Balance 4/2010: o Ano do Libro e da Lectura que non o foi

Magoadamente cumpríronse os peores agoiros e o chamado «Ano do Libro e da Lectura», declarado pola Xunta de Galicia, non o foi, nin sequera foi unha sombra daquel ano bonsai que previamos hai un ano. Magoadamente e moi ao noso pesar, nin houbo un programa específico de fomento da lectura, nin houbo un desenvolvemento do previsto na Lei do Libro e da Lectura, nin se produciu o pulo que requería o sistema bibliotecario público galego e nin sequera foi a prioridade do equipo da Consellaría de Cultura, moito máis ocupado e preocupado no Xacobeo e na Cidade da Cultura. O propio conselleiro de Cultura e Turismo recoñecía implicitamente este fracaso nunha recente entrevista na que dicía que «o Ano da Lectura quedara eclipsado polo Xacobeo». En definitiva, o 2010 foi outro ano rotineiro para o fomento da lectura en Galicia e en galego, coa excepción das iniciativas privadas e do traballo do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares; iso si, ornamentado con algunhas actividades como o LITVI e a Auria, que a pesar dos elevados orzamentos cos que contaron e cunha organización totalmente privatizada non obtiveron a repercusión agardada. A creación da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivo e a inauguración da Biblioteca de Galicia (prevista xa para o 11 de xaneiro) deberían supoñer un punto de inflexión nesta inquedante anemia, aínda que cos fracos orzamentos aprobados as posibilidades de remontar van ser escasas.

Balance 2010/2: a coherencia de Agustín Fernández Paz

Sei que para moitos  non son a persoa máis axeitada para considerar a Agustín Fernández Paz como a figura literaria do ano. Ademais de ser o seu editor, úneme con el unha fonda amizade e un seguimento da súa traxectoria autoral e profesional dende hai case trinta anos, razóns polas que dificilmente podo ofrecer obxectividade. No entanto, sei que somos moitas as persoas e medios que recoñecemos na actitude do autor d’ O único que queda é o amor, non puidendo aceptar o Premio da Cultura Galega no eido das letras, unha lección de dignidade e de defensa do idioma e cultura galegas que merecen a admiración e respecto por parte de todos. As razóns da súa decisión e a elegancia para expresalas son abondo coñecidas; porén o que continúa deixándonos perplexos, cando non abertamente abraiados, é comprobar a incapacidade dos membros do Goberno Galego para entender a importancia da fractura que na sociedade galega abriu a súa política lingüística, capaz de facer retroceder, por vez primeira, o emprego vehicular da lingua galega no sistema educativo non universitario. Sei que aí reside a cerna da afouta actitude cívica de Agustín Fernández Paz. As miñas beizóns pola súa lección de coherencia.

O máis destacado no eido da lectura en Galicia (2010)

Propóñome ao longo desta derradeira semana do ano escribir varias anotacións de balance sobre o que entendo foron as noticias máis destacadas no eido da lectura neste 2010 que remata:

  1. O premio Fipresci que en Cannes recibiu Todos vós sodes capitáns, a película de Oliver Laxe [a pesar de tratarse de cinema, é unha noticia claramente literaria, polas características da obra e o discurso do seu director]
  2. A lección de coherencia e dignidade do escritor Agustín Fernández Paz.
  3. A consolidación do proxecto do plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.
  4. O fracaso do Ano [bonsai] do Libro e da Lectura de Galicia.
  5. O éxito de público e de lectores dun bo monllo de novelas publicadas ou premiadas ao longo do ano: A intervención de Teresa Moure, O Cabo do Mundo [Premio da Crítica] de Xabier Quiroga, Sete palabras [Premio da Crítica Galicia] de Suso de Toro,  Denso recendo a salgado de Manuel Portas, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Todo é silencio de Manuel Rivas, Periferia de Iolanda Zúñiga, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz… [desculpas por non poder citar outras tantas novelas valiosas publicadas en 2010] Un feito que demostra a vitalidade da nosa ficción e o apoio da sociedade de lectores e lectoras, ao que non son alleos o funcionamento dos Clubes de Lectura das bibliotecas públicas, outro dos fenónomenos culturais do ano.

Iniciativas ás que habería que engadir outras  tan interesantes como foron a creación do Clúster da Edición, librería e comercialización; a recuperación de Cultugal, da man dunha asociación intergremial de industrias culturais; os primeiros libros dixitais infantís en galego da editorial Galaxia; os booktrailers de Xerais, distribuídos na TVG e Internet; a posta en marcha de Redelibros, como a primeira rede social de lectura en Galicia; as actividades de asociacións de voluntariado pola lectura como Espazo Lectura ou a celebración dos Galeuscas de escritores na Coruña.

Varela crea a Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas

Non hai dúbida de que o anuncio realizado por Roberto Varela esta mañá no Parlamento Galego, cando comparecía na comisión de orzamentos,  sorprendeunos a todos, dende aos partidos da oposición aos diversos sectores profesionais da Cultura. A creación dunha Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas supón elevar de rango administrativo e político o libro, apostando por priorizar as políticas de lectura, o que constitúe un motivo de esperanza. No entanto, a pesar do espectacular e inagardado anuncio, que ende ben supón unha reestruturación da Consellaría de Cultura, ao que non pode ser allea, tampouco, a próxima inauguración da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a chave reside nos recursos humanos e económicos cos que contará esta nova Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas. Velaí o cerne da deboura, como adoitabamos dicir hai trinta anos, cando comezaba o proceso autonómico. A de hoxe pode ser unha grande noticia ou unha grande decepción (como nos aconteceu co chamado «Ano da Lectura» que saudamos con ledicia). Polas noticias que apareceron ao longo da xornadas as esperanzas axiña poden esmorecer, xa que a consellaría de Varela en 2011 reducirá o seu orzamento nun 33%, cifra que duplica a redución do conxunto da Xunta. Ogallá Varela, que con esta decisión recuperou moita iniciativa, tomase boa nota do modelo da Dirección General del Libro y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, un dos poucos departamentos do Goberno de Zapatero que non reduce o seu orzamento en 2011. Varela sabe que o libro e a lectura son un proxecto estratéxico, agora, tamén para o seu futuro e a súa credibilidade.

Educación, Sanidade e Servizos Sociais

Irene Bascoy, xornalista de Faro de Vigo, tiroulle da lingua ao presidente Feijóo e conseguiu algunhas importantes concrecións sobre o que serán os vindeiros recurtes do orzamento autonómico. Como é adoito en Feijóo fachendea na entrevista de ser o primeiro defensor da austeridade e dos recortes de políticas públicas, a pesar de que agocha coidadosamente que o seu goberno vai gastar máis de 800.000 euros nunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade en Galicia e outro millón longo de euros en facer publicidade da posición do seu goberno sobre o Decreto de Plurilingüismo, unha campaña que agoira converterse nun dos seus maiores desacertos (a verdade que xa comezou metendo a zoca na convocatoria do «concurso» no DOG considerando de forma disparatada o castelán como lingua propia de Galicia).

Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:

El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.

Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).

En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.

Constituída a asociación «Culturgal»

Esta noticia non debe pasar desapercibida: o pasado mércores catro asociacións profesionais da industria cultural galega (AGE, AGAPHONO, AGEM e ESCENA GALEGA) asinaron a acta da constitución da Asociación Culturgal e nomearon a súa primeira xunta directiva. A nova entidade, que ten como primeiro presidente ao editor Xulio Amigo e na que está previsto se incorporen decontado outras dúas novas entidades (EGANET e AGAPI), será a encargada de organizar o vindeiro CULTURGAL, a feira das industrias culturais galegas, que (moi probablemente) se celebrará nas instalacións de Palexco da Coruña durante a segunda fin de semana do vindeiro mes de decembro. Culmínase, deste xeito, un proceso de colaboración entre os distintos sectores da industria cultural galega coa intención de procurar sinerxias entre eles e crear maiores espazos de visibilidade e presenza diante do público galego. Unha noticia moi esperanzadora para consolidar dende a independencia profesional un evento clave para o futuro das nosas industrias culturais.

«Panteón da Galeguidade»

No artigo da semana en Faro de Vigo esixo a apertura decontado do «Panteón dos Galegos Ilustres» e propoño a súa refundación, titularidade e xestión pública como «Panteón da Galeguidade». Ademais, aproveito para convidar á cidadanía a participar o vindeiro 15 de xullo no Cortexo Cívico que de Padrón a Compostela conmemorará o 125 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro e o 119 aniversario do traslado dos seus restos mortais ao Panteón de Bonaval.

«Unha feliz continuidade»

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono, a raíz da cerimonia dos Xerais e da entrada de Bernardino na Academia, na feliz continuidade do proxecto de desenvolvemento dunha literatura nacional en galego. Unha feliz continuidade, na que haberá rupturas e modificacións froito do tempo novo que enxergamos.

Foto de Pilar Ponte, moitas grazas.

Millo Corvo e Biodiversidade

No artigo da semana en Faro de Vigo apupo a experiencia de artesanía agroalimentaria de recuperación do Millo Corvo promovida pola Asociación Cultural Meiro de Bueu. Un enfoque transversal moi interesante na abordaxe da Biodiversidade, un concepto que, aínda que en Galicia non o pareza, a ONU celebra en 2010 ano da Biodiversidade).