Precariedade estratéxica

As Galegas son o momento propicio para avaliar os logros e os fracasos de sectores estratéxicos para Galicia, como dende 2006 é o do libro e a lectura. Un balance político ao que non poden ser alleas as asociacións empresariais e profesionais, como a Asociación Galega de Editoras (AGE), que lamentaba nestas páxinas o escaso coñecemento da Consellaría de Cultura da realidade do sector do libro. Outro desacordo máis para a representación da edición galega que dende 2009 nunca foi recibida nin por Feijoo nin por Rueda, a pesar de solicitudes reiteradas, como tampouco foron atendidas polos gobernos do PP as súas reclamacións principais, recollidas da Lei 17/2006 do libro e a lectura: un Plan de Lectura, transversal, interxeracional, centrado no libro galego e orzamentado de forma suficiente; e un Plan de Internacionalización para o sector, capaz de proxectar o libro, a lingua e a literatura galega no mundo. Gremio da edición que nestes catorce anos viviu a intemperie, perdeu facturación e emprego, viu reducidas até o 80 % (si, leron ben, 80 %) as compras de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas, padeceu a modificación unilateral do modelo de gratuidade dos libros de texto e dos programas de educación dixital (Abalar e Edixgal), que xunto a implantación nunca avaliada do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, co que retrocedeu de forma significativa a presenza do galego nas aulas, levou ás editoras educativas galegas ás portas do colapso. No entanto, este período coincidiu cunha diversificación do tecido editorial, o que axudou a incrementar a variedade do catálogo impreso dispoñible (16.000 títulos) nun mercado no que o libro en galego apenas supuxo o 8 %, como tamén celebrou recoñecementos en todos os xéneros dos Premios Nacionais de literatura (até 25) ou conformou un catálogo dixital de máis de tres mil títulos. Un sector que resistiu na súa precariedade estratéxica, a pesar de carecer do amparo dunha política do libro e fomento da lectura.

Publicado en Nós diario: 07/02/2024

Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.

Onte 1721: Agardando pola unión

25-07-2016O nacionalismo galego chega esfareladiño a este 25 de xullo. Tras o entusiasmo pola unión do pasado ano (un espellismo voluntarista) cadaquén programa hoxe a súa xornada preelectoral: o BNG ensumidiño consume a enerxía e os azos da súa militancia baixo a dirección do seu partido guía; a Anova agarda a decisión de Xosé Manuel Beiras para saber se arre ou xo; mentres as Mareas dos tres alcaldes coaligados con Podemos e Esquerda Unida agardan ao vindeiro domingo para dar a coñecer ao seu Merlo Branco que, como no conto de Agustín Fernández Paz, traia a felicidade a toda a especie do nacionalismo e da esquerda galega. Triste panorama para un país en devalo, empobrecido no económico e no demográfico, incapaz de expresar politicamente a súa vontade de afirmación (como lle gustaba dicir a Castelao).

Xaora, a desunión e o seitarismo cainita é unha doenza crónica do nacionalismo contemporáneo que os membros da Xeración Erga vimos practicando e sufrindo dende hai corenta anos. Nada, pois, que poida sorprendernos máis do que nos leva doído. Porén, confío na capacidade anovadora dunha nova xeración capaz de conformar ese inexistente partido galeguista pola unión. Non perdo a esperanza que se poida ir tecendo nos vindeiros anos. Con esa ilusión, bo día da patria galega!

Onte 1307: Sondaxes

la_voz_de_galicia

Non me atrevo a valorar a fiabilidade das sondaxes publicadas onte por La Voz de Galicia. Xaora, alertan sobre tendencias electoriais que non me parecen disparatadas. Primeira: as posibles maiorías absolutas de Abel Caballero e Miguel Anxo Lores, que se sitúan moi por riba da tendencia á baixa dos seus partidos no resto das cidades. Segunda: a necesidade que terá o PP de apoiarse na súa marca branca de Cidadáns para poder manter un par de alcaldías. Terceira: as importantes dificultades das Mareas, coa excepción da liderada por Martiño Noriega en Compostela e quizais á da de Xulio Ferreiro na Coruña, de contar cos votos vertebrados por Podemos noutras convocatorias. No entanto, a un mes da convocatoria, con estas sondaxes todos terán razóns para a esperanza. O Partido Popular podería conservar os mobles cun par de alcaldías, repartíndose o resto o PSOE, o BNG e as Mareas. Bendita fragmentación!