A Corentena en pictogramas

Os pictogramas, «Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAAC)», son formas de expresión distintas á linguaxe oral que teñen como obxectivo aumentar as posibilidades de comunicación e ou compensar as dificultades de linguaxe de persoas con parálise cerebral (PC) ou con algún Trastorno do Espectro Autista (TEA), entre outras con discapacidade.

A Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) utiliza símbolos gráficos (fotografías, pictogramas, debuxos, palabras e letras) e xestuais (mímica, xestos ou signos manuais) adaptados ás necesidades de persoas con idades e habilidades dispares. A súa principal vantaxe é que permiten representar tanto algo concreto como algo abstracto, o que axuda a estas persoas a comprender conceptos, ideas, accións ou situacións da vida cotiá.

Entre os sistemas gráficos destacan os pictográficos, nomeados popularmente como pictogramas ou «pictos», pola seu carácter visual, universal e inmediato que facilita a accesibilidade cognitiva a todo tipo de persoas.

Por ventura os grupos de traballo de SAAC xa ofrecen magníficos textos pictográficos sobre a crise do coronavirus que poden axudar tanto ao alumnado TEA como ao resto das persoas a comprender a situación inédita e desconcertante de corentena que estamos vivindo. Recursos dispoñibles, recompilados no cartafol de recursos do Departamento de Orientación, que van dende a información básica sobre o coronavirus (dispoñible tamén en galego), pasando pola explicación das razóns para quedar na casa, até unha proposta de elaboración dun diario da corentena.

Para as persoas que teñan curiosidade por saber máis sobre o uso educativo dos pictogramas e dos SAAC recomendo visitar o espazo web do Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa (ARASAAC), fonte inesgotable destes recursos.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Na Corentena hai tempo para todo

Quedar na casa durante canto menos catorce días obriga a todas as familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar os prexuízos que este peche poida provocar no estado emocional e desenvolvemento académico dos nenos e nenas.

Por fortuna, as crianzas saben que este non é un período vacacional, razón pola que continúan coa actividade escolar dende a casa, establecida diariamente de forma telemática por candasúa titora. Con todo, é preciso que cada familia asuma esta situación como un reto, tanto pola dificultade de adoptar un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das actividades das crianzas e das persoas maiores (moitas delas teletraballando desde o fogar), como pola necesidade de organizar de forma consensuada os tempos e os espazos.

Nesa nova organización das rutinas é necesario que os nenos e as nenas realicen diverso tipo de actividades para evitar a pasividade ou a ansiedade que esta reclusión obrigada poida ocasionarlles.

Recomendamos manter os horarios habituais para erguerse e deitarse, así como para as horas do almorzo, xantar, merenda e cea.

Cremos que as horas da mañá deben estar ocupadas pola realización das actividades académicas titorizadas dende o centro, establecendo varios descansos e tempo de xogo libre, dependendo da súa idade.

Pola tarde sería o momento ideal do día para ter unha hora específica dedicada á lectura e a escritura, tanto dos textos propostos polo centro como doutros dispoñibles na biblioteca familiar.

Debe existir tamén outro tempo diario para as actividades artísticas e plásticas (manualidades, debuxo, pintura, mandalas, construcións…). Desde o centro proponse diariamente a realización dun Coronareto deste carácter, como tamén existen outras propostas deste tipo na rede: «15 días,15 debuxos», «O arco da vella. Todo vai ir ben»…

As rutinas deben contemplar un tempo para o movemento e a actividade física, o que sabemos pode ser difícil en moitos fogares ou mesmo imposible. Mais o que si o será en todos é que os nenos e nenas compartan as tarefas domésticas de limpeza e arranxo do cuarto, o que fomenta a súa responsabilidade, autonomía e a igualdade entre homes e mulleres.

Neste confinamento debe existir un tempo diario para a comunicación dixital ou telefónica coas amizades e cos familiares, así como outro para o xogo individual (videoxogos e outras actividades lúdicas) como tamén para o xogo en familia, tanto compartindo xogos de mesa como acometendo retos ou proxectos nos que participan maiores e crianzas.

Con certeza que haberá aínda tempo cada día para escoitar música, ver a televisión ou vídeos de You Tube ou visitar espazos seguros para os menores en Internet, preparados para esta corentena.

Con todo, dende o punto de vista formativo o máis importante desta reclusión, que non poderemos evitar que nalgún momento resulta molesta e aburrida, é que os nenos e as nenas comprendan a razón pola que se fai: contribuír a parar o contaxio dun virus perigoso para a saúde de todas as persoas.

Corresponde as persoas adultas compartir a información dispoñible e non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución. Tarefa na que o Departamento de Orientación do centro amosa toda a súa dispoñibilidade a colaborar.

Estas orientacións poden ser ampliadas nos recursos recomendados polo Departamento de Orientación na web do centro.

En próximas entregas comentaremos algúns destes recursos así como outros novos que iremos engadindo.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Hipertextos 15: «Olores perdidos» de Mercedes Peón


Alberto Castaño creou esta magnífica peza para «Olores perdidos», un tema que forma parte de Déixaas, o último álbum de Mercedes Peón, no que colaboraron con ela Mónica de Nut  e Ana Fernández.  Outra marabilla do obradoiro da nosa admirada Mercedes Peón que neste seu quinto proxecto convertiu a maquinaria pesada dos estaleiros en instrumento musical. Outro traballo excepcional dunha creadora sempre disposta a romper moldes conectando as músicas da nosa tradición coas das vangardas creativas contemporáneas. Mercedes Peón é unha figura referencial da cultura galega do século XXI que por ventura comeza a ser recoñecida. Recomendo moito Déixaas (onde Mercedes incluíu tamén o tema «MK» no que colabora María Reimóndez) e estes «Olores perdidos».

Hipertextos 014: Campo de Granada

Desde que hai vinte anos comecei a colaboración semanal en Faro de Vigo, baixo a etiqueta de «Campo de Granada» (van alá case un milleiro de pezas), levo xuntando fotos do que foi o campo da feira vigués, ao pé do Castro (monte Feroso). A foto do mitin agrarista foi unha das primeiras que me desvelaron o carácter emblemático deste espazo do Vigo en bisbarra, aínda que sempre me impresionou esta foto datada en 1925 na que é posible identificar a muralla completa do Castelo de San Sebastián, tomada (probablemente) antes do comezo dun desfile militar do Rexemento de Infantería Murcia nº 37. Como moi significativo é a foto recuperada por Pedro Feijoo do Arquivo Pacheco onde aparece o Mercado do Paseo de Granada, onde identificamos o comezo da rúa de Abeleira Menéndez, pretiño do Banco dos Contos. Cremos que aínda existen máis fotos deste espazo comunitario onde a finais do século XIX se formaban os desfiles do Entroido que finalizaban na Alameda. Seguiremos na esculca.

Hipertextos 013: «Literaturas que non circulan»

España ten 46,5 millóns de habitantes, vinte dos cales per­tencen a comunidades autó­nomas nas que conviven dous –e até tres– sistemas lingüísticos. Así pois, practicamente a metade da poboación ten a posibilidade de ser bilingüe, mentres que a outra metade non só debe conformarse co castelán como única ferramenta de comunicación, senón que ademais vive de costas á realidade idiomática do Estado ao que pertence. No ámbito da literatura, este descoñecemento percíbese cunha claridade asombrosa, xa que existe unha enorme cantidade de escritores cataláns, vascos, galegos e asturianos dos que os seus compatriotas non saben absolutamente nada. Son, por así dicilo, os españois aos que os españois non len. E non o fan porque nin sequera saben da súa existencia.

Álvaro Colomer, «Literaturas que non circulan», La Vanguardia

Un artigo esencial para comprender a invisibilidade á que o sistema cultural español continúa sometendo ás literaturas galega, catalá, euskalduna e asturiana. Excelentes e moi clarificadoras as intervencións de María Reimóndez, Ledicia Costas, Mercedes Corbillón, Inma López Silva e Arantza Portabales, recabadas nunha reportaxe referencial.

Ilustración de Paco Leiro.

Hipertextos 012: Claudio López Lamadrid, a edición como paixón

Impactoume o pasamento de Claudio López Lamadrid, un editor literario da miña xeración, co que me identifiquei en moitas ocasións. Admirei sempre que traballase dende adolescente en todos os eidos da edición, dende o almacén á edición de mesa na que se fixa o texto, da que era un grande defensor. Imaxino as enormes dificultades que viviu como director literario do grupo Random House, ao que conseguiu consolidar como segundo grupo en castelán e como referente de edición xeralista de calidade.

Claudio foi capaz de dialogar cos creadores e creadoras («o editor traballa para o autor», era unha das súas frases preferidas), mais tamén cos públicos diversos, coas mediacións da crítica e da distribución libreira, ser admirado polos seus colegas e, o que resulta propio xa de malabaristas, manter a confianza no seu traballo dos propietarios dun dos primeiros grupos editoriais do mundo.

Aconsello ler devagariño esta longa entrevista de Rubén Díez con el en Jotdown na que expresa a súa concepción apaixonada dunha edición á medida das persoas: «Si los editores nos moviésemos por codicia, no estaríamos en el negocio de los libros». Con todos os abrazos, Claudio!

Hipertextos 011/2019: «O bosque dos cromosomas» de Olga Novo

A serie de artigos da sección «O bosque dos cromosomas» que publica Olga Novo no Luzes dixital é o máis fermoso que se pode ler cada mes na rede en galego. Pezas como «A medida do amor» ou «A vitoria do amor» son marabillosas e emocionantes alfaias da memoria de lectura hipnótica. Olga Novo escribe cada quince días os capítulos dun libro extraordinario sobre a nosa orixe e sobre como se forxa a nosa identidade complexa. Textos literarios de moitos quilates. Recomendo cen por cen. Unha fortuna para Luzes e para o seu lectorado (que sabemos cada vez máis numeroso e fidelizado). Beizóns, Olga!

Hipertextos 010/2019: Biblioteca pública e compromiso social

 


«Na biblioteca Bon Pastor imos máis alá do fomento da lectura. Entendemos que os rapaces perden moitas oportunidades de inserción social e laboral nun futuro, se non saben ler. Para nós o fomento lector, pasalo ben cos libros, é unha garantía de comprensión lectora.»

Virginia Cierco. Directora da Biblioteca Bon Pastor, Barcelona.


Recomendo esta magnífica peza (19 minutos) titulada «Medrar lendo» da Fundación Biblioteca Social sobre o papel comunitario da biblioteca pública na integración da infancia en risco de exclusión social. As bibliotecas como espazos integradores e inclusivos de encontro e de paz, como motores da civilidade no barrio e na cidade. Un documental fermoso no que se recollen catro experiencias de bibliotecas con compromiso social: as bibliotecas de acollida, as bibliotecas con servizo ao hospital, a hora do conto inclusivo…

Experiencias todas elas premiadas nas últimas edicións do Premio «Biblioteca pública e compromiso social», entre as que está unha experiencia galega, «Canto Conta Cambados» da Biblioteca Municipal de Cambados Luís Rei (moi recomendable este vídeo de 5 minutos sobre ela). Un premio do que foi finalista na edición de 2018 a Biblioteca Municipal de Verín coa súa experiencia «Voluntariado cultural con chic@as para el fomento da lectura».

Vía  Txetxu Barandiarán, fonte inagotable de auga limpa lectora.

 

Hipertextos 009/2019: Precisamos máis Artes e Humanidades

Oitocentos millóns de empregos serán ocupados por robots de aquí a 2030. É un camiño irreversible. Por iso hai tempo que o Foro de Davos mandou unha mensaxe á clase traballadora mundial: para no rematar substituídos por máquinas debemos volver ao que nos fai humanos. Isto é, a aprendizaxe cooperativa, a creatividade, o pensamento crítico, a empatía. Habilidades que, precisamente, teñen moito que ver coa formación en Artes e Humanidades.

María José Carmona: «El ser humano frente al algoritmo: por qué el futuro necesita más Artes y Humanidades». Revista dixital EqualTimes.

Agradezo a Asesoría de Bibliotecas que chiase este artigo prospectivo e clarificador no actual entorno do big data, dos robots 4.0 e do desenvolvemento de intelixencia artificial. A proposta de engadir A de Artes á formación STEM (de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tan de moda (tamén en Galicia), semella imprescindible tanto polo seu carácter máis inclusivo e equitativo como polo suplemento de creatividade e diverxencia que achegan as competencias humanísticas e sociais a elas asociadas.

En definitiva: na escola da terceira década do século, a que será a era dos robots (e na que mudará a organización do traballo tal como o coñecemos), paradoxicamente precisaremos máis formación en Artes e Humanidades, ou que o mesmo a Literatura, a Música, a Filosofía, a Historia, as Artes Plásticas deben recuperar peso que perderon no currículum e na propia cultura escolar. O artigo de Carmona é unha peza moi recomendable para o debate do profesorado sobre as finalidades da educación no entorno da hibridación da comunicación dixital e da mais que probable automatización laboral.

 

Hipertextos 008/2019: Reto lector «12 meses, 12 libros»

Co comezo do ano nas redes sociais publícanse propostas de retos lectores, a maior parte deles baixo a fórmula de «12 meses, 12 libros». A verdade é que os criterios para a escolla das lecturas son moi diversos e nalgúns casos un chisco arbitrarios, mais todos procuran a fidelización ho hábito lector na diversidade de xéneros e temas, ao tempo que deixan a cadaquén a maior liberdade para para satisfacelos. Retos no que o lectora ou a lectora asume a diversidade da oferta libreira ou bibliotecaria como unha nova oportunidade para deixarse sorprender.

En todo caso, propostas como as que fai a Axencia de Lectura do Concello de san Sadurniño e o seu reto lector para 2019 constitúen un aliciente para o fomento da lectura que merecen ser compartidos.

Reto lector 2019 para lectoras adultas

A biblioteca pública lánzanos un reto que nos volva enganchar á lectura en papel. No caso das persoas adultas a proposta que fai é a de ler alomenos 14 libros entre xaneiro e decembro de 2019. Danos liberdade de elección, pero pon algunhas condicións á hora de facela.

  • un dos libros ha de ser unha novidade da biblioteca;
  • outro será de non ficción;
  • o terceiro deberá ter recibido un premio literario galego;
  • tamén teremos que ler algunha obra protagonizada por unha muller;
  • obrigatorio tamén ler algún autor ou autora que gañase o Nobel;
  • hai que ler unha obra de poesía;
  • en sexto lugar pide que leamos un álbum ilustrado ou novela gráfica;
  • un clásico;
  • o libro favorito en galego dunha amizade ou familiar;
  • algunha obra dun ou dunha homenaxeada polas Letras Galegas;
  • ler tamén algo escrito por nomes da literatura hispanoamericana;
  • un libro que fose levado ao cine;
  • unha novela histórica
  • e, por último, unha obra de teatro.

Reto lector 2019 para a rapazada

  • unha novidade;
  • un que narre episodios da vida real;
  • outro de misterio ou medo;
  • un cómic;
  • unha obra protagonizada por un animal;
  • un libro de aventuras;
  • unha obra con premio literario galego
  • e outra con premio literario infantil;
  • un conto clásico;
  • un libro de fantasía;
  • outro de poesía
  • e, como remate da lista, unha obra relacionada con calquera aspecto científico.