Ferrín presidente

No artigo da semana en Faro de Vigo (desta volta publicado en luns) parabenizo a X.L. Méndez Ferrín con motivo do seu nomeamento como presidente da Real Academia Galega. Entendo que esta é unha noticia feliz para a nación dos galegos, tanto por tratarse da figura cimeira da cultura galega contemporánea, como dunha das personalidades políticas máis decisivas das últimas cinco décadas.

Elección, aínda máis relevante, cando se produce nun momento decisivo, no que determinados sectores da sociedade galega pretenden facer retroceder as políticas de fomento da nosa lingua e o prestixio da nosa creación literaria. Priorizar o traballo interno dos equipos e seminarios académicos nos eidos da lexicografía, gramática ou historia; consolidar un sistema estable de financiamento institucional (a nosa primeira institución cultural padece un vergonzoso déficit crónico, que lle dificulta manter un funcionamento digno) e, sobre todo, profundizar na súa presenza social empregando os medios da comunicación cultural contemporánea semellan que serán as prioridades do mandato do autor de Estirpe.

Os nosos parabéns para Méndez Ferrín por tan merecida elección e os nosos desexos dos maiores éxitos para tarefas tan ilusionantes que inicia co seu equipo.

Sobre a mesma cuestión recomendo o magnífico artigo de Miguel Anxo Fernán Vello nas páxinas de Galicia Hoxe e o artigo de Xosé Antón Pérez Lema nas de Xornal de Galicia.

Don Paco, home luz

Don Paco, Francisco Fernández del Riego, recibiu esta tarde unha pequena homenaxe con motivo do seu noventa e sete aniversario. Un grupo de amigos e amigas reuniuse na viguesa praza de Compostela, onde vive, para render tributo a quen durante toda unha vida leva laboreando de forma infatigable por un ideal noble: organizar en Galicia o partido da esperanza. A pesar dos inevitables achaques dunha persoa case centenaria, don Paco mantén aínda a afouteza e a coraxe, un espello de dignidade humana que representa os mellores valores desa formación veterana na que militaron, entre tantos outras, figuras como Castelao, Alexandre Bóveda, Luís Seoane, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro.

Don Paco é un home rede. Posúe a capacidade, tan valiosa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como a el lle presta dicir. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica –como acertadamente ten sinalado esoutro grande orador que é o profesor Xesús Alonso Montero–, a do guieiro dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, como foi sempre o seu compromiso político. Un home rede tecedor de proxectos case imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras do xornal compostelano La Noche, que preparaba con Xaime Illa Couto, ata a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial. Un home rede que en só catro anos de presidencia memorable foi capaz de poñer en valor a Real Academia Galega, unha institución, ata entón, enferma e anestesiada.

Don Paco é un home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Toda unha proeza de destemido! Aí quedou esa súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde leva publicando milleiros de artigos de estilo inconfundible. Del Riego, o máis importante editor galego contemporáneo, entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección «Illa Nova», que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia.

Don Paco é un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as novas xeracións da fin de milenio. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que asumiu don Paco como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.

Don Paco é un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Así dirixiu durante case medio século a Biblioteca Penzol, sen cobrar un pataco, converténdoa nun centro de documentación modélico para os novos investigadores da cultura galega e sobre Galicia; aí segue publicando nos xornais, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre este novo tempo en crise.

Don Paco é un home luz. Encabeza o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva.

Foto: 07-01-2010, R. Grobas, Faro de Vigo.

O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.

«Roberto Varela, o conselleiro que chegou de Nova York»

Os amigos d’ A Nosa Terra pedíronme un perfil de Roberto Varela Fariña, o conselleiro de Cultura e Turismo.

Foto: Víctor Mejuto. La Voz de Galicia.

Roberto Varela Fariña fala en 2007 sobre a promoción cultural

Entrevista a Roberto Varela. Parte 2 from Balor on Vimeo.

Segunda parte da entrevista realizada a Roberto Varela Fariña, no mes de decembro de 2007, por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para un documental sobre creación contemporánea. Moi interesante.

2010, Ano da Lectura

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, anunciou onte no acto da homenaxe a Marcos Valcárcel, organizado polo PEN Clube (beizóns para Tosar pola organización e as súas palabras oportunas e valentes), que o Goberno Galego declarará 2010 como «Ano da Lectura» en Galicia.

Un dos poucos  compromisos electorais que se pon en marcha. Aledámonos desta medida que dende hai tempo vimos defendendo. A lectura en Galicia precisa un momento de inflexión, un arreón nese esforzo compartido. Agardamos que esta celebración supoña ese pulo necesario.

[Grazas pola foto, tirada da reportaxe de As uvas da solaina.]

Libro en galego, datos para un diagnóstico

No suplemento de El País Galicia dedicado ao 17 de maio publico un traballo arredor da situación do libro en galego. Reprodúzoo, xa que tampouco aparece na edición dixital do xornal.

O 17 de maio é data acaída para facer un balance do estado de saúde do libro en galego. As estatísticas dispoñibles (tanto as elaboradas polo Ministerio de Cultura, a partir dos datos do ISBN, como as do estudo do comercio interior do libro da Federación de Gremios de Editores) amosan que o volume da produción editorial en galego (tanto no número de títulos editados como de exemplares impresos) se estabilizou dende 2004. Cos datos na man, non podemos negar que parou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por dez o número de títulos publicados en galego (dende os 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 1.849 de 2004, unha marca non superada dende entón). Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2007 acadou os 3.376 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 55% da realizada en Galicia. Nos últimos anos, semella consolidarse en Galicia, pois, a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 43 en 2009, o que supoñen máis de 300 empregos directos), o que constitúe unha boa noticia para a nosa primeira industria cultural e, ao mesmo tempo, a unha ralentización da actividade editorial en galego e da súa cota de mercado..

A pesar desta ralentización do seu medre, o libro en galego está nas mellores marcas da súa historia. Así en 2007, último ano do que temos datos dispoñibles, editáronse 1,780 títulos e imprimíronse máis de dous millóns dous centos mil exemplares (case un por cidadán galego; non está mal). No entanto, convén precisar que desta produción máis do setenta por cento correspondeu a libros de texto, dicionarios e títulos de literatura infantil e xuvenil, o que amosa a gran dependencia da produción dos editores en galego con respecto a esta canle educativa. Outrosí sucede coa facturación (22 millóns de euros para todo o libro en galego), no que a dependencia dos produtos escolares ou paraescolares acada o oitenta por cento (unha barbaridade!). Esta tendencia de forte escolarización do libro en galego acentuose nestes últimos anos, tanto pola implantación dos novos currículums da reforma educativa (o que compensou o impacto negativo da modalidade de préstamo da gratuidade do libro escolar) como pola crise na que caeu o libro literario en galego.

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego, dos cales 113 foron de narrativa, 63 de poesía e teatro e 62 de ensaio e investigación literaria. Con respecto ao ano anterior, diminuíu o número de títulos en apenas o 1,90%, porén a perda foi moi notable no número de exemplares (nada máis e nada menos que 66.000) o que supón unha baixa do 15,10%. A pesar deste retroceso, o volume da produción literaria en galego en 2007 acadou os 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). Con todo, continúa sendo o máis significativo o peso da edición de narrativa (133.000 exemplares, o 45,70% da produción literaria do ano); fronte ao menor de poesía e teatro (60.000 exemplares, o 20,61% da produción literaria do ano) e o sorprendente peso do ensaio e investigación literaria (98.000 exemplares, o 33,67% da produción literaria do ano).

O libro literario en galego acadou en 2007 unha facturación de 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Contención da produción, forte escolarización e crise comercial dos títulos literarios aparecen como as tres principais tendencias detectadas para o devir actual do libro en galego. Síntomas claros dunha crise de crecemento e de racionalización e profesionalización do sector que non debe paralizarnos, xa que hai moitos outros indicios da envexable saúde da sociedade lectora en galego. Mais ese xa é outro traballo.

Roberto Varela Fariña, novo conselleiro de Cultura e Turismo

Orsinia localizou esta entrevista con Roberto Varela Fariña, novo conselleiro de Cultura e Turismo. Dende 2004 foi encargado de asuntos culturais do Consulado de España en Nova York. A entrevista foi realizada en Central Park, NY en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina.

Yago Avilés atopou estoutras dúas entrevistas, unha de 2004 e outra publicada na Voz en 2005.

O novo conselleiro fala un galego estupendo e o que expresa nas entrevistas moi sensato, apostando por unha imaxe moderna de Galicia e de España que poida competir no mundo. Ollo sobre o que di sobre o Camiño de Santiago e a súa proxección internacional. Sabemos que é amigo do escultor Leiro. As palabras desta entrevista comprométeno. Un nomeamento esperanzador.