñecín traducindo para o galego o primeiro capítulo d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez. É reveladora, e moi actual, a conciencia conservacionista que posuían os mariñeiros galegos de hai cinco séculos.

Etiquetas:

Episodios de terror

Coincidindo coa Feira do Libro de Vigo lanzamos ao mercado este libro imprescindible para a recuperación da memoria histórica. Os autores sintetizan todo o que se leva escrito até o de agora sobre o período da Guerra Civil na provincia de Pontevedra, centrando o libro arredor do campo de concentración da illa de San Simón e a súa colonia penitenciaria. Episodios de terror recupera máis de catro mil nomes de perdedores da Guerra Civil, incorporando tamén os nomes das persoas que asinaron as sentenzas ou as dos que, segundo testemuños orais e investigacións, actuaron como asasinos nas estradas.