Festas fracas

No artigo da semana volvo sobre a miña teima coa calidade do programa das festas de Vigo. A pesar do concerto dos Arctic Monkeys (gustei moito desta actuación en Castrelos dos indies de Shiffield) e do ciclo de cine ao aire libre Realidade 07, a liña continuista e rutineira do programa é decepcionante. Non entendo, tampouco, a teimosía do novo goberno de coalición de chamalas “Festas do Cristo”, un nome relixioso que non ten tradición ningunha en Vigo. Non perdo a esperanza de que poidan mudar de orientación o videiro ano.

Etiquetas: ,

A Coca rende

No artigo da semana propoño a recuperación da festa da Coca como parte do noso patrimonio inmaterial da humanidade. Un esforzo no que deben implicarse as autoridades do goberno de Redondela e da Consellaría de Cultura.

Etiquetas: Coca

Tempo de castañas

No artigo da semana, ao abeiro do tempo de Samaín e Magostos, abordo a proposta de conseguir para a Castaña de Galicia unha Indicación Xeográfica de Calidade. Outra forma de abordar a recuperación do noso medio rural.

Foto: Fraga de Catasós.

Tempo de Samaín

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras , e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou hai tempo o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos.
Recuperar ou reinventar esta tradición do Samaín, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar.
Festexemos neste tempo de Samaín a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan.

Etiquetas:

Pobres festas

No artigo da semana critico o “programa” de concertos das festas de Vigo. Unha tristeza máis provocada pola anemia política da cidade revolcada.

Etiquetas: ,

A Coca rinde

Hoxe rinde a Coca en Redondela. Pronunciar a noite de onte o pregón, dende o balcón do concello, foi unha grandísima honra para un choqueiro de adopción coma min.

Etiquetas: ,

Gabanza da cereixa

Convidáronme hoxe a pronunciar o pregón da XXIª edición da Festa da Cereixa de Beade, unha festa gastronómica na que se exalta ese froito doce e carnoso que producen cincuenta mil cerdeiras viguesas. Aí vai un extracto do texto que preparei:
“A cerdeira, árbore da familia das Rosaceae, é irmá das amendoeiras e curmá dos pexegueiros e ameixeiras. Arboriña de orixe incerta, don Álvaro Cunqueiro dixo que a trouxo o xeneral Lúculo a Roma dende a localidade de Kerasos (de aí ven o seu nome latino Cerasus), ubicada na costa do Mar Negro, espallándose decontado por todo o Imperio e atopando en Galicia terras que lle foron moi ben. Fose ou non certa esta versión de don Álvaro, que reivindicou o país noso como de moita froita (as mazás camoesas, tabardiñas e roibas, pavías, peras urracas, claudias verdeais, noces, amorodos, nísperos, arándanos, sorbas…), a cerdeira en Galicia é tan vella coma a lingua nosa, razón pola que podemos considerala como un dos sinais da nosa identidade. Os galegos somos un pobo que papa nas cereixas dende hai máis dun milleiro de anos. A cereixa é outro dos nosos símbolos nacionais, como os xaponeses teñen o “sakura”, unha caste decorativa de cerdeira que non dá froito. Emulando ao meu amigo o escritor Manuel Rivas, a quen logo volveremos citar, somos comedores de cereixas e devecemos por elas todo o ano porque, como as sardiñas da ardora, anuncian a chegada do verán.
Os galegos comemos toda caste de cereixas, sexan as doces (as chamadas mollares e garrafais) ou as agredoces (as guindas). Aínda que de todas elas, son as de Beade as máis sabedeiras e as que teñen máis sona: sexan as branca do cedo, as branca do tarde, a negra tardía ou a picuda ou de pico, que tamén así se lle chaman ás que os estremeños denominan “picotas”. E gostamos das cereixas, e máis aínda das de Beade, por que como pobo ben informado coñecemos os seus efectos beneficiosos.
Papamos esa drupa carnosa e globulosa porque, ademais de proporcionarnos o pracer de gozar do aroma condensado da terra bretemosa, é unha froita moi rica en vitaminas e en minerais como o ferro, calcio, magnesio, potasio e xofre, que se cre protexen contra o cancro. Ben dotadas de azucres, as cereixas proporcionan, tamén, a quen as toma moita enerxía, razón pola que se considera posúen propiedades rexuvenecedoras, antidepresivas e, mesmo, afrodisíacas. Permitídeme que me deteña nestas tres cuestións que non quero pasen desapercibidas.
Semella demostrado que os consumidores habituais de cereixas mocean e mesmo combaten as gorduras debido ao efecto diurético da súa inxesta moderada (en cantidades moi elevadas pode producir outros efectos menos desexables). Efecto depurativo e diurético que, segundo os naturópatas especialistas en Fitoterapia, permite o lavado de todo o organismo eliminando as toxinas acumuladas no corpo. Efecto que se pode intensificar se preparamos unha infusión cunha presa dos rabos que deixamos a remollo durante unha noite e a mañá fervemos nun litro de auga durante vinte minutos.
Efecto antidepresivo que se consegue tanto se tomamos uns cantos acios ou unha presadiña delas ás once como na tardiña, o que lle permitirá ao organismo aumentar a utilización de osíxeno, potenciar a función cardíaca e, mesmo, e isto é moi importante, outorgar moito optimismo a quen as consume. Non o dubiden, cando se noten un pouco baixos de ánimos ou deban afrontar un problema menor, a vida dános moitas pancadas destas cada día, tomen unhas cantas cereixas e xa verán como poden rular bastante mellor. As cereizas son mellores que o prozac.
Pola súa importancia, deixamos para o remate a exaltación do carácter afrodisíaco das cereixas, entendo que especialmente das picudas. Non teñan dúbida, as cereixas son a froita do amor por excelencia. A cereixa é unha froita erótica, tanto pola súa forma globulosa, polo seu tamaño brincadeiro, polas súas cores atractivas (que abordan todos os matices dos vermellos), como, e isto semella o máis importante, polo seu carácter estimulante da comunicación e da aperta. Manuel Rivas foi quen mellor inmortalizou literariamente esta idea cando escribiu o seu coñecidísmo relato “¿Que me queres amor?”, que comeza deste xeito (atendan, por favor):

Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical.

Velaí a descrición do chamado bico de cereixa, un achádego literario que moi ben podemos emular. A esta altura, non parece prudente continuar con este sarillo, mais todos vostedes comprenderon con apenas catro liñas de Rivas o que pode provocar xogar dese xeito cun óso dunha picuda de Beade. Pode ser memorable.
En fin, comer nas cereixas é un pracer para os sentidos que, por riba, se o facemos sen o fanatismo dos excesos, ao corpo lle fai moito ben. Un pracer que pode gozarse ao natural, en sobremesas memorables como as que se presentan a concurso nesta festa, ou enchoupadas en licor envellecido polas guindas. A cereixa é un froito extraordinario que a natureza nos legou e que a humanidade mimou para o seu goce futuro”.

Etiquetas: , , ,

Festa da cultura

Esta iniciativa de cortexo cívico, xa na terceira edición, é das máis bonitas e innovadoras para celebrar con toda a dignidade que se merece o 17 de maio. Con todo, a pesar do cambio de goberno e de esforzos illados como o que anunciamos, aínda non albiscamos mudanzas significativas na celebración dunha efeméride xa en aberta crise.
Etiquetas: , ,