Hipertextos 006/2019: entrevista a Julián Hernández

Lin con moito interese a entrevista que Jaureguizar fixo a Julián Hernández para El Progreso. Unha peza excelente de xornalismo cultural (ese xénero que din moribundo en Galicia), que podería ser  empregada como recurso didáctico na facultade de Comunicación pola súa brevidade e capacidade de ir ao gran sobre a historia de Siniestro Total, fuxindo da aborrecible retórica groupie e das anécdotas máis que coñecidas sobre o accidente do R-12 e o concerto dos Salesianos. Jaureguizar consigue un retrato humano crible de Julián Hernández, unha das figuras intelectuais máis brillantes da nosa xeración. Xaora quedo con dúas referencias de JH que me impactaron, a da Introducción a la Lógica formal de Alfredo Deaño (un libro importante na miña formación universitaria), e o seu recoñecemento da influencia da entropía na cultura popular (e polo tanto na obra de ST). Non puiden evitar considerar que o meu admirado Jaureguizar, artífice desa marabilla semanal que é Táboa Redonda sería un magnífico autor para ese libro necesario  sobre Siniestro Total, cando se achega o corenta aniversario da banda de rock and roll viguesa.

Hipertextos 005/2019: Loubanza de Berta Dávila da novela galega breve

 

Nisto do tamaño hai de todo en todas as tallas. Mais é certo que nun contexto no que aínda abonda a tendencia a medir a excelencia a vulto, cómpre reivindicarlle o valor a quen se move no rexistro curto e emprende a tarefa de construír un mundo de entidades escollidas ao milímetro, no que non hai espazo para camiños equivocados ou obxectos prescindibles, coma quen trata de amoblar unha bufarda e convertela nun espazo exquisito: se todo está cerca e diante dos ollos, todo o que hai debe ser necesario e fermoso no sentido máis puro, e o que non o é simplemente non debe estar.

Berta Dávila «De libros: Eloxio da novela breve»

A escritora e crítica Berta Dávila publicou onte en Praza unha memorable loubanza da novela galega breve, inzada de retranca e enxeño, na que recomenda media ducia de títulos recentes que expresan o pulo acadado en galego por este xénero (que poderiamos chamar tamén «noveliña» ou «novelletta»). Unha escolla da que me sinto partícipe na medida en que formei parte de tres dos xurados das obras premiadas (Principio de incerteza de Pilar Ortega, Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín e Tres pintores de Cid Cabido).

Como tamén concordo con Berta en considerar neste territorio literario Acaso Michigan de Antón Reixa, un texto que desde o primeiro orixinal que lin hai máis dun ano me pareceu se mergullaba na fronteira do poético e do narrativo, tanto como do soñado e do vivido. Algo que sucede tamén en Besta do seu sangue de Emma Pedreira, premio Xerais 2018, novela poética fragmentada que no seu día lembro me provocara unha lectura hipnótica tanto pola beleza na concepción da súa arquitectura como da súa prosa.

Que me desculpe o meu amigo Antón Lopo por non ter lido aínda o seu  Extraordinario, obra gañadora do Repsol, que agarda na miña mesa de novidades.

Hipertextos 004/2019: Diana Athill, editora

Tense dito de min que son «unha das mellores editoras de Londres», e non negarei que iso me prace. Xaora sei que tiven moi pouco que facer para gañar ese renome, máis alá do traballo rotineiro que consiste en ser unha persoa de trato agradable coas persoas interesantes.

Diana Athill (Stet, Lembranzas dunha editora)

Con esta cita pecha o seu número 37 a revista Trama y Texturas, unha das miñas lecturas trimestrais preferidas. Un texto da centenaria editora londiniense co que me identifico plenamente e que humaniza a tarefa da edición apenas como unha intermediación creativa, onde a dimensión emocional ten un peso sobranceiro. A mellor edición continúa sendo a que fan grupos pequenos e cohesionados de editores e editoras humildes (e conscientes sempre de cales son as súas responsabilidades e limitacións) en conversa permanente cos autores e autoras. Ten razón Athill cando reclama afecto e respecto para esta conversa, que Giulio Einaudi concibía como a razón de ser da profesión do editor.

Hipertextos 003/2019: ano da Táboa Periódica

Moléculas en galego lembra no seu perfil de Twitter que 2019 é o Ano Internacional da Táboa Periódica e que por ventura en galego tamén podemos nomear os elementos químicos. Unha celebración adoptada pola UNESCO con motivo da creación da táboa hai 150 anos por Mendeleiev, cando se coñecían apenas 63 elementos. A dimensión galega do acontecemento foi subliñada por Moléculas en galego, que sortea un exemplar da Guía  dos elementos  químicos. Historia, propiedades e aplicacións, e polo xornal El Progreso que lembra que na granxa A Cernada de Palas de Reis, estes elementos cobraron vida, xa que alí hai vacas cos nomes de Magnesia, Rubidia ou Litia. En todo caso, esta celebración científica será ao longo de 2019 outra oportunidade para reivindicar a ciencia na nosa lingua, a pesar de que dende a aprobación do Decreto de Plurilingüismo a materia de Química non pode ser estudada en galego.

Gratitude as fontes: Galipedia, GCienciaCascarelo, Moléculas en galego e Praza.

Hipertextos 002/2019: lectura no metro

Txetxu Barandiarán publica no seu perfil de FB esta fotografía preguntando cales son os formatos polos que aposta a infancia en Londres. E abofé que nesta instantánea recente chama moito a atención tanto a voracidade lectora da rapazada nun entorno urbano como o feito de que non aparezan pantallas por ningures. Polo significativo protagonismo das crianzas a foto merece ser incluída no meu arquivo de imaxes sobre a lectura, mais tamén como expresión da lentitude do proceso de hibridación da edición infantil, que continúa sendo protagonizada de forma abrumadadora polos formatos impresos.

Hipertextos 001/2019: «e a seguir sachando»

«Seguir sachando» é o que recomenda para o ano novo O Bichero do xenial Davila. Sachar nas agras dos afáns propios como na comunal das tarefas compartidas da Irmandade. Benvidos aos días do futuro.