Información accesible para todos e todas

A lectura fácil, procedemento que pretende facer todo tipo de textos máis comprensibles, afecta tanto á presentación da información escrita, electrónica, en vídeo como en audio.

Inclusion Europe, a asociación europea de persoas con discapacidade, elaborou un manual no que se recollen as regras europeas para facer información fácil de ler e comprender, sendo hoxe o máis utilizado na adaptación de todo tipo de textos e soportes.

Estas regras facilitan a publicación de textos informativos accesibles a todo tipo de persoas con dificultades de comprensión lectora, dende aquelas con algún tipo de discapacidade intelectual a outras de calquera idade con alfabetización incompleta ou insuficiente.

Utilizando un enfoque do Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) estas regras tamén son útiles para o profesorado que prepara  materiais e textos dirixidos ao alumnado con necesidades educativas especiais ou de apoio educativo.

Recollemos anosadas para o galego unha síntese das regras para a preparación de cada tipo de soporte informativo:

1–. Información escrita

1.1–. As palabras no texto

–. Usa palabras coñecidas fáciles de comprender.

–. Se é inevitable utilizar palabras difíciles, asegúrate sempre de explicalas con claridade.

–. Para explicar as cousas pon exemplos da vida cotiá.

–. Usa a mesma palabra para describir a mesma cousa en todo o texto.

–. Escribe as cantidades como díxitos.

–. Intenta non utilizar porcentaxes e números grandes.

–. Nunca utilices números romanos.

–. Procura escribir as datas completas (7 de maio de 2020).

–. Evita usar iniciais e abreviaturas. Usa a palabra enteira cando sexa posible.

1.2–. Redacción do texto

–. Utiliza frases curtas.

–. Fala directamente ás persoas. Emprega palabras como «vostede» ou «ti» para facelo.

–. Cando sexa posible emprega frases positivas en vez de frases negativas.

–. Emprega frases activas en vez de pasivas.

–. Escribe só unha idea por frase.

–. Separa cada idea cun punto en vez de coma ou «e».

–. Utiliza os verbos en presente, cando poidas.

–. Fai gráficos ou táboas sinxelas e explícaas.

1.3–. Ordenación do texto

–. Ordena a información de xeito que sexa máis fácil de entender e de seguir.

–.Pon xunta toda a información sobre o mesmo tema.

–. Repite a información importante.

1.4–. Deseño da páxina

–. Intenta que o texto non sexa moi longo.

–. Usa un formato que poida ser fotocopiable (Din A4).

–. Intenta que cada frase ocupe unha liña.

–. Nunca separes unha palabra en dúas liñas.

–. Evita os fondos que dificulten a lectura do texto. Non escribas sobre fotos ou estampados.

–. Destaca a información importante en negriña.

–. Nunca utilices notas ao rodapé.

–. Usa títulos claros e fáciles de comprender.

–. Emprega viñetas para facer listas de cousas.

–. Non escribas en columnas.

–. Non xustifiques o texto.

–. Aliña o texto á esquerda.

–. Numera as páxinas.

–. Deixa espazos entre parágrafos.

–. Evita marxes estreitas.

1.5–. Fonte do texto

–. Utiliza un tipo de letra clara e doado de ler (Arial, Tahoma, Verdana, Ubuntu, en xeral as tipografías de pau seco).

–. Nunca utilices tipo de fonte con serifa (as que teñen un rabiño), xa que son máis difíciles de ler.

–. Nunca utilices tipos de letras que estean moi pegadas.

–. Nunca utilices tipos de letras claras pero que non se impriman ben.

–. Nunca utilices texto con sombreados ou deseños difíciles de ler.

–. Nunca utilices cursiva.

–. Usa tipos grandes (como mínimo como Verdana ou Arial 14 /16).

–. Non escribas todo en maiúsculas.

–. Intenta usar só un tipo de letra no texto.

–. Utiliza o subliñado con coidado.

–. Evita escribir en cor cando sexa posible.

–. Evita caracteres especiais (&, #, \)

1.6–. Imaxes

–. Utiliza imaxes (fotografías, debuxos, símbolos) para axudar a entender o texto.

–. Utiliza imaxes de calidade e axeitadas para o lectorado (non uses imaxes infantís cando escribes para persoas adultas).

–. Utiliza imaxes doadas de comprender e relacionadas co texto.

–. Usa sempre a mesma imaxe para explicar a mesma cousa en todo o texto.

 

2–. Información electrónica

–. Utiliza vídeos onde as persoas len e explican os textos.

–. Intenta que a túa páxina teña un buscador.

–. Asegura que na túa paxina de inicio apareza claramente de que trata o teu web.

–. Na páxina de inicio deben aparecer os datos de contacto.

–. Procura que os botóns do teu web sexan grandes e claros.

–. Facilita que a lectora saiba en todo momento en que parte está do texto.

–. As lectoras non deben premer máis dunha vez para regresar á páxina de inicio.

–. A barra de navegación debería ter 7 ou 8 títulos como máximo.

–. Intenta poñer todo o texto nunha pantalla.

–. Se as lectoras deben desprazarse cara abaixo, debe existir un índice do texto ao comezo.

–. Evita enlaces difíciles de ler. Se é moi longo agóchao detrás dunha palabra sinxela.

–. É útil que a cor dos enlaces mude cando se premeu sobre eles.

 

3–. Información en vídeo

–. Non fales apresa.

–. Evita a cámara lenta e a cámara rápida.

–. Se se emprega a voz en off, debe falarse só das cousas que as persoas ven na pantalla.

–. A pantalla non debe ser nin moi escura nin moi clara.

–. O vídeo e o son deben ser de moi alta calidade e claros.

–. Os botóns de son e pantalla completa deben ser doados de atopar.

–. Os vídeos informativos non deben durar máis de 20 ou 30 minutos.

–. Cando se mude de localización da gravación, debe explicarse cal é o novo lugar.

–. Se se utilizan subtitulado, deben ser fáciles de ler.

–. O espectador debe poder quitar ou poñer os subtítulos en calquera momento.

–. Se utilizas descrición de audio, utiliza palabras doadas de comprender.

–. O espectador debe poder quitar a descrición de audio en calquera momento.

 

4–. Información en audio

–. A persoa que fala debe ter unha pronunciación correcta e unha vocalización clara.

–. A persoa que fala debe facelo de vagariño.

–. O son debe ter o volume correcto.

–. É importante facer pausas, cando sexa preciso.

–. De repetirse varias veces a información importante.

–. Debes ler o texto de xeito que se entendan as emocións.

Texto publicado nos espazos web do CEIP de Laredo e do CEIP de Cedeira.

Prohibido non falar: estimular a linguaxe oral na casa

A falar apréndese falando dende os primeiros meses de vida. A través da imitación os bebés descubren a lingua, aprenden as primeiras palabras e van poñendo nome o seu mundo.

A aprendizaxe da lingua oral realízase, en boa medida, na familia, sendo para os cativos todas as persoas do seu primeiro entorno, tanto a nai como o pai, a avoa e o avó como os irmáns, os primeiros modelo de uso de lingua oral.

O fogar, pois, é a primeira aula da linguaxe oral, razón pola que é moi importante que as persoas maiores cando falen cos nenos, xa dende os primeiros días, empreguen unha lingua clara o máis correcta posible, un vocabulario rico e variado, unha estrutura correcta e un ton axeitado.

Aos nenos e ás nenas hai que falarlles como se se tratase de personaxes dunha obra de Shakespeare, evitando amosarnos impacientes cando non os entendamos. Sempre é interesante preguntarlles formulando preguntas abertas, evitando que as respostas sexan sempre «si» ou «non».

O período de confinamento é unha oportunidade magnífica para estimular o emprego dunha linguaxe oral correcta e variada no entorno familiar. Ademais das actividades propostas polo centro, pode facerse noutras moitas cotiáns, como esoutras ou como as que recomenda Carlota González, mestra de AL:

1–. Compartir momentos de xogo: propostas de xogo simbólico, xogos de mesa, manualidades ou gravacións.

2–. Ler e contar contos: facerlles preguntas, propoñerlles que continúen a narración que iniciamos, mudar o comezo dun conto coñecido, dramatizar un conto, ler contos rimados, o que estimulará a súa conciencia fonolóxica e memoria oral…

3–. Cociñar en familia:a cociña é un espazo privilexiado para adquirir novo vocabulario, lendo as receitas, seguindo as súas instrucións, aprendendo o nome dos utensilios, dos alimentos ou dos diversos electrodomésticos…

4–. Hora da limpeza: unha actividade que fomenta a igualdade e a corresponsabilidade entre todos os membros da familia, mais tamén facilita a aprendizaxe de nomes e o seguimento de instrucións de determinados procesos.

5–. Poñemos a lavadora: outra actividade cotiá que permite o seguimento de instrucións e a aprendizaxe de vocabulario das prendas, dos produtos de limpeza como dos momentos do proceso (lavado, tendido, secado, pasar o ferro…).

6–. Cantar xuntos: aproveitando cancións populares e fórmulas do folclore oral (contos enumerativos, trabalinguas…).

Texto pubicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cederia.

Ler entre liñas: inferencias na comprensión lectora

Unha lectora competente é capaz de ler entre liñas, de extraer unha información que non aparece de forma literal no texto, sexa oral, escrito ou icónico, mais que a súa autoría pretende transmitir. Chamamos inferencia a esta habilidade de deducir a información oculta en calquera tipo de texto.

A inferencia obriga á persoa lectora a relacionar o que está lendo (vendo ou oíndo) co que xa sabe, razón pola que supón un nivel de comprensión que vai máis alá do recoñecemento do que figura de forma explícita no texto.

No caso da lectura esta habilidade para facer inferencias permitirá á lectora, entre outras accións, predicir resultados, entender o significado de palabras descoñecidas ou de secuencias lóxicas ou prever un final diferente dun texto narrativo. Utilizar esta habilidade inferencial permite un nivel de comprensión lectora elevado, o que chamamos lectura interpretativa.

Unha persoa que manexa esta habilidade de facer inferencias poderá localizar con maior facilidade os datos ou as ideas que o autor ou autora pretende transmitir, desvelar as claves do texto ou atopar mais dunha interpretación o significado para o que está lendo, vendo ou escoitando.

Como outras habilidades lectoras, é posible estimular dende idade temperá o traballo con interferencias, o que permitirá aos nenos e ás nenas realizalas de forma máis autónoma no futuro e utilizar esta estratexia cando se enfronte a calquera tipo de textos.

Para desenvolver esta habilidade lectora inferencial pode traballarse na escola ou no propio entorno familiar propoñemos unha ducia de actividades:

1–. Actividades interactivas de inferencias visuais.

2–. Xogos interactivos e autocorrectivos de verdade ou mentira.

3–. Actividades interactivas de inferencias lóxicas.

4–. Actividades para procurar pistas ou para detectalas a partir de textos breves.

5–. Actividades para completar frases con pistas.

6–. Actividades que supoñan asociación de textos.

7–. Actividades que obriguen a responder a preguntas inferenciais.

8–. Actividades audiovisuais para establecer inferencias.

9–. Que conto é?

10–. Actividades que supoñan completar oracións.

11–. Inferencias para traballar a comprensión lectora: Ulo?

12–. Realizar inferencias sobre textos breves.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Uso saudable das pantallas na corentena

A Unidade de Psicoloxía do Consumidor e do Usuario da Universidade de Santiago e diversas asociacións de loita contra as adiccións publicaron un decálogo de recomendacións sobre o uso saudable dos dispositivos dixitais e acceso ás redes sociais por parte das persoas adolescentes durante o período de corentena.

O confinamento é unha situación que intensifica o uso de dispositivos dixitais (móbiles, videoxogos, redes sociais…) por parte de todos os membros da familia, o que constitúe unha oportunidade para que na familia de asenten comportamentos do seu uso responsable.

Velaí un decálogo de orientacións para a corentena que poden axudar aos pais e nais nesa tarefa de educación responsable:

  1. Prediquemos co exemplo, o noso uso responsable dos dispositivos é o primeiro modelo para eles.
  2. As pantallas son os medios utilizados polas persoas adolescentes para comunicarse co seu mundo. A prohibición do seu uso non é unha estratexia, pero debemos establecer unha hixiene dixital, (normas e límites de utilización), segundo as idades.
  3. Esta hixiene dixital afecta a todos os membros da familia, tamén ás persoas maiores.
  4. É boa idea elaborar un horario compartido, no que figure o uso dos dispositivos, o que contribuirá a fomentar a autonomía e responsabilidade de cada membro da familia.
  5. O respecto a unha cota de intimidade e privacidade de cada membro, como a procura de acordos entre todos, non é incompatible, cando sexa necesario, con dicirlles que «non» aos menores.
  6. Este tempo na casa é unha oportunidade para reflexionar en familia sobre o uso dos dispositivos, a necesidade de respectar o decálogo da netiqueta e os nosos comportamento da rede, onde non todo vale.
  7. Procuremos que o seu ocio sexa rico e variado, polo que non está de máis coñecer o contidos dos seus videoxogos e actividades dixitais nas que participan.
  8. Acompañemos o seu uso das redes e videoxogos, pero evitando a ameaza e os ultimatums.
  9. Abramos un espazo de confianza onde eles sintan que tamén poden facelo. Con todo, se sospeitamos que algo grave pode estar sucedendo, debemos actuar.
  10. Consideremos este tempo como unha oportunidade da familia para educar, compartir, facer cousas extraordinarias, expresarse e mesmo equivocarnos.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Estratexias para mellorar a comprensión e velocidade lectoras

A lectura é un proceso de interacción entre o pensamento e a linguaxe escrita. Un proceso que obriga, en primeiro lugar, a recoñecer as letras, as palabras e as frases, e despois a captar os seus significados e a relacionalos con outros que xa posúe cada lectora.

Chamamos comprensión lectora (CL) ao proceso polo que cada lectora interactúa cos diversos tipos de textos escritos. Mais tamén entendemos por CL a habilidade de entender o que se le, tanto en referencia ao significado das palabras que forman un texto como con respecto á súa comprensión global.

Carecer desta habilidade de comprender o significado do que se le pode chegar a influír na adquisición doutras aprendizaxes, mesmo noutras materias como as matemáticas, xa que o alumnado con baixa CL terá máis dificultades para resolver problemas se non comprende o seu enunciado. Como tamén terá máis posibilidades de non ter interese pola lectura, xa que para estas persoas é unha actividade que lles provoca maiores dificultades de descodificación e asimilación.

A CL, ademais, está relacionada coa velocidade lectora (VL), o número de palabras lidas correctamente nun minuto, de xeito que as lectora máis veloces e fluídas (ademais de pronunciar ben e facer as entoacións e pausas axeitadas) xeralmente teñen un mellor nivel de comprensión.

Entendida a lectura como unha habilidade fundamental e necesaria para desenvolverse de forma efectiva na vida cotiá é imprescindible saber ler, ter a capacidade de comprender o lido e a habilidade de facelo de forma fluída (que non debemos identificala con facelo a correr).

Para conseguir este obxectivo, unha lectura fluída e comprensiva, centrada na identificación do sentido e das ideas principais de diversos tipos de textos, poden desenvolverse dende a escola e dende a propia familia diversas estratexias e actividades lectoras:

–. Actividades que permiten promover a lectura na aula, na biblioteca escolar e na propia casa dunha maneira divertida relacionando os textos co coñecemento previo.

–. Actividades de comprensión lectora con diversos tipos de textos, tanto literarios como informativos.

–. Probas de comprensión lectora baseadas nas estratexias de facerse preguntas ou realizar inferencias.

–. Probas de comprensión lectora baseadas na identificación de ideas importantes de diferentes tipos de textos.

–. Exercicios de velocidade lectora, como localización da palabra clave ou de mudanza de orde das palabras ou realización de actividades de lectura dinámica.

–. Actividades internivelares de lectura en parellas, baseada no programa de aprendizaxe entre iguais e de traballo cooperativo.

–. Actividades de comprensión lectora empregando os recursos de lectura fácil.

–. Participación nas actividades e retos da biblioteca escolar.

Texto publicado nas webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Avaliación, cualificación, promoción e repetición na Educación Primaria

Algunhas noticias aparecidas nos medios impresos e dixitais sobre as instrucións das autoridades educativas para regular no actual estado de alarma o final deste curso non foron o suficientemente precisas na utilización de termos como «avaliación», «cualificación», «promoción» ou «repetición».

Coa intención de contribuír a evitar confusións futuras, expoñemos como están regulados cada un deles na actual lexislación educativa.

1–. Avaliación

A Orde de 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado de educación primaria considera a avaliación como unha das dimensións do ensino e aprendizaxe integrada na actividade ordinaria da aula e do centro sendo, ademais, un referente para valorar o progreso do alumnado, a mellora continua do proceso educativo e a adopción de medidas de atención á diversidade.

–. A avaliación afecta tanto a valoración dos procesos e dos resultados de aprendizaxe do alumnado como do exercicio da práctica docente.

–. A avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado será continua e global, tendo en conta tanto o seu progreso en cada unha das áreas como na adquisición das competencias clave.

–. Na avaliación de aprendizaxes, procesos de ensinanza e da propia práctica docente utilizaranse os indicadores de logro contemplados nas programacións docentes.

–. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias e o logro de obxectivos de etapa en cada unha das áreas son os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe establecidos no Decreto 105/2014 do 4 de setembro pola que se establece o currículo de educación primaria.

–. Ao comezo de cada curso escolar realizarase unha avaliación inicial (avaliación diagnóstica) para obter información sobre o grao de desenvolvemento das competencias clave. Contarase cos informes anteriores e coa información proporcionada pola familia.

–. Na avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña autorizada unha adaptación curricular utilizaranse os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe establecidos en dita adaptación.

–. Ao longo de cada curso realizaranse polo menos tres sesións de avaliación nas que se valorará o nivel de rendemento do grupo e do alumnado e se adoptarán acordos en relación con eles.

2–. Cualificación

–. Os resultados da avaliación expresarán as valoracións negativas e positivas utilizando unha cualificación numérica nunha escala de un a dez.

–. Os resultados da avaliación das competencias clave reflectiranse na acta de avaliación final de cada curso expresándose nos termos de «Insuficiente (IN)«, para cualificacións negativas, e «Suficiente (SU)», «Ben (BE)», «Notable (NT)» ou «Sobresaliente (SB)», para as cualificacións positivas.

–. O profesorado titor informará por escrito destes resultados de cada unha destas sesións de avaliación aos proxenitores ou persoas que exerzan a titoría legal, así como da súa evolución académica e das medidas propostas para o reforzo e/ou recuperación. Cada centro adoptará o modelo de documento que considere máis axeitado para trasladar esta información.

3–. Promoción

–. O equipo docente do grupo decidirá de forma colexiada na sesión de avaliación final sobre a promoción do alumnado ao curso e etapa seguinte.

–. O alumno ou a alumna accederá ao curso ou á etapa seguinte sempre que se considere que logrou a progresión adecuada nos obxectivos de etapa e alcanzou o grao adecuado de adquisición das competencias correspondentes.

–. O alumnado que promocione de curso con algunha cualificación negativa debera seguir un plan específico de recuperación.

4–. Repetición

–. Cando un alumno ou unha alumna non promocione deberá permanecer un ano máis no mesmo curso (repetición).

–. A repetición considerase unha medida de carácter excepcional e tomarase tras esgotar o resto das medidas ordinarias de reforzo e apoio para resolver as dificultades de aprendizaxe do alumnado.

–. A repetición poderá adoptarse unha soa vez durante a etapa, oídos os proxenitores ou as persoas que exerzan a titoría legal.

–. A repetición deberá ir acompañada dun plan específico de reforzo ou recuperación e apoio a desenvolver no seguinte curso académico.

5–. Flexibilización

–. A escolarización en educación infantil ou en educación primaria poderá excepcionalmente aumentarse ou reducirse nun ano en función das NEE ou das altas capacidades do alumnado (Art. 17 do Decreto 229 /2011, do 7 de decembro polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia).

–. A flexibilización considérase unha medida extraordinaria de atención á diversidade e require conformidade dos proxenitores ou titores legais, informe do departamento de orientación, proposta de adaptación curricular, informe da inspección educativa e autorización da dirección territorial.

Texto publicado nas webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Pensando nas crianzas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para propoñer unha reflexión sobre o estado das crianzas na corentena:

As crianzas, os picariñas e as picariñas, os nenos e as nenas, os e as adolescentes, son as grandes esquecidas desta corentena. Hai máis dun mes que están pechadas hora tras hora nas súas casas –as menores de 15 anos son en España un colectivo de sete millóns de persoas, menos de trescentas mil en Galicia, máis de trinta mil en Vigo–, vivindo unha experiencia inédita, tanto para elas como para os seus proxenitores, que para unhas e outros será inesquecible e, como todas as vivencias de infancia, terán repercusións ao longo de toda a súa vida. Reclusión que sabemos é aínda máis incómoda e difícil naqueles domicilios cuxo tamaño reducido ou as condicións familiares non lles permite apenas moverse ou cando non dispoñen de ordenador ou conexión internet (entre o 10 % e o 15 % dos fogares), o que lles impide estar en contacto co profesorado e cos compañeiros do seu colexio. Dificultades que se multiplican para aquelas con diversidade funcional ou necesidades específicas de apoio educativo privadas de súbito do profesorado presencial (insubstituíble) cos que contaban nos seus centros educativos.

A pesar de que na pandemia non son unha poboación de risco, as crianzas forman parte do colectivo de persoas vulnerables que precisan máis atención e coidados. Necesidades e dereitos da infancia que nun exercicio desproporcionado de «adultocentrismo» foron suspendidos polo estado de alarma, quedando dende entón baixo a responsabilidade exclusiva e mellor entender dos seus proxenitores. Unhas condicións de confinamento que neste primeiro mes non tiveron en conta as necesidades vitais dos nenos e nenas como a de poder camiñar e moverse con certa liberdade gozando da luz natural e sol durante algún momento do día. Un exercicio psicomotriz que contribúe ao desenvolvemento óseo e neuronal, ao regulamento do ciclo do sono e da vixilia ou do control emocional. Condicións de reclusión que explican as dificultades que coñecemos de rapaces saturados de pantallas con dificultades estes días para prender o sono ou das súas mudanzas frecuentes de humor, irritabilidade, tristeza e melancolía cando vence o día, expresións emocionais do seu enfado e frustración por non poder saír dunha casa que pasou para eles de ser un espazo de refuxio a converterse nun espazo ameazador.

Sen menoscabo do respecto rigoroso do confinamento, non sería ningún disparate que os responsables científicos e políticos valorasen autorizar –como recomenda a Organización Mundial da Saúde e como xa sucede noutros países, como Francia, Suíza ou Alemaña– que os nenos e as nenas saísen cada día de modo ordenado a dar un paseo con algúns dos seus proxenitores cerca da súa casa mantendo a distancia social de seguridade. Sei que os rapaces e as rapazas, mesmo a cativada de infantil, debidamente orientada, son xeralmente persoas empáticas e razoables, ás que cando se lles pide e se lles explican as cousas e os seus perigos, colaboran de forma entusiasta e responsable. Modificar as nosas regras de confinamento pensando nas crianzas, como xa se fixo nos primeiros días do estado de alarma coas persoas con diversidade funcional, axudaría a fortalecer a saúde emocional das menores e a que elas asumiran a responsabilidade de xestionar o risco que se lles solicita. Mais e sobre todo ofrecería unha ollada máis inclusiva sobre a organización colectiva dos coidados as nosas criaturas, unha magnífica lección para a saída desta crise.

Reflexión semellante merece a organización do remate deste excepcional curso académico. Aínda que as aprendizaxes e cualificacións son fundamentais para o futuro dos escolares, nunha situación tan crítica como a actual non son o máis importante. E esa flexibilidade debe ser asumida polas autoridades educativas á hora da organización da fin de curso, na que os contidos curriculares e as cualificacións deben ser consideradas un requisito administrativo para pechalo. Un período no que o profesorado dentro das posibilidades coas que conta cada centro debe continuar asumindo que a súa prioridade é acompañar emocional e socialmente ao seu alumnado e a cada unha das familias, para que ningunha delas quede excluída e todas sintan o orgullo de formar parte da mesma comunidade educativa. Un acompañamento docente orientado a axudar a cada alumno a interpretar e expresar por medio de textos, debuxos ou gravacións esta vivencia traumática do confinamento e integrala así no relato das súas vidas, extraendo as ensinanzas positivas posibles. En definitiva, concibir o remate deste confinamento como unha situación excepcional na que se estreitan lazos familiares e a casa se transforma nun laboratorio de aprendizaxe onde descubrir cousas e compartir experiencias que contribúan a autonomía e o desenvolvemento persoal, sen dúbida, os contidos máis decisivos de calquera dos currículos. Pensemos nas crianzas.

Sete + unha propostas de lecer en familia

Tras tres semanas de confinamento na casa traballando en actividades escolares, esta é unha semana de descanso na que podemos privilexiar as activades de lecer en familia.

Cremos que sería unha boa idea que cada familia reserve un momento de cada unha das xornadas para que todos os seus membros compartan unha actividade de lecer.

Entre as moitas posibilidades existentes propoñemos

1–. Concerto de rock en familia: «Rokeando na casa con Pakolas» .

A gozar a tope, chimpar, choutar e bailar… vaia planazo, Rock con Pakolas (Paco Cerdeira) e todas as súas cancións de animais con cola (ou sen ela ;-p!)

Duración: 38 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

2–. Contacontos en familia: «Unha árbore misteriosa».

Espazo de contos para escoitar na casa durante a corentena aberto polo grupo Itinerantes do Vento.

«Dentro do edificio onde naceu a Árbore viven moitos personaxes, e se cadra aínda non os coñecemos todos. Cada un ten a súa propia maneira de ser, pero a curiosidade por saber da procedencia da semente é a mesma. Os que son máis curiosos queren saber que é o que hai alá arriba, no cumio da árbore. Así, os primeiros en gabear polo tronco son Matilde, Ton e Cósmico o gato, que viven a primeira das aventuras. A medida que o Vento vai contando historias, iremos descubrindo máis personaxes. Cantos serán?»

Duración de cada sesión: de 10 a 28 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

3–. Teatro en familia: «Rubicundo», peza de teatro dos Ghazafellos.

Obra teatral do grupo Ghazafellos, adaptación do libro Rubicundo de María Canosa, editado por Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. Forma parte das actividades de Afundación na Casa.

«Todas as noites Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara neste personaxe con gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás a curiosa e soñadora Erea, disposta a chegar ata o final daquel misterio.

Unha historia sobre a amizade, a constancia e a poesía que nos anima a perseguir os nosos soños sen límites nin distancias. Unha posta en escena chea de sorpresas que pasan pola música, os monicreques, a acrobacia e o claqué, entre outros».

Duración: 58 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

4–. Ciencia en familia: «Experiencias e experimentos para para entreterse na casa».

Propóñense 50 xogos sensoriais a realizar na casa con materiais habituais nos fogares: masa de sal, plastilina caseira, mestura de cores, arcodavella de densidades, correntes de azucre, ensartas macarróns, rescate de obxectos, volcán…

Duración: 60 minutos. Materiais habituais nos fogares.

5–. Lectura en familia: «Eu quedo na casa».

Un contiño de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván R., sobre a situación que se vive nas casas onde hai nenos e nenas durante os días de confinamento. Para ler na pantalla (formato issuu).

Duración: 10 minutos (aproximadamente). Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

6–. Cociña familia: «Facemos un roscón de pascua» coa receita de Bolboretas no bandullo.

Na semana dos roscóns de pascua, preparamos a nosa en familia. Pode seguirse algunha das receitas tradicionais ou a que nos proponen os blogueiros de Bolboretas no bandullo de cociña con crianzas.

Duración: unha tarde. Precísase fariña, manteiga, azucre, ovos, leite, fermento, sal e froitas cristalizadas para decorar.

7–. Cine en familia: «Tarde de cine»

Complétase a semana de lecer cunha tarde de cine. É importante que a escolla do título sexa un acordo de familia. Non está de máis consultar os títulos disponibles na televisión ou nalgunhas das plataformas audiovisuais.

Duración: 120 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

7 + 1–. CoronaHaking Laredo: «Atréveste a hacker o coronavirus con 1o retos STEAM?»

Atréveste a sacar a inventora que levas dentro? Actividades STEM para poder hackear os problemas do coronavirus na nosa vida diaria. Ciencia, tecnoloxía, matemáticas, enxeñería, imaxinación….todo vale…eres quen de hackear os nosos 10 retos o coronavirus?

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Beneficios da lectura na corentena

Durante estes días de corentena, a lectura de libros pode ser para crianzas e maiores unhas das mellores posibilidades para ocupar o tempo.

Certo é que as circunstancias do confinamento, a medida que pasan as semanas, fanse máis incómodas, o que pode provocar a aparición da ansiedade e do estrés. Como tamén o uso continuado e máis intenso do habitual de internet, da radio e da televisión pode provocar unha certa saturación informativa.

Segundo o Laboratorio Contemporáneo de Fomento da Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez a lectura sen interrupcións que ofrece un libro é un remedio eficaz para contrarrestar tanto a fatiga dixital, froito dunha interacción máis intensa do habitual nas redes sociais, como a sobrecarga dixital vinculada ao «medo a perderse algo» acentuado en situacións como a da pandemia do COVID-19. Noutras palabras, a lectura de libros neste período de corentena é un factor de equilibrio entre fatiga dixital e infoxicación.

As investigacións recentes sinalan outros beneficios da lectura de libros a aquelas persoas que non poden saír da casa:

1–. A lectura de libros axuda a desconectar e a combater o aburrimento. Unha forma de saír da monotonía, de evasión momentánea.

2–. Os libros son excelentes compañeiros de vida. Os libros fan que non nos sintamos soas. A lectura facilita sentirnos persoas acompañadas, entretidas e mesmo entendidas.

3–. A lectura de libros crea vínculos con persoas achegadas ou que compartan inquietudes. A lectura é un acto individual que cando remata convida a ser compartida na familia ou de forma colectiva nas redes sociais.

4–. A lectura de libros activa a memoria e a concentración e favorece a capacidade de pensamento crítico e razoamento.

5–. A lectura de libros prevén o estrés e combate o insomnio. A lectura pode ser un antídoto contra a ansiedade provocada polo confinamento, xa que favorece a relaxación e desvía a atención cara outros temas e lugares.

Beneficios da lectura de libros na corentena que se engaden a outros que nun está demais lembrar, como actividade clave no desenvolvemento educacional, persoal e emocional das persoas.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

 

Pautas para reducir o impacto psicolóxico do confinamento

O SERGAS, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, publicou onte un valioso documento que ten por obxectivo proporcionar á poboación ferramentas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento por Coronavirus.

Polo seu interese resumimos tanto as recomendacións xerais como aqueloutras especificas para persoas con diversidade funcional e para os nenos e nenas.

Recomendacións xerais

1–. Ter claro o motivo do confinamento: impedir a expansión do virus, ademais de coidar de nós mesmos, da nosa familia, da nosa veciñanza e da nosa comunidade.

2–. Todos e todas sentimos a incerteza de non saber canto tempo durará o confinamento nin o que pasará despois, o que pode provocar certa angustia, agobio ou menos de máis ou menos intensidade.

3–. Necesitamos información suficiente e veraz de fontes oficiais. Ollo aos bulos que poden crearnos máis angustia.

4–. A familia debe acordar que espazos e que tempos se van a compartir e cales se van a reservar a cada membro para estar a soas.

5–. Utilizar os medios de comunicación dispoñibles para manter o contacto coas persoas queridas que non conviven con nós.

6– O confinamento é unha oportunidade para facer esas cousas que non faciamos «porque non tiñamos tempo».

7–. Atendamos ao noso propio coidado como o das persoas coas que convivimos no que atinxe a realizar actividade, respectar unha dieta equilibrada, vestiario, rutinas horarias… Non esquezamos o coidado das persoas da nosa comunidade.

Recomendacións a persoas con diversidade funcional

1–. Explicarlles de forma clara e sinxela a situación que estamos vivindo e as razóns polas que debemos mudar algunhas rutinas. Lembrarllo, se fose necesario, evitando dar información que incremente os seus medos ou preocupacións.

2–. Atender aos seus posibles cambios no seu comportamento (enfado, agresividade, rabia, axitación…). Facilitar a expresión das súas emocións. Escoitar e tranquilizar e, se fose necesario, solicitar axuda a profesionais da saúde.

3–. Manter os mesmos horarios e rutinas habituais, ademais de ensinarlles a respectar as recomendacións de coidado e hixiene para protexerse do virus.

4–. En caso de necesidade saber que poden saír á rúa acompañados, ao abeiro do disposto no artigo 7 do RD 463/2020 de 14 de marzo.

Recomendacións a nenos e nenas

1–. Preguntémoslles o que saben e o que lles preocupa do que está pasando.

2–. Debemos dicirlles sempre a verdade e adaptar as explicacións a súa idade.

3–. Cando teñan algunha dúbida que non sabemos responder ou que creamos que facelo pode angustialos, recoñecer que as persoas adultas non o sabemos todo.

4–. Saber que o malestar das crianzas é esperable e que se pode expresar a través de sensacións corporais (malestar físico, falta de apetito, nerviosismo….), medos (a contaxiarse eles ou algún membro da familia), expresións de sentimentos de ira, enfado ou celos, dificultades para conciliar o sono…

5–. Recoñecer as súas preocupacións para poder darlles unha resposta tranquilizadora, mantendo a calma e transmitíndolle confianza.

6–. Recoñecer con paciencia o posible malestar das persoas adolescentes axudándoas a canalizar os seus posibles enfados.

Reflexións finais

1– Ser realistas: a situación pode durar máis do que se espera.

2–. O humor é unha vía de saída diante do malestar e a incerteza.

3–. Asumir que é o que depende de nós: cumprir as medidas, planificar o que facemos, xestionar o que sentimos.

4–. Identificar e agradecer as pequenas cousas das que podemos gozar.

5–. Tratar de descubrir «o bo do malo».

6–. Coidémonos!

O documento completo pode descargarse aquí.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.