Comercio interior do libro en galego 2007 (III)

A EDICIÓN LITERARIA EN GALEGO

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego (o 18,40% dos editados en galego), dos cales 113 foron de narrativa (47,47% da produción literaria do ano), 63 de poesía e teatro (26,47%)  e 62 de «outros» (ensaio e investigación literaria, 26,06%). Con respecto ao ano anterior, produciuse unha diminución do número de títulos de apenas o 1,90% debido á baixa en narrativa (quince títulos menos), a pesar do incremento dos títulos en poesía (doce máis) e de ensaio (trece máis). A narrativa en galego supuxo o 8,70% da produción total en galego e a poesía e o teatro (analízanse xuntos no estudo) o 4,90%.

Se esta análise a referimos ao número de exemplares producidos en 2007, comprobamos que se fabricaron 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). De narrativa foron 133.000 exemplares (6,20% dos impresos en galego e o 45,70% da produción literaria do ano); de poesía e teatro 60.000 exemplares (2,80% dos impresos en galego e o 20,61% da produción literaria do ano) e de ensaio e investigación literaria 98.000 exemplares (o 4,60% dos impresos en galego e o 33,67% da produción literaria do ano). Con respecto ao ano anterior, prodúcese un importantísimo descenso de 66.000 exemplares, o que supón unha baixa do 15,10%, debida á diminución de 112.000 exemplares menos en narrativa, que o incremento da produción de teatro e poesía (17.000 exemplares máis) e ensaio (29.000 exemplares) non conseguen compensar.

Os datos anteriores reflíctense nos de tirada media do libro literario en galego que foi en 2007 de 1.223 exemplares e en 2006 de 1.411. Diminución que se produce debido a unha importante baixa de narrativa que pasa dos 1.591 exemplares de 2006 aos 1.177 de 2007. Pola contra, en poesía e teatro a tirada media subiu de 843 de 2006 aos 952 exemplares de 2007; idéntica tendencia estableceuse en ensaio e investigación literaria que pasou de 1.408 de 2006 e 1.581 exemplares de 2007. A tirada media do conxunto da edición en galego, neste mesmo período, baixou de 1.791 exemplares en 2006 a 1.643 exemplares en 2007.

Con respecto á facturación do libro literario en galego acadou en 2007 os 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).

Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Magoadamente, o estudo non achega datos cualitativos referidos a edición e facturación de obras literarias orixinais e traducidas.