Días de Samaín
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a orixe destes días de Samaín.
Vivimos días de santos e defuntos, días consagrados á memoria dos mortos queridos. Tempo de castañas e magostos outonizos, ás portas do san Martiño, que anuncia a chegada dos rigores do inverno. Mais tamén, no eido festivo, estes son días de Samaín, a festa das caveiras de orixe céltica, con forte presenza na tradición rural galega, esmorecida entre nós durante décadas e que amodiño se recupera en Galicia, sobre todo no ámbito escolar e nalgúns concellos, competindo co Halloween estadounidense capaz de mobilizar co seu formidable tinglado comercial de disfraces e trapalladas made in China a mocidade urbana de medio mundo. Porén, é indubidable que a festa do Halloween desta noite, desenvolveuse a partir do universo dos mitos daquel Samaín celta.
Ben sabemos que os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (á altura do primeiro de novembro, na que celebraban a última colleita antes do inverno e o inicio do ano) e o verán co Beltane (sobre primeiros de maio, anunciando a chegada dos primeiros calores). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de tránsito estacional a tea entre os mundos da vida e da morte era máis fina (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Os celtas pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía a cerna dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas do paseo das almas de aquí para acolá é doado identificar como foron tecéndose os elementos rituais da festa de Halloween: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha candea no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non fomos totalmente alleos.
O profesor Rafael López Loureiro –autor de “Samaín, a festa das caliveiras” (Ir Indo, 2001) e o grande animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira dende hai vinte e dous anos, capaz de contaxiar o seu entusiasmo a toda Galicia– xa demostrou o carácter galego desta festa que, asociada aos días de santos e defuntos e á celebración do magosto, existía por todo o noso país ata hai menos de corenta anos. Unha recuperación sorprendente, a desta festa de Samaín, que se está reiventando como unha tradición contemporánea de grande pulo. O tallado de cabazas, os concursos de maquillaxe, a colocación de caveiras en lugares senlleiros, os pasarrúas de fantasmas e ánimas (en Lugo camiñando pola propia muralla), as merendas e chocolatadas de outono, os magostos populares, a preparación de doces de cabelo de anxo ou chulas e budíns de cabaza, os contacontos de medo, os concertos de música para picariños, as noites de calacús, son algunhas das actividades que hoxe e mañá, días de Samaín se realizan pola Galicia enteira.
A reinvención desta tradición, promovida primeiro dende os centros escolares de primaria e secundaria, despois difundida por moitas asociacións culturais e veciñais e, agora, asumida por algúns concellos dentro do seu programa cultural, demostrouse que foi unha estratexia moi exitosa para defender un patrimonio de cultura inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Como sucede en México co “Día de mortos” e os seus altarciños populares, o Samaín é a nosa festa de seu para dende o ámbito dos mitos celebrar a chegada do inverno. Abandonemos os vampiros homoxeneizadores do Halloween estadounidense e festexemos a fadas, trasnos e o resto dos nosos seres míticos (que temos un riquísimo patrimonio neste eido). Exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras, preparemos doces gorentosos e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, sequera por un día, cabaleiro do Outromundo!


Vivimos días de santos e defuntos, días consagrados á memoria dos mortos queridos. Tempo de castañas e magostos outonizos, ás portas do san Martiño, que anuncia a chegada dos rigores do inverno. Mais tamén, no eido festivo, estes son días de Samaín, a festa das caveiras de orixe céltica, con forte presenza na tradición rural galega, esmorecida entre nós durante décadas e que amodiño se recupera en Galicia, sobre todo no ámbito escolar e nalgúns concellos, competindo co Halloween estadounidense capaz de mobilizar co seu formidable tinglado comercial de disfraces e trapalladas made in China a mocidade urbana de medio mundo. Porén, é indubidable que a festa do Halloween desta noite, desenvolveuse a partir do universo dos mitos daquel Samaín celta.
Coas romaxes de san Mauro en Matamá, da Candeloria en Castrelos e de san Brais en Bembrive quedou aberto o ciclo anual das festas populares viguesas. Tres xoldas de frío que, coincidindo coa abrollar das mimosas, agoiran os excesos dos días dun Entroido que desta volta ven moi atrasado e non se celebrará deica a segunda semana do mes de marzo e sinalan, ademais, que as dificultades do inverno comezan a ser vencidas (“Cando a Candeloria chora, o inverno está fóra”) e que os días medran devagariño (“Por san Brais, dúas horas máis” reza un refrán, sen dúbida, un chisco esaxerado). Vencelladas ao ámbito da parroquia, como entidade primeira de participación e socialización da nosa sociedade agraria, cada unha destas festas de orixe relixiosa mantívose dende hai séculos, e a pesar das profundas mudanzas nas actividades económicas e nas formas de vida, como puntos de encontro das xentes populares da Terra do Fragoso. Aí, nese carácter de cita ineludible, marcada como un engrama transmitido de forma inconsciente de xeración a xeración, poida residir a explicación do éxito rotundo e do pulo renovado adquirido pola romaxe de san Brais neste cibernético século XXI.
Non quero que quede atrás 
Como no podía ser doutra maneira, neste luns de Entroido dedicamos aos marruchos e outras larpeiradas 


NADA NOVO

