Onte 1832: ILP de dereitos lingüísticos na actividade económica

ILP_Dereitos_Linguisticos_18-02-2017

Presentouse onte no Museo do Pobo Galego a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística pretende garantir na práctica os dereitos lingüísticos das consumidoras e usuarias, tanto na atención oral e escrita, como na información que reciban das empresas que venden os produtos ou prestan os servizos en Galicia. Trátase, en definitiva, de que as persoas que exercemos o dereito de empregar o galego sexamos correspondidas polas nosas interlocutoras nos ámbitos comerciais e de servizos. Desaparecerían así as situacións de discriminación lingüística, sexa sobre atención en galego ou respecto pola toponimia galega, tantas veces denunciadas e tan poucas resoltas satisfactoriamente. Xaora, a importancia dunha iniciativa como a presentada, que precisa recabar de 10.000 asinaturas nun prazo de catro meses para poder ser defendida no Parlamento de Galicia, reside na recuperación da actitude proactiva do movemento cívico galeguizador. Traballemos, pois, por dar a coñecer e compartir esta iniciativa tan esperanzosa.

Onte 1817: Un plan para a cultura galega

O anuncio do presidente Feijoo polo que o seu goberno se comprometía a elaborar un plan para a cultura galega foi onte moi ben recollido polos medios. Se é unha proposta crible, algo que esta altura non podemos asegurar, con certeza suporía a entrada, por fin, da problemática do sector cultural galego nos contidos da axenda pública, a que manexan as administracións e os medios de comunicación. Suporía recoñecer que en Galicia existe a cultura como sector económico con dimensións significativas no eido do emprego e da súa achega ao PIB galego (como tan retranqueiramente salientaron o pasado luns os membros de NUMAX). Como tamén sería crible o anuncio se os diversos sectores da creación e da industria cultural reciben convites para expresar as súas opinións e participar na confección dun plan (estratéxico), unha condición indispensable para a súa posta en marcha e funcionamento satisfactorio. O modelo de participación e pluralismo co que foron elaborados o PXNLG de 2004 e a Lei do libro e da lectura nos dous últimos anos do derradeiro Goberno Fraga podería agora ser emulado. Con todo, somos prudentes diante dun anuncio que, insisto, pode ser tanto esperanzoso como unha nova frustración.

Onte 1816: Premios da Cultura Galega 2016

Acompañei a María Xosé Queizán na entrega dos Premios da Cultura Galego 2016 outorgados pola Xunta de Galicia. Unha cerimonia institucional que resultou elegante, tanto pola excelente condución da presentadora Noelia Otero e da percusionista Lucía Martínez (para min sempre, a alumna de Agustín Fernández Paz), como pola presenza visual da caligrafía, reivindicando así a beleza e a pulsión da palabra manuscrita. Nas dúas horas do acto houbo tres momentos nos que reparei. O primeiro, a magnífica intervención dos membros da cooperativa NUMAX que reivindicaron o recoñecemento das empresas de traballo asociado e a súa importancia na creación de emprego no sector cultural. O segundo, a intervención de María Xosé Queizán, que investiu os dous minutos que lle concederon para ler “Caduco”, un poema contundente contra case todo. O aplauso intenso e longo, moi longo, recoñeceu o teimoso compromiso vital de María Xosé Queizán co feminismo e coa literatura, onte moi emocionada e arroupada polas súas amizades. E o terceiro, o anuncio que fixo Feijoo no seu discurso de promover un plan para a Cultura Galega. Un anuncio agardado, despois de oito anos de severísimos recortes, que abre un horizonte esperanzoso para reorientar as políticas públicas no que respecta a nosa creación e industria cultural.

Desbloqueo metropolitano

Volvo no artigo da semana en Faro de Vigo sobre o conflito da Área Metropolitana de vigo:

Chapela_VigoA pasada semana as páxinas de Faro de Vigo acolleron tres artigos magníficos, escritos por veteranos municipalistas, nos que apelaban a procura de fórmulas de mediación capaces de desbloquear o conflito da constitución da Área Metropolitana de Vigo (AMV). Tanto no texto de Carlos Núñez, concelleiro no seu día, no de Manuel Pérez Álvarez, alcalde de Vigo de 1995-1999, como no de Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e vicepresidente primeiro da AMV, salientábase a importancia da creación da AMV para mellorar os servizos dunha comunidade de medio millón de persoas e a necesidade de establecer un espazo de diálogo entre as partes para dar paso a un proceso de negociación e acordo. Posicións que comparto ao cen por cen. Nunha situación de bloqueo político como a que sofre a AMV non hai outro camiño que identificar os conflitos, coa intención, primeiro, de describilos coa maior obxectividade, e despois, darlles unha solución dende a racionalidade e a legalidade.

Só dende unha posición de diálogo analítico ilimitado, poderá entenderse o problema do Plan de Transporte Metropolitano, onde o Partido Popular centra toda a súa estratexia de oposición á constitución da AMV. Unha cuestión pouco entendible dende posición apartidarias coma a nosa, cando tras unha longa negociación o concello de Vigo asinou coa Xunta de Galicia un convenio polo que integraba o seu transporte urbano no plan autonómico. U-lo problema? U-la negativa de Vigo a incorporarse ao sistema de transporte da Xunta? Xaora, non é un segredo que neste tema o que se discute é apenas unha interpretación do texto do convenio, cuestión que podería ser dirimida, de non chegar a un acordo, pola doutrina dos tribunais do contencioso. Porén, foi a que levou aos populares a xustificar o seu boicot á constitución da AMV e a emprender unha campaña en contra do seu presidente, cun interese, a todas luces, partidario. Unha interpretación, a dos conservadores, que carga inxustamente sobre a facenda municipal viguesa, e polo tanto sobre todos os seus cidadáns, o custe dos desprazamentos urbanos que a maiores, despois dunha viaxe en vitrasa e o seu transbordo correspondente, puidesen realizar outros cidadáns metropolitanos. Un tema que, atendendo aos intereses xerais e integrado nun plan de mobilidade metropolitana, sería solucionable nos órganos da propia AMV.

Como semella tamén abordable o outro casus belli, o nacido do propio acto de constitución da área, en boa medida viciado despois polo boicot das seis alcaldías do Partido Popular á constitución da Xunta de Goberno. Constitución do goberno metropolitano que non pode nin ser emendada pola vía administrativa nin deslexitimada cando conta co apoio dunha amplísima maioría. Trabúcanse os que demonizan aos seus rivais políticos, como sucede coa figura do alcalde de Vigo e presidente da AMV, a quen os membros do PP fan responsable de todos os males, e ao mesmo tempo expresan a súa vontade de reconducir un proxecto estratéxico, como o da AMV. Tempo haberá para a confrontación electoral dos proxectos municipais de cada unha das forzas políticas.

Non teño dúbida que tal como sucederon os feitos o primeiro xesto no desbloqueo do conflito metropolitano de Vigo corresponde expresalo ao Partido Popular, e ao seu primeiro responsable, o presidente Feijoo, asumindo a súa minoría política actual na AMV, abandonando a súa estratexia de confrontación coas alcaldías metropolitanas do PSOE, BNG e En Marea e ofrecendo a colaboración do Goberno Galego no desenvolvemento da área. Como tamén é imprescindible, como xusta contrapartida, que tras a incorporación das alcaldías populares, os diferentes órganos da AMV, dende a súa Xunta de Goberno ás comisións de traballo, sen menoscabo ao respecto dos principios ideolóxicos e políticos de cadaquén, asuman o reto de acadar os máis altos niveis de consenso nas cuestións estratéxicas da AMV e naqueloutras máis vinculadas aos problemas cotiáns dos cidadáns, dende o plan de transporte e mobilidade (dous temas que deben ir da man), pasando pola xestión de servizos de auga, saneamento, seguridade e protección civil, até os relacionados co emprego, os servizos sociais, sanitarios e culturais.

Acometer este desbloqueo supón un exercicio de responsabilidade política por parte de todas as alcaldías e dos representantes dos diversos grupos municipais presentes na Asemblea da AMV. Uns e outros teñen obriga de asumir que os intereses do medio millón de cidadáns da área, e dos cen mil que se poidan incorporar no futuro, están por riba daqueloutros dos seus partidos.

Trasacordo na Área Metropolitana

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao novo conflito arredor da creación da Área Metropolitana de Vigo.

area_vigo_r2_c1Temos apelado en diversas ocasións á institución tan galega como a do “trasacordo”, estudada por Marcial Gondar, para tratar de entender decisións políticas que, aparentemente, non teñen xustificación racional ningunha. Se consultamos o Dicionario Xerais da Lingua o trasacordo é “o cambio de opinión con respecto a algo acordado con anterioridade”. Porén, segundo o profesor de Antropoloxía da USC, a esta definición cómprelle engadir un matiz clarificador: o trasacordo supón a revisión dun acordo ou dunha decisión tomada, un volverse atrás no camiño andado, “mais para percorrelo por outro vieiro ou doutra maneira”. O que quere dicir que o trasacordo conleva un cambio de opinión, un botarse atrás do acordado, mais sempre para adoptar unha orientación nova, para a seguir intentar outro novo acordo. Razón pola que entre nós os galegos non estaría mal visto que a pesar de termos decidido unha cousa, mudásemos despois de opinión; abondaría que xustificásemos tal cambio de criterio co argumento de que “tivemos un trasacordo”.

Non hai dúbida que este procedemento do trasacordo dinámico é o que mellor permite explicar os ires e vires, os acordos e posteriores trasacordos políticos continuos da creación da Área Metropolitana de Vigo (AMV) que, despois de dezaoito anos daquela histórica “Declaración de Soutomaior”, documento de espírito fundacional da AMV, asinado o 22 de decembro de 1999 polos alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, volveu quedar este pasado fin de ano na encrucillada da incerteza. E alá van case dúas décadas de trasacordos sobre o tema (incluídas varias leis debatidas, dúas delas aprobadas polo Parlamento de Galicia), protagonizados por catro alcaldías viguesas de cores políticas distintas (Castrillo do BNG, Pérez Mariño e Caballero do PSdePSOE e Porro do PPdeG) e por tres presidencias da Xunta de Galicia (Fraga, Touriño e Feijoo). Cinco lexislaturas autonómicas e mandatos municipais onde ambas as dúas partes foron incapaces de pechar de vez un acordo razoable e definitivo que traducise institucionalmente o que dende hai tempo é unha realidade social incuestionable, a existencia dunha comunidade de 600.000 persoas que desenvolven as súas vidas arredor do espazo urbano artellado pola cidade e pola ría de Vigo.

Unha incapacidade para acadar acordos entre a Xunta de Galicia e os concellos metropolitanos que prexudica, sobre todo, á cidadanía da área viguesa, que sexa por arres ou por xos continúa sen recibir os servizos (singularmente o do transporte metropolitano) xa existentes dende hai tempo noutras rexións urbanas galegas. Un fracaso político que non pode ser xustificado con estrataxemas de procedemento administrativo, como a recente da negativa da inscrición da AMV no Rexistro de Entidades Locais, coa que os responsables da Xunta de Galicia pretenden adiar, outra vez máis, o proceso e intentan desgastar politicamente a Abel Caballero, hoxe a besta negra para o partido de Alberto Núñez Feijoo. Como tampouco leva a ningures que as alcaldías do Partido Popular boicoteasen a constitución da xunta de goberno metropolitano coa pretensión de deslexitimar o seu plan de traballo (entre o que está a tramitación do polémico plan de transporte) e adiar a incorporación dos concellos que amosaron o seu interese en facelo.

Reorientar o proceso de constitución da AMV require de elevadas doses de consenso e xenerosidade, tanto dos responsables dos concellos metropolitanos, singularmente da alcaldía de Vigo, que lidera hoxe a creación do ente, como da Xunta de Galicia e da súa presidencia. Cómpre abandonar a xestión por coxuntura, expresada nos trasacordos do proceso, e transformala nun acordo estratéxico potente capaz de converter a AMV na trabe de ouro do novo modelo territorial galego. Se Feijoo e o seu partido non asumen esta altura de miras, se non apostan con todas as consecuencias polo modelo do Vigo metropolitano, converterán a Abel Caballero nun mártir que se inmolará nas rúas de Vigo, como fixo noutrora con éxito incuestionable coa aldraxe da venda das caixas ou a discriminación ao aeroporto de Peinador. A bóla quedou no tellado do Partido Popular que deberá abandonar a súa estratexia obstrucionista, se non quere no futuro continuar sendo irrelevante no concello de Vigo e, probablemente, en boa parte dos concellos metropolitanos. Dentro dos propósitos do ano novo debería estar o recuperar o tempo e as enerxías perdidas na constitución da AMV e poñela a funcionar a toda máquina.

Cara ás Galegas

No artigo da semana en Faro de Vigo valoro os resultados das pasadas Xerais e reflexiono sobre as perspectivas das vindeiras Galegas de outubro:

Xerais_2016Tras o resultado das Xerais do pasado 26 de xuño, abriuse a posibilidade dunha terceira maioría para Alberto Núñez Feijoo nas Galegas do vindeiro outono. A clara vitoria do Partido Popular en Galicia, que, con respecto á convocatoria do mes de decembro de 2015, subiu un 4,37 % e incrementou en 34.204 os seus votantes, foi moi traballada sobre as provincias da Coruña e Ourense, onde conseguiu dúas novas actas, a primeira a costa de Ciudadanos (por máis de cinco mil votos) e a segunda de En Marea (por mil seiscentos), circunscricións nas que conseguiu concentrar arredor de si o voto conservador e aproveitou a inhibición dunha parte do electorado desencantado da esquerda e do nacionalismo. Un resultado electoral que deixou claro que nin os numerosos escándalos de corrupción do partido conservador ao longo da lexislatura nin o escuro episodio recente de persecución a rivais políticos protagonizado polo ministro do interior foron considerados por unha parte do electorado galego (643.827 persoas, o 41,49 %) como circunstancias relevantes que afectasen ao seu criterio sobre o partido presidido por Mariano Rajoy. O que, sen dúbida, abre unha liña de reflexión clarificadora sobre cales son os valores e os modelos éticos que hoxe cotizan na nosa sociedade.

Ninguén pode cuestionar que Alberto Núñez Feijoo obtivo nestas Xerais un resultado óptimo que fixo retroceder a todos os seus adversarios. A súa apelación directa na última semana de campaña aos votantes de Ciudadanos, partido que en Galicia obtivo 133.938 votos e unha porcentaxe do 8,63 %, conseguiu que este moi apreciable resultado quedase en auga de castañas e non se traducise en acta ningunha para o partido de Albert Rivera. Outro tanto sucedeu cos partidos da oposición parlamentaria ao seu goberno, tanto o Partido Socialista de Galicia-PSOE que, a pesar de recuperar a segunda posición e manter as súas seis actas (en contra do prognóstico das enquisas), perdeu cinco mil votos; como, e sobre todo, a En Marea e ao BNG, que perderon entre ambas as dúas 92.516 votos, que (moi probablemente) foron directamente para a abstención. Unha severa inhibición que fixo retroceder a En Marea á terceira posición, perdendo un acta no Congreso e outra no Senado, rompendo a súa liña ascendente de convocatorias anteriores. Un resultado que deixa noqueado ao BNG cun 2,89 % dos votos, o peor resultado da súa historia, na máis dolorosa irrelevancia, agoirando a súa probable desaparición do Parlamento Galego ao non acadar en ningunha das provincias o teito do 5%.

Xaora, a pesar de que os resultados nestas Xerais non son directamente trasladables ás vindeiras Galegas, é innegable que con estes datos diante non vai ser doado artellar unha alternativa de esquerda e galeguista que, despois de dúas lexislaturas decepcionantes de durísimos recortes sociais e retrocesos para o autogoberno galego, desprace de vez a Feijoo de Monte Pío. Para isto semella imprescindible que no PSdeG-PSOE, que despois de evitar o sorpasso da Marea, aspira a que o profesor Xoaquín Fernández Leiceaga presida ese goberno alternativo, active as expectativas renovadoras xeradas por este economista rigoroso de espírito galeguista e humanista. Leiceaga asume nunha situación sen liderado claro no partido, ademais, o reto tan difícil de deseñar un proxecto común para un socialismo galego ao que tantas veces gustou mirar máis para o que chegaba de Ferraz que para o que se acordaba na súa sede galega. Un “efecto Xocas” cuxos resultados, en todo caso, dependerán en grande medida da posición que finalmente acorde o partido con respecto á investidura de Rajoy, sexa asumindo a abstención da totalidade ou dunha parte do seu grupo parlamentario ou mantendo unha oposición teimosa que levaría a unhas terceiras Xerais. Non o vai ter, pois, doado Leiceaga.

Como superar a fronteira dos 450.000 votos nas Galegas debería ser o obxectivo polo que traballasen En Marea e o propio BNG activando ao electorado progresista e galeguista aborrecido e decepcionado polas leas interminables entre as forzas políticas deste espazo do común, capaces de crear as mesmas doses de esperanza ca de decepción. Un electorado que nestas Xerais de xuño procurou o acubillo da inhibición electoral, mais que de se lle ofrecer unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz podería mobilizarse e ser determinante para artellar un goberno alternativo que concibise Galicia como suxeito político.

Cara ás Galegas 2016 Feijoo sae cunha vantaxe apreciable, mais aínda se contamos coa posibilidade de entrada no Hórreo de Ciudadanos. Xaora, se as forzas do bloque da esquerda e do galeguismo conseguen activar ao seu electorado, os números estarían moi, moi axustados. Feijoo sábeo e tentará utilizar o calendario ao seu favor.

Onte 1669: A estrea de Tellado

As primeiras declaracións de Miguel Tellado, despois de ser elixido novo secretario do Partido Popular de Galicia, dan un pouco de medo. Volver axitar ao electorado conservador utilizando a falacia da «imposición del gallego» e criticar a Lei de Memoria Histórica argumentando que en Alemaña «no se han retirado todos los símbolos nazis», ademais de escaso coñecemento sobre a situación sociolingüística de Galicia  e da historia alemá, amosa unha actitude moi pouco conciliatoria. Non descarto que despois do congreso da pasada fin de semana, Feijoo pretenda afondar no que algúns teñen xa bautizado como «novo galeguismo sen galego», ou «galeguismo sen fronteiras», sendo estas declaracións iniciais de Tellado apenas un anuncio do que virá. Como tampouco descarto, eu que son inxenuo, que se trate apenas dun esvarón de quen non tivo tempo abondo para elaborar máis o seu discurso. No entanto, as apelacións ao «galeguismo cordial» que utiliza decote Feijoo non encaixan cando o seu número dous recupera aquel argumentario antigaleguista tan eficaz para gañar ao bipartito. Estamos quizais co vello conto do reparto de papeis entre o bo presidente e o seu home de partido.

Onte 1648: Medra a lectura en catalán

img_dduch_20150925-184536_imagenes_lv_propias_dduch_20150925-1-1-kAnB-U401191397449ZSH-992x558@LaVanguardia-WebLeo en La Vanguardia que nos catro últimos anos o catalán gañou un 5,2 puntos como lingua de lectura habitual entre os lectores e lectoras de libros. Unha porcentaxe que indica que a poboación lectora habitual en catalá maior de 14 anos é do 26,4 %, ou noutros termos que un de cada catro lectores en Catalunya ten o catalán como a súa lingua de instalación e preferencia lectora. Do mesmo xeito, en Catalunya incrementaríase tamén no mesmo período a porcentaxe de lectores e lectoras até o 66,3 %, por riba da media española, aínda que sen chegar á europea do 68 %. Xaora, máis alá destas cifras esperanzadoras, aínda o é moito máis que o conseller de Cultura Santi Vila anuncie o compromiso dunha «harmonización e unha rexeneración» dos diferentes tipos de axudas do sector do libro e da lectura, que pasaría polo incremento das axudas á tradución, polo apoio ás bibliotecas e por un plan de estímulo de librarías. Para tomar boa nota en Galicia, que con cifras lectores moito peores, continúa coa política de duros recortes en cultura.

Onte 1606: 11.000 diarios

Museo_GaiasLa Voz de Galicia lembraba onte que a Cidade da Cultura gasta cada día 11.000 euros en gastos comúns (1.335 € en limpeza, 4.263 € en electricidade, 1.951 € en mantemento, 1.956 € en seguridade, entre as principais partidas). Catro millóns de euros é a cantidade que a Xunta destina cada ano á apertura do Gaiás. E, ollo!, que non contabilizamos nin o custe das exposicións nin das súas actividades. Se comparamos estes catro millóns de euros cos 300.000 que a Consellaría de Cultura dispuxo como partida da compra de novidades editoriais en galego destinadas ás bibliotecas públicas, correspondentes ao ano 2015 e 2016, podemos comprender a envergadura da catástrofe que supón manter aberto o capricho ideado para maior gloria de Manuel Fraga. Un disparate que hipotecou o desenvolvemento da nosa cultura.

Onte 1605: Cruzada contra a Normalización

A crónica de David Lombao, publicada onte en Praza, amosa as razóns da cruzada que contra as leis que protexen a lingua galega desenvolven os sectores galegófobos. O seu obxectivo non é outro que dinamitar o concepto de normalización lingüística e arruinar as políticas públicas de acción positiva a prol das linguas minorizadas que dende a Reforma Política impregnaron, no caso galego, o Estatuto de Autonomía e as leis que o desenvolveron, arredor das que se foi forxando unha posición orixinal, un amplo consenso político e social.

Tras a sentenza do TSXG cuestionando os principios da Ordenanza do uso do galego no concello de Lugo e a do Tribunal Supremo rexeitando o recurso da RAG sobre o Decreto de Plurilingüismo, o movemento galeguista debe dirixir a súa acción xurídica cara o Tribunal de Estrasburgo na defensa dos dereitos individuais dos galegofalantes. Con todo, a ruptura do consenso arredor das políticas de normalización e o dano causado á lingua galega e ao seu futuro por estes sectores galegófobos, apoiados por dirixentes do Partido Popular e de Ciudadanos, é xa irreversible.