Onte 1605: Cruzada contra a Normalización

A crónica de David Lombao, publicada onte en Praza, amosa as razóns da cruzada que contra as leis que protexen a lingua galega desenvolven os sectores galegófobos. O seu obxectivo non é outro que dinamitar o concepto de normalización lingüística e arruinar as políticas públicas de acción positiva a prol das linguas minorizadas que dende a Reforma Política impregnaron, no caso galego, o Estatuto de Autonomía e as leis que o desenvolveron, arredor das que se foi forxando unha posición orixinal, un amplo consenso político e social.

Tras a sentenza do TSXG cuestionando os principios da Ordenanza do uso do galego no concello de Lugo e a do Tribunal Supremo rexeitando o recurso da RAG sobre o Decreto de Plurilingüismo, o movemento galeguista debe dirixir a súa acción xurídica cara o Tribunal de Estrasburgo na defensa dos dereitos individuais dos galegofalantes. Con todo, a ruptura do consenso arredor das políticas de normalización e o dano causado á lingua galega e ao seu futuro por estes sectores galegófobos, apoiados por dirixentes do Partido Popular e de Ciudadanos, é xa irreversible.

Consenso metropolitano

No artigo de Faro de Vigo desta semana valoro o acordo previo acadado para aconstitución da Área Metropolitana de Vigo.

A-Peneira-dixital-Area-Metropolitana-de-VigoO recente acordo entre a Xunta Galicia e catorce alcaldías da rexión urbana de Vigo sobre a constitución, competencias e xestión da Área Metropolitana de Vigo pode cualificarse como histórico. Culmínase así unha iniciativa rexeneradora, agromada hai dezaseis anos, tras a aprobación da “Declaración de Soutomaior”, na que as alcaldías dos concellos a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo –Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Nigrán, Mos, Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo– aprobaron por unanimidade un documento no que declararon a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo.

Un pacto metropolitano pioneiro, que demostrou a posibilidade de acadar en Galicia grandes acordos estratéxicos, asinado no castelo de Soutomaior o 22 de decembro de 1999 por membros do PP, PSOE e BNG, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo, sendo apoiado por Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta de Galicia. Dende entón, foron de máis os pasos adiante e atrás que se deron nun proceso aínda en marcha de creación dunha entidade supramunicipal que intentase achegar a política á realidade social, recoñecendo no ámbito representativo e institucional ese “Gran Vigo” ou “Vigo metropolitano” como o primeiro motor urbano de Galicia e centro para a vertebración da eurorrexión atlántica Galicia e Norte de Portugal.

Dende aquel pacto de Soutomaior moito choveu na ría. Como moitos foron os desacordos e trasacordos sobre a constitución e características do ente metropolitano vigués entre os diversos Gobernos Galegos e os do concello de Vigo, ao que non foron alleas as circunstancias de que ambos os dous explorarsen toda a gamma de cores políticas. Diferencias transformadas en aberto conflito dende 2012, tras a aprobación dunha desafortunada Lei de Área Metropolitana de Vigo, apoiada só cos votos do Partido Popular, que abrangue a catorce concellos (a ducia da Mancomunidade, máis Cangas e Moaña), minorando de xeito inadmisible nos órganos de xestión previstos nela, mesmo até o ridículo, o peso do concello de Vigo, cidade que lle dá vida e razón. Unha lei que naceu morta, refén da estratexia electoral curtopracista do Partido Popular que pretendía con ela meter en cintura á alcaldía de Vigo.

Despois das eleccións municipais da pasada primavera, nas que os conservadores retrocederon en boa parte dos concellos da rexión urbana viguesa, impúxose unha nova dinámica municipalista, liderada por Abel Caballero, á que se incorporaron até 15 alcaldías representativas dunha amplísima maioría da poboación. Unha dinámica integradora cuxa intención non foi outra que forxar un amplo consenso metropolitano entre todos os concellos (sen excepción) que conforman a rexión urbana de Vigo, acordo capaz de desbloquear un deses problemas que semellaban sen solución.

Xaora, o principio de entendemento acadado entre o vicepresidente Rueda e as 14 alcaldías é unha oportunidade de ouro para acadar un acordo definitivo óptimo sobre os límites, as estruturas de goberno, as competencias, o financiamento e o calendario da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo. Un acordo que debería facilitar a constitución decontado (antes do remate da lexislatura) dunha entidade supralocal ampla, que abranguse os concellos pertencentes as comarcas da ría viguesa, Val Miñor e Morrazo, máis do que non deberan quedar fóra os do Val da Louriña, os do Baixo Miño, os do Condado e mesmo os catro da Paradanta. Unha nova entidade metropolitana na que os 28 concellos da rexión urbana de Vigo, 600.000 persoas (o 22 % da poboación galega, o 63 % da provincia de Pontevedra), constituirían o primeiro motor demográfico e económico de Galicia, ao tempo que unha entidade política transformadora capaz de ofrecer servizos metropolitanos básicos (transporte, abastecemento de auga, tratamento de residuos, políticas de emprego, entre outros) nas mellores condicións para toda a cidadanía e con menor custe para as administracións locais.

Unha Área Metropolitana liderada e impulsada de forma decidida e xenerosa polo concello de Vigo, que achega a metade da poboación e funciona como cidade central, onde están instaladas as dotacións sanitarias (hospitais), educativas (universidade), comerciais, institucionais e algunhas das actividades industriais de referencia. Un liderado do concello de Vigo, que debería proxectarse no modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico. Se así se fai, como todo semella aventurar, non teño dúbida de que a constitución desta Área Metropolitana ampliada e liderada polo concello de Vigo suporá un fito decisivo na historia do Gran Vigo e do seu futuro.

Onte 1564: Primeira enquisa das Autonómicas

13tv-16-01-2016

Coñecimos onte as primeiras enquisas para as Autonómicas deste ano. Para 13tv, a canle da Igrexa, o PPdeG perderá a maioría absoluta e sufrirá un severo retroceso ( 37 % dos votos e 32 escanos), precisando para gobernar das actas de Ciudadanos (9 % e 6 escanos), un partido que se estrearía no Hórreo a pesar de non contar en Galicia con organización ou liderado identificables. Como tamén resulta significativa na enquisa a desaparición do BNG, consolidando o seu pésimo resultado das Xerais, mentres que En Marea (25 % e 20 escanos) daria o sorpasso na cámara sobre o PSdeG-PSOE (21 % e 17 escanos). En todo caso, esta primeira sondaxe presenta un escenario aberto e un posible resultado axustado, onde se enxerga a posibilidade dunha alternativa de esquerda aos gobernos de Feijoo. Xaora, para o resultado das Autonómicas será determinante o que suceda finalmente coa formación do novo Goberno ou coa posibilidade dunha nova convocatoria electoral a comezos da primavera. Onte Feijoo amosábase no Faro dubidoso, xa que semella non chistarlle moito a evolución da política galega onde se consolida En Marea e emerxe Ciudadanos.

Onte 1540: A nosa Irmandiña

ROBERTO AGUETE - SELECCION GALLEGA - URUGUAI

ROBERTO AGUETE – SELECCION GALEGA – URUGUAI 2005

Desde aquel Galicia-Irán, celebrado en Riazor o 27 de decembro de 2008, non volveu xogar a selección galega de fútbol. Aquela emocionante nadaliña do goberno de Touriño e Quintana foi coutada de raíz por Alberto Núñez Feijoo, a quen debeu anoxarlle a popularidade que colleu entre a mocidade a nosa Irmandiña. Mágoa de selección galega, sobre todo cando o noso fútbol de élite está vivindo un momento de fulgor, tanto polas grandes tempadas do Celta, Deportivo e Lugo, como pola cantidade de xogadores galegos emigrados nas ligas internacionais.

Non teño dúbida que Galicia sería un cadro moi competitivo no marco europeo, contando cunha portaría con Sergio Álvarez ou Diego López, e dez xogadores de campo como Mallo, Barragán, Ínsua e Jonny na defensa, Trashorras e Álex Bergantiños na media, Denís Suárez, Lucas Pérez, Iago Aspas e Iago Falque nunha dianteira de moitos quilates. Rafael Louzán, o actual presidente da Federación Galega de Fútbol, sabe do valor engadido de contar cunha selección propia, que ademais de expresar o orgullo de todos os galegos e galegas contribuiría a fortalecer lazos e pechar feridas entre as nosas afeccións.

Sei que se facemos o xogo do seleccionador, responsabilidade que poderían asumir Luís César ou Fernándo Vazquez, non hai dificultade para contar cunha excelente Irmandiña. Arrisco a preparar unha convocatoria: Sergio Álvarez (Celta), Diego López (Milán) e Roberto Fernández (Lugo), porteiros; Jonny Castro (Celta), Hugo Mallo (Celta), Pablo Ínsua (Leganés), Antonio Barragán (Valencia), Andrés Túñez (Burinam), defensas; Trashorras (Raio), Álex Bergantiños (Deportivo), Fran Rico (Granada), Lucas Vázquez (Real Madrid), Juan Domínguez (Deportivo) e Fernando Seoane (Lugo), medios; Lucas Pérez (Deportivo), Iago Falque (Roma), Santi Mina (Valencia), Denís Suárez (Vilarreal), Joselu (Stoke City) e Iago Aspas (Celta), dianteiros. Fachenda de fútbol galego.

Onte 1539: Esperanza incerta

resultados_xerais_2015

Os resultados das Xerais de onte provocaron a fragmentación do escenario político español, aínda que polo momento non é previsible nin a creba do réxime monárquico nin sequera a posibilidade da mudanza do modelo constitucional de 1978. Teño claro que Podemos soubo conectar coas ansias de cambio dunha parte do electorado farta da corrupción e dos recortes avalados polo modelo bipartidista, mais tamén cómpre recoñecer a importante resistencia do partido de Rajoy que cos seus resultados (123 actas no Congreso e maioría no Senado) podería intentar gobernar e, se non fose posible, canto menos bloquear nesta lexislatura calquera iniciativa de reforma constitucional.

En Galicia a Marea de Podemos tamén soubo conectar co voto do cambio entrando no espazo de todos os seus rivais. En Marea disputoulle a primeira praza ao PP nas provincias e cidades atlánticas (mesmo en Vigo, onde é a primeira forza), entrou no espazo do PSOE e noqueou á candidatura nacionalista. Un resultado excelente que, ás portas das Autonómicas do vindeiro outono, abre a posibilidade de artellar unha alternativa sólida e crible a Feijoo, que obtivo un pésimo resultado, xa que perdeu cinco actas e 250.000 apoios. Un éxito da Marea que, ademais, obrigará ao PSOE e ao BNG, se non queren quedar na irrelevancia, a refundar con radicalidade os seus proxectos, imaxe e liderados.

Xaora, neste contexto de incerteza, onde manda a dinámica estatal sobre a galega, non sería descartable que Rajoy, se na investidura non conta coa abstención de Pedro Sánchez, apurase a xogada cunha nova convocatoria ao comezo da primavera onde quizais o PP podería construír unha maioría da que hoxe carece.

Onte 1482: Vigo-París

peinador-pierde-4

Mágoa que onte engalase o derradeiro avión de Air France que unía Peinador e Charles de Gaulle. Unha conexión magnífica, unha viaxe preciosa, que fixemos unhas cantas veces e nos permitiu saltar nun plis plas a Nova York ou facer unha visita de fin de semana sempre tan xeitosa a París. En once anos a compañía francesa non recibiu nin un pataco en axudas públicas, mentres a Xunta e o concello de Santiago doparon a súa competidora. Un fraco favor que nos deixa, outra volta, en mans das tediosas escalas en Madrid ou Barcelona ou nas múltiples combinacións directas do aeroporto Sa Carneiro, cada vez máis incómodo para os viaxeiros galegos.

A pesar da doutrina oficial de Feijoo e Ana Pastor, ten razón Caballero cando denuncia o fracaso da chamada «coordinación aeroportuaria galaica», baseada nunha terminal central internacional, Lavacolla, e dúas de voos locais, Vigo e A Coruña, condenadas á marxinalidade ou á desaparición cando chegue o AVE. Peinador perde así unha liña vital para a área metropolitana de Vigo e para o seu sector da automoción. A perversa política de subvencións obrigará, se Caballero quere recuperar a conexión, a pagar un canon a Air Europa, que especula con artellala cun código compartido con Air France. Moi mal negocio para as arcas públicas este dos aeroportos galegos.

Onte 1479: Cifras en vermello

xunta-doblaFaro de Vigo e Praza publicaron onte dúas clarificadoras informacións sobre os pagamentos que a Xunta de Galicia deberá facer nos vindeiros vinte e cinco anos ao sector privado pola construción e financiamento de varias autovías (Costa da Morte, Brión, Celanova, Salnés…) e do Hospital Álvaro Cunqueiro. En total unha cifra de 3.054 millóns de euros, dos que 1.340 corresponden ao Hospital de Vigo, unha cantidade que triplica ao custe estimado polo goberno de Touriño para un centro de maiores dimensións e prestacións. Se a esas cantidades engadimos que a débeda pública galega coas entidades de crédito será a finais deste ano de 10.339 millóns de euros, a maior da historia, comprenderemos a precaria situación das finanzas galegas. Non fai falta ser un Krugman para entender que con estas cifras en vermello os futuros gobernos galegos estarán moi condicionados pola herdanza das lexislaturas de Feijoo.

Feijoo e o Vigo metropolitano

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a posición de Feijoo e do PPdeG sobre a Área Metropolitana de Vigo.

area_vigo_r2_c1Tras a lectura da magnífica entrevista que Irene Bascoy fixo a Alberto Núñez Feijoo para Faro é doado comprender que o Partido Popular ten un problema grave en Vigo. O presidente da Xunta de Galicia aínda non valorou o peso que Vigo ten na economía e política galegas nin entende o seu carácter de cidade metropolitana, a “cidade en bisbarra” da que falaba Ramón Otero Pedrayo. A pesar de ter a súa residencia na abella da ribeira, Feijoo é incapaz de conectar coas preocupacións e coa memoria da maioría social viguesa, un alma cívica que moi pouco ten que ver cos parabéns que recibe das “elites” conservadoras en actos de partido e, por suposto, moito máis ampla co electorado dos distritos do centro onde o seu partido é hexemónico en cada elección. Vigo é unha cidade revolcada, moito máis complexa do que pode enxergarse dende o outeiro de Monte Pío.

No entanto, para quen coñeza o ADN vigués e a historia da cidade nas últimas catro décadas non é difícil explicar que as severas derrotas municipais sufridas polo partido de Feijoo en Vigo, coincidindo coas súas lexislaturas á fronte do Goberno Galego, sobre todo a do pasado mes de maio, máis alá da pouco afortunada elección da candidatura, tiveron a súa orixe no desinterese do presidente polo que sucedía en Vigo e na súa área metropolitana. Un erro colosal sobre o que Abel Caballero construíu de forma moi intelixente a súa esmagadora maioría absoluta. O alcalde socialista si soubo liderar o profundo malestar cidadán provocado pola marxinación orzamentaria coa cidade da Deputación presidida por Rafael Louzán e a indignación provocada polas políticas erradas de Feijoo en temas quentes para Vigo como a fusión das caixas de aforros, cando xa se foran a pique. Como tamén o fixo cando recuncou na casa do Campo de Granada co abandono inxustificado do Hospital Xeral para usos sanitarios, o negocio millonario da privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro e, sobre todo, o caos do traslado ao novo centro sanitario denunciado nas avenidas viguesas por milleiros de persoas.

Nestes sete anos, tampouco soubo entender Feijoo a importancia política da presidencia da Autoridade Portuaria, case unha segunda alcaldía na cidade, onde colocou primeiro a Corina Porro e despois a Ignacio López Chaves. Ambos os dous, a pesar de representar perfís persoais moi diferentes, careceron da capacidade de intermediación na sociedade industrial viguesa e de diálogo interinstitucional necesario coas diversas administracións, sobre todo co concello, para integrar as diversas actividades do porto (fosen as turísticas, deportivas e de lecer como as estritamente industriais) no proxecto estratéxico e urbanístico de Vigo. Como non comprendeu Feijoo, cando utilizou politicamente os contratos de Pemex, o valor (e mesmo a pegada afectiva) que a industria naval ten na beiramar viguesa dende hai máis dun século. Con todo, o seu maior fracaso político en Vigo é a súa obstinación por non recoñecer o liderado indiscutible do concello de Vigo e da súa alcaldía sobre unha área metropolitana que conta con case medio millón de habitantes, que polo momento agrupa a catorce concellos (con outros seis con interese en incorporarse) e ocupa o territorio de comarcas naturais como o Morrazo, o Val Miñor, a Louriña, o Condado e o Baixo Miño. Ese Gran Vigo, o Vigo metropolitano, que nas eleccións municipais de maio deulle na maior parte dos concellos unha lección de coherencia ao Partido Popular, espíndoo coma o rei nú e outorgándolle a presidencia da Deputación á socialista viguesa Carmela Silva.

Tras semellante pau, parecía que Feijoo aprendera e sería capaz de trasacordar sobre os termos da Lei da Área Metropolitana de Vigo aprobada de forma unilateral polo seu partido en 2012. Mesmo chegou a comprometerse en facelo decontado na entrevista que mantivo co alcalde vigués o pasado mes de setembro. Porén, todo quedou en auga de castañas e o presidente volve enlearse na súa calculada retórica de administrativista, ao tempo que aproveita a operación Patos para mover apenas dous dos seus peóns de posición no taboleiro vigués e mandar así un sutil recado ao equipo de goberno vigués. Movementos que cos calendarios electorais na man, con convocatorias en decembro e na vindeira primavera, agoiran que Vigo dificilmente contará nesta lexislatura coa posta en marcha dunha nova Área Metropolitana.

E o caso desta lea da máis resesa política non é nin moito menos menor para os concellos (e a cidadanía) da área metropolitana viguesa xa que deste acordo depende o funcionamento de servizos básicos como o transporte metropolitano (do que Vigo até agora quedou fóra), o tratamento de residuos, o abastecemento de augas e tantos outros temas de carácter metropolitano. Polo visto e expresado, co Vigo metropolitano Feijoo non mudou de chip.

Onte 1464: O xiro social de Feijoo

goberno_galego_05-10-2015Cando queda menos dun ano para as elecccións autonómicas Feijoo revoluciona o seu goberno, aumentando o número de consellarías, sacrificando á responsable de Sanidade e incorporando ao executivo a José Manuel Rey Varela, ao que parece elixiu como novo «delfín». Unha mudanza de goberno que o presidente anuncia tamén de políticas, mesmo abandonando a austeridade da que foi un grande adiantado.

Moi mal deben dar as enquisas que se manexan en Monte Pío para dar semellante volantazo con tintes inequivocamente electoralistas. Con todo, tampouco é difícil reparar no novo Goberno Galego a erosion provocada polas mobilizacións cidadáns contra a xestión privatizada do HAC ou a realizada polo sector leiteiro en defensa de prezos xustos, que deterioraron a imaxe de xestor eficaz do presidente.

Analizando os datos orzamentarios, como fixo onte Praza, o prometido xiro social de Feijoo requiriría mil millóns de euros, só para igualar a cifra de 2009. Despois das tesoiradas introducidas en Sanidade, Educación, Cultura e servizos sociais comunitarios, non vai ser doado  recuperar da noite para a mañá as partidas anteriores. Sendo así, é moi previsible que a revolución social anunciada polo dos Peares quede apenas nunha renovación de chapa e pintura dun goberno cada vez máis afastado das preocupacións da cidadanía e dos problemas estruturais do país.

Onte 1454: Triste Día Europeo das Linguas en Galicia

1024px-Image-Languages-Europe

Coincidiu a celebración onte do Día Europeo das linguas coa notificación recibida na Real Academia Galega na que o Tribunal Constitucional comunica que inadmite o seu recurso de amparo sobre o recurso de casación relativo á sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario. Un texto de apenas un par de liñas que  sen expresar motivación xurídica ningunha liquida o recurso da Academia e deixa sen dereitos lingüísticos aos picariños galegofalantes escolarizados en castelán.

Unha decisión do Constitucional, na que non é moi difícil identificar intencionalidade política, que como sinalou o secretario da RAG deixa en papel mollado a Carta Europea das Linguas Rexionais e MInoritarias, que obriga ao estado español a garantir unha oferta educativa suficiente en cada unha das linguas cooficiais nos niveis educativos non universitarios. Non hai dúbida de que a Academia Galega debe continuar a súa batalla xurídica e recorrer ás instancias xudiciais europeas o Decreto para o plurilingüismo sexa por vulnerar o texto da Carta Europea como por excluír o uso do galego en materias científicas como as Matemáticas ou a Física e Química, como por fomentar os prexuízos sobre o noso idioma.

Neste contexto magooume que nunhas declaracións radiofónicas recentes de Alberto Nuñez Feijoo a Jiménez Losantos, primeiro responsable político do Decreto 79/2010, recoñecese sen arroibarse que a Xunta considera vinculante a polémica consulta ás familias, a pesar de que fose anulada por unha sentenza do TSXG. Para o presidente da Xunta «se a maioría dos pais queren que os seus nenos empecen a ler e a escribir en castelán, empezan a escribir e a ler en castelán a totalidade da aula». U-los dereitos, entón, dos picariños galegofalantes recoñecidos pola Carta Europea das Linguas? U-lo cumprimento do establecido sobre a consulta ás familias na sentenza do TSXG sobre o Decreto para o plurilingüismo? Xaora, con este criterio da Administración educativa galega, do que fachendea Feijoo, estáse erradicando o galego destas aulas de Educación Infantil e do primeiro curso de Primaria, mais tamén o seu seu emprego como lingua de instalación coloquial destes picariños.

Triste celebración do Día Europeo das Linguas en Galicia, cando o retroceso do uso do galego no sistema educativo está sendo promovido polo goberno do propio país. Triste e indignante.