Dúas SIP para as nosas caixas?

Se finalmente non hai acordo na negociación institucional entre a Xunta e o Goberno, entre o PP e o PSOE, moi dificilmente haberá fusión entre as caixas nosas. Despexada esa incógnita, ábrense dúas posibilidades nas que semella levan traballando os equipos das entidades: Caixanova participaría nunha SIP con outras entidades máis pequenas ca ela (Cantabria, Murcia…) sen acudir ao FROB, o que permitiría unha certa flexibilidade; Caixa Galicia participaría noutra SIP cunha entidade máis grande ca ela, Caja Madrid, e acudirían aos fondos do FROB. De establecerse este escenario, politicamente quen sairía mellor parado do conflito? Se a Xunta non autoriza cada unha das SIP, que alternativas lle quedan ás entidades? E cales serán os efectos sobre a economía galega; e sobre a nosa autoestima como país?

Arcadi Oliveres: quen manda no mundo?

Moi clarificadora entrevista a Arcadi Oliveres sobre os grandes poderes económicos do mundo. A realización é de AttacTV.

O futuro das caixas

No artigo da semana aposto pola fusión de Caixa Galicia e Caixanova como futuro para as caixas de aforros galegas.

Caja Madrid estuda a integración coa CAM e con Caixa Galicia

Hai tres semanas adiantabamos aquí as tres posibilidades que se barallaban sobre o futuro das Caixas de Aforros galegas. A pesar de que o presidente Feijoo manifestou cautelosamente que o seu Goberno non tiña unha posición adoptada sobre esta cuestión e que daría a sua opinión dentro duns meses, semella que pola información aparecida hoxe en El País e en Cinco días, Mariano Rajoy e Cristóbal Montoro verían ben a integración de Caixa Galicia nunha nova entidade na que se integrarían tamén Caja Madrid e CAM. As tres comunidades gobernadas polo PP unirían así as súas maiores caixas para crear unha entidade que se situaria por diante da «Caixa» catalana.

Con esta documentada información sobre a mesa, a pesar de que entramos en periodo vacacional moito me temo que Feijoo terá algo (moito) que dicir. É de supoñer que algo falarían Rajoy e Feijoo sobre esta importantísima cuestión nas touradas prontevedresas. Se esta fusión vai adiante, hai moitas preguntas a responder: Galicia resignáse a perder o seu primeiro instrumento financeiro? Que futuro lle agardaría a Caixanova?  A dimensión das caixas debe ser o único argumento para artellar as súas fusións? Estas noticias (polo momento, ben sabemos que deben ser consideradas como posibilidades) son outro síntoma de que continuaremos con ese proceso imparable de deconstrución industrial, financeira, lingüística…? Ou é posible que o se está cocendo realmente é a fusión das dúas caixas galegas, como sinala hoxe Público?

A fusión das caixas

A cuestión do financiamento (non pinta ben, xa que non contar con novo Estatuto é un prexuízo grande para a negociación bilateral co Estado) e o da teimosa ofensiva contra o galego non pode adiar na mesa de Feijoo o complexo problema da inevitable fusión das caixas para gañar perímetro na actual crise financeira. A crónica política de Anxo Luxilde (recomendo para estar informado sobre temas principais non perdela semana ningunha) clarifica as tres alternativas que sobre a cuestión se están manexando en San Caetano. A primeira, a que promove Génova: integrar Caixa Galicia no proxecto de fusión de Caixa Madrid e a CAM valenciana, que supoñería formar a maior caixa de España (superando a «La Caixa»), unindo así os esforzos das tres comunidades onde goberna o PP. A segunda, sería que as nosas caixas liderasen fusións con outras de comunidades veciñas, como Caja Asturias ou algunhas das de Castela León. A terceira, sería a fusión galega de Caixa Galicia e Caixanova.

As tres alternativas supoñen importantes dificultades para os seus promotores, especialmente as dúas primeiras, xa que o novo perímetro desvencellaría ás caixas galegas do proxecto de promoción económica do país. Atreverase Feijoo a promover a liquidación de Caixa Galicia como entidade ao servizo de Galicia? Porén, a da fusión galega, despois de vencer algunhas resistencias localistas (xa contamos coa experiencia da fusión de Caixanova), debería asumir o elevado custe social e laboral de eliminar a duplicidade das redes directivas e de oficinas de ambas as entidades. A pesar das dificultades que poidan aparecer semella que esta fusión galega é a única solución viable para poder seguir contando cunha ferramenta financieira propia. O Goberno Galego non pode adiar expresar a súa posición nun tema tan decisivo para Galicia. Outrosí sucede para os dous partidos da oposición que, a pesar dos riscos de abordar un tema  “difícil” coma este –ninguén quere nin pode ter problemas con estas entidades–, teñen unha magnífica oportunidade de visualizar diante da sociedade o rigor da súa alternativa económica e de desenvolvemento sostible.

Instalados na crise

No artigo da semana alerto sobre a importante dimensión da crise do sector da automoción en Vigo, con importantes efectos sobre o emprego.

Pedagoxía CAN

CAN (Caja Navarra) utiliza You Tube para explicar as razóns polas que acudiu á poxa de activos públicos. Semella realmente innovadora a súa estratexia de Banca Cívica. Un exemplo de utilización dos medios da web 2.0 na mercadotecnia bancaria.

Ramonet, a dimensión da crise

Vía Microsiervos.
Hoxe é un día de auténtico pánico. Ten razón Ramonet, esta crise é das que se producen cada cen anos: «trátase dun fracaso moral e ético do capitalismo neoliberal, onde se privatizan as ganancias e se socializan as perdas. Cando hai perdas, as pagan todos os cidadáns, até os máis modestos». Pódense escoitar as súas inquedantes declaracións na conversa que mantivo o pasado 21 de setembro con Chávez:


Para arranxar semellante lío, velaí as receitas de Michael Moore.