Un proxecto para Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre os males que sofre Vigo e a súa área metropolitana, as portas ca concentración en defensa de Peinador convocada polo alcalde Abel Caballero.

Coa chegada do verán é aínda máis doado comprobar o estado agonizante do aeroporto de Peinador, pola perda de frecuencias, a deteriorización da calidade dos seus servizos e o incremento do prezo dos billetes. Incapaz de competir coas axudas públicas que reciben algunhas das compañías que operan nas terminais da súa contorna, tanto as galegas (Alvedro e Lavacolla) como a portuguesa (Sa Carneiro), o aeroporto vigués no último ano, coa perda do 15% dos seus usuarios e o 50% das súas mercadorías, retrocede a cifras de tráfico de hai máis dunha década.

Unha situación aeroportuaria agravada pola falta dunha alternativa ferroviaria competitiva que permita ao máis do medio millón de persoas da área metropolitana viguesa viaxar fóra da nosa comunidade nunhas condicións de prezo, tempo e comodidade atractivas. Como a pasada semana puiden comprobar en carne propia, o novo traxecto de mañán do tren Alvia a Chamartín leva sete (longas) horas (con máis de media hora de atraso sobre o horario previsto), mentres o tren-hotel nocturno supera as nove horas e media. Sen esquecer que en calquera destas dúas alternativas a duración do traxecto entre Vigo e Ourense supera as dúas horas. Viaxes interminables, agotadoras, moi dificilmente recomendables para utilizar na actividade laboral ou como alternativa de interconexión con outros traxectos.

Hai razóns abondas, polo tanto, para a indignación da cidadanía viguesa sobre a situación do seu aeroporto, como é doado comprender o chamamento para manifestala que o alcalde e o seu equipo de goberno realizaron convocando unha concentración na Porta do Sol no serán do vindeiro mércores.

Mais non seriamos xustos se considerásemos a precariedade de Peinador como o primeiro problema da nosa área metropolitana e o chamamento do goberno municipal vigués como unha iniciativa política inocente. Peinador é apenas un síntoma dunha doenza máis grave (e dolorosa), a da falta dun proxecto estratéxico vertebrador de Vigo e a súa área metropolitana, no marco de Galicia, do noroeste peninsular e da fachada atlántica europea. Unha carencia, que arrastramos ao longo das tres últimas décadas, á que non é allea nin o escasísimo peso da clase política viguesa en cada un dos seus partidos nin a ausencia de modelos estables de xestión e liderado das principais institucións metropolitanas e municipais. Cómpre recoñecer de vez que Vigo ten dificultade de traducir o dinamismo e as iniciativas dos seus empresarios e traballadores (nos sectores máis diversos, dende os industriais, até os comerciais, artísticos e culturais) en proxectos e liderados políticos facilitadores e estruturantes. Un problema que ten moito que ver co fracaso das súas elites e a carencia de institucións facilitadoras do encontro e da confrontación cívica. Peinador agoniza e o porto de Vigo perde tráficos (mesmo de cruceiros, que gaña o porto da Coruña) e a súa posibilidade de ser declarado porto nodal europeo, a consecuencia da falta dun plan integral de transportes, unha desas políticas estratéxicas, deseñadas a longo prazo e compartidas por unha ampla maioría política e social. Úrxenos contar cun mapa estrátexico para integrar o territorio galego, ás principais infraestruturas e a reforma das nosas administracións e servizos públicos. Eis a cerna de boa parte das nosas doenzas.

O primeiro problema da área metropolitana é o desemprego, que xa afecta a unha de cada catro persoas. Como a primeira angueira de toda a nosa clase política e das nosas forzas sociais  e colectivos veciñais ten que ser agora como facerlle fronte á crise do sector naval, ameazado de morte pola aplicación da tax-lease, que supoñería a súa liquidación definitiva. Como tampouco debería ser menor o seu interese por contribuír a procurar unha saída para Pescanova, a nosa primeira empresa transnacional, como para achegar unha saída xusta para os milleiros de preferentistas estafados no seu día pola caixa de aforros.

Co Partido Popular de Vigo sen candidatura para o Campo o de Granada, pagando en Santiago e na Coruña ás subvencións millonarias que non quere para o aeroporto de Vigo; co BNG automarxinado e fanado na súa iniciativa municipal polo seu apoio orzamentario, a ninguén pode estrañar que Abel Caballero, cómodo e en solitario, mobilice a indignación cidadán procurando, coma nun xogada de billar a tres bandas, a carambola da soñada maioría absoluta. No entanto, sexa cal fose a saída ao problema do Peinador agonizante –descoñecemos as alternativas de cada un dos partidos, máis alá  da posibilidade de pagar ás compañías a fondo perdido (o que non semella moi xusto), o Vigo (necesariamente metropolitano) debe recuperar o seu proxecto estratéxico. Mentres non o faga, temo que continuaremos mesturando allos con bugallos.

Onte 643: Matarte lentamente

Nesta crise magoante a realidade vai detrás da ficción, ou a literatura diante da vida, que ven sendo algo semellante. Penseino onte cando lin devagariño a noticia tremenda do suicidio de U.P.B., un xubilado de 82 anos afectado pola estafa das participacións subordinadas de NGB. Penseino cando lembrei unha das historias relatadas por Diego Ameixeiras en Matarte lentamente, a súa próxima novela (en novembro estará nas librarías), precisamente aquela na que se suicidan unha parella de preferentistas xubilados e na que o seu fillo irado artella unha terrible vinganza. Tras a lectura do manuscrito, cando chamei a Ameixeiras comentamos, o que é a vida, este caso dos preferentistas e agoiramos que algún día podería producirse. Agora, apenas un mes despois, a realidade fixo máis verosímil a primeira parte da ficción. Malditos especuladores!

Onte 626: Porto Cabral

Non é doado xustificar a oportunidade do macroproxecto de centro comercial e de lecer de Porto Cabral promovido no concello de Vigo polo fondo de investimentos  Eurofund Investments en joint venture coa empresa británica INTU especializada en shopping resort. Nin os tres mil empregos prometidos na súa construción e apertura nin os 18 millóns de euros que a Comunidade de Montes de Cabral recibiría polos terreos nin sequera os 15 millóns en cargas que supoñería para as fracas arcas municipais semellan argumentos suficientes para avalar semellante proxecto.

É innegable que o proxecto de Liñeiriños arruinaría para sempre unha parte da coroa vexetal que protexe a cidade de Vigo, en concreto medio millón de metros cadrados, dos que 300.000 son de propiedade veciñal. Non é crible o número de traballos prometidos polos promotores, como xa sucedeu na construción do hospital de Valadares, hoxe un elefante branco, sendo pola contra un agravante a destrución de empregos (estimada en 6.000) que provocaría no tecido do pequeno comercio vigués, tanto no do centro coma no de todos os barrios. Como é unha evidencia para a cidadanía viguesa o fracaso de todos os novos centros comerciais, convertidos inicialmente ( a Laxe) ou reconvertidos en macroximnasios (Praza Elíptica), así como a inevitable saturación que se producirá cando sexan inaugurados os dous que están en construción no Calvario (no que foi o edificio Bandeira) e na nova estación do AVE en Urzaiz. Saturación que xa se produciu noutras cidades galegas coma a Coruña, nas que agoniza Dolce Vita e o macrocentro Marineda, a pesar de contar con motores como IKEA e El Corte Inglés, só funciona con auténtico pulo os sábados e cando abre os domingos.

Con todo, máis alá dos argumentos de oportunidade e sostibilidade económica e medioambiental, a cerna do macroproxecto de Porto Cabral está na desafortunada clasificación que dos terreos forestais de Liñeiriños fixo o PXOM de Vigo, que dende a súa aprobación pasaron a ser urbanizables. Unha cualificación da que son responsables todas as forzas políticas que avalaron o documento urbanístico, probablemente asumindo os beneficios que esta actuación supoñeria para o financiamento público doutros desenvolvementos previstos no PXOM, como a Cidade do Deporte de Valadares, a apertura da nova (e polémica) Ronda de Vigo, entre a avenida de de Buenos Aires e o concello de Nigrán, como a recuperación do bosque de Cotogrande. Non obstante, non deixa de ser unha coincidencia moi chamativa que o arquitecto responsable da Xerencia de Urbanismo durante os mandatos de Castrillo, Pérez Mariño e Porro, un dos redactores máis destacados do PXOM, sexa agora o asesor técnico dos promotores de Porto Cabral.

A pesar da protesta cidadá e da resistencia que o proxecto está recibindo dunha parte dos comuneiros de Cabral, a pesar da oposición unánime das tres centrais sindicais e (só) dos partidos de esquerda, a pesar das inequívocas mostras de agotamento destes templos do consumo compulsivo en tempos de crise e desemprego elevadísimo (máis de 50.000 persoas na área metropolitana viguesa), non vai ser ser doado paralizar un proxecto sobre o que se moven fíos moi poderosos e un investimento estimado unha veces en 500 millóns de euros (para entendernos, máis do que se leva enterrado na Cidade da Cultura) e noutras até en 1.300 millóns, un baile de cifras (total que son 800 millóns de euros) que dá aínda máis para desconfiar sobre a fiabilidade do proxecto e dos seus promotores. Sexa coma fose, outra vez, David contra Goliat!

Onte 614: ILP Valentín Paz Andrade

Levei unha alegría cando souben da aprobación por unanimidade do Parlamento Galego da toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade. O ensino preferente da lingua portuguesa no noso sistema educativo non universitario e a promoción da nosa lingua na lusofonia e da cultura portuguesa en Galicia supoñen un feito histórico. Lembrei de contado ao meu amigo Nelson de Matos, que vive uns momentos moi díficiles. Nelson, o editor portugués que máis se ten preocupado pola literatura galega actual (publicou a Rivas, Fernández Paz e Rosa Aneiros, entre outros autores e autoras de noso), adoita definir a relación entre Galicia e Portugal coma a de «dous irmáns virados de costas». A partir da aprobación desta iniciativa política, os irmáns deben recoñecerse de fronte colléndose das mans para percorrer un camiño compartido. Non hai dúbida que dentro da estratexia de proxección exterior da cultura e da economía galega os espazos da lusofonía (tanto o peninsular, Brasil, coma os territorios africanos) constitúen os nosos obxectivos preferentes. Outrosí sucede coa comunicación, transferencia e colaboración coa industria cultural lusófona (cinema, televisión, literatura, música…) onde tamén deberiamos atopar os nosos primeiros parceiros. Parabéns a Morell e ao resto dos promotores duna iniciativa política e económica que abre unha xanela de esperanza para Galicia.

Onte 571: Cotas para o libro galego

Preparando un amplo informe sobre o estado da edición en galego e o plan estratéxico para o sector do libro, que se publicará no vindeiro número da revista Tempos Novos, elaborei novos datos sobre vendas e achei as cifras da cota do libro galego en 2011.

O número de exemplares vendidos polos editores privados galegos foi de 1.949.256, sendo o número dos vendidos en galego de 1.534.409, unha cantidade moi considerable. O prezo medio por exemplar dos libros editados en galego foi de 13,97 €.

No caso do libro editado en Galicia, cuxa facturación total foi  no ano 2011 de 27,17 millóns €,  estímase que as vendas no mercado interior galego foron de 25,78 millóns de € (94,9%), o que supón unha cota de mercado sobre o total do libro en Galicia do 16,1%. No caso do libro en galego, que facturou 21,43 millóns €, estímase que as vendas en Galicia foron de 21,00 millóns de € (98,00%), o que supón unha cota de mercado en Galicia dun 13,02 %. En ambos os dous casos as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 55,2 % (14,28 millóns de €) no primeiro caso e nun 56,2 % (11,80 millóns de €) no do libro en galego.

Estas porcentaxes debería servir de referentes para artellar novas políticas de promoción e visibilización do libro en galego nas librarías, desde a súa presenza nas mesas de novidades e escaparates das librarías, coma na oferta das casetas das feiras do libro que comezarán en Ferrol neste mes de abril. Propoño que toda a rede libreira galega respecte que por cada tres libros en castelán se ofreza na mesa de novidades ou se expoña no escaparate outro en galego. Creo que é unha medida xusta, o mínimo ao que debemos aspirar, acorde coa cota de mercado real do libro galego e coa acción positiva que precisa a edición na nosa lingua.

Onte 543: Pescanova



O pasado ano con motivo da homenaxe a Valentín Paz Andrade lembrouse en diversas ocasións como en 1961 zarparon de Vigo o Lemos e o Andrade, os dous primeiros arrastreiros conxeladores do mundo. Poñíase en marcha o proxecto de Pescanova, a que se convertería na primeira empresa transnacional galega e, despois de cincuenta anos, unha das dez primeiras empresas pesqueiras do mundo especializada na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar. Porén, as cousas non pintan ben para a empresa creada polos Fernández. A noticia do seu preconcurso de acreedores, motivada pola súa elevada débeda bancaria e a posterior perda dun 60% do valor das súas accións pon en perigo o control galego desta empresa estratéxica para o país. Unha situación á que non é allea a debacle das nosas caixas, xa que foi decote Caixa Galicia quen refinanciaba a débeda da empresa, como no proceso da súa bancarización se eavaporaron os paquetes de accións dunha empresa que continúa dando beneficios e aumentando a súa facturación. Non é descartable que unha situación de fraxilidade da cotización coma a actual puidese ser aproveitada para que algúns falcóns se fixesen a moi bo prezo cunha empresa que conta con 10.500 traballadores en todo o mundo. Outra noticia moi preocupante para os intereses de Galicia. O seu futuro é unha cuestión de fe?

Onte 521: «Como salir de esta»

Aproveitando a fin de semana, completei a lectura de Como salir de esta, o magnífico ensaio sobre a crise económica en España do xornalista José Luis Gómez, editado por Actualia, un selo da editorial coruñesa Netbiblo do editor Carlos Iglesias. Aprendín unha barbaridade con este libro de divulgación económica escrito con prosa xornalística e espírito didáctico da mellor escola. Máis de duascentas páxinas trepidantes nas que se radiografía con claridade esta crise de débeda (sobre todo privada) á que se lle impuxo como mellor receita unha devaluación interna baseada nos tres principios da axenda alemá para España: «impostos máis altos, salarios máis baixos e moito desemprego».

O diagnóstico de Gómez afonda sobre os efectos das políticas de consolidación fiscal (o eufemismo técnico dos «recortes» dos servizos públicos, definidos aquí como «austericidade»)  que están provocando un aumento da desigualdade e da pobreza até os límites da exclusión social que ameaza a máis de once millóns de persoas. Crise que para o autor chantou raíces no modelo produtivo da burbulla inmobiliaria dos anos noventa do século pasado e nas dificultades actuais de crecemento, competitividade e produtividade do conxunto da economía española. A pesar de que Gómez non é un gurú nin falta que lle fai, arrisca enxergando unha saída para a crise baseada na corresponsabilidade, na equidade social e no rigor das politicas fiscais. Consciente que coa austeridade non abonda, propón políticas de crecemento inseridas nun plan de reformas en profundidade e ao longo prazo, no que é indispensable a implicación dos axentes sociais, destinadas a potenciar a produtividade e aumentar a competitividade. Para saír da crise precísase producir e exportar máis, realizando unha aposta decidida pola economía produtiva como camiño de creación de emprego. Gómez aposta, ademais, por un reforma profunda das administracións públicas e por unha nova política fiscal que grave as transacións financeiras, aplique máis impostos aos máis ricos e, sobre todo, combata a economía somerxida.

Mención á parte merece a coidada escrita dun texto concibido coma un complexo mosaico informativo, capaz de integrar datos, gráficos, reflexións e testemuñas moi diversas de economistas, xornalístas e políticos, ademais das moi escollidas citas literarias coas que o autor adoita pechar algúns dos parágrafos máis argumentativos e cada un dos capítulos. Un acerto! Un libro que aproveitei moito e recomendo vivamente. Parabéns para o autor e para os editores.

Onte 515: O colapso do capitalismo financeiro

É para min unha honra poder presentarlles a Óscar Scopa, editor, escritor, filósofo, sociólogo da moda, profesor do “Máster de Comunicación de Moda y Belleza” da Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente vive en Cangas do Morrazo, razón pola que é un novo veciño da área metropolitana viguesa, a quen recibimos co maior agarimo. Scopa é autor de varios libros de ensaio como Cavas y miñangos (1985), Fachada (1986), Camporégano (1997) e Nostálgicos de aristocracia. El siglo XX a través de la moda, el arte y la sociedad (2005). En 2000 preparou o monográfico Vogue España. 100 años de moda. É un dos investigadores sociais máis recoñecidos en España no eido da socioloxía da moda e da arte. No pasado mes de abril publicou o seu libro máis recente El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis) onde propón unha lectura satírica, orixinal e moi clarificadora do que popularmente entendemos por crise, para el o colapso do proceso de acumulación de capital fantasma máis desaforado que poidamos lembrar na historia do capitalismo. Scopa argumenta, desde un punto de vista filosófico, non tanto sobre a economía, como sobre o «discurso da economía» ou do economicismo como centro das nosas vidas. Porén, o seu libro non se centra estritamente na actualidade, senón que a utiliza como punto de partida para o desenvolvemento teórico de diferentes valores do termo crise, inscrito no momento do traspaso da modernidade cara outra era que non comezou aínda. Analiza o paso dos totalitarismos modernos ao que el denomina «totalismos», que se desenvolven no marco do chamado «colapso da modernidade», tamén un fin de época, que produce unha perigosa sensación de abismo. Scopa utiliza os recursos da sátira para facerlle fronte ao deterioro económico, inventando o personaxe sociolóxico do «cooligan», un froito deturpado dos mundos do espectáculo, devastador para a cultura, froito da desaparición do poder da burguesía substituída polo trasnacional. Un ensaio moi interesante para suscitar unha reflexión profunda e desprexuizada sobre o que é o tempo presente. Un libro concibido para intentar saír da roda infernal que empurra a actuar só sobre o económico. Un libro que propón un acougo, un tempo para decidir cara onde queremos ir colectivamente. Parabéns a Scopa por este traballo excelente do que hoxe nos falará na súa primeira intervención en Vigo.

Texto que lin para presentar a conferencia que Óscar Scopa pronunciou no Club Faro de Vigo con motivo da presentación do seu libro «El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis)».

Onte 490: Iogures

Escoitei unhas declaracións do ministro Arias Cañete en Radio Nacional nas que confesa que toma todos os iogures caducados da súa neveira. Quedei abraiado. Coma fixera Fraga bañándose en Palomares, o ministro de Agricultura e Medio Ambiente avala co seu comportamento a medida de alongar a data de caducidade dos iogures unha semana, outra desas reformas liberalizadoras coas que o goberno de Raxoi combate a crise de confianza. O simpático Cañete establece unha conexión insólita entre os efectos sobre a flora intestinal dos lácteos e a evolución da prima de risco, que onte volveu baixar, non sabemos se xa polo efecto de semellante medida. Quen aínda teña dúbidas sobre a eficacia das medidas anticrise do goberno do prudente Mariano non ten máis que dar aos seus fillos un par de iogures dos que antes estaban caducados. Quedo parvo.