Onte 296: Homenaxe a Agustín

A homenaxe a Agustín foi moi emocionante. Os longuísimos aplausos finais testemuñaron a gratitude colectiva a un escritor que dende hai tres décadas está contribuíndo á creación da sociedade galega de lectores e lectoras. As extraordinarias intervencións de Rosa Aneiros, que mantivo con mestría o fío do relato durante dúas horas; a participación de quince rapazas e rapaces, que falaron sobre Agustín e leron anacos dos seus textos; o vídeo das súas películas preferidas, dende A Quimera do ouro até Vanya na rúa 42, un agarimo de Martín Pawley e Eloy Domínguez; as actuacións de Anxo Pintos, Begoña Rioboo e Uxía, cunha inesquecible interpretación do «Alalá de Muxía»; así como os cinco discursos de chufa contribuíron a crear unha atmosfera de afecto e emoción compartida arredor deste auténtico enxeñeiro da esperanza. Porén, os organizadores desta homenaxe da nación a Agustín, na que non houbo presenza ningunha de institucións políticas e da cultura (un motivo para a reflexión sobre as caracteristicas da actual axenda pública galega), non podemos considerarnos satisfeitos xa que o remate do acto houbo críticas, algunhas iradas, pola ausencia nos discursos de laudatio de mulleres e doutras persoas ás que lles gustaría ter expresado tamén a súa admiración por Agustín. Dende o meu punto de vista, estas críticas amosan que non fomos capaces de deseñar o formato ideal de homenaxe que expresase o amor e a gratitude colectiva ao grande Agustín. Mágoa de non termos sido capaces de facelo mellor! Expreso as miñas desculpas a todas  as persoas que se puideron sentir molestas por non ser convidadas a intervir no acto.

A nosa gratitude a Daniel Puente Bello (DNL), autor das magnificas fotos.

Onte 293: Premios Lois Peña Novo

O foxo do castelo de Soutomario foi o espazo de privilexio escollido para a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo 2012. Os autores do Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais; o escritor e funcionario redondelán Gonzalo Amoedo López; e o Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Pronvicial de Lugo foron os galardonados. Especialmente memorable e punxente resultou a intervención de Luís Villares defendendo a necesidade dunha acción xurídica positiva a prol da lingua galega e un traballo social eficaz para desmontar os prexuízos existentes sobre o seu uso en todos os ámbitos. Agardo que a Fundación Lois Peña Novo publique decontado os vídeos de todas as intervencións, moi valiosas, dun serán no que se defendeu con paixón e razón o emprego da lingua galega no eido da Xustiza e o consumo responsable dos produtos etiquetados en galego. Parabéns aos premiados e aos organizadores.

Onte 291: Castelao na Unión Soviética

Presentamos Castelao na Unión Soviética en 1938, o libro no que don Xesús Alonso Montero defende o filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. Como xa é adoito nas súas presentacións, o Profesor ditou unha conferencia sobre os principais contidos do libro. Comezou relatando a viaxe que realizou o rianxeiro, acompañado da súa dona e durante vinte e seis días, a tres repúblicas da Unión Soviética, formando parte dunha delegación plural que representaba á España leal. Logo, analizou os dous textos principais incluídos no libro: a entrevista preparada por Luís Soto para a revista Nueva Galicia –para don Xesús escrita polo propio Castelao– e a carta ao seu amigo Rodolfo Prada, que achega interesantes matices para comprender o seu esquerdismo durante este período. O carácter táctico da colaboración do Partido Galeguista coa Frente Popular, coa intención de acadar a Autonomía, estratexia na que acreditaban Castelao e Bóveda, e a influencia da teorización de Stalin no concepto de nación acuñado en Sempre en Galiza foron outros dos temas principais abordados con afán didáctico por Alonso Montero na súa clarificadora intervención.

Onte 274: Valentín Arias na lembranza

«Como puido tanto un home só» foron as palabras coas que Rexina Vega iniciou a emocionante homenaxe a Valentín Arias. Un serán no que se lembrou a unha persoa que Beiras definiu como de «enteireza enorme, de afouteza extraordinaria e de xenerosidade sen límites». Unha persoa extraordinaria, para Víctor Freixanes «un esteo», para o seu fillo Lois «un home ordenado que traballou arreo porque quería mellorar Galicia». Nas miñas palabras salientei a súa importante relación con Xerais, sobre todo na etapa fundacional da editorial, o seu carácter de «patriarca dos tradutores galegos» e o seu carácter de «home de país» que desenvolveu un labor polifacético,  actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase «Tradutor e mestre Valentín Arias». Con todos os nosos abrazos para Amparo, os seus fillos e oito netos.

Onte 268: Premios da Crítica Galicia

Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación  –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade  para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.

Onte 263: Corazóns galegos

Envexable a marea branquiazul celebrando o ascenso. Semella incrible ese entusiasmo desbordado para recuperar a posición perdida hai apenas un ano. Alédome moito por Juan Carlos Valerón, un futbolista de fantasía que saíu ovacionado no derbi de Balaídos. Abeizoo, tamén, aos milleiros de deportivistas que acreditan nese soño do fútbol galego, de espírito inequivocamente atlántico, de pase longo e caneo de claqué. Pola nosa banda, os celtistas, xente paciente até o lirismo, seguimos sumando con esforzo, dispostos con moita prudencia e humildade a rematar o domingo cunha angueira de cinco tempadas nas que chegamos a visitar as marxes do abismo. Aínda non o podemos crer! Arriba, corazóns galegos!

Onte 255: O Pedrón de Nova Escola Galega

Os membros de Nova Escola Galega non puidemos agochar a satisfacción por recibir o Pedrón de Ouro 2012. Tras aquel Premio da Crítica Galicia de 1987 na modalidade de Iniciativas Culturais, recoñécese agora a nosa traxectoria de defensa do modelo de escola pública galega e de promoción da innovación e renovación pedagóxica. O Pedrón, como salientou Mariló Candedo, a nosa presidenta,  é para nós aínda máis significativo cando coincide cos durísimos recurtes no ensino público e cando o modelo de galeguización educativa sofre un retroceso histórico. Nova Escola Galega é un proxecto colectivo e transversal de profesionais que asumimos como tarefa contribuír ao proceso de construción da nación dende o eido educativo. Facémolo dende a independencia e a autonomía con respecto ás organizacións políticas, sindicais e das administracións educativas, mais procurando sempre artellar redes colaborativas con outras organizacións profesionais, sociais e cívicas. Sabemos da importancia do Pedrón de Ouro, un recoñecemento que nos achega novos azos para continuar co noso afán.

Onte 251: Cultura ou barbarie!

Abeizoo «Bares e letras», a iniciativa promovida por Xabier DoCampo e outros artistas para festexar na cidade da Coruña o Día das Letras Galegas sen institucións de por medio. A partir das oito do serán máis de cincuenta «actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral» percorrerán 44 bares e restaurantes da cidade onde lerán, contarán, cantarán ou dramatizarán textos en galego coa intención de denunciar así a falta de programación municipal para este 17 de maio. Para rachar con este tempo de conformismo  é imprescindible a iniciativa cidadá, o exercicio da corresponsabilidade daquelas persoas todas que se negan a asumir como inevitable o durísimo retroceso nas políticas públicas de sanidade, educación, lingua e cultura. Á altura do 50 aniversario da efémeride creada por del Riego como «Día do libro e da lingua galegas», este 17 de maio, no que celebramos o carácter emprendedor e comprometido de Valentín Paz Andrade, reclama en todo o país d enoso un novo pulo por parte da cidadanía galega, organizada tanto en asociacións serodias ou grupos de afinidade como en colectivos efémeros concibidos para crear espazos compartidos de esperanza. Adiante, cultura ou barbarie!