O entroido dos Tarteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a facer memoria sobre a celebración do entroido en Vigo:

Debemos á pluma lizgaira de Xosé María Álvarez Blázquez a crónica da celebración do Entroido de Vigo de 1877, catro días nos que a Sociedade Carnavalesca botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Unha memoria recollida nas páxinas d’ A cidade e os días (Monterrey, 1960; Xerais, 2008), a máis antiga das referencias entroideiras viguesas, festexos comezados ás once da mañá do domingo co desfile dunha grandiosa comparsa, que saíu do Campo de Granada pola rúa do Pracer, seguiu por Príncipe e o Ramal até a de Vitoria, na Alameda onde agardaba no seu catafalco o Deus Momo, «olimpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado dos membros da súa corte e dun escuadrón dacabalo, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela». Desfile da comparsa, conta don Xosé María, no que non faltaban os demos mitolóxicos bufos, en cadanseu carro,  nin a banda de música de traxes indios, comitiva que se repetiría no serán do martes. Festa rematada o mércores de cinza co enterro do Momo ás seis en punto da tarde, previo sermón na Alameda, no que se deron a coñecer os relevantes dotes que en vida adornaron ao defunto, despois de cantarse o derradeiro «Addio a Momo» e de botar unhas luces de bengala, coa elevación dun globo onde se podía ler: «Adeus amigos, saúde e deica o ano que ven».

Hai cen anos, unha crónica de sociedade publicada o martes 13 de febreiro na portada de Galicia. Diario de Vigo relataba a agonía da festa de Momo, na que foi moi escaso o consumo de confeti e serpentinas, para o cronista a mellor medida do nivel de entusiasmo do entroido, que o atribuía á carestía do papel e lamentaba a decadencia do «Antruejo», comezado sen pena nin gloria, sendo «contadas o número de máscaras bandalleiras que tiveron a afouteza de exhibirse á luz». Relato que finalizaba agoirando que as festas continuarían sendo tan sosas como comezaron, a pesar de que o mércores de cinza estaba prevista a chegada dende Pontevedra da comparsa «A danza das espadas» dos Enxebres da Terra. Así é todo, o decepcionado cronista deixaba unha cativa fenda ao entusiasmo cando salientaba que apenas foron dúas as comparsas, entre elas «La Estudiantina Naval» de Moaña, as que no serán do domingo percorreron as rúas viguesas cantando o seu afinado repertorio nos círculos, como La Tertulia no Hotel Moderno, e El Casino no teatro Tamberlick, onde se celebraron, iso si, «brillantísimos bailes» nos que participaron os membros da aristocracia viguesa.

Probablemente, o cronista social do Galicia, cando salienta «a plena decadencia» do entroido de rúa e das súas máscaras se está referindo á saída dos escabicheiros ou merdeiros, a máscara tradicional da ribeira do Berbés, figura baldroeira viguesa desaparecida ao longo da década de 1920, documentada nos estudos de Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo, mais por ventura felizmente rescatada do esquecemento desde 2006 pola Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello. Como tamén o cronista do Galicia documenta a vixencia da tradición satírica das comparsas musicais de carallada, recuperada en Vigo, tras os rigores da ditadura, por Os Tarteiras, a comparsa decana e celme do entroido vigués contemporáneo. Constituída de forma case espontánea nunha noite de troula nas escaleiras do vello cárcere no entroido de 1979 por un grupo de mozos e mozas, entre os que estaban comprometidas argalleiras da causa comunitaria como Antón Bouzas, Loli, Inés e Marga, ás que despois se sumaron Xosé Pais e Fátima, entre outras, os Tarteiras asumiron a tradición satírica e humorística do entroido como festa transgresora na que participa todo o mundo, a última mascarada do ciclo da invernía. Foron tamén os Tarteiras os que organizaron en 1980 os primeiros concursos de coplas, nos que convidaron a participar a comparsas do Morrazo como Os Incansables de Cangas, a Santa Sede ou O Percal de Aldán, como foron os primeiros que recuperaron a tradición viguesa do velorio e da queima da figura de Momo rebautizada como Meco.

Certo é que despois o entroido en Vigo se municipalizou cos gobernos de Manuel Soto, o que inevitablemente lle fixo perder o seu carácter máis satírico e retranqueiro na escolla da figura do Meco, ao tempo que se importou o modelo do carnaval carioca de lentellolas e coreografías, o que por ventura non impediu que os integrantes dos Tarteiras continuasen saíndo por libre, interpretando as súas coplas críticas cos gobernos e os poderosos, e participando de forma espontánea no enterro do mércores de cinza. Como é outra marabilla a saída cada ano dos Merdeiros polo Vigo vello, como a recuperación desta máscara viguesa entre a mocidade e cativada e xa nun número significativo de centros educativos da cidade. Benvido o entroido vigués transgresor de Merdeiros e Tarteiras!

O mito da Reconquista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao mito da Reconquista de Vigo:

Todas as cidades galegas posúen o seu mito fundacional, un relato que dá conta das súas orixes e identidade no tempo. Ninguén dubida que o de Santiago corresponde ao do traslado e enterramento do corpo do apóstolo chegado do mar. Como o da Coruña está vinculado con Xerión, o xigante que matou Hércules, enterrado baixo o faro romano construído a finais do século primeiro. Como tamén ten orixe romana Lugo, a máis antiga das nosas cidades, fundada por Paulo Fabio Máximo como “Lucus Augusti”, o campamento militar romano instalado no ano 25 antes de Cristo sobre un castro. Outrosí pertence ao mundo clásico a orixe mítica de Pontevedra, creada polo arqueiro Teucro, fillo do rei Telamon, que tras abandonar o mar do Peloponeso seguindo a estela luminosa de Poseidón fundaría na máis fermosa das rías Helenes, unha colonia grega, ao pé da illa de Tambo.

Porén, non é tan doado identificar o mito fundacional de Vigo, cuestión xa abordada nas primeiras historias de Vigo, tanto a pioneira de Nicolás Taboada Leal de 1840 como a referencial de Francisco Ávila de la Cueva, que dedicou a Vigo o segundo capítulo da súa Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (1852, Toxosoutos 2003). Tema que tamén preocupaba a Teodosio Vesteiro Torres, que nas súas Monografías de Vigo (1878) xa abordaba o refuxio do pobo dos herminios nas illas Cíes onde serían atacados  pola escuadra de César. Orixe romana do porto de Vigo, testemuñada polos achados arqueolóxicos de numerosas vilas de litoral e factorías ao longo da ría. Como tampouco se pode desbotar o seu fulgor medieval, como testemuñan as tres igrexas románicas conservadas, Castrelos, Coruxo e Bembrive, construídas entre os séculos XII e XIII, que coinciden co mito tan atractivo, acuñado por don Álvaro Cunqueiro, anunciado xa por Vesteiro, dunha cidade fundada por un poeta, Martín Codax, o xograr (ou segrel) que vive, escribe e canta a Vigo nas súas sete cantigas entre 1230 e 1280.

No entanto, é o da Reconquista, a proeza da expulsión dos franceses polo pobo vigués e polas alarmas da comarca –tropas francesas que ocuparon a vila durante 56 días, dende o 31 de xaneiro ao 28 de marzo de 1809– o acontecemento que transcorridos dous séculos se converteu no mito fundacional que mellor explica o Vigo actual. Fraguado co sacrificio do pobo común, este mérito de ser a primeira vila que conseguiu desfacerse da tutela napoleónica tivo importantes consecuencias políticas para Vigo, xa que o 1 de marzo de 1810 sería declarada polo Consello de Rexencia co título de cidade fiel, leal e valorosa, e ademais de recoñecerlle o seu dereito de voto dentro da Xunta do Reino de Galicia e eximirlle da súa dependencia señorial do arcebispado de Santiago. Honras que obrigaron a adaptación do escudo de armas da nova cidade, da que desapareceu a vieira xacobea e á que incorporou a imaxe da oliveira centenaria que entón se erguía no adro da colexiata.

Honras da Reconquista que proporcionaron a Vigo o peso político do que até entón carecía e coas que comeza a perfilar o seu papel e o seu afán de liderado no proxecto galego. O propio Vesteiro Torres non dubidaba nun artigo sobre o 28 de marzo de 1809, para el «data inmortal!», que «Vigo  tiña que ser a primeira en gustar do novo cáliz da liberdade» e adiantaba ademais o que serían os piares que definirían o Vigo contemporáneo: «Co vigor da mocidade, coa honradez do traballo, coa conciencia do seu poder, adiantou, medrou, e chegou a ser o emporio da grandeza de Galicia e dos seus mares de Occidente». O que sucedeu naqueles históricos 56 días artellou o mito dunha reconquista heroica e popular, sobre todo grazas ao relato artellado por José Santiago y Gómez na súa Historia de Vigo y Comarca (1896, Deputación de Pontevedra 2005). Relato por ventura matizado, expurgado e ampliado pola historiagrafía viguesa actual, en espléndidas obras de referencia como Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009) de Eduardo Rolland e O Vigo que viron os franceses (IEV, 2021) de Jorge Lamas, que permiten coñecer os feitos e o seu contexto histórico con rigor e obxectividade. Como imprescindible foron as achegas a este relato actual da Reconquista realizadas dende a literatura galega, sobre todo por Pedro Feijoo na novela Os fillos do lume (Xerais 2017).

Xaora que constitúe unha beizón o pulo da actual celebración popular do relato mítico da Reconquista, na que a veciñanza viguesa adquire todo o protagonismo, como sucedeu naqueles 56 días de ocupación napoleónica, que pasaron a historia europea como un episodio da Guerra Peninsular entre franceses e ingleses. Unha festa de época, iniciada en 1997 pola veciñanza do Casco Vello sen apenas axudas e apoios, hoxe por ventura consolidada como a primeira e a máis xenuína da cidade na que a todos orgulla o protagonismo do vestiario e da música tradicional galega.

Arde, meco, arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de mecos e entroidos:

No Colexio Público de Cedeira queimamos o meco, unha coidada reprodución en cartón do noso deteriorado pavillón deportivo cuxo arranxo a comunidade educativa leva dende hai dúas décadas reclamando aos responsables do concello de Redondela e da Consellaría de Educación. Previa á queima e ao sermón do crego, un texto satírico e moi incisivo preparado polo alumnado de 6º de Educación Primaria esixindo un pavillón novo para Cedeira, desfilaron polo perímetro da vella cancha e aos ritmos de carnaval e do tamboril cada grupo burbulla coas súas mellores e máis extravagantes galas, máscaras e disfraces, cunha importante representación de superheroes de banda deseñada, princesas cadáver, deportistas zombis e onde non faltou un trío de tanxugueiras nosas reclamando coas súas pandeiretas a abolición das fronteiras. Celebrados por ventura na maior parte das escolas de Primaria da comarca viguesa, estes desfiles e nalgúns casos folións de entroido que coinciden co estoupido de cor de mimosas e camelias, cando case todo este inverno (tan benigno) vai fóra, recuperan a ledicia e estrépito, espantan os medos e malestares de case dous anos de restricións e rigorosos protocolos da Covid-19 e anuncian a dispoñibilidade para afrontar a vella normalidade.

O xeitoso meco de cartón do colexio de Cedeira forma parte da tradición máis auténtica do entroido galego, a de representalo mediante un boneco ou forma substitutoria, unha divindade efémera de cartón e palla, que ao xeito de herdeiros de bacos e dionisios clásicos presiden nas aldeas e prazas estas festas nas que celebramos o inicio do abandono do inverno. Ídolos de cartón ou roupas e avíos de refugallo que por Galicia adiante reciben diversos nomes, dende os «Entroidos» ou «Entrudios» do triángulo ourensán (Xinzo, Verín e Laza), que poden ser tanto só un como unha parella «don Entroido» e «dona Entroida», como os «Lardeiros» e «Lardeiras» (Viana do Bolo) e «Mecos» (documentados por Vicente Risco en Allariz en 1948 e hoxe presidindo moitos entroidos urbanos, como os de Vigo e Redondela), pasando polo «Poderoso Señor Deus Momo» (documentado por Xosé María Álvarez Blázquez no entroido vigués de 1877) e o «can Urco» (ser mitolóxico de mal agoiro, protagonista segundo Calros Solla do entroido pontevedrés dende 1876, ano no que o poeta Andrés Muruais se caracterizou de semellante personaxe) até o «Loro Ravachol», o simpático e faladeiro loriño do boticario don Perfecto Feixoo, cuxo enterro dende 1985 pecha o entroido pontevedrés, ou a «Micaela» de Buño, citada por Xosé Manuel González Reboredo, ou «Poñicarpio» ou o nome de calquera outro cacique de sona do que fala Felipe Senén.

Figuras con forma humana de palla e roupas vellas, como o impresionante Meco da Xironda, no concello de Cualedro, de cinco metros de altura e cuns atributos sexuais de gran tamaño, feito o sábado de Entroido para ser queimado o martes na praza da Picota nun lume purificador que pon remate aos días desta festa. Queima a que precede, como sucedeu co mequiño da escola de Cedeira, despois da liturxia e da súa solemne condución acompañado das súas esperpénticas choronas, retrousos, burlas e críticas no día do seu enterro (da sardiña), xeralmente en vilas e cidades, o mércores de cinsa. Liturxia pagá na que o «crego» pronuncia diante dos seus acólitos, vestidos de rigoroso loito, un «sermón» ou «testamento» satírico burlesco no que arremete contra os vicios e escasas virtudes de mecos e entroidos mentres os asistentes responden a súa prédica: «Arde, meco, arde. Arde, meco, arde…». Iníciase así a corentena de Coresma, tempo de xaxún, vixilias e meditación, creado para non ser respectadas.

O que debido ás restricións da pandemia aínda non se puido recuperar nas celebracións escolares do entroido deste curso foron as mesas de convivencia nas que se comparten as froitas de tixola tradicionais, as sobremesas de fariña, ovo e leite propias destas festas: as filloas, marruchos, freixós, as orellas de frade, as follas de limón, as flores e as bicas e biscoitos en todos os seus formatos. En todo caso, algo ten que quedar para celebrar o vindeiro ano, mesmo a pesar de que este entroido que aparentaba tan preñado de esperanza, coincidiu coa noxenta invasión rusa de Ucraína, abrindo outra fenda para a desolación. Xaora, o tempo de entroido no que muda o clima invernal permite que durante apenas uns días o dereito se faga do revés e que os mecos e outra divindades choqueiras presidan as nosas prazas e encrucilladas, nun exercicio de ledicia compartida e contaxiosa como unha beizón profana da terra nosa. «Arde, Meco, arde!» é o contrasinal deste martes de entroido, no que os merdeiros e escabicheiros vigueses volverán impoñer a súa lei na que non se pode circular sen máscara e disfrace no seu territorio.

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Luces de longo alcance

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:

Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.

Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.

Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.

Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.

Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.

Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».

Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.

Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia  prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.

Chega a vacina (conto de nadal)

Na sección semanal de Faro de Vigo publico o tradicional conto de nadal do Campo de Granada:

A Ledicia Costas

Benquerida avoa Rita:

Mamá díxome que non poderás saír da residencia nin o día de noiteboa nin o de fin de ano nin tampouco poderemos ir alí a darche un abrazo e levar a proba do leite fritido que facemos coa túa receita. As responsables da residencia dixeron que, cando chegue a túa quenda, na tarde do vinte e catro faredes unha vídeo chamada con nós e coa tía Olaia coma a do abril pasado o día do teu oitenta e seis aniversario. Eu, avoíña, non teño tanta paciencia e prefiro escribir hoxe que rematan as clases este correo, que sei vas ler no teu móbil, para contarche algunhas cousas importantes que sucederon estes días na miña clase preparando o Nadal. Eu dígolles as miñas amigas Iris e Mariña que teño unha avoa tic toc que aínda que non grava vídeos co teléfono é capaz de enviar audios e ler mensaxes e correos coma se fose unha rapaza nova.

Non mo vas crer, avoa, Ledicia Costas, a miña escritora favorita, asinoume o seu último libro. Titúlase Baixo cero, é a segunda entrega da serie protagonizada pola Señorita Bubble, unha inventora xenial que reivindica o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. Ledicia veu ao noso colexio a ter uns encontros co alumnado de terceiro e cuarto de Primaria. Cando rematou, tres persoas do club de lectura de quinto fixémoslle unha entrevista para a Radio da Biblio. Ledicia foi moi riquiña con nós, non paraba de rir e darnos azos. Contounos que comezara a escribir cando estaba no colexio e que fixo varias novelas cando ía ao instituto. Pareceume incrible esa facilidade para inventar historias tan bonitas e divertidas como son todas as súas. Non fixo falta que nos dixera que lle gustaba moito o Nadal, Ledicia vestía un xersei vermello de punto cunha mamá Noel choscando un ollo, unha prenda preciosa. Confesounos que neste libro, a señorita Bubble faille unha trasnada a Papá Noel, enfrontándoo a unha folga dos elfos que traballan na súa central de distribución e entrega de agasallos. Nunca me parara a pensar no moito que traballan todas esas persoas nestas datas. Todas teñen dereito a unhas condicións de traballo e retribución dignas acorde coa importante tarefa que desenvolven.

Acabamos a entrevista con Ledicia cantando as súas panxoliñas revolucionarias: «choran, choran, non deixan de chorar, os elfos en Laponia non queren traballar». Quedamos contentos coa nosa primeira entrevista a unha escritora. Xa sabes como podes escoitar o podcast na páxina do meu cole. Agardo que che guste e desculpes algún fallo, sei que me atrapallei un pouco cando lle fixen a primeira pregunta, estaba moi emocionada por falar cunha persoa tan importante. Nese momento Ledicia díxome: «Lúa, entendín a túa pregunta, é moi interesante». Foi alucinante, avoa, que curriña é esa muller.

Nestes días non foi todo tan divertido. Na nosa clase de quinto presentamos todas as semanas os datos do Observatorio Covid sobre a evolución da pandemia. É un traballo que actualizamos cos datos que recollemos da páxina do Ministerio de Sanidade, que contabiliza o número de casos en todo o mundo (máis de setenta e dous millóns), en Europa (máis de vinte e tres millóns) e en España (mais dun millón setecentos mil), e da web da Consellaría de Sanidade, que ofrece os de Galicia (case sesenta mil). É un traballo escolar colaborativo de investigación moi interesante que segundo Xiana, a nosa mestra, nos axuda a entender a evolución da pandemia e a comparar os datos oficiais en cadansúa gráfica colocada no taboleiro de cortiza. E, avoíña, non quero asustarte, pero ás portas da noiteboa os datos din que a pandemia por agora non remite. Xiana insiste en que todas as precaucións seguen sendo poucas e este ano o mellor é quedar na casa celebrando as festas cos seus conviventes. A min paréceme triste, non poder estar con Antón e Hugo, os meus curmáns, nin sequera na merenda de Reis despois da cabalgata. Xiana di que é preferible pasar este nadal así, lendo e xogando na casiña, e poder celebrar o seguinte, agora que xa comeza a chegar a vacina.

E da vacina tamén quero falarche, porque aí si que teño boas noticias. As persoas que vivides nas residencias seredes as primeiras en poñer a vacina, en toda a Unión Europea, a partir do 27 de decembro. Xa non vós queda nadiña, avoa. Xiana di que este procedemento é o máis xusto xa que as persoas maiores, as coidadoras e o persoal sanitario sodes as mais expostas a este noxento coronavirus. Xa me contarás se a picada doe moito, que dentro duns meses tamén nos tocará a nós. Paréceme extraordinario que todas as persoas do planeta, vivamos onde vivamos, poidamos volver facer vida normal grazas ao esforzo das investigadoras nos seus laboratorios. É algo extraordinario o valor da ciencia para a humanidade. Con todo, Xiana di que o Covid 19 veu para mudar as nosas vidas, que a partir de agora para evitar que apareza outra pandemia semellante deberemos vivir dunha forma diferente, respectando a saúde do propio planeta como propón Greta Thunberg, a rapaza sueca que dixeches un día que me imitaba.

Non sei, avoa, a min todo o que ven sucedendo dende os meses do confinamento provócame moita tensión, o que o libro do Emocionario, ao que tantas veces recorro, identifica como «estrés», xa que temos que enfrontarnos a situacións que sentimos como ameazas. Sabes, avoa, teño saudades dos teus abraciños e de ver contigo outra vez Matilda, a nosa película favorita. Sei que cando estou contigo son unha persoa serena e tranquila. Agardo que cando pase todo isto, poidamos volver exercitar con Antón e con Hugo o que ti chamaches un día o músculo dos afectos, un exercicio que fai medrar a nosa felicidade. Quérote, avoa Rita.

Na noite de San Xoán

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á noite de San Xoán

Como xa sucedera hai uns días coas festas da Coca e do Corpus en Redondela e Ponteareas, que celebran a tradición medieval dos gremios e cadansúas danzas e alfombras florais, neste ano tan minguadas e cativas pola distancia social esixida para combater a pandemia, esta noite de san Xoán, que inaugura o verán co seu lume novo, será distinta a calquera outra das que lembramos. A pesar de vivirmos na mal bautizada «nova normalidade», neste primeiro San Xoán do Covid-19 non poderemos acudir ao corazón da nosa abella da ribeira a gozar do lucerío natural da fogueira do Berbés e todo o seu ritual pagán de benvida do solsticio no día máis alto do ano, no que cómpre ver bailar o sol no chan.

Unha renuncia obrigada a compartir o rito principal de acender as fogueiras ou cacharelas (noutros lugares de Galicia chamadas brasedos, cachadas, cachelas, cacholas, fachareadas, fumazos, garadas, laparadas, laradas, lumaradas, lumeiradas, luminarias ou queimas, que así de diversa é a lingua de noso) coa intención de como ven sucedendo dende a noite dos tempos de darlle máis pulo ao sol e purificar a quen o contemplase, a quen bailase ao seu arredor ou saltase por riba das súas lapas un número determinado de veces.

O poder purificador e protector do lume non poderá ser o protagonista desta noite sempre máxica xa que dende o luscofusco á media noite nas encrucilladas e prazas non se poderán prender os trastes vellos e a leña verde, a que levanta máis fume. Lumes que serían a mellor protección para espantar o meigallo de bruxas e toda clase de mal de ollo, para protexerse de animais daniños, mais tamén para curar algunhas doenzas de persoas e animais ou para evitalas, para agardar por boas colleitas ou simplemente para procurar gozar de días máis propicios ao longo de todo ano.

Velaí a sabedoría acumulada no noso refraneiro agrario para explicar o carácter desta noite: «Se San Xoán chora, a silveira non dá mora»; «Ver o lume, ver o pan, / deus che dea bo gran / polo mes de san Xoán / espigas como rebolas / e grauciños como olas»; «En San Xoán, a sardiña molla o pan»; «Pasade os lumes de San Xoán / para que nos vos morda cadela nin can,/ nin cantos males han»; «Salto por riba / do lume de San Xoán, / para que non me morda / cadela  nin can / nin bicho vivente / que ande polo chan». Protección que boa falta nos faría nun ano de calamidade como o que estamos vivindo, mais que teremos que adiar canto menos para o vindeiro, no que agardamos que o esforzo da ciencia mundial compartida consiga amparar a humanidade dos males de tan perigoso andazo.

E se non poden acender as fogueiras é probable que tampouco se fagan cacenadas, as trasnadas que facían noutrora os mozos nesta noite de San Xoán. Sempre lembrarei aquela que nos fixeron hai trinta e moitos anos cando viviamos na casa escola de Balinfra, na que nos levaron a cancela para deixala ao pé da estrada, o que diante do abraio noso moito celebrou a rapazada camoesa. Trasnada dun día de festa onde tamén lembro se colocaban ramallos de flores nas portas das casas como mellor protección para os que alí moraban. Como lembro que tal día coma o de hoxe a miña avoa Maruja, que tiña un posto de froita no mercado do Progreso, gardábanos unha presada de perillotes (ou perotes) de San Xoán, aquelas periñas as primeiras da tempada, inesquecibles polo seu rabo longo e un sabor fresquísimo, que se papaban nun par de chanchadas e que a avoa preparaba tamén con xarope.

Cadora, nada impide que neste San Xoán continuemos coa aqueloutra tradición, tamén da infancia nosa, de comezar o día lavando a cara coa auga de herbas de San Xoán, unha combinación de diversas plantas aromáticas (como herba luísa, abeloura, fento, fiúncho, romeu, malva e codeso, para Taboada Chivite as que formaban parte do cacho da tradición galega) que mamá compraba ás amigas floristas do mercado e deixaba macerar na talla do baño toda a noite anterior. Semellante combinación de herbas milagreiras que arrecendía que daba gloria mais probablemente a súa razón de ser era protexernos a cativada de doenzas e convocar os días felices.

Unha tradición familiar inserida no importante papel que a auga ten na celebración da festa de San Xoán, carga simbólica presente nas augas de fontes, ríos, lagoas ou nas propias ondas do mar, onde se localizan moitos relatos lendarios. Velaí a lenda da flor da auga, para Vicente Risco un dos misterios máis estraños e máis poéticos da noite de San Xoán. Lenda aínda viva que comeza no alborexar do día de hoxe cando nas fontes e nas augas do mar as mozas poden coller esta flor misteriosa, en forma dunha estrela de luz formada polos raios de sol reflectidos sobre a auga, capaz de afastar o mal e as meigas da casa. Unha lenda que explica o milagre do eterno renacer da vida cada ano. A pesar de non contar co remedio purificador das fogueiras, celebremos coa maxia da auga a tradición do noso San Xoán.

Febreiro marrucheiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao refraneiro de febreiro, mes marrucheiro en tempo de Entroido:

O mes de febreiro, o máis curto do ano, foi manancial inesgotable para o refraneiro e a cultura popular agraria galega. Hai máis de trinta anos que o académico Xesús Ferro Ruibal escolmou no seu Refraneiro Galego Básico (Galaxia 1987) máis de dúas ducias de textos que facían referencia ao carácter cabriteiro (tamén bautizado no refraneiro como verceiro, escarabanadeiro, grileiro, molineiro, mexadeiro, bertoeiro…) dun tempo no que pola Candeloria se casan os paxariños (o noso día do amor) e habitualmente se celebra o Entroido e a súa exaltación transgresora e larpeira: «Febreiriño corto, cos seus días vinte e oito, se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro nin orellas ao pregoeiro». Refrán que alude á dureza meteorolóxica dun mes frío («febreiro sete capas e un sombreiro»), chuvioso («a auga de febreiro fai o palleiro») e de nevaradas («dure a miña veciña o que a neve febreiriña»), considerado o «pior de todos».

Cadora, a sabedoría do refraneiro e do prognóstico meteorolóxico popular admite a figura do trasacordo, razón pola que ten previstos outros refráns para aqueles febreiros máis levadeiros, como o que polo momento vai este ano: «se febreiro non febreirea, marzo marcea»; agoiro que pode resultar máis ou menos preciso se lembramos que «febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro» ou aqueloutros que din «febreiro quente, trae o demo no ventre» ou «un día bo en febreiro é un ladrón no eido». Prognósticos que coas mudanzas do cambio climático probablemente conviría reconsiderar, como aqueloutro que reza «polo San Matías (24 de febreiro) iguala as noites e os días», percepción popular do ciclo solar unha miga imprecisa xa que adianta case un mes a chegada do equinoccio de primavera, que este ano 2020 será o 20 de marzo ás 3:50 horas.

Sexa febreiriño levadeiro e bisesto coma o actual («ano bisesto, ano funesto»?), non hai dúbida do seu carácter de mes larpeiro e lambón por excelencia no calendario de noso, xa que este tempo da cerna do entroido é o preferido para compartir os cocidos, os bolos do pote, as cacholadas, as boteladas, as androlladas e os lacóns con grelos, pratos que preceden á proba de filloas, freixós e outros encaixes de mesa como orellas de frade, chaolas, follas de limón, flores, chulas, sapos da Limia ou bicas e rosquillas coas que se pechan as enchentes destes días. Expresións dunha cultura gastronómica popular que pese a práctica desaparición da cultura agraria tradicional na que naceu (coma a do refraneiro ou a de correr o entroido) renace hoxe na Galicia urbana como recreación cultural culinaria e expresión dun estado de ánimo vitalista e festeiro.

Febreiro que celebra cada 24 o nacemento de Rosalía de Castro, un aniversario que coincide este ano co luns de entroido, no que a Fundación Rosalía (https://rosalia.gal) promove a recuperación ese día do Caldo de Gloria na carta de máis dun cento de bares e restaurantes de todo o país. Unha iniciativa de recuperación culinaria inspirada no poema «Miña casiña, meu lar» de Follas novas no que a poeta de Padrón explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria dunha muller pobre. Unha recuperación ou re-creación do Caldo de Gloria, o bolo do pote, no que a FR recomenda seguir as instrucións que a autora nosa dá no poema ou consultar a receita enxebre que Picadillo achega en La cocina práctica (1905): «o caldo galego de verdade redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada». Reinvención do caldo galego en data tan sinalada que se pode facer nos propios fogares, como a de-construción da receita do cocido galego en termos de cociña saudable, que tivemos a fortuna de gozar na mesa viguesa da doutora Eva Estévez, unha auténtica marabilla de sabores tradicionais que contribúen á modernización do primeiro dos nosos pratos da cociña de inverno.

Como febreiro é por excelencia o mes das filloas, ou freixós (no norte da provincia de Lugo) ou marruchos (na Ramallosa e noutras parroquias do Val Miñor), a primeira das nosas sobremesas de inverno, unha especialidade que non só está presente na cociña galega, velaí as crêpes bretoas ou os pancaques arxentinos ou uruguaios. Filloas ou marruchos, sometidos tamén a un necesario exercicio de de-construción modernizadora, cuxa presenza na carta de sobremesas era para Álvaro Cunqueiro indispensable para calquera restaurante ou casa que pretendese ser considerada galega. Proba da filloa na que abonda acompañala de azucre ou mel, sabendo que esta froita de tixola ten moi diversas receitas en Galicia enteira. Gocen destes días felices en tempo de entroido corredoiro, unha oportunidade magnífica tamén para febreirear na mesa coas persoas queridas.

Fachos da Peneda

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo ás festas do lume novo:

A noite do sábado tiven a honra de ler o pregón da XXª edición da festa dos Fachos da Peneda. Varios centos de persoas desafiamos á ameaza do nubeiro e da predición meteorolóxica e cos nosos fachos acesos subimos á media noite o camiño que leva dende o alto da parroquia redondelá do Viso até ao monte da Peneda (329 metros de altitude), coa intención de abrigarnos alí do tronante ao pé da sobreira centenaria, enraizada a carón da capela da Virxe das Neves. Unha ascensión espectacular pola liña de lume debuxada polos fachicos que nunha noite fresquiña de solsticio de verán pretendiamos esconxurar os males aires e compartir a estrela dos afectos.

Participamos dunha tradición moderna, promovida dende inicio de século pola Asociación Cultural Alén Nós de Redondela, impulsada dende esta edición, tras un ano sen celebrarse, polos novos azos das comisións de montes do Viso e Arcade de Riba, as asociacións veciñais e culturais Pozovello, Lourido e Barqueiro e os Amigos da Peneda, que coa colaboración dos concellos de Redondela e Soutomaior, organizaron en man común e de forma modélica esta romaxe laica de benvida do verán.

Unha subida nocturna que reivindica a identidade e o patrimonio histórico e natural excepcional da Peneda, un outeiro privilexiado sobre a ría de Vigo, con vistas de 360 graos entre o esteiro do Ulló e o horizonte de Freu da Porta de Cíes; tamén un dos lugares referenciais da xeografía da Galicia máxica, onde a moura dos ollos grandes vixía o tesouro do castro de Castrizán, sobre o que se construíu o castelo homónimo en tempo irmandiño, cando Pedro Madruga aseñoraba os eidos do castelo de Soutomaior.

Un pregón no que cometemos a imprudencia de convocar na mesma noite aos seres do Outromundo e lembrar as pegadas que sobre os camiños de pedra da Peneda deixaron o Acompañamento chegado da illa de Ons e as persoas que por alí levaron a procesión das mortallas ou subiron de xeonllos cada 5 de agosto ofrecidas á virxe das Neves. Unha alocución na que convidei a contribuír á conservación da saúde dos nosos montes, destes espazos naturais onde se agocha o tesouro da nosa forza, afastándoos da cobiza dos demos que pretenden furtalos. Palabras que rematei insistindo na necesidade de continuar subindo á Peneda coas nosas mans emocionadas co lume sagrado destes fachicos para afirmar a cifra do que somos, a memoria do que fomos e o proxecto de comunidade que queremos ser: un pobo pacífico até o lirismo, paciente, cacholán, capaz, como escribiu X.L. Méndez Ferrín, “de facer equilibrios no ronsel que debuxa un Nautilus, avante polo mare de Rande, cara as lamas máis últimas”.

Cando o nubeiro comezou a descargar sobre nós xa sen piedade, o druída Noé Massó invocou no seu espectacular esconxuro da queimada a purificación das mentes e dos corpos, celebrando o lume como o mellor milagre do mundo. Unha celebración que convocou a Galicia enteira na pasada noite de san Xoán, unha das festas con maior raigame na sociedade nosa, na que se prenden cacharelas, fogueiras, chamizas, lumaradas, lumes, lumieiras, cacheiras ou cachelás, nomes diversos que expresan na lingua nosa o poder purificador do lume nos días de máis luz de todo o ano sobre bruxas, nubeiros e vixías de tesouros do Outromundo. Como a do Samaín, coa que comeza a metade escura do ano, é a do lume novo unha festa pagá, coa que ansiamos arredar os rigores do inverno e se saltamos sobre el contar con fortuna para todo o ano.

Noite dos fachos da Peneda que garda relación con outros cumes da nosa xeografía mítica. Velaí as do Monte do Seixo (627 metros) na serra do Cando, entre os concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz, chamada tamén a «montaña máxica», onde está o conxunto megalítico de Portalén, a porta do máis alá, o santuario perdido dos celtas. Velaí o Monte Aloia (629 metros) na serra do Galiñeiro ou o Monte Pindo (627 metros), o olimpo granítico sagrado dos celtas, no concello de Carnota. E velaí o Pico Sacro (490 metros), no concello de Boqueixón, onde a lenda di que a Raíña Lupa mandou construír un sepulcro para o Apóstolo, descoñecendo que alí estaba a cova do Inferno onde moraba un dragón.

Pico Sacro onde cada solsticio de verán se celebra a cerimonia do lume sagrado, con algunha semellanza á subida da Peneda, xa que unha comitiva das tribos celtas de Callobre e Boqueixón, encabezada pola raíña Alda e o Druída, ascende até a capela de San Sebastián onde o Druída captura o poder do sol coa lupa do seu caxato e acende o lume sagrado, que deposita na capela, que será utilizado logo para prender as cacharelas da noite da san Xoán. Outra alegoría do lume, realizada nun lugar máxico, no que como sucede coa do monte do Viso se mesturan a lenda e a historia coa creación dunha nova tradición de afirmación comunitaria e afectiva.

Benvido, pois, o verán da man do lume novo!

Onte 2028: Pregón dos Fachos

A pesar da choiva,  a experiencia da subida de onte na festa dos Fachos da Peneda resultou moi gratificante. Varios centos de persoas desafiamos ao nubeiro e á media noite coroamos o monte da Peneda para abrigarnos ao pé da sobreira centenaria. Como pregoeiro convoquei ao seres do Outromundo, dende a moura dos ollos grandes, que vixía o tesouro agochado no castro de Castrizán, até o Acompañamento chegado da Illa de ons. Ao remate das miñas palabras, o espectacular druída Noé Massó esconxurou diante da queimada os malos aires, cando o nubeiro comezou a descargar xa sen piedade. Baixamos a correr felices e molladiños coma pitos. Volveremos a Peneda.

Descarga aquí o pregón.