Chamamento dos Editores Galegos no Día do Libro

Con motivo da celebración do 23 de abril, Día do Libro e dos Dereitos de Autor, a Asociación Galega de Editores acordou realizar un chamamento social a favor do libro e a lectura, co fin de que se recoñeza social e políticamente o papel trascendental que o libro e a lectura teñen no desenvolvemento das persoas e dos países. Por ese motivo a entidade que representa aos editores galegos fixo público hoxe o seu documento estratéxico e un decálogo que resume as reinvindicacións do sector diante das administracións. As institucións públicas teñen a obriga constitucional e estatutaria de protexer os bens culturais e as industrias que fan posible que eses bens se difundan entre a cidadanía.

  1. Chamamento a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o sector do libro.
  2. Documento Estratéxico da Asociación Galega de Editores.

Onte 585: Tertulia

Cando na tertulia da Radio Galega comentabamos as andanzas perigosas de Manolo Pescanova, soubemos por twitter dos estouridos da maratón de Boston. Cando valorabamos o anuncio de Feijoo da posible entrada de Pemex no capital dos estaleiros vigueses (Barreras), a pantalla do teléfono doíase comunicando a derrota en tempo de desconto dun Celta xa pechacancelas. Case non houbo tempo para comentar a vitoria axustadísima de Maduro nin a ofensiva de Rouco para que Rajoy modifique as leis do aborto e dos matrimonios de persoas do mesmo sexo e mellore o estatuto dos centros educativos católicos. Vaia axenda informativa dun 15/04 que semella lembraremos!

Onte 574: Sen memoria

Feijoo confesou onte que non lembraba todas e cada unha das cousas que fixo cando estaba no instituto. Na súa comparecencia diante dos medios dixo que non lembraba se foi de vacacións con Marcial Dorado a Andorra ou a Picos de Europa. Nada dixo entón das viaxes que semella fixo a Cascais e Ibiza nin das chamadas rexistradas polo xuíz Vázquez Taín de 2001 a 2003. Feijoo é unha persoa sen memoria. Eis quizais resida a clave do éxito da súa meteórica carreira política. Dá medo!

Vigo, reconquista cidadá

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o carácter cívico que entendo debe ter a festa da Reconquista que hoxe celebramos en Vigo.

Abandonada a resesa compoñente antiliberal, decimonónica e franquista da celebración da Reconquista, recuperada a súa dimensión de festa netamente popular, vencellada á recuperación cidadá do Casco Vello, esta nosa efeméride local laica do 28 de marzo debería constituír tamén radical afirmación da nosa cidadanía. O “día da Reconquista” é a xornada acaída para actualizar cada ano o estado de saúde do proxecto colectivo de Vigo como cidade, que non é outra cousa que saber da calidade da nosa convivencia, a función primixenia e esencial de cada polis.

Desta reconquista 2013, hai razóns abondas para a maior preocupación, xa que Vigo, a pesar de conservar o seu carácter dinámico, inequivocamente revolcado e optimista, non vive os seus mellores días. Cidade portuaria atlántica de espírito aberto e cosmopolita, chantada no século XXI sobre a súa raíz industrial e obreira, non é allea aos efectos devastadores desta crise de devaluación interna, que baixa os salarios, provoca o peche de comercios, oficinas e almacéns, incrementa o paro, a desigualdade e a exclusión. Ao longo do pasado ano, Vigo perdeu como media case dez empregos diarios, rematando 2012 cunha porcentaxe de paro do 23,5 %, a máis alta das cidades galegas, case dous puntos por riba da media galega (21,8 %). As 33.530 viguesas sen emprego (48.909 persoas no conxunto dos concellos da área metropolitana) dan a medida real da ferocidade dunha crise que afecta de forma brutal ás persoas máis novas, onde para vergonza de todos se duplican ou case triplican estas porcentaxes. Situación máis dramática aínda para aquelas que agotaron as prestacións de desemprego, probablemente xa máis dun terzo, que viven á mercede da axuda familiar e dos soportes solidarios.

Situación á que tampouco é allea a desfeita da caixa de aforros, unha catástrofe de enormes dimensións para a nosa abella da ribeira, cuxas consecuencias aínda non foron suficientemente valoradas. O proxecto construído co esforzo dos emprendedores e aforradores vigueses dende 1880 malogrouse na primeira década de 2000 debido tanto aos “erros de xestión dos seus directivos” (prefiro utilizar este piadoso eufemismo) coma ao rotundo fracaso dos procesos de fusión (en 2000 o de Caixanova, en 2010 o de Novacaixagalicia) onde primaron máis a ambición dos políticos ca os intereses xerais dos impositores e da cidadanía de cada un dos territorios fundacionais das entidades. A enorme estafa aos preferentistas, sometidos a un curraliño que ameaza con quitarlles á metade dos seus aforros, a rápida desmontaxe da rede territorial da entidade, como a liquidación (na práctica) da obra social e cultural da caixa, un patrimonio de todos os galegos do que se descoñece o seu futuro, constitúen motivos abondos para a maior indignación da cidadanía viguesa.

Crise institucional tamén a que vive o concello vigués, sometido aos maiores rigores e dificultades por parte do resto dos poderes públicos con competencias sobre a cidade viguesa. Unha situación só explicable polo feito de que nas eleccións municipais a maioría cidadá non compartiu a orientación dos que gobernan na Deputación Provincial de Pontevedra, na Xunta de Galicia e no Goberno de España. A situación de bloqueo de proxectos fulcrais para Vigo como os da Área Metropolitana, os do Transporte Metropolitano ou os do Hospital de Valadares non son alleos a esta estrita “dieta” de austeridade para Vigo e a súa área ditada pola dirección do Partido Popular. Outrosí sucede coa situación do aeroporto de Peinador, sometido a un devalo programado, coa chegada do AVE e da variante por Cercedo (da que xa nin se fala nas previsións de atrasos), ou coa posta en marcha do proxecto de Cidade do Mar, esencial para o futuro da Universidade de Vigo. Por non falar xa dos proxectos “esquecidos” como a construción da Biblioteca do Estado ou co apoio “comprometido” a dotacións culturais básicas como o Marco, museo ao que hai tempo pretenden afogar, ou ao sempre maltratado Museo do Mar de Alcabre. Motivos abondos para a queixa cidadá e para exixir nesta reconquista a recuperación dun diálogo interinstitucional sen límites, propio dun sistema democrático de competencias compartidas coma o noso.

Mais tamén hai nestes días algunhas razóns para a esperanza. Os evidentes sinais de recuperación da actividade no sector da automoción, hoxe o principal activo do emprego industrial, como a anunciada recuperación da actividade nas gradas dalgúns estaleiros aventuran unha posibilidade de mellora para o sector industrial. Como tamén é alentador o incremento da actividade portuaria, que debería consolidarse coa consecución do seu carácter de porto nodal na rede de transporte europeo, reivindicación que debería unir a todos os sectores políticos e sociais vigueses.

Onte 566: As contas do Gaiás

A cerna da deboura do Gaiás está agora en coñecer canto lle vai custar ao pobo galego indemnizar a Copasa, Acciona e OHL, as construtoras adxudicatarias das obras paralizadas de forma definitiva. Ben sería que para afrontar este transo coa maior transparencia, o Goberno Galego presentase en sede parlamentaria, onde foi aprobado o aborto do proxecto, as contas todas do Gaiás dende o inicio do proxecto, pasando polas súas diferentes reformulacións, até o proxecto do seu peche e usos futuros. Algo semella non cadrar. Feijoo fala de 287 millóns investidos nos catro edificios finalizados, mentres outras fontes falan xa de 400 millóns. Tampouco cadran os 170 millóns de euros que Feijoo di se aforrarían co peche do proxecto, mentres que as obras adxudicadas (Teatro e Centro de Arte), en 2005 cando Feijoo formaba parte do último Goberno Fraga, o foron por 112 millóns. O PSdeG-PSOE cifra en 18 millóns de euros a indeminización ás construtoras, mentres o pintoresco alcalde de Santiago rivaliza co presidente da Xunta afirmando que non acredita nesta teoría do punto e final de Gaiás. Sexan estas cifras ou calquera outras, o do Gaiás é o grande fracaso cultural do Partido Popular de Galicia, un capricho de Fraga que nos vai saír por un ollo da cara. Con todo o que está caíndo, con todo o que se está sabendo sobre as prácticas daquel período, as contas do Gaiás merecen unha investigación no Parlamento Galego de gran calado. Que menos!

Onte 565: O fracaso de Gaiás

Acertou Alberto Núñez Feijjo cando de forma inesperada mandou aos deputados do Grupo Popular apoiar a moción do BNG solicitando á Xunta a paralización definitiva das obras pendentes do complexo da Cidade da Cultura no monte Gaiás. Tras catorce anos, o Partido Popular de Galicia esperta daquel soño megalómano de Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela, que até hoxe custou ao pobo galego máis de catrocentos millóns de euros. Pendentes aínda as edificacións máis custosas do proxecto e carente dun proxecto cultural atractivo para o xa construído, a paralización definitiva do proxecto é a decisión máis racional en termos económicos e a máis razoable para a a política cultural do país.

Mágoa que unha decisión deste tipo non se adoptase hai sete anos, durante o goberno presidido po Emilio Pérez Touriño. Daquela todos quedamos anestesiados polo argumento, que semellaba irrefutable, da imposibilidade de abortar o proxecto a causa das «indemnizacións millonarias» previstas no prego de condicións dunhas obras «adxudicadas» cando o derradeiro goberno Fraga estaba en funcións. Ninguén pode negar hoxe que aquela falta de determinación e de afouteza de Emilio Pérez Touriño e Ánxela Bugallo, que supuxo a continuidade das obras de Gaiás, foi un erro monumental.

Como era previsible, moito máis cando estamos sufrindo os efectos da rigorosa dieta de devaluación interna, hoxe o proxecto da Cidade da Cultura sangra á cultura galega, tanto polos seus elevadisimos custes de mantemento (case catro millóns de euros en 2013, oito veces o que se inviste en compras de libros galegos para bibliotecas públicas) coma pola carencia dun plan de usos das súas instalacións e recursos, permanecendo de costas ás industrias culturais do país e ao traballo dos seus creadores. Sen esquecer que a pesar da súa beleza como peza escultórica (que quedará incompleta) e dos esforzos dos seus xestores de celebrar eventos mediáticos, por custosos que fosen, a Cidade da Cultura tamén fracasou como reclamo turístico. As pobrísimas cifras de visitantes son testemuñas dun fracaso sen paliativos que nin os seus defensores máis medualiano son capaces de negar. O Partido Popular de Galicia, responsable principal desta catástrofe económica e cultural, ten a responsabilidade tamén de xestionar agora a súa liquidación. Agoiro que tampouco vai ser doado facelo.

Publicado en Galicia confidencial.

Día mundial do teatro

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do día internacional do teatro, reflexiono sobre a precaria situación actual das artes escénicas.

O vindeiro mércores, 27 de marzo, celébrase o “día mundial do teatro”. Creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI), durante esta xornada en milleiros de escenarios difúndese unha mensaxe na que se reflexiona sobre a importancia do teatro para a humanidade e o seu papel para a harmonía internacional e a súa achega ao diálogo entre pobos e culturas.

A mensaxe deste ano foi escrita polo italiano Darío Fo, premio nobel de literatura de 1997, que denuncia a situación actual do teatro na contorna da crise económica europea que estamos padecendo. Fo compáraa con aqueloutra crise sofrida polo teatro no século da Contrarreforma (XVII) cando se produciu un gran éxodo de actores de Commedia dell ‘Arte, despois de que en Roma se decretase o desmantelamento de todos os espazos teatrais, “acusados de ofender á cidade santa”. Darío Fo cre que, coma daquela, hoxe “o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes expulsándoos do seu país”. “Actualmente, os actores e as compañías teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo a causa da crise. Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlar a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin un público a quen dirixirse”. Remata a súa mensaxe o dramaturgo italiano salientando con moita retranca que a “única solución á crise reside na esperanza que se organice unha grande caza de bruxas contra nós [refírese aos comediantes] e sobre todo contra a xente nova que desexa aprender a arte do teatro”.

En Galicia, o día mundial do teatro celebrarase o mércores na Coruña coa cerimonia de entrega da XVII edición dos premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, presidida polo vigués Antonio Durán “Morris”. Dentro desta gala está prevista a lectura do “Manifesto galego do día mundial do teatro”, preparado para esta ocasión polo escritor Cesáreo Sánchez Iglesias. Unha fermosísima peza literaria na que se defende o teatro como testemuña e “actor-activista” da realidade cultural e social de Galicia. “Só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes”, escribiu o grande poeta do Irixo, para expresar como o teatro é unha arte enchoupada na alma de noso,  xa que “en todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura”. “Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso”, afirma o actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, para despois salientar o exemplo ético da actriz Dan Thi Lhin que “coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego”.

Este día mundial do teatro celébrase cando a cultura galega homenaxea no 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño, unha das figuras senlleiras da nosa literatura dramática, ademais de promotor da modernización e dignificación en Galicia das profesións vinculadas coa produción teatral. Mais tamén nun momento no que estes oficios viven os días máis difíciles para súa supervivencia. Os recortes enormes dos poderes públicos no eido cultural, con especial crueza por parte da Xunta de Galicia, puxeron a todo o sector das artes escénicas na quebra e a piques do seu desmantelamento. A Plataforma das Artes Escénicas leva denunciado os graves efectos do atraso nos pagamentos de AGADIC (por traballos xa realizados) e a desaparición na práctica dos programas de distribución de espectáculos e de axudas á produción. Outrosí sucede coa situación baixo mínimos do Centro Dramático Galego, até agora unha peza esencial para os profesionais do sector.

O teatro galego, cuxa contribución durante as catro últimas décadas foi esencial para a cultura galega, precisa un plan estratéxico urxente de dinamización, que asegure a súa continuidade. Con vontade política e sen necesidade dunha millonada existen alternativas para facelo viable. É posible optimizar a rede de salas para ampliar o número de funcións e espectadores. É posible introducir medidas de estímulo directo para o público, como as do bono cultura, ensaiadas con éxito noutras comunidades. É posible priorizar o apoio a este sector, onde hai un emprego importante, sobre a quimera de “relanzar” a programación da Cidade da Cultura, que como era previsible xa desangra os orzamentos públicos. Cómpre apostar polo teatro. Ten razón Cesáreo Sánchez Iglesias cando alerta: “Se mancan o corpo do teatro, férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe”.

Onte 546: A toda máquina!

Acompañamos a Jacobo Fernández Serrano no obradoiro de banda deseñada que impartiu no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O veterano salón pontevedrés é desas convocatorias que sabemos nunca decepciona. A pesar da considerable rebaixa do seu orzamento e da mudanza do seu equipo de xestión, mantén un máis que aceptable nivel e número de actividades de animación e de presenza de público familiar. Chamoume moito a atención as exposicións arredor do tema das máquinas («A toda máquina!» é o monográfico desta edición) e, sobre todo, a excelente mostra biográfica arredor da nosa admirada Marilar Aleixandre, a autora que será homenaxeada, tan merecidamente, esta edición, na sesión matinal do sábado 21 de marzo.

A pesar de que cultural e educativamente resulta incomprensible a falta de colaboración institucional doutras administracións públicas, como a Xunta ou a Deputación, é unha ventura que esta décimo cuarta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a pesar de contar con menos recursos, manteña o seu pulo e a súa capacidade para sorprender e innovar. Parabéns ao concello de Pontevedra por manter aceso este facho de ledicia infantil e esperanza para toda a comunidade lectora.

Onte 543: Pescanova



O pasado ano con motivo da homenaxe a Valentín Paz Andrade lembrouse en diversas ocasións como en 1961 zarparon de Vigo o Lemos e o Andrade, os dous primeiros arrastreiros conxeladores do mundo. Poñíase en marcha o proxecto de Pescanova, a que se convertería na primeira empresa transnacional galega e, despois de cincuenta anos, unha das dez primeiras empresas pesqueiras do mundo especializada na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar. Porén, as cousas non pintan ben para a empresa creada polos Fernández. A noticia do seu preconcurso de acreedores, motivada pola súa elevada débeda bancaria e a posterior perda dun 60% do valor das súas accións pon en perigo o control galego desta empresa estratéxica para o país. Unha situación á que non é allea a debacle das nosas caixas, xa que foi decote Caixa Galicia quen refinanciaba a débeda da empresa, como no proceso da súa bancarización se eavaporaron os paquetes de accións dunha empresa que continúa dando beneficios e aumentando a súa facturación. Non é descartable que unha situación de fraxilidade da cotización coma a actual puidese ser aproveitada para que algúns falcóns se fixesen a moi bo prezo cunha empresa que conta con 10.500 traballadores en todo o mundo. Outra noticia moi preocupante para os intereses de Galicia. O seu futuro é unha cuestión de fe?

Onte 524: «Chamamento polo galego»

Asinei o «Chamamento polo galego» solicitando que a Xunta acate as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto de plurilingüismo de 2010.  O anuncio de iniciar os trámites para presentar recurso de casación diante do Supremo (un tribunal alleo a Galicia, que xulgaría unha materia de competencia exclusiva da nosa autonomía) é un xesto inadmisible de inequívoca intencionalidade política por parte dos responsables da Xunta de Galicia. De chegar a facelo, Feijoo amosaría a súa vontade partidista de non rectificar un decreto contestado pola cidadanía e que non foi avalado polo TSXG. Como sinala o «Chamamento polo galego», un texto plural e apartidario, apoiado inicialmente por case dous centos de cidadáns,  «o que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004».