Espolio para Galicia

No artigo da semana de Faro de Vigo alerto sobre o futuro moi incerto da Fundación Novacaixgalicia.

A liquidación das caixas de aforros galegas é un dos temas que maior indignación e perplexidade cidadá provoca. Con todo o que choveu, xa é imposible negar o rotundo fracaso da operación de fusión, auspiciada pola Xunta de Galicia e tutelada polo seu presidente Alberto Núñez Feijoo, no marco do proceso de reestruturación e centralización do mapa do sector financeiro español reducido a catro ou cinco grandes bancos, onde non ten cabida unha entidade galega, a pesar de contar co 40% da cota do seu mercado e supoñer a súa actividade o 10% do PIB da nosa comunidade.

Como é imposible negar a responsabilidade dos grandes directivos (con soldos desorbitados e xubilacións millonarias) das dúas caixas, que conduciron (algúns durante décadas e de forma personalista) ás institucións á semellante desfeita, na que se leva reducido o cadro de persoal case nun sesenta por cento e na que se anuncia o despido doutras 2.500 persoas. Como é imposible non recoñecer un escándalo na estafa monumental das participacións preferentes e subordinadas, que poden arruinar a máis de 90.000 aforradores galegos, a pesar de contar coa defensa do Fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do apoio cidadán nas súas mobilizacións. Como é xa moi difícil aventurar outro escenario para o futuro do banco hoxe nacionalizado que non sexa o de ser adquirido a prezo de ganga por unha das entidades sobreviventes para transformalo na súa franquicia no mercado galego.

Se todo o anterior non abondase, o colofón de semellante desfeita púxoo o recente anuncio do FROB (institución controlada polo Banco de España e o Ministerio de Economía) de que “o valor económico de Novagalicia Banco dá un resultado negativo de -3.091 millóns de euros”, colocando á Fundación Novacaixagalicia ao bordo do abismo. A entidade que xestiona a obra social e cultural das caixas, até agora propietaria do 6,84 % de NCG Banco, no momento no que o banco reciba “a inxección de 5.425 millóns de euros” do estado, procedentes do rescate solicitado á Comisión Europea, perderá toda a súa participación na entidade e a partir de 2014 quedará á intemperie sen posibilidade de recibir dividendo ningún para o seu funcionamento. Sucederálles outrosí aos setenta accionistas privados galegos que de forma testemuñal entraron a formar parte do capital fundacional de NCG Banco. Falando en prata, se un milagre non o remedia, tras 132 anos desaparecerá a caixa de aforros que fundou o 15 de xaneiro de 1880 o primeiro conde de Torrecedeira e o concello de Vigo. Confirmaríase así un auténtico espolio para Galicia, que no proceso de remodelación financeira perdería tanto as súas entidades (alá foi tamén o Banco Pastor) coma a súa máis importante entidade sociocultural.

Neste contexto, non se pode minusvalorar de xeito ningún a trascedencia do labor social, asistencial, solidario, educativo e cultural dunha entidade como a Fundación Novacaixagalicia que no ano 2008 chegou a dispoñer para a realización do programa das súas actividades dun orzamento de 146 millóns de euros, cantidade reducida a 35 millóns en 2012. Quen aínda teña dúbidas a este respecto, aconsello que compare estas cifras coas partidas dos orzamentos da Xunta de Galicia ou do Goberno de España para finalidades semellantes.

Co escenario deseñado polos responsables do FROB para Novacaixagalicia agóirase un panorama desolador: a desaparición dos programas para maiores e dependentes e o peche dunha rede de vinte centros asistenciais, de catro bibliotecas públicas especializadas, ademais de media ducia de escolas infantís, tres grandes centros de formación profesional e media ducia de centros de formación empresarial (incluída a Escola de Negocios da avenida de Madrid). Outrosí é probabe que suceda coa rede de centros sociais e culturais, que ofrecen unha programación de referencia no eido das artes plásticas, da música e do teatro. Sen esquecer os programas de bolsas universitarias no estranxeiro ou de iniciación profesional, os programas de apoio directo ao voluntariado e ás organización non gobernamentais, vitais nun momento coma o actual no que a desigualdade medrou en Galicia á mesma velocidade de vertixe ca precarización e o desemprego. Por non falar da incerteza que neste contexto provoca o destino que poida ter a colección de Arte de Caixanova, parte do patrimonio galego, ou o futuro dos edificios emblemáticos da fundación nas diversas cidades.

A desaparición da Fundación Novacaixagalicia, un patrimonio construído co aforro de varias xeracións de galegos e galegas, constituiría unha catástrofe para Galicia da que non temos precedentes, un tsunami social e cultural diante do que non pode permanecer máis tempo indiferente e conformista o actual Goberno Galego e o seu presidente.

Onte 465: Cota de mercado do libro galego

Dediquei a tarde a estudar os datos do informe de Comercio Interior do Libro en Galicia 2011, que presentamos esta mañá xunto ao Secretario Xeral de Cultura. Tempo haberá para comentar devagariño os datos dun traballo que ofrece unha radiografía bastante fiable do estado do sector da edición en Galicia e en galego no último lustro. Con todo, adianto apenas dúas cifras que me pareceron moi significativas: as vendas do libro editado polos editores galegos supuxeron en 2011 o 16,1% do mercado galego (27,16 millóns de euros); mentres que para o libro en galego foron do 13,1% (21,43 millóns de euros). Eis as dúas cotas do noso mercado. Dá moito que pensar.

Onte 447: Nin caixa nin banco

Non hai volta, fracasou o proxecto, non haberá nin caixa nin banco galego. Despois de despedir a 2.500 persoas, tras recibir máis de sete mil millóns de cartos públicos (FROB e rescate europeo incluídos), tras realizar unha quita de preferentes e subordinadas de entre o 30 % e o 70 %, en definitiva, tras ser convenientemente estilizadas, o que foron as caixas galegas transformaranse en franquicia comercial no noso país dun dos grupos bancarios españois. A posibilidade dunha entidade financeira galega (pública ou privada) quedou en augas de bacallao. Quizais outro fracaso de Galicia, que ameaza con extinguirse como entidade política. O máis probable é que fose un acordo entre o Goberno de Rajoy e a Comisión Europea, representada por Joaquín Almunia, o que decidise manter como entidade a Bankia e vender ou liquidar (nun prazo de cinco anos) a Novagalicia banco. Estes responsables deberían das explicacións que xustificasen a diferente vara de medir nun e noutro caso.

Onte 445: Folga branca

As once mil explotacións leiteiras do país deixarán de facer entregas aos seus distribuidores. A partir da primeira hora de hoxe, seis millóns de litros de leite tiraranse cada día en Galicia, unha produción valorada en máis de dous millóns de euros, que supón o 38 % da produción do estado. Unha medida extrema, dramática, sen precedentes, a máis dura da historia dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo feito de ocupar a 65.000 persoas, entre empregos directos e indirectos, o que a convertiría na primeira empresa do país, como polo de constituír un eixo de vertebración do territorio da Galicia rural. Esta inédita folga branca só pretende acadar que o prezo de compra dun litro de leite galego non estea 3 ou 4 céntimos por baixo do que se paga noutras comunidades e, o que é moito máis grave, que non estea por debaixo do seu custo de produción, como sucede na actualidade. É unha reivindicación xusta, defendida en man común polos tres sindicatos agrarios, que merece o apoio de toda a cidadanía e do Parlamento de Galicia que inicia hoxe a sesión de investidura do presidente da Xunta. Eu estou cos gandeiros en loita por acadar un prezo digno para o  leite de noso.

Onte 433: Vigo non defrauda

Sen caer na absurda guerra de cifras sobre o seguimento da folga xeral, é indiscutible que a megamanifestación unitaria de onte foi unha das máis importantes que se celebraron en Vigo nos últimos anos. O músculo cívico vigués expresou de forma unánime e serena a súa indignación polas políticas de recortes e austericidade dos Goberno de Rajoy e Feijoo, que provocan máis paro e decrecemento económico. Ademais, a cidadanía viguesa entendeu que é a sintaxe da unidade sindical e dos partidos da esquerda a única posible para escribir este difícil parágrafo da saída da crise. Como tuiteou onte Calveiro «Vigo non defrauda», o seu corazón cívico continúa latexando. Estamos vivos.

Onte 430: Suicidio

Rajoy e Rubalcaba están moi preocupados polas consecuencias que puidesen ter os suicidios provocados pola onda de desafiuzamentos. O caso de Amaia Egaña semella que disparou todas as alarmas. PP e PSOE temen que nunha situación límite deste tipo puidese transformarse na faísca que provocase un conflito social incontrolable, como sucedeu en Túnez, onde se iniciaron así as revoltas árabes. A pesar de que a moratoria inmediata dos desafiuzamentos é socialmente imprescindible e non admite demora, sabemos que a cerna destas traxedias está no aumento da desigualdade provocada polas políticas de recortes e austeridade capaces de xerar cifras brutais de parados, boa parte deles xa sen prestación ningunha, e a ruína dos servizos públicos de sanidade, educación e dependencia. Cando non existe o amparo familiar, estas situacións volvénse aínda máis desesperadas podendo superar as marxes da resistencia dalgunhas persoas. Convén non esquecelo.

Onte 426: Alivio Obama

Non vou escribir un panexírico de Barack Obama, mais a pesar do que el mesmo denomina “frustracións de Whasington” resultou un alivio a súa reeleción. Máis alá das azucaradas confesións familiares e as “inevitables” apelacións chovinistas á hexemonía da nación americana, Obama recuperou na súa primeira ( e espectacular) intervención da noite da reelección algúns elementos interesantes do discurso de rexeneración democrática, baseado na reivindicación dos valores da palabra e do compromiso moral na acción política cidadá. A pesar das presións dos lobies, é interesante a súa defensa do valor da educación e da innovación tecnolóxica, como tamén o é o seu programa de activación económica e de loita polo emprego (nun país cunha taxa de paro do 7,8 %); como, se apuramos moito a análise, algunhas medidas da súa política fiscal, que incrementará os tipos para as rendas máis elevadas. Medidas todas elas que para nós quixeramos, nun noso país onde con honrosas excepcións o valor da política quedou tan devaluado polo conformismo das políticas de recortes e austericidades. Sei que non podemos agardar marabillas de Obama, mais é indubidable que a súa reelección introduce sequera unha raioliña de esperanza entre o abafante conservadorismo que padecemos.

Onte 424: Desafiuzamentos

Na tertulia da noite da Radio Galega debatemos, entre outros temas, sobre o aumento do paro (en Galicia xa preto da incrible cifra das 300.000 persoas) e da inxustiza dos desafiuzamentos que afecta a case 80.000 familias. Dúas situacións dramáticas que caracterizan o momento actual no que aumenta a desigualdade social e a precariedade dos máis humildes a velocidade de vertixe. É moi difícil crer que cada día se produzan en España 500 desafiuzamentos (unha ducia deles no partido xudicial de Vigo) xusto cando a banca recibíu cartos a moreas para o rescate dos seus fallidos inmobiliarios, que paga toda a cidadanía a prezo de ouro cos recortes salariais, os ERES, a reforma laboral e todas outras políticas de “austeridade selectiva”. Un sarcasmo! Non abonda que o goberno prometa que presentará no Parlamento unha nova lei hipotecaria, que agardamos recoñeza a dación en pagamento. Precísase unha vontade política firme que impoña xa unha moratoria nestes desafiuzamentos e remate cos abusos tan evidentes da banca, tanto da que xa recibíu cartos públicos como aqueloutra que impón taxas elevadísimas a súa clientela.

Onte 403: Hemorraxia demográfica

Os datos publicados polo INE amosan que Galicia non é capaz de conter unha hemorraxia demográfica que sitúa o seu futuro no abismo. Galicia conta hoxe con  2.720.243 habitantes, unha cifra inferior en 18.000 a de hai catro anos, o último no que medrou a súa poboación. No pasado ano perdeu 12.258 habitantes (30 cada día), sendo 13.232 o número de persoas que emigraron (36 cada día) a algunha outra comunidade española ou ao estranxeiro. Proceso emigratorio moi acentuado no segmento xuvenil da poboación, o situado entre os 20 e os 34 anos, no que acada porcentaxes alarmantes, que La Voz de Galicia estima en 70 mozos por día. Un país, sometido á dieta conformista, non ofrece oportunidades para as persoas máis novas e emprendedoras. Galicia volve ser un país emigrante. A xeración mellor formada da nosa historia colle a maleta e vaise. Desolador e desacougante. Indigna que este problema fulcral non centre os debates da campaña electoral nin sequera forme parte da axenda pública galega. Moi mal imos.