Onte 541: #QueSeLixeATroika

As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando  un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoriaEmociona escoitar outra volta  «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.


Onte 539: «A punta de pistola»

Acompañei a Fran Alonso na presentación no IES de Teis de A punta de pistola, a súa novela máis recente, gañadora do Premio La Voz de Galicia de novelas por entregas 2012. Tras unha presentación moi didáctica do autor sobre o proceso de escrita desta obra, unha ducia de alumnos e alumnas de 3º de ESO mantiveron con el unha conversa arredor da novela que se alongou durante case unha hora.

Fran Alonso desvelou que novela nacera hai anos dunha noticia que lera en Faro de Vigo sobre o secuestro duns rapaces a cargo dos seus pais. «Daquela escribín un artigo de opinión sobre aquel feito tan estraño». Preguntado sobre se os personaxes ou os feitos da novela eran reais, Fran contestou que «se ben, a maioría dos personaxes, non existían como tales, todos tiñan algo real. No obstante, si é real a figura de Celia Rivas, a primeira muller que sacou o carné para conducir camións en 1932». «Como tamén foi real o secuestro dos xemelgos co que se inicia a novela. O que facemos os escritores é reescribir a realidade, reinventámola, cuspímola sobre o papel e cando o facemos a realidade xa non é a mesma. Sometémola a nosa mirada e distorsionámola».

Preguntado sobre cal consideraba o personaxe máis chamativo da novela, Alonso non dubidou en «que o máis lle custou traballar foi a parella de pais, Varas e Rica, lévanse mal, discuten, mais están indisociablemente unidos. Tratei de retratalos nos seus diálogos, que fosen moi vivos. Definir esa parella foi o maio reto da novela».  Sobre os nomes de Pixie e Dixie, a parella de xemelgos, confesou «que en todas as miñas obras quero que os nomes dos personaxes expresen algo. «Pixie» e «Dixie» son nomes que amosan o comportamento impulsivo dos seus pais, escasamente reflexivo, que se deixan levar polos medios de comunicación. Ningún dos nomes das miñas obras pretendo que sexa arbitrario».

Alonso tamén foi interrogado sobre a utilización da segunda persoa nalgúns capítulos da novela. «Ao longo da novela utilicei as tres persoas. A terceira para os capítulos protagonizados pola parella dos pais, coa intención de ser o máis obxectivo posible. A primeira para os capítulos protagonizados pola camioneira, para facer o relato máis intimista. E noutros, a segunda persoa, xa que permite un achegamento á intimadade da primeira, ao tempo que axuda a diferenciar as voces narrativas, un recurso técnico que guía ao lector». A cuestión da brevidade do texto tamén foi suxeito de curiosidade doutro dos lectores: «Tiven que respectar unha extensión de 3.500 caracteres en cada un dos trinta e cun capítulos, xa que así o exixían as bases do premio de novela por entregas. Foi unha auténtica tortura, mais tamén unha beizón para escritor, xa que debe incluír o máximo contido coas mínimaspalabras posibles. É unha beizón para depurar o texto». Tamén foi consultado sobre a relación entre as distintas historias da obra, que Fran xustificou no «traballo de ensamblaxe das diferentes pezas. Como a novela parte dunha fuxida moi tola nun coche foi un pouco máis doado introducir a historia dun camión».

Cando foi preguntado sobre se pretendía denunciar a situación dos nenos que viven en centros de menores, Alonso reflexionou sobre a intencionalidade do traballo do escritor. «A literatura ten que entreter, enganchar ao lector para que pase un bo rato. É un reto. Mais tamén o é que a novela obrigue a pensar, a reflexionar, a vivir situacións que doutra forma nunca viviría. Podemos vivir a través dos personaxes. Nesta novela quixen que os lectores puidesen meterse na pel dunha persoa que viviu o maltrato. Quixen axudar a reflexionar sobre o maltrato, machismo, quixen propoñer un camiño cara un mundo mellor. A literatura permite utilizar a panorámica de altura, global, coma a que temos cando vemos dende un avión».

Concluíu o que foi unha sesión moi intensa, seguida con grande atención por máis de douscentos alumnos e alumnas, falando sobre outros temas como a condición de Fran Alonso como escritor galego («tomei a conciencia da lingua na adolescencia»), sobre a importancia da lectura («a lectura achéganos criterio, coñecemento, para tomar decisións en liberdade»), sobre o carácter autobiográficos das súas obras («todos os meus libros teñen un pouso que ten que ver coa propia vida, mais ningún é autobiográfico»), coas súas obras favoritas («por todos os meus libros teño unha querenza especial») e polos proxectos nos que está traballando («estou cun libro infantil, mais teño abertos arredor de vinte proxectos en distinto estado de evolusión. Son moi disperso, non son capaz de concentrarme cun proxecto até que está moi avanzado»).

Foi esta do IES de Teis unha presentación literaria de gran interés. Un modelo a ter moi en conta. A nosa gratitude para todas as persoas que participaronn, os lectores e lectoras que protagonizaron a conversa con Fran, aos seus compañeiros e compañeiras que a seguiron con atención e respecto e ao equipo docente que preparou con todo detalle o evento. Beizóns para todas elas.

Onte 527: Cen pombas para don Paco

Cen pombas ceibáronse onte na alameda de Vigo para lembrar a don Paco. Foi unha iniciativa cívica da fundación Lois Peña Novo, en colaboración coa Federación Colombófila Galega, para celebrar o centenario de Francisco Fernández del Riego. Abríu a quenda de intervencións Xosé González Martínez que exaltou a figura de Del Riego «polas súas virtudes da constancia, a dignidade e a lealtade cos valores da noa cultura nacional».

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero, tras lembrar as súas visitas viguesas a comezos dos anos 50, cando estudada na Complutense, nas que facía unha peregrinatio intelectual, definíu a don Paco «coma un libro aberto», ao tempo que agradeceu que fose o autor do primeiro manual de historia da literatura galega que lera, «publicada en castelá en 1951, mais que agora sabemos escribíu en galego, como demostran os manuscritos atopados hai uns meses no seu arquivo».

Xosé Luís Méndez Ferrín iniciou o seu discurso cartografando a xeografía viguesa de don Paco, cuxos límites estaban entre a Alameda e a rúa Reconquista, onde estaban as sedes de Galaxia e de Correos, nos que «como formiga laboriosa Paco entregaba os paquetes», polas rúas Velázquez Moreno, Progreso e Doutor Cadaval (onde vivíu), e na rúa Policarpo Sanz e na praza da Princesa, onde traballou e onde tiña a súa sede a fundación e biblioteca Penzol. Despois de sinalar a importancia do labor político de Del Riego, Ferrín detívose na importancia do seu traballo no mundo do libro galego. «Foi un editor activo, reclamaba orixinais, perseguía e incitaba a autores, eis Merlín e familia, pasaba orixinais, facía paquetes, foi a alma de Galaxia e da revista Grial». Sinalou tamén o seu traballo como bibliotecario, «establecendo na Biblioteca Penzol a súa ponte de mando». Ferrín lembrou a publicación en 1863 de Cantares gallegos, citou a Compañel e Chao, para asegurar despois que «hai un fío misterioso que une en Vigo a Del Riego con Rosalía, con Chao, La Oliva e Compañel». Rematou o presidente da Academia recordando as palabras coa que despediu a Francisco Fernández del Riego no seu pasamento o 27 de novembro de 2010: «Foi unha vontade de ferro, unha intelixencia lúcida, un corazón de ouro para a nación galega».

Pecharon o acto as intervencións de Anxo Lorenzo, que salientou a implicación da Xunta de Galicia co calendario do centenario de Francisco Fernández del Riego, e de Ana María Fernández del Riego, que en nome propio e das súas irmás, agradeceu o recoñecemento e destacou que «a memoria de Paco é inmorrente en Vigo». Por último, antes da solta das cen columbas, dous membros do grupo A Roda, Alfonso e Bernardo Xosé interpretaron «A miña burriña», unha canción coa que don Paco adoitaba iniciar a xoldra: «A miña burriña cando vai ao muíño, vai toda enfariñada, cheíña de frío; cheíña de frío e máis de xiada, ai, a miña burriña sempre vai cargada…».

Onte 517: Expo-l@angues 2013

Convidado polo Centre Maurits Coppieters, a instancias da Fundación Galiza Sempre, cheguei no serán de onte a Expo-l@ngues 2013 para representar a Galicia nunha mesa redonda sobre «Edición e linguas minorizadas». Tras tres décadas de actividade, este salón parisino sobre as linguas do mundo e o mundo das linguas, dedica esta edición ao impacto do dixital sobre as linguas. A análise das consecuencias do tránsito entre paradigmas da comunicación cultural sobre a difusión das linguas, a súa aprendizaxe e uso é fulcral para o futuro de cada unha delas. Ademais de participar no coloquio, hoxe terei oportunidade de visitar un salón –no que participan sobre todo libreiros, editores, institucións e empresas de servizos lingüísticos– que semella moi atractivo, sobre todo no que atinxe ao ensino e didáctica das linguas. Na primeira ollada chamoume a atención que dentro da representación institucional das nosas linguas oficiais, ademais do Instituto Cervantes, o Institut Ramon Llul e o Etxepare, estivese o IPEX (Instituto de Promoción Exterior de Castela A Mancha). A Xunta de Galicia non participa nesta edición.

Actualización (8-02-2013): Galería de fotos de Expol@ngues 2013.

Onte 511: Co Capitán Aspanitas en Ourense

Volvemos a Ourense para desta volta participar na presentación d’ O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, a máis recente novela infantil de Ramón Caride ilustrada por Jaime Asensi. A obra naceu do personaxe do Capitán Aspanitas creado pola asociación Aspanas e a empresa de economía social Aspanas Termal S.L., na que traballan máis dun centenar de persoas con discapacidade. A coincidencia desta presentación (á que asistiron case dúascentas persoas) co Día Escolar da Non Violencia e pola Paz foi moi afortunada, xa que este superheroe ourensán encarna os valores da paz, a tolerancia, a solidariedade que se celebran nesta xornada que tanto animou o noso lembrado Suso Jares. Aspanitas (quizais mellor sería Aspaniñas, como propón o Carrabouxo) combate a inxustiza e as agresións ao medio ambiente alí onde se produzan. Un personaxe afouto personaxe infantil moi necesario en tempos de catástrofe moral coma os que hoxe vivimos. “Todos somos capitáns, compañeiros de lugar, coma nós…”, eis o retrouso do himno emocionante de Magín Blanco, que cantou na presentación acompañado por Tonhito de Poi. Unha presentación excelente para un libro e un proxecto de empresa de economía social que merece apoio e recoñecemento.

Onte 459: Mural de Conde Corbal

No edificio principal da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, onde celebramos onte a excelente presentación do libro de Jacobo Buceta, coñecimos un interesante mural de Xosé Conde Corbal no que aparecen algunhas das figuras da literatura galega. Nesta peza en branco e negro, estimo que dun tamaño de dous por seis metros, aparecen retratados co trazo potente, vital e característico dun dos membros máis destacados da xeración dos «artistiñas» dende Rosalía, Castelao, Manuel Antonio, Valle, Cabanillas a Ferreiro ou Ferro Couselo. Unha peza valiosa que forma parte do pequeno e coidado museo da Autoridade Portuaria vilagarcián. Arquivo estas fotos apresuradas feitas co móbil deste recurso didáctico.

Onte 451: Excelente Culturgal 2012

Tras tres xornadas moi intensas de actos e contactos profesionais, a nosa valoración deste quinto Culturgal é moi positiva. Imos achegándonos a aquel vello soño forxado hai case unha década polos editores galegos de contar cunha cita anual de referencia onde presentar en man común as novidades dos produtos e servizos das industrias culturais galegas e en galego. A modiño, Culturgal vai consolidando aquel proxecto, mesmo a pesar de contar cada ano con menos recursos. Porén, como se demostrou na edición desta fin de semana, consegue expandirse, tanto a nivel da afluencia de público familiar chegado de diversas partes do país (o Pazo de exposicións de Pontevedra comeza a quedar pequeno), do aumento do número de actividades e iniciativas, como mesmo do nivel de vendas, que este ano aumentou, a pesar das doenzas da crise. A presenza de centos e centos de picariños e a súa participación entusiasta nas actividades encheunos de esperanza e optimismo. A organización impecable das actividades, respectando os horarios previstos e cumprindo a programación ao cen por cen; a excelente calidade dos espectáculos teatrais e musicais, como o das conversas con autores e presentacións de libros, películas ou produtos dixitais; a celebración de diversos foros profesionais paralelos contribúen de forma decisiva á madurez desta cita pontevedresa. Particular importancia tivo para nós os editores a presentación da campaña “Ser libris”, coa que pretendemos continuar este espírito proactivo do Culturgal, un xeito tamén de facerlle fronte á crise comercial que padecemos. Beizóns ao equipo deste Culturgal 2002, encabezado por Xulio Amigo como presidente e Sergio Lago como responsable do cadro de profesionais, que xa deben comezar a traballar xa na edición de 2013.

Grazas a Celia Torres que tuiteou a maior parte das fotos da galería.

Onte 423: Finlandia

Finlandia é o país das abidueiras entre a brétema. Mais tamén é o país do Kalevala, o seu grande relato épico e mitolóxico, un longo poema pertencente á tradicion oral, compendiado, fixado e publicado por Elías Lönnrot en 1849, que tivo un papel sobranceiro no proceso de independencia finesa e inspirou algunhas das pezas do músico Jean Sibelius, outra das glorias nacionais. Finlandia é o país da sauna, das luces do norte e do larpeirísimo chocolate de Karl Fazer, que merece unha estatua no mesmo centro de Helsinqui. Ademais hoxe é o país de Nokia, dos deseños de Marimekko, que decora os avións de Finnair, como dos simpáticos Moomim e dos lareteiros Angry Birds, figuras das iconografía infantil internacional. Mais e sobre todo, Finlandia é hoxe un país que constitúe modelo de educación pública de calidade, capaz de preservar a equidade e igualdade cos mellores resultados do seu alumnado nas probas PISA. Baseado nunha revolución lectora de considerables dimensións, que con moito supera os muros da escola, así como nunha confianza plena no profesorado e na dignificación social do seu papel, este modelo educativo constitúe quizais a cerna do exitoso proxecto social deste país sereno, non exento de contradicións e rixideces.

A ter en conta sobre Finlandia

  1. 5.4 millóns de habitantes, 90 % falan finés, 5,4 % sueco.
  2. 35 % cualificación universitaria ou equivalente.
  3. 78 % da poboación de relixión luterana.
  4. 6% terra de cultivo, 68 % bosque, 180.000 lagos.
  5. 35.200 € PIB per cápita (25.100 €, media UE27).
  6. + 2,9 % PIB (2011).
  7. 7,3% desemprego.
  8. 3.540 € de soldo medio mensual (homes), 2.918 € (mulleres).
  9. 81 % fogares con ordenador; 73 % con banda ancha; 96 % televisión dixital.
  10. 98 % móbiles; 43 % smartphones.
  11. No sistema educativo non existe a Inspección educativa e só hai unha proba de avaliación externa, ao remate dos estudos secundarios (equivalnete ao noso bacharelato).

Onte 415: Con Agustín en Láncara

Intensa foi a xornada acompañando a Agustín Fernández Paz nas terras do Val de Láncara onde recibíu o Premio Ramón Piñeiro «Facer país» na súa décimo segunda edición. Comezaron os actos co recibimento na casa do concello na Pobra de San Xiao, para logo visitar a casa natal do pai de Fidel e Raúl Castro en Láncara. Un excelente almorzo forte na Casa Grande de Láncara axudou a coller forza a unha xornada que comezaramos moi cedo e na que percorremos a diagonal do país polas terras da Ulloa e do camiño de Santiago. Seguindo un horario moi flexible, os actos literarios comezaron na ponte de Carracedo sobre o río Neira. Alí interviron o concelleiro de Cultura de Láncara e Ana Rivera, en representación das asociacións culturais do Val do Láncara e comarca, outorgantes do premio. Este discurso emocionounos, xa que axiña detectamos na beleza da súa escrita e na trascendencia dos conceptos utilizados o froito da condensación dun traballo cultural urdido en clave de país. O de Ana Rivera foi unha sorpresa gratísima, un dos mellores momentos do día. Despois, xa diante da antiga casa do concello de Láncara, desenvolveuse o acto de entrega. Como presentadora Belén Regueira realizou intervencións magníficas, lembrando que o acto coincidía co Congreso Internacional de Observadores de Nubes que tiña lugar na Granxa Barreiros de Sarria, pola que nós pasaramos apenas dúas horas antes. A de Labañou salientou que «Agustín Fernández Paz era desas persoas que tiñan ambición por facer», insistindo no seu compromiso ético. Marica Campo chufou ben chufado a Agustín. A do Incio percorreu todas as dimensións do seu traballo, como educador e escritor, chegando a identificar o  rosebud agustiniano na colcha de farrapos da súa nenez, a que lle permitíu ensoñar as primeiras viaxes. Mini e Mero, os gañadores da anterior edición, foron os encargados de entregar o premio. Aproveitou Agustín as súas palabras para ofrecer unha lección de entursiasmo contaxioso. Entre as moitas afirmacións memorables do seu discurso, recollín no caderno estas tres: «Todas as persoas que traballan dignamente no seu traballo fan país»; «O galego está moi vivo, moito máis do que pensan os que queren darlle o golpe de graza»;«’Desánimo’ é a única palabra que non ten cabida nas nosas vidas». Tras un cumprido xantar popular, onde nin sequera faltou o queixo de San Simón da Costa nin a participación do cuarteto Xiarín do Incio (que tocan como dios), marchamos a correr para Vigo para chegar ao derbi. Unha xornada que non esquecerei.

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez