O Bou «Eva»

No artigo da semana en Faro de Vigo recconstrúo cos datos dispoñibles o relato do suicidio colectivo do bou «Eva», con motivo do setenta e cinco aniversario daquela traxedia.

A madrugada do 23 de abril de 1937 oito homes e unha muller, entre os 24 e os 44 anos, morreron, tras o asalto fascista ao bou Eva no que pretendían fuxir dende o peirao do Berbés. Aquel episodio estarrecedor, o maior suicidio colectivo da Guerra Civil, foi agochado polo franquismo e silenciado, ou polo menos escasamente difundido, durante o proceso da Reforma Política, a pesar de que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica «Unha morte lanzal» publicada na revista Nova Galiza en Barcelona durante o mes de xuño de 1937. Setenta e cinco anos despois é de estrita xustiza recuperar a memoria daquelas nove persoas que morreron sen cometer outro delito que, despois de nove meses de esquivar a persecusión, pretender evadirse da represión franquista daquel terrible ano.

Eran catro comunistas –unha parella de recén casados Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, ademais de Luís Álvarez González, obreiro de Barreras, e Camilo Campos Méndez, barbeiro–; tres socialistas –o mariñeiro Manuel Martínez Moroño e os irmáns Fernando e José Rodrigúez Lorenzo, ambos os dous albaneis– e dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao –José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao– que estiveran agochados durante uns meses en Vigo na casa de Ramiro Isla Couto, segundo confesou Valentín Paz Andrade no seu libro de conversas. Sabemos, tamén, que se salvou Domingo Pombo, daquela secretario do Partido Galeguista en Ferrol, que chegou un pouco tarde á cita do embarque. Até hai moi pouco, a súa historia non fora investigada en profundidade nos arquivos militares, traballo que acometeu o profesor Xesús Alonso Montero que publicará nos próximos meses un libro no que relata os pormenores do episodio. En todo caso, sabemos que era a intención dos fuxidos chegar a algúns dos portos republicáns do Cantábrico ou a Francia e trasladarse logo á España leal, como conseguiran outras fugas exitosas que partiran dos peiraos vigueses.

Fóra este o caso, como relata Dionísio Pereira no seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), do arrastreiro en parella do Grand Sole Emilia Márquez que, mediado o mes de marzo de 1937, desviou o seu rumbo cara a Bilbo onde desembarcaron os seus doce tripulantes. Aqueles nove antifascistas, que representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Cando xa estaban a bordo do pesqueiro foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas e membros da Garda Civil e Policía, que arrimaron un buque alxibe desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os evadidos non saían, decidiron deitar auga fervendo e foi entón cando se foron escoitando os disparos dentro do Eva. Os fuxidos decidiran poñer fin ás súas vidas xa que para o profesor Alonso Montero «non se entregaron porque estaban convencidos de que ninguén os libraría da morte, da morte despois da sevicia da tortura». No rexistro civil de Vigo recóllese apenas que estas persoas faleceron por «un tiro de bala». Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, coa excepción de Angel Nogueira na dereita, aínda que son moitos os aspectos por coñecer do acontecido no buque.

Valentín Paz Andrade foi o autor do primeiro poema en galego sobre a traxedia, «Na onda até Rianxo». Escrito en 1976 e publicado no libro Cen chaves de sombra (1979) homenaxea aos curmáns de Castelao: «Da nosa luz vivían e ao perdela […] no bou Eva apresado no Berbés,/ coa cámara chea de escapados,/ voluntarios da morte todos eles / adiantando o seu fín / á auto-execución se condenaron / como Sócrates náuticos». Anxo Angueira cantou ás vítimas no seu poemario Fóra do sagrado (2007): «Vigo Berbés trinta e seis / Berbés mariñeiros do mare e o bou Eva», «malpocadiños todos todos / nadando mortos no Berbés».

A traxedia do bou Eva, o auténtico Medulio contemporáneo, permaneceu silenciada durante sete décadas. O esforzo de persoas como Concha Nogueira Miguel, filla do matrimonio comunista falecido, de investigadores comprometidos como Xesús Alonso Montero, e doutros membros das asociacións que traballan pola recuperación da memoria republicana de Galicia, permitiron que este terrible suceso non fora nunca esquecido. Camiño xa dos corenta anos da caída da ditadura, non hai que ter medo a volver a mirada cara ao que sucedeu no dramático trinta e seis e nas décadas franquistas posteriores, porque a desmemoria é o peor virus que podemos inocular no noso futuro. Reconstruír o relato de acontecementos como os do bou Eva, recuperar a biografía daquelas vítimas, fixar o seu recordo cívico no peirao do Berbés son formas de sementar ronseis de paz e esperanza.

Onte 206: Nova Escola Galega, Pedrón de Ouro 2012

Nos días difíciles é cando máis se agradecen as boas noticias. Nova Escola Galega recibirá o domingo 20 de maio o premio Pedrón de Ouro. Recoñécese así o seu labor de tres décadas a prol da galeguización educativa e da renovación pedagóxica en todas as etapas e eidos do sistema educativo. Expreso a miña gratitude aos membros do Pedrón, unha institución galeguista que mantén rexo o seu ideal, que sei comparte o medio milleiro de membros de Nova Escola Galega que ao longo da nosa vida profesional e dende diversos eidos contribuímos con discreción, paciencia e humildade a pular contra vento e marea polo modelo de escola pública galega. Para NEG este Pedrón constitúe un aliciente e un compromiso para continuar a procura dunha escola instalada na lingua de noso, innovadora e renovadora, aberta en diálogo con tempo contemporáneo, iluminada na construción compartida do coñecemento polas luces da razón e polos valores da paz. Beizóns.

Onte 172: Outro paso

A declaración do Kursaal é outro paso da esquerda abertzale para asumir a súa incorporación ao proceso democrático. O feito de «amosar o profundo pesar pola dor causada por ETA» e de recoñecer que aos seus membros faltoulles «cara unhas vítimas a sensibilidade amosada con outras» son afirmacións que deben ser acollidas e valoradas de forma moi positiva xa que supoñen admitir o seu erro e o seu compromiso para convivir en igualdade con aquelas persoas que non pensan coma eles. Outro paso no proceso, agardamos que irreversible, da fin da violencia en Euskadi. Tócalle agora mover ficha a ETA que quedou emprazada pola declaración «a desfacer as súas estruturas militares e por as armas fóra de uso». Semella que hai motivos para a esperanza.

Onte 157: Crónicas de Homs

Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos  dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?

Onte 145: Coa pomba dona Paz na Pastora

Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

A utopía como vieiro. Beizóns para Xosé Manuel Beiras

Non puiden acompañar ao grande Xosé Manuel Beiras na súa grande e merecídisima homenaxe nacional.
Esta intervención de Eduardo Galeano, reivindicando a utopía como vieiro, solicitando o dereito a soñar, reclamando o dereito ao delirio de soñar outro mundo (Galicia) posible, sei que lle gusta moito a Xosé Manuel.

Agradézolle a localización do vídeo a Carme Panero.

Día dos Dereitos Humanos

Magnífico traballo de Francesco Tonucci sobre os dereitos dos nenos e nenas. Un clásico.

Vía Ronseis.

Onte 57: Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

O programa electoral educativo do PP anuncia a intención de eliminar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, a materia de sexto de Primaria, segundo e cuarto de ESO que algúns sectores ultraconservadores e católicos levan intentando dinamitar dende hai seis anos. Hostilidade que non foi refrendada polos tribunais (tanto polo Supremo, como por varios Superiores) que avalaron a validez dos contidos desta materia incorporada ao currículum da man da Lei Orgánica da Educación de 2006. Se goberna Rajoy, a EpCDH será substiuída por “outra con contidos baseados na aprendizaxe dos valores constitucionais e o coñecemento das institucións españolas e europeas”. Sen dúbida, unha materia do mesmo ámbito ca Cidadanía, mais cun enfoque curricular diferente. Pagaba a pena tanto rebumbio para isto? Agora só nos queda saber se continuará impartíndose Ciencias do Mundo Contemporáneo en Bacharelato, outra materia (neste caso científica e tecnolóxica) combatida polos conservadores, para rematar o proceso de deconstrución curricular. Semella que iso é o que pretende o Partido Popular. Acabásemos.