Comercio interior do libro en galego 2007 (III)

A EDICIÓN LITERARIA EN GALEGO

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego (o 18,40% dos editados en galego), dos cales 113 foron de narrativa (47,47% da produción literaria do ano), 63 de poesía e teatro (26,47%)  e 62 de «outros» (ensaio e investigación literaria, 26,06%). Con respecto ao ano anterior, produciuse unha diminución do número de títulos de apenas o 1,90% debido á baixa en narrativa (quince títulos menos), a pesar do incremento dos títulos en poesía (doce máis) e de ensaio (trece máis). A narrativa en galego supuxo o 8,70% da produción total en galego e a poesía e o teatro (analízanse xuntos no estudo) o 4,90%.

Se esta análise a referimos ao número de exemplares producidos en 2007, comprobamos que se fabricaron 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). De narrativa foron 133.000 exemplares (6,20% dos impresos en galego e o 45,70% da produción literaria do ano); de poesía e teatro 60.000 exemplares (2,80% dos impresos en galego e o 20,61% da produción literaria do ano) e de ensaio e investigación literaria 98.000 exemplares (o 4,60% dos impresos en galego e o 33,67% da produción literaria do ano). Con respecto ao ano anterior, prodúcese un importantísimo descenso de 66.000 exemplares, o que supón unha baixa do 15,10%, debida á diminución de 112.000 exemplares menos en narrativa, que o incremento da produción de teatro e poesía (17.000 exemplares máis) e ensaio (29.000 exemplares) non conseguen compensar.

Os datos anteriores reflíctense nos de tirada media do libro literario en galego que foi en 2007 de 1.223 exemplares e en 2006 de 1.411. Diminución que se produce debido a unha importante baixa de narrativa que pasa dos 1.591 exemplares de 2006 aos 1.177 de 2007. Pola contra, en poesía e teatro a tirada media subiu de 843 de 2006 aos 952 exemplares de 2007; idéntica tendencia estableceuse en ensaio e investigación literaria que pasou de 1.408 de 2006 e 1.581 exemplares de 2007. A tirada media do conxunto da edición en galego, neste mesmo período, baixou de 1.791 exemplares en 2006 a 1.643 exemplares en 2007.

Con respecto á facturación do libro literario en galego acadou en 2007 os 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).

Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Magoadamente, o estudo non achega datos cualitativos referidos a edición e facturación de obras literarias orixinais e traducidas.

Comercio interior do libro en galego 2007 (II)

DATOS POR TIPOS DE EDICIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Os datos da edición en galego por tipos de edición sinalan a importante dependencia do sector con respecto á edición da canle escolar e paraescolar, na que se inclúen o libro de texto, a literatura infantil e xuvenil e os dicionarios.

– Durante o ano 2007, o libro de texto supuxo o 38,60% dos títulos (500), o 37,00% dos exemplares fabricados (796.000 ex.) e o 49,60% da facturación (10,91 millóns de euros).

– A literatura infantil e xuvenil achegou o 32,60% dos títulos (418), o 35,70% dos exemplares (759.000 ex.) e o 18,20% da facturación (4,00 millóns de euros).

– Os dicionarios contribuíron co 0,50% dos títulos (10), 3,50% dos exemplares (64.000) e o 13,90% da facturación (3,058 millóns de euros).

Se xuntamos toda a edición da canle escolar e paraescolar, comprobamos que en 2007 achegou o 71,70% dos títulos (928), o 76,20% dos exemplares editados (1.619.000) e 81,70% (17,96 millóns de euros).

No resto de ámbitos temáticos da edición en galego, destaca a edición literaria co 18,4% dos títulos, o 13,6% dos exemplares e o 12,00% das vendas en euros. É de salientar, tamén, o peso reducidísimo da edición científico técnica en galego.

Con respecto ás variacións interanuais (entre 2006 e 2007), compróbase unha tendencia á diminución en todos os ámbitos, tanto nos da canle escolar e paraescolar, como nos da edición literaria.

O libro de texto, entre 2006 e 2007, diminúe moi lixeiramente, tanto o número de títulos publicados como a súa facturación (en porcentaxes arredor do 1%), a pesar de que en 2007 comezou á implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego. Diminución que se incrementa na literatura infantil e xuvenil que perde de 2006 a 2007 o 1,9% dos títulos e o 1,8% da súa facturación. Pola contra, a pesar de diminuír a edición de novos dicionarios, aumenta a súa facturación nun 7,1%. Idénticas tendencias á baixa amosa a edición literaria, que diminúe lixeiramente en número de títulos (0,70%), como en facturación (2,90%) [Dedicaremos unha anotación específica á edición literaria en galego]

Podemos concluír, pois, que o libro en galego en 2007 amosa unha fortísima dependencia dos tipos de edición que empregan a canle escolar e paraescolar (en porcentaxes entre o 70% e o 80%, moi superiores ás que viñamos manexando noutros informes), ao tempo que amosa unha tendencia de lixeiro retroceso do seu volume de edición e da facturación (en case todos os tipos de edición, incluído o libro de texto, a pesar da implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego).

Comercio interior do libro en galego 2007 (I)

DATOS XERAIS: PRODUCIÓN EDITORIAL E FACTURACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

As referencias aparecidas nos diversos medios sobre o Comercio do interior do libro en Galicia 2007 apenas diferencian os datos referidos á edición en Galicia e á edición en galego realizada polas 43 editoras agremiadas á Asociación Galega de Editores. Porén, este informe, a pesar dalgunhas insuficiencias (sobre todo a de non contabilizar nin a edición en galego nin a facturación das editoras radicadas fóra de Galicia, o que pode supoñer un 20% do número de títulos anuais), proporciona unha radiografía moi nítida de cales son os indicadores principais e as tendencias da edición en galego durante o período 2005-2007.

Os datos amosan que se produce unha diminución tanto no número de títulos editados (que baixa aos 1.295 en 2007), no número de exemplares producidos (que baixa nestes tres anos dez puntos) como na tirada media (só 1.643 exemplares en 2007). Esta tendencia á diminución do noso volume de edición en galego supón un lixeiro decrecemento do seu peso na edición en Galicia, que pasa do 82,96% dos títulos editados de 2005 ao 79,80% en 2007.

Con respecto á facturación, se consideramos o trienio, prodúcese un aumento moi significativo do 22,38%, pasando dos 17,78 millóns de euros aos 21,76 de euros, a pesar de que entre 2006 e 2007 hai unha pequena baixa. Estas cifras supoñen un incremento da cota de mercado do libro en galego que pasa do 12,11% do ano 2005 ao 13,14% do anos 2007 (sendo aínda mellor o dato de 2006 onde acadou o 14,44%). Esta porcentaxe entre o 12% e o 15% semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17% e o 18%).

Convén salientar que o importante incremento da cifra de facturación do libro en Galicia, entre 2006 e 2007, debeuse ao incremento do prezo medio (e non tanto ao número de exemplares) que pasou de de 13,20 € a 15,40 €.

Os datos xerais do libro en galego durante este trienio (2005-2007) amosan unha clara tendencia á baixa no que atinxe ao volume da edición, mentres se mantén a liña ascendente de facturación, crebada entre 2006 e 2007. Na seguinte anotación ocuparémonos da análise da edición e facturación por ámbitos temáticos.

O preocupante estado da edición en galego

Representantes da AGE presentaron onte dous documentos que amosan de forma contundente o preocupante estado actual da edición en galego: o Estudo do comercio interior do libro 2007 e un novo informe sobrea mellora do sistema de préstamo do libro de texto. Dous documentos (que desmiuzaremos no blog devagariño) que amosan, ademais, a triste herdanza que deixa o goberno bipartito sobre o libro galego: baixa da produción do libro en galego (tanto en número de títulos, de exemplares como de tirada media), perda de peso do libro en galego no conxunto do noso sector editorial (tanto na produción como na súa visibilidade mercado), retroceso da facturación do libro en galego, desaparición de librarías, … Datos que corresponden ao ano 2007, un tempo aínda de importante crecemento económico, razón pola que a publicación destes datos é aínda máis preocupante na coxuntura actual de clara restrición no mercado. Datos que veñen corroborar agora as valoracións que fixemos hai meses. No entanto, é unha estupenda noticia que ás portas do inicio dunha nova lexislatura e da constitución dun novo goberno, o conxunto do sector do libro presente unido o diagnóstico e a alternativa para os seus problemas. Agardemos que signifique o inicio dun repunte para o sector do libro en galego.

Edición galega en 2008

A prensa faise eco hoxe da noticia do crecemento da produción editorial en Galicia e en galego en 2008 segundo os datos do INE. O crecemento dun 60% na produción en número de exemplares, como no de títulos publicados en Galicia que pasaría de 2.364 a 3.747, déixanos un pouco incrédulos. A pesar de que agardabamos un crecemento no volume por exemplares, debido á renovación de oito cursos no sistema educativo (os tres da infantil do segundo ciclo, 3º e 4º de primaria, 2º e 4º de ESO e 1º de bacharelato) nos que se fan tiradas, na maior parte dos casos, para catro anos.

Porén, se acudimos aos datos proporcionados pola oficina do ISBN, a que vimos utilizando dende 1972 para facer o seguimento da produción editorial en Galicia e en galego, comprobamos que na edición en galego produciuse unha nova diminución no número de títulos, pasando dos 1.780 publicados en 2007 a 1.750 en 2008 (unha diminución do 1,68%, que consolida a tendencia iniciada en 2004, na que o libro galego superou acadou as 1.849 referencias, a maior marca da súa historia). Outrosí sucede cos datos do ISBN referidos á edición en Galicia que amosan a mesma tendencia a diminución, xa que dos 3.376 títulos editados en Galicia en 2007 pasamos aos 3.033 en 2008 (rompendo a tendencia de crecemento dos últimos cinco anos),

A diferenza (cando non clara contradición) entre estes datos preesentados polo INE e os do ISBN amosan a importancia de contar cun estudo de referencia sobre o estado da edición en Galicia. Nese sentido será moi boa noticia a próxima presentación por parte da Asociación Galega de Editores do seu estudo sobre o comercio interior do libro en Galicia no ano 2007. Un bo momento para clarificar as tendencias tanto na produción editorial como no mercado.

Actualización (18-03-2009): agradécese esta información moi clarificadora de Camilo Franco en La Voz de Galicia.

O mercado dos libros en lingua galega

Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.

Actualización (05-01-2009): Outrosí, coa anotación de Lándoa.

O mercado do libro galego, datos de 2007

Deuse a coñecer, como é adoito con motivo da inauguración de Líber, o estudo do Comercio Interior do Libro preparado pola Federación de Gremios de Editores de España. Debullando a faramallada de datos de 2007 (pódese baixar en pdf), adianto algúns dos máis significativos referidos ao mercado interior do libro en galego (no que observamos algunhas importantes incoherencias, o que, adianto, pode facelos pouco fiables):
–No pasado ano publicáronse en Galicia 3.376 títulos (un importante crecemento) e 1.780 en galego (un decrecemento do 1,33%). A edición en galego decrece, a edición en Galicia aumenta.
–O sector privado d0 libro galego fabricou en 2007 case tres millóns de exemplares e facturou 31,89 millóns de euros (o 19,22% da totalidade do mercado do libro en Galicia: 165 millóns). O catálogo histórico supera os 26.000 títulos editados, dos cales, afortunadamente, once mil están vivos no mercado.
–As tipoloxías de edición educativa e infantil e xuvenil continúan sendo as principais da edición en galego. En 2007, o libro de texto supuxo o 33, 3% dos títulos editados, o 30,7% dos exemplares fabricados e o 44,1% da facturación do sector. Outrosí sucede co libro infantil e xuvenil: o 28,8% dos títulos editados, o 37,5% dos exemplares fabricados e o 14,7% dos libros vendidos. Deste xeito, no pasado ano, acentuouse o imparable proceso de paraescolarización do sector editorial en galego, xa que os produtos comercializados ao abeiro do sistema educativo non universitario (sen engadir os dicionarios, outra trabe da edición en galega, o 17% das vendas) supoñen o 62,1% dos títulos editados, o 68,2% dos exemplares fabricados e o 58,8% da facturación do sector.
–Os editores privados galegos publicamos 266 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 16,38% da nosa oferta, imprimimos 432.000 exemplares (o 14,55% do total) e, segundo a nosas estimacións (corrixindo os datos, claramente trabucados do estudo) unha facturación de 3,45 millóns de € (o 10,89% do total en galego e apenas pouco máis do 2% do mercado do libro en Galicia). Estes datos supoñen un pequeno retroceso do libro literario en galego con respecto ao ano 2006, xa que se publicaron menos títulos (pasouse de 314 a 266) e, a pesar de manter o número de exemplares fabricados (aumentou a tirada media), a facturación reduciuse previsiblemente en catrocentos mil de euros (pasando de 3,80 millóns de euros a 3,45). Sen dúdiba, un certo paso atrás!
–O catálogo literario vivo en galego dos editores privados acadou no ano 2007 os 3.364 títulos (o 29,43%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros dos fondos das librarías ou existentes nos seus almacéns é deste carácter.
–Dentro da oferta literaria, a narrativa en galego é o xénero sobranceiro. En 2007 publicáronse 136 títulos narrativos (o 8,3% da oferta), fabricáronse 248.472 exemplares (o 8,3% da produción) e facturáronse 3,0 millóns de €, achegándose ao 10% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego foi de 1.827 (fronte a 1.829 do conxunto do sector galego, 1.627 do libro literario, 1.176 de poesía, mais moi lonxe da media da edición española de narrativa, 7.630, aínda que superior á da narrativa en euscaro, 1.193).
–O mercado da narrativa en galego, sendo a dimensión principal do mercado literario de noso, con máis de douscentos cincuenta mil exemplares vendidos, supón apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia (non esquezamos, 165 millóns de euros). Esta é a dimensión real do mercado da narrativa en galego (inclúe obra orixinal e traducida) que debe competir co xigante dunha edición en castelán que factura 573 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,4% do mercado do libro en España. Unha batalla moi desigual entre David e Goliat.
–O mercado do libro en Galicia é o 5,3% do mercado español, o que supón un crecemento do 0,3% con respecto ao ano anterior. Un dato positivo para as nosas políticas de lectura. No entanto, se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da poboación española, continúa existindo un déficit de 1,3%. Noutras palabras, consumimos en Galicia vinte e un millóns de euros menos en libros do que nos correspondería.
–As librarías continúan sendo a canle privilexiada de comercialización para o libro galego (o 40,4%), aínda que perden moito terrreo con respecto ao ano anterior (máis de dez puntos).
Nas próximas semanas coñeceremos datos máis desagregados do estudo encargado pola Asociación Galega de Editores. Daquela poderemos tirar conclusións máis definitivas.

Narrativa en galego, algúns datos de 2006

Tanto se ten falado das dimensións do mercado literario galego que propoño reparar nos datos proporcionados polo último estudo do Comercio interior do libro 2006 para desfacer algúns tópicos que andan enredando. Axiña comprobaremos que estamos diante de cifras modestas, aínda que nunca desprezables. Vexamos.

Os editores privados publicamos 314 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 19,7% de toda a súa oferta, imprimimos 440.000 exemplares (o 14,5% do total) e facturamos 3,80 milóns de € (o 13,8% do total en galego e apenas 0 2,52 % do mercado en Galicia). O noso catálogo literario vivo en galego acada os 2.704 títulos (o 25,9%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros nos fondos das librarías debería ser estritamente literario.
Dentro da oferta literaria en galego, a narrativa é, sen dúbida, o xénero primeiro. Así, en 2006 publicáronse 197 títulos narrativos (o 12,4% da oferta do libro galego), fabricáronse cerca de 300.000 exemplares (o 10% da produción) e facturáronse 3,35 millóns de €, o 12,2% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego é de 1.523 (fronte a 1.891 do conxunto do sector galego, 1.401 do libro literario, 900 de poesía, máis moi lonxe do 6.696 da edición española, aínda que superior a da narrativa en éuscaro, 1.096).
O mercado da narrativa en galego sendo a dimensión sobranceira do eido literario en galego, con case trescentos mil exemplares vendidos, supón apenas o 2% do mercado do libro en Galicia. Esta é a dimensión real da narrativa en galego que ten que competir co xigante dunha edición en castelán que factura 558 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,5% do mercado do libro en España. A batalla entre David e Goliat.

Etiquetas:

Galicia: 61,30 € gasto en libros por habitante

En Galicia padecemos un problema de lectura e dos hábitos de compra de libros. Así o demostra os datos proporcionados polo Anuario de Estatísicas Culturais do Ministerio de Cultura. Entre unha faramallada de datos interesantes, escollemos este que nos parece significativo do noso estado carencial: en 2005 os galegos gastamos 61,30 € por habitante na adquisición de libros e publicacións periódicas, aínda lonxe da media estatal de 70, 30 € (é dicir 10 menos, ou 27 millóns de euros menos do que nos correspondería, cifra case idéntica a que nos gastamos en libros en lingua galega).
Se comparamos este dato (insisto 61,30 €) co doutras comunidades podemos tirar algunhas conclusións: 139, 30 € (Euskadi), 91,26 € (Comunidad de Madrid), 73,80 € (Cataluña), 49,00 € (Andalucía). En palabras sinxelas: a lectura e a compra de libros está vencellada co nivel de renda per cápita e benestar. Mágoa que no estudo do Ministerio de Cultura, non se desagreguen máis estas datos, xa que se descontásemos o que gastamos en libros de texto e publicacións periódicas, aventuro que a nosa posición aínda estaría máis afastada da media.

Etiquetas: