Benvido Samaín

Achégase Halloween, a festa que na noite de 31 de outubro para 1 de novembro permite unha fugaz visita ao “outromundo”. O tallado de cabaceiras, os disfraces con motivos sobre a morte e os animais, e a homenaxe a trasnos, bruxas e meigas son outros elementos desta efeméride que mobiliza á rapazallada toda dos Estados Unidos, Irlanda, Gales, Escocia, Inglaterra e, agora, e cada vez máis intensamente e cada ano con maior rapidez, a de case todos os países do noso entorno. Aí, ven, pois, o Halloween anglosaxón con toda a súa parafernalia.
Detrás do éxito, inequivocamente comercial, desta festa de disfraces non hai dúbida que están as manifestacións desa onda de norteamericanización implacable que domina hoxe os eidos da vida cotián da mocidade. Porén, furando un pouquiño, non é norteamericano todo o ouro que reloce en Halloween xa que a súa orixe se remonta á tradición celta e druídica de hai dous mil anos, sendo valiosa testemuña dunha memoria mítica que pertence ao patrimonio inmaterial da humanidade. Halloween é froito azaroso do intento fracasado que a igrexa medieval emprendeu entre os séculos VIII e X de cristianizar a festa do inicio do ano novo celta.
Efectivamente, os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (1 de novembro) e o verán co Beltane (1 de maio). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de transición climática o veo entre os mundos da vida e da morte era máis fino (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía o cerne dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas da circulación das almas de aquí para acolá foron tecéndose os elementos rituais do Halloween actual: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha vela no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non somos alleos.
O profesor Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos. Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Festexemos sen complexos homoxeinizadores a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, cabaleiro do Outromundo!

Reconquista?


Festa da Reconquista 2004

Hoxe é feriado en Sal. Nunca simpaticei coa celebración da Reconquista. A figura do capitán Bernardo González del Valle “Cachamuíña” merecíame apenas o respecto de ser glosada na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total (“ron ron la botella de ron…”). O seu suposto heroísmo na anoitecida do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, quizais a primeira crónica publicada en galego no século XIX– considereino unha glorificación hiperbólica e mitolóxica, ata extremos delirantes, dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores da Ilustración (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas francesas invasoras ao mando de Jacques Antoine Chalot.
Non comparto a exaltación de “viguismo cantonalista” de pequena cidade estado que acompañou xeralmente a celebración da data da Reconquista, posición reaccionaria moi pouco acorde co espírito de acollida coa que se foi construíndo a nosa cidade. Nin considero que cómpra facer moito fincapé no heroísmo popular dos nosos devanceiros (mariñeiro Carolo e cego Casimiro incluídos) daquela viliña amurada de seis portas no seu empeño por expulsar as tropas do Mariscal Soult. Nin, moito menos, aproveitar a efeméride para realizar unha exaltación de glorias e enseñas militares doutrora (incluída esa bandeira da media lúa que aparece na foto enarborada o pasado ano Corina ou os pendóns restaurados que se entregarán ao Museo hoxe). Creo que hoxe o sentido desta efeméride do 28 de marzo vai por outros vieiros moito máis pacíficos e esperanzadores: o de que os vigueses e viguesas do século XXI reconquisten o degradado Casco Vello como un espazo identitario de encontro e convivencia. Velaí o sentido que pode e debe ter a Reconquista do futuro.
Paradoxos vigueses, a festa popular non se celebra hoxe, senón o vindeiro domingo. Alguén noutra cidade podería comprendelo?

Felos



Felos de Maceda

Onte nova presentación dos libros de Moncho (acordeime, por suposto, de Cesare, a quen lle debo en Big-Maceda a idea destas brétemas). O Castelo (un hoteliño moi cuco) encheuse a reventar. Nestas terras de Joao da Nova, Babarrro, Santiago Prol ou Francisco Carballo (entre outros escritores da Serra de San Mamede) saen estes días os felos, unha máscara xenuína, aínda que quizais non tan coñecida como as das terras de peliqueiros, cigarróns ou pantallas.
Tomando un café en Lambetadas (visita inescusable) coñecín as famosas pezas do oleiro de Tioira e souben máis sobre as andanzas destes felos. Para os macedanos as súas máscaras (semellantes na indumentaria á dos peliqueiros) son o vestixio máis antigo do entroido rural ourensán (sempre que non se que esquecesen os meus queridos troteiros). Non desfilan polas rúas, senón que corren en grupos, incansables polas aldeas da serra, en Tioira, Vilardecás, Santirso e Castro de Escuadro, animados pola mestura de viño con ovos que beben. Longa vida para os felos!!!