Onte 299: O sector editorial retrocede

O avance do estudo de Comercio Interior do Libro 2011, preparado pola Federación de Gremios de Editores de España, amosa a crise da edición en España. O conxunto do sector retrocede na súa facturación un 4,1% con respecto ao ano anterior, situándose nas cifras de 2002. Diminución que en número de exemplares é do 12,5%, mesmo a pesar do aumento do 4,3% do número de títulos. En definitiva, edítanse máis títulos, con tiraxes máis baixas, para acadar unhas vendas inferiores a doutrora. Nin o editor máis optimista ou afortunado pode negar a profunda crise dun sector que nos últimos cinco anos perdeu o 20,3% das vendas dos seus exemplares; unha diminución que tampouco pode ser atribuída ao impacto do libro electrónico xa que, a pesar do considerable aumento da súa oferta, supón apenas o 3% da facturación total. Chama a atención o incremento das vendas do libro de peto (+4,8%), amosando que o seu prezo (7,20€) e a diversidade da súa oferta son variables a ter moi en conta en tempos de crise. Con respecto á edición en Galicia, só foron anunciados algúns datos parciais, como a diminución da edición en galego nun 10,2%, un fenómeno que hai tempo viñamos anunciando. Da faramallada de datos, quizais o máis positivo e esperanzador sexa o lixeiro incremento da facturación das librarías e cadeas librarías que concentran o 55,5% das vendas do sector. Quen teña curiosidade pode baixar o avance de datos aquí.

Onte 149: 10 millóns de exemplares

Anunciamos que, ao remate do pasado ano, Xerais superou os dez millóns de exemplares vendidos ao longo dos seus trinta e dous anos de historia. Efectivamente, 10.103.409 libros en lingua galega que supoñen un éxito dos lectores e lectoras, ademais dun aliciente de esperanza para o futuro do libro na lingua de noso. Nun momento de tránsito e profunda mudanza dos modelos de comunicación cultural, sufrindo os duros efectos da tempestade económica e da anemia das políticas públicas de lectura e fomento do galego, noticia tan boa coma esta sei que estimula o traballo e o compromiso do cadro de profesionais da editorial co proxecto Xerais. A miña gratitude para todas as persoas que a fixeron posible.

Onte 79: Día das librarías

A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.

Onte 68: Cegal en rede

Acompañei aos responsables de Cegal e da Federación de Libreiros de Galicia na presentación de Cegal en rede. Trátase dunha utilísima ferramenta informática concibida para axudar a visibilizar os libros editados  e destinada tanto a profesionais do sector do libro (librarías, distribuidoras e editoras) como ao público lector. Como xa sinalamos outro día, esta ferramenta axuda a localizar fondos de libros impresos nas librarías independentes, ao tempo que achega información fiable sobre as súas vendas. Recomendo vivamente empregar o espazo web Todos tus libros onde xa podemos atopar tamén o catálogo do libro galego vivo máis completo. Unha alfaia! Os responsables de Cegal aproveitaron a presentación para anunciar a celebración do vindeiro congreso de libreiros en Vigo ano ano 2013. Os nosos parabéns.

Estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010

O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.

EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).

EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.

O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.

Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de “Divulgación”, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.

A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%).

FACTURACIÓN
En 2010, a facturación dos editores privados galegos acadou os 30,97 millóns de euros, o que supón unha diminución do 8%, próxima ao 7% do conxunto do sector en España e inferior ao do Gremio de Editores de Cataluña (9,7%). Esta facturación supón o 1,1% do mercado interior do libro en España (2.890 millóns de euros) e do 19,85 do mercado do libro en Galicia (156 millóns de euros). O 61,6% véndese no segundo semestre, o que amosa a forte dependencia do libro de texto, que con 12,48 millóns supón o 40,3%, a pesar de diminuír nun 18,64%, sen dúbida, froito do impacto do primeiro curso de implantación do Decreto de Plurilingüismo.

A Literatura con 5,17 millóns de euros supuxo o 16,17% do mercado, aumentando un 17% con respecto a 2009. É significativa a subida da Narrativa, que acada unha facturación de 3,5 millóns (un 11,3% da facturación dos editores galegos) e dos títulos literarios de non ficción, un millón de euros (3,2% do mercado total). A Literatura Infantil e Xuvenil supuxo 5,6 millóns (18,2%), incrementando a súa facturación nun 15%. En total, o sector da edición literaria facturou 10,77 millóns de euros, que supón o 34,76% do mercado total, incrementándose con respecto a 2009 arredor dun 15%. En definitiva, o incremento significativo da venda da edición literaria foi incapaz de compensar o impacto negativo provocado pola implantación do Decreto de Plurilingüismo sobre a venda do libro de texto.

Por último, con respecto ás canles de distribución, as librarías e as cadeas de librarías facturaron 18,49 millóns de euros, o que supón o 59,70% do total, unha porcentaxe superior ao conxunto do sector en españa (51,8%). É significativo que durante 2010, diminuíse en Galicia a facturación en hipermercados e empresas e institucións públicas.

Mágoa que non contemos, aínda, cos datos desagregados da edición en galego, o que axudaría a perfilar mellor a situación actual do sector no entorno da crise.

Onte 8: Amazon

Amazon abriu o seu espazo para venda por catálogo virtual de libros españois e gaches diversos. Outro éxito publicitario rotundo da multinacional estadounidense que non precisou doutra estratexia que deixar viralizar a súa páxina pola rede nosa que a recibiu cos brazos abertos e moi escaso espírito crítico. Unha actitude moi diferente ao muro de silencio existente sobre outras iniciativas de distribución de libros impresos, como a de Todos tus libros.com, a marca comercial do proxecto Cegal en rede, promovida por máis de duascentas librarías culturais españolas e que ofrece un catálogo dispoñible incomparablemente moito máis amplo co do xigante americano. Cos datos na man, Amazon.es hoxe non será capaz de mellorar nin o prezo que os lectores pagan polos libros (o que ofrece é a rebaixa do 5%, que a Lei do Libro establece para os pagamentos ao contado), nin ampliar a oferta editorial de títulos impresos dispoñibles nin sequera poderá mellorar o servizo de entrega que achega a plataforma virtual dos libreiros españois. O catálogo presentado onte por Amazon.es é apenas unha comunicación dos metadatos –incluídas as imaxes dos libros– extraídos de balde de DILVE, o magnífico sistema de información editorial creado pola Federación de Gremios de Editores de España–, xa que a maioría dos fondos, como sucede co dos editores galegos, non está dispoñible nos seus almacéns franceses, debido a que a empresa norteamericana só foi capaz de asinar os contratos de distribución cun número moi reducido de editores e de distribuidores. Amazon non terá outro remedio que asumir algunhas das dificultades ou incomodidades que para o seu exitoso modelo de negocio supón operar en España, Francia, Alemaña ou Italia, estados onde o prezo do libro está fixado polo editor. No entanto, sei do enorme poder da corporación de Befos que, como Apple ou Google, pretenden monopolizar, tamén nos mercados europeos, a creación e a distribución da cultura dixital. Aí está a tremenda importancia da súa chegada, deste primeiro pé no noso mercado. O de Amazon é outro fito, a epifanía deste proceso irreversible, mais paradoxicamente empobrecedor, da perda de biodiversidade do sector da lectura en Europa. Eu, mentres as librarías culturais existan, continuarei apostando polos militantes fantasía de Todos tus libros, un espazo que aconsello visitar aos propagandistas da empresa estadounidense.

Máis lectura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, propoño a entrada da lectura na axenda pública.

Achegámonos ao 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a efeméride creada polos editores e libreiros cataláns recoñecida pola UNESCO, que se convertiu en todas as comunidades na primeira festa do libro e da lectura. Sen chegar ás cifras espectaculares do Sant Jordi catalán, onde algúns editores e libreiros poden vender esa xornada na rúa entre o 20 e o 30% da súa facturación anual, o 23-A foi collendo tamén en Galicia a súa importancia comercial e singularidade cultural, iniciando para libreiros e editores galegos “o mes dos libros” que remata co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Porén, a festa deste ano non será allea aos duros efectos que a crise económica está provocando sobre un consumo de libros que se reduce de forma significativa en España, seguindo a tendencia á baixa doutros produtos distribuídos polo comercio minorista. Un feito até agora case inédito no mercado editorial que demostra que o libro, a pesar de ser considerado formalmente, tamén coma un ben cultural, é un produto prescindible como calquera outro dos ofrecidos no mercado do lecer. Consolídanse, así, nestes tempos de crise dúas tendencias no actual mercado do libro que semellan de moi longo alcance. A primeira: o libro non forma parte do núcleo duro do consumo familiar, o que provoca unha menor frecuencia na visita ás librarías e unha redución da compra de libros, reducida nos máis dos casos ás prescricións establecidas polo sistema educativo. A segunda: as mudanzas da comunicación cultural dixital están disuadindo cada vez máis algunhas decisións de compra de libros impresos, frivolamente devaluados no seu valor engadido; aínda que en España tampouco se consolide un mercado dun libro electrónico que non acaba de arrincar.

Neste contexto de crise e de incerteza profundas para libreiros e editores, desenvólvese unha efeméride que outro ano máis debe poñer toda a súa énfase no esencial: a importancia da lectura como competencia cívica imprescindible para o exercicio da cidadanía democrática. Non cansaremos de insistir en que os índices de lectura e de compra de libros, revistas ou xornais amosan o grao de civilidade do que goza cada comunidade, ademais de constituír cifras claves para entender o seu nivel de benestar e desenvolvemento educativo. No marco do actual proceso de tránsito cara a comunicación dixital (informativa e cultural), é imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública utilizada polas administracións e polos medios de comunicación. A lectura –concibida tanto como un camiño de aprendizaxe como de lecer, realización e crecemento persoal da cidadanía de todas as idades– e, sobre todo, o seu fomento deberían ser temas sobre o que os políticos debatesen decote como o fan sobre mobilidade urbana, medio ambiente ou urbanismo. Mesmo todas as candidaturas que participan nas vindeiras eleccións municipais deberían presentar o seu programa específico de lectura e bibliotecas, asumindo como unha das súas prioridades o compromiso de reducir no seu ámbito local esa fenda preocupante que amosan os nosos índices de lectura, aínda moi afastados daqueles dos nosos socios europeos, tanto en número de lectores, horas de lectura, número de bibliotecas ou compra pública e privada de libros.

Nesa liña de introducir a lectura na axenda pública local e de facer cidades e vilas lectoras insírense iniciativas como as promovidas por Espazo Lectura, a recoñecidísima e modélica asociación de fomento da lectura de Gondomar, que enviou a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións as súas propostas relacionadas co fomento da lectura, entre as que se inclúen a ampliación e mellora da Biblioteca Municipal, a creación dun novidoso Consello Municipal de Lectura, a instalación dun Museo do Conto ou a declaración do concello como primeira “Vila da Lectura de Galicia”.

Outrosí sucede, aínda que noutra dimensión institucional ben diferente, coa solicitude que este 23 de abril presentan as asociacións de editores de libros, revistas e xornais para a aplicación en todos os países membros da Unión Europea dun IVE cero para todas as publicacións (libros, xornais e revistas), tanto as impresas como as dixitais. Unha iniciativa de unificación fiscal para todos os soportes de lectura que pretende solucionar a situación fiscal discriminatoria que hoxe sofren os soportes dixitais –hoxe gravados en España co 18%, mentres que para os impresos repercútese o 4%–  ao tempo que favorecer o acceso dos lectores europeos a calquera tipo de produto de lectura, incentivados pola redución do seu prezo.

Dúas iniciativas para introducir na axenda pública deste Día do Libro que nun entorno de crise e mudanza continúa procurando o esencial: máis lectura e máis lectores de todas as idades.

Edición en Galicia e en galego, os datos máis recentes

Cos datos máis recentes na man, non podemos negar que acougou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por doce ou trece o número de títulos publicados en galego: pasamos dos 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 2.482 de 2008, ou aos 2.121 do pasado ano, no que comezou a crise na que estamos instalados, o que supón un importante baixa interanual do 14,54%. Porén, o que medrou  foi a edición realizada en Galicia que no ano 2009 acadou os 4.069 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 52,12% da realizada en Galicia, e supón un importante incremento (10,27%) con respecto a 2008, cando acadou as 3.690 referencias.

Onte apareceu unha noticia en La Voz de Galicia sobre a evolución da edición ao longo deste ano 2010, que identifica unha tendencia de crecemento do número de títulos, tanto dos editados en Galicia como dos editados en galego. Así se comparamos os segundos trimestres de cada ano, observamos un crecemento próximo ao 40% do conxunto da edición (pasa de 913 a 1.522) e do 18% da edición en galego (pasa de 679 a 834). É previsible, se non se torce a evolución no 2º semestre, que este 2010 da crise supoña en Galicia e en galego un crecemento de número de títulos, o que supoñería ir contracorrente do conxunto de sector editorial español. Interpretar este crecemento para o conxunto da edición en Galicia, sen coñecer o listado de títulos, non é doado, sobre todo cando sabemos da redución do número de títulos publicados por varias das editoras con maior actividade. No entanto, alleos ao fenómeno non debe ser  o Ano Xacobeo, que debeu impulsar a edición pública, a publicación de varios métodos de Educación Infantil (que arrastra moi numerosas referencias de ISBN nos seus diversos compoñentes), a edición de libros electrónicos (eis esa case centena realizada pola editorial Galaxia) e o lanzamento da colección de antoloxías da literatura galega editado por La Voz de Galicia (un conxunto de referencias que pode achegarse ás 75).

Esta análise non estaría completa se non debullásemos os datos principais achegados polos estudos do comercio interior do libro de 2008 e 2009, elaborados pola Federación de Gremios de Editores en base ás enquisas completadas polos editores galegos. De todos eles, cómpre salientar (recomendamos baixar en pdf o documento cos datos principais de edición, tirada media e facturación, que elaboramos):

  • O aumento do numero de títulos entre 2008 e 2009, o 6,39%, non se corresponde co aumento da facturación do 1,93 % (apenas o incremento de prezos); pola contra redúcese a produción de exemplares case nun 9% e polo tanto da tirada media en maís dun 14%.
  • Destaca o bo comportamento da edición literaria en 2009 que aumenta en número de títulos, exemplares, facturación e mesmo tirada media. No entanto, tanto a edición en número de exemplares como a facturación continúan xirando arredor da edición paraescolar, xa que supón en 2008 o 77,30% dos exemplares fabricados e 72,30% da facturación; mentres c aen 2009 representa o 55,60% dos exemplares e o 57,90% da facturación.
  • Con respecto á canle de comercialización as librarías e as cadeas de librarías supuxeron en 2008 o 48,30% das vendas dos editores galegos; mentres ca en 2009 auentaron até o 55%. É de salientar a importancia da venda a crédito que en 2008 supuxo o 11,5% (3,8 millóns de euros) das vendas do sector e no 2009 baixou a 8,7% (2,93 millóns).

Concluíndo, nos dous últimos anos, mesmo no entorno da actual crise, comprobamos que se consolida en Galicia a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 46 en 2010, o que supoñen máis de 318 empregos directos e máis dun milleiro no conxunto do sector), e, ao mesmo tempo, constatamos que o medre da actividade editorial en galego adopta un ritmo inferior. Haberá que agardar a coñecer os datos do estudo do comercio interior do libro en galego de 2009 para realizar outras valoracións máis precisas.

Tempos de crise e mudanza

Ao fío dos nosos comentarios que onte publicaba Rodri García en La Voz de Galicia, non hai dúbida que reorganizar o calendario da aparición de títulos e reducir as súas tiradas son as dúas primeiras medidas de prudencia que os editores estamos tomando para facer fronte á crise que está sufrindo o sector, especialmente dura para a edición cultural e de autor, o eido característico da edición en galego.

A experiencia da Feira do Libro da Coruña pode ser moi clarificadora da situación actual do mercado do libro en Galicia: excelente acollida de público (100.000 persoas), magnífico nivel das actividades literarias (presentacións e debates, xeralmente, moi concorridos); porén, todos os libreiros recoñecían en privado que se producíu unha diminución das vendas con respecto á pasada edición, afortunadamente inferior ás súas peores previsións. O mercado do libro literario está, pois, algo frío, como tantos outros produtos, aínda que non amosa síntomas de conxelación. No obstante, haberá que agardar á decisiva campaña de Nadal para facer valoracións máis acaídas a este teor.

Por riba dos efectos da crise económica, é innegable que a crise do modelo actual de edición cultural europea é moi profunda, máis aínda cando o modelo de edición masiva (baseado no reinado do libro único que adquiren millóns de lectores) que o foi substituíndo nalgúns países como os Estados Unidos e o Reino Unido comeza a quebrarse. Ou o que é o mesmo, cando editores e libreiros superemos os efectos nocivos da actual crise de consumo, coa deterioración que inevitablemente vai provocar, haberemos de enfrontar a mudanza do modelo da cadea de valor que supon o tránsito cara ao paradigma da edición dixital. A realidade non dá acougo, vivimos tempos de crise e mudanza. Tempos que deben ser, tamén, de oportunidade e entusiasmo. Con esa actitude ilusionada creo que debemos enfrontalos.