O Vigo de Cameselle

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro antolóxico do fotógrafo Guillermo Cameselle, que será presentado o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas no Club Faro de Vigo.

Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento de Guillermo Cameselle, Xerais acaba de publicar un libro antolóxico do seu traballo como fotoxornalista de “Faro de Vigo”. Fermosamente prologada por Ceferino de Blas, mestre de xornalistas e responsable de Faro nas últimas décadas, a obra recompila en 440 páxinas arredor de 800 fotografías, escolmadas entre máis de 30.000, que conforman unha impresionante e emocionante crónica gráfica de Vigo e da súa área metropolitana dende 1975 a 2005, un período histórico decisivo no que a nosa abella da ribeira, coincidindo coa restauración monárquica e co inicio do período autonómico, sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente a pel do seu tecido urbano.

Fillo de Cameselle, o famoso responsable do mantemento do estadio de Balaídos, Guillermo iniciou a súa profesión como fotógrafo da man de Manuel Novoa e Manuel García Castro “Magar” que con apenas vinte e poucos anos o introduciron como colaborador da axencia EFE e da delegación de TVE en Vigo. A partir de 1974, Cameselle entrou a formar parte do cadro de fotógrafos do decano, no que desenvolvería toda a súa traxectoria profesional e onde se forxou como un dos grandes do fotoxornalismo galego. Profesional de actitude sempre xenerosa, cun pulso vital impregnado dun pesimismo responsable, que ben coñecían os seus compañeiros de redacción, decontado foi adquirindo un estilo característico nas súas fotos identificables por unha composición coidada, atenta á xeometría e ao respecto das regras da dimensión áurea. Máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, obrigada polas urxencias do xornal, Cameselle esforzouse en ofrecer un traballo rotundo, baseado nunha ollada conmovedora sobre a realidade, non exenta do humor e dunha ironía moi sutil que ás veces chegaba aos límites do esperpento. A presenza de detalles case imperceptibles, nos que semellaba só el reparaba (o seu toque xenial), achegaban a cada unha das súas fotos un sorprendente engadido de orixinalidade e elegancia.

Cameselle foi modelo dun fotoxornalista afouto capaz de recoller a aceleración dun instante e de comprometerse cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado da reconversión naval dos oitenta, da que foi o seu cronista gráfico máis destacado, e das loitas obreiras e sociais no anfiteatro cívico de Urzaiz. No libro antolóxico aparecen fotos da protesta dos obreiros de Ascón no estadio de Balaídos en abril de 1978, das súas accións contundentes na mesma ponte de Rande ou de cando o 8 de xaneiro de 1985 ocuparon o catamarán e o conduciron a porto seguro. Fotos de forza extraordinaria coma as da reportaxe sobre a loita das mariscadoras da praia do Castelete, polas que recibiu en 1990 o primeiro premio “Galicia y el mar”, ou as da batalla que en decembro de 2002 os mariñeiros da ría libraron en Cíes contra o chapapote do “Prestige”. Fotos estremecedoras dos campamentos xitanos do Vigo dos oitenta, ou das mulleres sen teito, abrigadas nos escaparates de Príncipe. Exemplos de dignidade dun fotógrafo humilde e discretísimo, merecedor en 2005 do Premio Galicia de Xornalismo por este seu inquebrantable compromiso cívico cunha información profundamente humana, afastada de calquera tinte de amarelismo oportunista.

Namorado do mar, a ría de Vigo é a paisaxe protagonista dalgunha das súas fotos máis fermosas, dende aquelas da arquitectura móbil dos transatlánticos aparecendo entre o noso sky line, pasando por outras nas que expresa a potencia das guindastres dos estaleiros e a euforizante maruxía da lonxa do Berbés, até aqueloutras da beleza liviá das embarcacións da vela deportiva e das esforzadas traíñas. Fotógrafo primeiro dunha cidade polideportiva con vocación de sede olímpica, destaca o traballo de seguimento que fixo do incrible eurocelta de entre séculos, con fotos inesquecibles para a memoria celeste. Outro tanto acontece coas súas pezas dos concertos do Vigo da movida ou das festas populares (curros, entroidos, romaxes, procesións, paparotas e outros desfiles) nos que Cameselle deitou a súa ollada máis dionisíaca e divertida.  Mais foi no retrato outro xénero onde tamén Guillermo amosou a súa xenerosidade, tanto cando fotografou aos políticos e aos famosos con piedade e (nalgunhas ocasións) con retranca, coma cando o fixo co agarimo e coa tenrura que para el merecían os anónimos, os picariños e os vellos, os primeiros heroes das súas fotos.

O grande traballo en “Faro de Vigo” de Guillermo Cameselle obrigaba a ofrecer este primeiro libro antolóxico, que cremos contribuirá á construción da memoria do vivido por varias xeracións de vigueses. Mais merece tamén unha gran exposición na Casa das Artes como homenaxe e recoñecemento cidadán a súa proeza.

A kermesse de Antón Pulido

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao meu admirado amigo o pintor Antón Pulido.

Tras anos de dedicación xenerosa á docencia e á xestión cultural, despois de presentar os seus cadros con grande éxito en galerías e feiras de Taipei, Beijing, Shangai, Seúl e Roma, o pintor Antón Pulido ofrece baixo o título “Kermesse” unha grande exposición nas salas do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O artista de Chaos de Amoeiro reuniu corenta lenzos inéditos de produción recente, aos que engadiu unha coidadísima escolma de pezas da súa traxectoria anterior, coa intención de presentar a súa esencia pictórica actual. Unha mostra memorable, magnífica, coidada ao detalle, que coincide coa madurez creativa e artística dun ser humano xigante, de xenerosidade e bondade desbordada, afincado en Vigo dende hai case tres décadas, que conta por milleiros os seus amigos e admiradores. Unha exposición emocionante para o espectador que percorre as magníficas instalacións do museo provincial abraiado pola sinfonía de cor rotunda e polo relato visual, unha exaltación gozosa da enerxía da vida, non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

“Kermesse” –un termo flamenco que fai referencia a “festa popular”, que poderiamos traducir en galego como “danza”, “boureo”, “bourela” ou mesmo “festiña”– tamén é o título escollido por Pulido para trinta dos seus cadros, aos que non diferenza máis que por un número de serie. Dende unha abstración que o artista foi decantando ao longo dunha década, cada unha destas kermesses representa, en tempos de desacougo e soidade, a ledicia da vida e a vontade de sermos en comunidade. Cada kermesse é un xesto visual transformado en emoción, esa actitude de acollida xenerosa e de escoita paciente que destila a presenza de Pulido alí onde se atope. Cada kermesse é, tamén, un latexar cromático, caracterizado polo xogo de texturas e pola dominancia das cores vermellas e negras, representando ambas as dúas facianas da festa popular, a da cara e a da máscara,  a do profano e a do sagrado, a do eros e a do tanatos. Cada kermesse é, como sinala o profesor Antón Castro, coordinador da exposición, “un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas”. Cada kermesse é máis ca un cadro, é tamén un convite de tradición epicúrea a abandonar calquera tipo de conformismo ou fatalismo paralizantes e atreverse a explorar o sentido positivo da vida, non exento de riscos, coma Pulido propón nese impresionante prato de “Percebes” (2008), un cadro onde podemos identificar a orixe desta serie última de abstración poética tan depurada.

Non esquece Pulido na exposición pontevedresa ofrecer unha escolma moi breve da súa pintura máis expresionista, sobre todo a que caracterizou a súa produción dende os anos noventa, protagonizada pola representación da figura humana, fose nos seus extraordinarios retratos e autorretratos, nas representacións realistas dos labores e faenas populares, coma nesoutros camiñantes e músicos solitarios á beira do abismo ou esas inquedantes mulleres núas deitadas na praia. Pezas moi contundentes nas que a cor continúa sendo esencial na composición e no xesto. Na mostra destacan “Abismo” (1990), “Noite azul” (1992), “Soño II” (1993), “Músico” (2008) e “Durmindo nas ondas” (2008), óleos que conteñen nos seus límites un relato mudo, cadros que se ofrecen coma un espazo para a experiencia activa do espectador que a partir de detalles cromáticos pode imaxinar vidas, descubrir misterios e ensaiar melodías.

A música é outro elemento moi presente na biografía de Antón Pulido, dende os primeiros anos de formación en Ourense e nos que aprendeu as harmonías do canto gregoriano, que se incorpora á toda a súa obra pictórica. Non só pola presenza decote de músicos nos seus cadros, dacabalo da serie de abismos, camiñantes e soidades, coma pola asunción da experiencia rítmica no desenvolvemento do xesto gráfico e pola utilización das formas musicais na escolla da súa paleta cromática. Música e pintura na encrucillada creativa do artista, espazo e pentagrama coma territorios de creación, experimentación e investigación sonora e plástica. Un prodixio de creación sinestésica e polifónica que sabemos está ao alcance de moi poucos.

Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstración emotiva, é o narrador da realidade no abismo, un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atopa. Visitar “Kermesse” é unha magnífica oportunidade para gozar e descubrir a obra dun dos máis importantes e orixinais pintores galegos de entre séculos. Recomendo moi vivamente visitar esta exposición, unha das mellores que se teñen celebrado en Galicia durante a última década. Beizón, Antón!

Un país en ruínas

No artigo da semana en Faro de Vigo amplio a miña reflexión sobre a sentenza do Prestige e a miña visión da actual situación crítica para o futuro do país.

Non é doado asumir a sentenza do “Prestige”. A diferenza do que sucedeu tras outras mareas negras –como as do “Exxon Valdez” en Alasca (1989) ou a do “Erika” na costa bretoa (1999), nas que as petroleiras despois das sentenzas pagaron unha parte dos danos, 500 millóns de dólares na primeira e 192 millóns de euros na segunda– na costa galega non existiu delito ambiental ningún nin se coñecen cales foron as orixes dunha catástrofe que provocou danos valorados pola fiscalía en máis de catro mil millóns de euros. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña exime de responsabilidade penal o goberno español e avala a súa decisión de afastar o barco da costa, aquela orde enérxica do ministro Álvarez Cascos de “mandar o barco ao quinto pino”.

Tras unha década de instrucción no xulgado de Corcubión, a xustiza asume o que xa anticipara Ana Botella, “a culpa foi do barco”; mais, iso si, sen establecer responsabilidade ningunha dos seus propietarios. O que supón que non existirá posibilidade de reclamación ningunha por parte daqueles vinte mil mariñeiros e mariscadoras, que apañaron coas súas mans o noxento chapapote, nin das confrarías ás que pertencían nin sequera das administracións públicas, que asumiron os gastos da loita contra o piche e a recuperación dos espazos naturais danados, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esta sentenza enfronta á cidadanía ao espello da indignidade, da incompetencia e da mentira, aquelas que hai once anos mobilizaron a milleiros de persoas tras a pancarta da civilidade de Nunca Máis. Aqueloutro espello de solidariedade que atraeu a máis de 120.000 voluntarios, chegados de todas as comunidades, que durante meses limparon con xenerosidade desbordada praias e cantís. Tras esta sentenza sabemos para a nosa desgraza que aquí non pasou nada. Botouse terra sobre a memoria do “Prestige” e da mobilización cidadán de Nunca Máis, o que hoxe enche de satisfacción á prensa gobernamental da capital e a algúns políticos do Partido Popular protagonistas daqueles días, como Arsenio Fernández de Mesa, entón delegado do Goberno en Galicia, que aventurou que “o destino do fuel no fondo do mar é converterse en lastro”, ou de Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que aqueles días prometeu que “a Xunta vai dar ás catro mil familias afectadas o turrón, e se logo pode vir o mazapán por parte do Goberno e da UE, mellor”.

A inxusta sentenza do “Prestige” chove sobre mollado nun país en ruínas, onde cada vez son maiores as razóns para o desacougo. Milleiros dos seus graduados emigran, asumindo que terán moi escasas posibilidades de regresar a traballar na súa terra, mentres as cifras de desemprego xa se achegan a taxa do 25 %. O sector da industria naval leva máis dun ano sen cortar chapa, agardando polos floteis de Pemex, que esta semana volveron adiarse. Tras unha desastrosa xestión empresarial, Pescanova loita por evitar desaparecer, mentres o banco das caixas galegas, a última institución financeira de noso, agarda a venda da súa suculenta cota do mercado antes do Nadal. Non corre mellor fortuna o sector enerxético, onde Galicia a pesar de ser unha potencia produtora, non tira apenas réditos fiscais. Non corre mellor fortuna o eido agrogandeiro, cun sector do leite en crise permanente de viabilidade e un sector forestal sometido aos intereses das políticas do lume. Coma tampouco convida ao optimismo a precaria situación dos servizos da educación pública, a aposta raquítica pola investigación e innovación nin o escaso interese da Xunta de Galicia polo futuro da lingua e da cultura propias.

No último lustro, economicamente Galicia non levantou cabeza nin acometeu ningún dos seus desafíos estruturais. A sangría demográfica intensificouse, o país continúa envellecendo, mentres mantén unha das taxas de nacemento máis baixas de Occidente. No entorno da crise e das políticas de consolidación fiscal (os recortes) adiouse sine die a reforma territorial e administrativa, que obrigaría a posta en marcha de comarcas e áreas metropolitanas e a reconsiderar o papel das deputacións. Tampouco se intentou mellorar o financiamento autonómico, a todas luces insuficiente para un país que sofre unha fenda territorial entre as provincias atlánticas e as do interior e unha importante dispersión da poboación rural.

Diante dunha situación económica tan precaria, diante dun aumento da desigualdade social tan acelerado, a cidadanía galega non pode continuar agochada no conformismo, allea ao devir da súa historia nun momento decisivo. Cómpre recuperar a intención de sermos para reconstruír un país en ruínas. Por moito que nos incomode a sentenza do “Prestige” ou a desaparición do noso sector financeiro, non é este o momento para a desolación e o desánimo. Galicia debe reaccionar.

A foto é de Guillermo Cameselle.

O conflito da biblioteca nodal

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación bibliotecaria en Vigo.

Vigo xa non é aquel concello que hai menos dunha década aparecía sempre como exemplo do severo desinterese das administracións públicas polas bibliotecas e polo fomento da lectura. Grazas ás melloras introducidas na Biblioteca Central, bautizada este ano como Juan Compañel (en homenaxe ao editor de “Cantares gallegos”), e á inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, ambas as dúas de titularidade municipal, rompeuse a inercia da indixencia bibliotecaria viguesa.

A inauguración o 9 de setembro de 2011 da Biblioteca Pública Municipal do Calvario, construída ao abeiro do Plan E de Zapatero, xermolo do que debería ser a rede de bibliotecas públicas municipais, supuxo un punto de non retorno para reconciliar a Vigo coa que se considera de forma unánime como a primeira institución cultural de cada comunidade local. O éxito desta acolledora biblioteca, tanto a nivel de socios (sete mil en 2012 e subindo ao longo do actual) e usuarios (máis de cento vinte mil anuais) como de actividades de fomento da lectura e de alfabetización informacional para un público interxeracional, amosan o papel esencial que a biblioteca pública desenvolve como animadora das comunidades de barrio. Éxito ao que se uniu hai un par de meses a súa aposta pioneira e innovadora polo préstamo de libro electrónico, o eBookVigo, unha plataforma tecnolóxica que o concello pon a disposición de todos os cidadáns vigueses usuarios desta biblioteca para facilitar o seu acceso á lectura en formato electrónico.

Porén, esta importante contribución non pode agochar a incapacidade dos tres últimos gobernos municipais vigueses para ofrecer un espazo no que o Ministerio de Educación e Cultura constrúa a Biblioteca Pública do Estado que a cidade precisa coma auga de maio. Unha construción prevista en varios Orzamentos Xerais do Estado mais para a que nunca se chegou a atopar o espazo municipal axeitado, tras barallarse o seu emprazamento na Escola de Artes e Oficios, nunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo e xa máis recentemente no compromiso verbal de Abel Caballero de facelo no edificio da Panificadora, que semella quedou en auga de castañas. Como tampouco foi capaz o concello de atopar mellor ubicación que os sotos da casa do concello para o Arquivo Municipal de Vigo, do que foi derradeiro arquiveiro José G. Posada-Curros, unhas dependencias insuficientes para unha institución que debería estar ao servizo do persoal investigador como do conxunto da cidadanía.

Neste contexto entre o esforzo e a precariedade desenvólvese o conflito actual entre o concello de Vigo e a Consellaría de Cultura e Educación sobre a dotación económica da Biblioteca Central de Vigo, que como antes sinalamos ten titularidade municipal, mais forma parte da rede de bibliotecas nodais de Galicia xunto ao resto das bibliotecas do estado (as das catro capitais de provincia e máis a Ánxel Casal de Santiago), sostidas integramente polos fondos propios e transferidos xestionados pola Xunta de Galicia. A ameaza do alcalde de non incluír nos orzamentos municipais de 2014 a partida de 350.000 euros destinados á Biblioteca Juan Compañel (lembremos que é unha institución de titularidade municipal, non autonómica) é unha torpeza incomprensible, explicable pola súa obsesiva estratexia de agudizar a contradición cos membros do Partido Popular e denunciar a falta de investimentos dos gobernos conservadores coa primeira cidade de Galicia. Mais aínda cando o funcionamento desta biblioteca e a súa integración na rede nodal, que se fixo tras a súa ubicación no edificio Ferro do Casco Vello, se rexe por un convenio entre o concello e a Xunta que, en todo caso, debería ser denunciado, se algunha das dúas partes o considera necesario. Apostaría que estamos diante dun conflito estritamente político, outro episodio máis desa interminable lea mediática entre o alcalde e a delegada da Xunta.

Todos os poderes públicos teñen unha responsabilidade coas bibliotecas públicas e o fomento da lectura á que, a pesar das políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar de xeito ningún. O concello de Vigo debe continuar a súa aposta polo desenvolvemento da rede de bibliotecas de barrio (sobre todo en Navia, Bouzas e Teis) e dignificando as instalacións do Arquivo Municipal.  Como tamén é a súa obriga atopar un espazo para que o Goberno constrúa decontado a Biblioteca Pública do Estado, imprescindible para a nosa área metropolitana, chamada a integrarse na rede nodal da Xunta de Galicia. Como a Consellaría de Cultura ten a obriga de dotar de fondos e apoiar as actividades de todas as bibliotecas públicas e especializadas (como a Penzol ou a da EMAO) existentes en Vigo, tamén a capital editorial de Galicia e sexta cidade española na produción de libros.

O futuro do estadio

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación do estadio de Balaídos o seu incerto futuro.

Os espectadores do partido da pasada semana, ademais da magoarse coa derrota in extremis do Celta, pillaron unha boa molleira, xa que chovía a cachón tanto fóra coma nas bancadas de Balaídos. A bategada puxo en evidencia o estado deplorable do estadio. As cubertas de Tribuna, Gol e Río amparaban apenas a metade do aforo, xa moi minguado; a da grada de Río, furada coma o aspersor dunha regadeira, metía auga a mares que corría en fervenza polos ocos das escaleiras. Por non falar da anécdota do apagón e das enormes pucharcas nos accesos e saídas que aconsellan acudir ao estadio do Fragoso con botas de sete leguas. E por riba, os andamios instalados para reparar algunhas deficiencias exteriores da grada de Marcador amosan que Balaídos envellece, dende hai máis dunha década sofre unha deterioración para a que, a pesar das denuncias e queixas dos usuarios, non se lle está poñendo todo o remedio que precisa.

Máis alá da épica celeste, a historia do estadio foi a das súas diversas reformas. Hai case noventa anos, case tantos coma ten o Celta, foi a iniciativa privada quen promoveu, por medio dunha sociedade de capital popular, “Stadium Balaídos S.A.”, a construción dun terreo de xogo á beira do Lagares onde estaba asentada unha fábrica de tellas do país, a “Tejera de Balaídos”. O arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez foi quen preparou o proxecto dun gran estadio de forma ovalada e pista de atletismo, á altura dos máis modernos daquela, con capacidade para 22.000 persoas sentadas e coas localidades numeradas. Mágoa, que aquel cobizoso proxecto quedase fanado por falta de recursos económicos. O monumental peche exterior de granito, deseñado polo arquitecto do edificio da Aurora Polar, foi substituído por un muro de cemento na grada de Preferencia e por un valado de madeira nas localidades populares. Balaídos inaugurouse con esa humilde fasquía o 30 de decembro de 1928, sendo alcalde Gregorio Espiño, cun partido ás tres da tarde entre o Celta e o Real Unión de Irún, correspondendo ao extremo celeste Graciliano a honra de ser o primeiro en meter un gol na lameira do Fragoso. Abríase así a historia do estadio, que como podemos ler na magnífica historia do Celta de Fernando Gallego (Faro de Vigo, 2013),  Manuel Castro “Handicap” consideraba como “un orgullo para toda Galicia”; un froito do “noso modo de ser, calcado na deportividade británica da alma galega dos vigueses, que non permitía que un praza de touros se erguese nestes eidos antes ca un stadium”.

Nos anos de posguerra, sendo alcalde Suárez-Llanos, en 1946 o Celta comprou o estadio cunha subvención do concello, o que permitiu que pasase a ser de facto propiedade municipal. Daquela o arquitecto Fernando Molins e o enxeñeiro Elixio Prieto fixeron o proxecto para a construción dunha grada cuberta con viseira de cemento en Río e para dotar a Marcador dunha grada de cemento. Obras que unha vez concluídas proseguiron coa modernización da grada de Gol. Despois, en 1969, o alcalde Rafael J. Portanet comprometeu a completa modernización de Balaídos. Foi ao longo da tempada 1970/71, coincidindo coa primeira clasificación europea da historia celeste, cando se construíron por fases as actuais gradas cubertas de Tribuna, Marcador e Gol. Anovación do estadio que se completaría unha década despois, sendo alcalde Manuel Soto, nas tempadas dos ascensos das segundas de Milorad Pavic e antes da celebración do Mundial 82, coa construción da actual grada de Río sobre o Lagares, rematando de vez coas inundacións que durante décadas cada inverno fixeron de Balaídos un temible estadio “acuático”.

Oitenta e cinco anos despois da súa inauguración e de tres décadas da súa derradeira reforma, máis alá da conxuntura deportiva do Celta (sempre na pelexa), a cidade precisa enfrontar o tabú de cal vai ser o futuro da súa primeira instalación deportiva e multiusos. Desbotada no marco económico actual (e no propio plan xeral) a alternativa de construción dun estadio nunha nova ubicación, malograda a posibilidade de remodelación integral proposta polo concelleiro do BNG Santiago Domínguez en 2009, ao fío da celebración dos mundiais de fútbol de 2018 e 2022, para os que Vigo preparou a súa candidatura coma sede, a curto prazo non existe outra alternativa que alongar a vida de Balaídos por medio dunha coidadosa operación de mantemento das súas instalacións interiores e de mellora dos seus servizos de acceso, aparcamento e transporte público. Unha “solución” que precisa unha maior dedicación orzamentaria do concello de Vigo, xa que o seu obxectivo é evitar tanto a ruína da estrutura como preservar a seguridade dos usuarios. Xa a medio e longo prazo, o futuro do estadio é unha ineludible cuestión política (e urbanística) que debe ser abordada no marco do plan estratéxico metropolitano.

As fotos son de Guillermo Cameselle.

Culturgal

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero a traxectoria de Culturgal recoñecida co Premio da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais.

Foi un éxito o xantar organizado o pasado sábado pola Fundación Premios da Crítica Galicia, liderada por Bieito Ledo e Antón Pulido, no que se deron a coñecer os galardóns correspondentes á produción cultural do ano 2012. Non defraudaron tampouco as escollas dos xurados das súas seis modalidades, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, que amosaron a excelencia da creación galega como o dinamismo acadado polas nosas industrias culturais. Xa a nivel persoal, especial emoción producíronme os premios que recibiron “Transmuta”, o poemario do chairego Xabier Cordal editado por Xerais, na modalidade de creación literaria, e Culturgal na de Iniciativas Culturais, un proxecto ao que me sinto moi vinculado dende o seu nacemento hai seis anos, que comparte o espírito inclusivo da fundación organizadora destes premios.

Non foi doado para Culturgal chegar a este o seu primeiro recoñecemento. Promovida pola Asociación Galega de Editores, naceu na semana das letras galegas de maio de 2007 no Pazo de Exposicións de Pontevedra como “Feira do libro e da industria cultural”. A semellanza da exitosa “Feira do libro e do disco en éuscaro” de Durango, con máis de corenta edicións de historia e milleiros de visitantes, Culturgal pretendía converterse nun grande escaparate anual das novidades do libro e do conxunto da produción cultural galega dirixidas a un público tanto familiar como profesional. O éxito do modelo feiral daquela primeira edición pontevedresa, dirixida polo editor Roberto Pérez Pardo, levou o ano seguinte a que fose a Consellaría de Cultura e Deporte de Ánxela Bugallo a que se ocupase durante a primeira fin de semana de decembro de 2008 da xestión e organización no Palexco da Coruña da que se bautizou como “Feira das Industrias Culturais de Galicia”. Foi este segundo Culturgal clave para a consolidación do modelo actual, non só polo seu éxito de público, senón tamén pola escolla dunhas datas fixas e pola definición da feira como un proxecto estratéxico da industria cultural en Galicia e en lingua galega.

Tras a crise de 2009, ano no que non se celebrou Culturgal, coincidindo coa chegada do PPdeG ao Goberno Galego, no verán de 2010 a iniciativa privada retomou o liderado do proxecto. Catro asociacións empresariais AGE (edición), AGAPHONO (música), AGEM (música) e Escena Galega (teatro), á que poucos meses despois se uniron EGANET (internet e novas tecnoloxías) e AGAPI (audiovisual) constituíron a Asociación Culturgal. Inicíabase así un proceso de intensa e estreita colaboración e cooperación intersectorial das diversas empresas da nosa industria cultural que baixo a presidencia do editor Xulio Amigo e a dirección do equipo técnico de Sergio Lago organizaría durante tres anos consecutivos a feira no Pazo de Exposicións de Pontevedra. Dende a edición de 2010, contando como principais patrocinadores coa Consellaría de Cultura por medio de AGADIC e co concello de Pontevedra, Culturgal alicerzou o seu exitoso modelo de Feira das Industrias Culturais sobre tres piares: a venda e presentación de novidades (libros, discos, espectáculos, iniciativas…), as actividades e espectáculos para públicos diversos (con especial atención ao familiar e infantil) e as xornadas técnicas dirixidas a profesionais dos diversos sectores dunha cultura en tránsito.

Porén, a pesar do moito camiño avanzado, Culturgal non ten certeza sobre o seu futuro. A actual diminución das vendas dos mercados minoristas da cultura, as elevadísimas taxas de paro, a deflacción salarial e a perda de poder adquisitivo, o incremento do IVE até o 21 % na maior parte dos produtos e servizos culturais (coa excepción do libro impreso) como os durísimos recortes dos poderes públicos nas partidas de Educación, Cultura e Normalización Lingüística son ameazas para unhas industrias que en Galicia ocupan a 11.200 persoas.

Secasí, Culturgal sufrirá na edición que se celebrará este outono (29 e 30 de novembro e 1 de decembro) unha redución dos patrocinios públicos até niveis inadmisibles que poden provocar o seu colapso. Porén, Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o director deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira. O Premio da Crítica Galicia chega no momento oportuno para recoñecer o traballo feito, mais sobre todo para alertar sobre o futuro dun proxecto necesario en man común.

 

Iniciativa Paz Andrade

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo os contidos da Iniciativa Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.

Redactada en apenas tres breves artigos, a proposición de lei pretende  poñer en valor o que Valentín Paz-Andrade denominaba no seu ensaio “Galicia como tarea” (1959) potencial global “dunha lingua coa que os galegos e galegas podemos entendérmonos con millóns e millóns de persoas, aínda que a falen con distinto acento ou escriban de forma diferente certo número de palabras”. A da lingua portuguesa é unha comunidade formada por 254 millóns de persoas, un 3,6 % da poboación mundial, que alén da súa diversidade cultural, representa un considerable potencial económico. Segundo un estudo recente da oficina de estudos do Banco Espirito Santo  supón o 4,6 % do PIB mundial e o 2 % do comercio internacional planetario. Se activamos esas potencialidades de comunicación lingüística que posuímos os galegos e galegas, poderemos con facilidade ser os cidadáns europeos máis capacitados para acadar o maior progreso no menor tempo nunha lingua internacional de referencia, hoxe a quinta máis falada no mundo, máis tamén a terceira máis utilizada nas redes sociais e a primeira máis falada no hemisferio sur do planeta. Unha oportunidade competitiva, sobre todo no eido económico, que non deberiamos estragar no contexto da crise económica, xa que algúns dos países desta comunidade lusófona presentan elevadísimas taxas de crecemento anual como Angola (17 %); mais sobre todo polas oportunidades de negocio e traballo ofrecidas por Brasil, un dos cinco países “brics”, chamados a revolucionar a xeoeconomía do século XXI. Sen esquececer a diáspora portuguesa polo mundo (cinco millóns de persoas) ou as pequenas comunidades como Macao, onde o portugués é lingua oficial xunto ao chinés, na que se están realizando grandes investimentos no eido da educación universitaria, sendo unha porta de acceso á China continental.

O primeiro artigo da iniciativa incorpora a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino regrado. Ábrese así a posibilidade de aumentar de forma significativa o número de alumnos e alumnas galegas con competencia elevada en comunicación e expresión oral e escrita en portugués. Un obxectivo acadado xa por Estremadura, comunidade que (para a vergonza galega) posúe a sede do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, na que estudan portugués como segunda lingua máis de dez mil estudantes de Secundaria. Unha incorporación do portugués ao currículum que debería facerse coincidir coa implantación máis que probable dos novos currículums LOMCE no vindeiro curso 2014-15. O segundo dos artigos propón que será un obxectivo estratéxico do Goberno galego a relación a todos o niveis (económico, cultural, deportivo, ambiental…) cos países de lingua portuguesa. Este achegamento institucional suporía unha ollada galega cara o sur, primeiro con Portugal, con quen, como tantas veces sinalou o noso amigo o editor Nelson de Matos, “sempre vivimos tan preto, mais tan virados de costas”. Ollada que cómpre prolongar alén mar, cara os países africanos de lingua portuguesa e cara Brasil, país de oportunidades e horizontes abertos, onde Galicia é recibida con menos prexuízos ca en Lisboa. Por último, o terceiro artigo, propón lograr a recepción aberta en territorio galego das emisións de radio e televisión portuguesas. Unha medida (aparentemente) técnica que abriría por fin a derradeira fronteira con Portugal, a informativa, cultural e deportiva, esoutra barreira invisible que tras dúas décadas cos pasos fronteirizos abertos en Tui, Pontebarxas, no Xerés ou en Feces aínda non foi posible derrubar.

A máis que probable aprobación por parte do Parlamento Galego desta lei para o aproveitamento da lingua portuguesa debería supoñer o inicio dun proceso de achegamento efectivo, inclusivo e recíproco de Galicia con Portugal, Brasil e o resto dos países da lusofonía. Será o momento de recuperar con coraxe iniciativas políticas, económicas e culturais como as do Eixo Atlántico (hoxe moi diminuído na súa actividade) ou a decisiva presenza de Galicia como Observador Asociado da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Unha magnífica oportunidade para Galicia.

Vigo, cidade euroatlántica

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a experiencia do primeiro goberno tripartito (1991-1995) no concello de Vigo.

Na historia recente de Vigo hai algúns capítulos políticos que deben ser aclarados. Entre eles o do gravísimo conflito pola instalación da empacadora nos peiraos do Guixar, que facilitou a única maioría absoluta coa que contou o Partido Popular en Vigo, a que na primavera de 1995 levou á alcaldía a Manuel Pérez Álvarez. Documentando o libro que publicaremos de Cameselle, o grande fotógrafo de “Faro de Vigo” falecido hai un ano, reparei naqueles sucesos iniciados hai agora vinte anos, que fixeron naufragar aquel ilusionante tripartito vigués presidido polo alcalde socialista Carlos G. Príncipe, coaligado cos nacionalistas do PSG-Esquerda Galega de Suso Costas e do Bloque Nacionalista Galego de Lois Pérez Castrillo. Nas fotos recuperadas do arquivo Cameselle vese unha das grandes manifestacións veciñais baixo o lema “Teis contra a empacadora”, a celebrada o 29 de novembro de 1994, mais tamén o espectacular incendio dun vitrasa, que se produciu o día seguinte. Dúas testemuñas gráficas dun conflito da serie negra, incomprensible dende a nosa ollada hoxe, tanto polos argumentos coma polos métodos contundentes utilizados polos seus protagonistas, no que os medos veciñais sobre o impacto da compactadora foron utilizados nunha estratexia de manipulación e intoxicación política sen precedentes (e nunca aclarada) que pretendía expulsar a socialistas e nacionalistas do goberno da casa do Campo de Granada.

Se non lembro mal, a orixe do conflito de Teis, estivera na valente decisión do tripartito de Carlos Príncipe de pechar e selar o vertedoiro do Zondal no barrio do Freixo, onde durante vinte anos se queimaban cada día as case 300 toneladas de lixo que producía a cidade. Como contrapartida Vigo incorporábase ao sistema de eliminación de residuos da empresa pública galega Sogama, promovido por Xosé Cuíña, entón conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas. Unha solución medioambiental que requería a construción dunha planta de compactación dos residuos en Vigo para facilitar o seu transporte á planta incineradora de Cerceda na Coruña. Decisión que dúas décadas despois sabemos foi acertada, tanto pola recuperación do Zondal, non exenta de dificultades pola evacuación de gases e lixiviados, mais transformado hoxe nun miradoiro privilexiado sobre as Cíes, como polo mínimo impacto do funcionamento da compactadora sobre a veciñanza de Teis.

O labor daquel goberno de Príncipe nuns anos de gran entusiasmo (e crise económica) deixou unha profunda pegada no Vigo de entre séculos. Con moita coraxe acometeu proxectos infraestruturais básicos, até entón adiados, como a finalización das obras dos saneamento integral de todas as parroquias viguesas (un fito histórico nunca suficientemente valorado para unha cidade en bisbarra), a posta en marcha da primeira depuradora do Lagares ou a abordaxe de proxectos urbanos estancados durante décadas, como o da apertura da rúa Rosalía de Castro, unindo a Metalúrxica coa Caixa de Aforros. Aquel inédito goberno (de mozos de trinta e tantos), apoiado por unha ampla maioría social, coa que nunca contara o alcalde Manuel Soto durante os seus tres mandatos, puxo ademais os alicerces de moitos dos proxectos municipais inaugurados durante estas dúas últimas décadas. Daquel impulso político naceron as primeiras humanizacións do centro, coa da rúa María Berdiales como prototipo. Nese período xerouse o proxecto de Abrir Vigo o mar, coa reforma integral das Avenidas e o túnel de Beiramar, financiado pola Zona Franca, que sería desenvolvido despois polos gobernos de Manuel Pérez e Lois Pérez Castrillo. No eido do patrimonio e da cultura o goberno Príncipe foi decisivo para a recuperación integral do Casco Vello, co inicio do primeiro plan Urban; para a ampliación da Casa Galega da Cultura, onde se instalarían a Biblioteca Penzol e o legado de don Francisco Fernández del Riego; para a modernización do Museo de Castrelos, a construción do Museo do Mar e da Casa das Palabras de Samil. Outrosí sucedeu coa rede de centros cívicos veciñais que foi impulsada, así como a de instalacións deportivas.

Con todo, entendo que a achega máis importante daquel tripartito dos noventa foi o de introducir o planeamento estratéxico como ferramenta de participación cidadá e veciñal no deseño da cidade futura. Dos documentos do denominado primeiro Plan Estratéxico de Vigo naceu o posicionamento de Vigo como cidade portuaria euroatlántica de carácter metropolitano, cunha posición central no denominado Eixo Atlántico Peninsular que artella unha poboación de máis de seis millóns de persoas. Un proxecto que non perdeu unha miga de actualidade e merece ser posto en valor. Como aquel valioso labor do tripartito de Príncipe, Costas e Castrillo.

As fotos son de Guillermo Cameselle. Forman parte do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1995-2005), que será publicada en novembro por Xerais.

Hora galega

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as posibilidades de mudanza horaria e adopción da chamada «hora galega»:

Hai sete anos comentabamos aquí a proposta aprobada na XIIª Asemblea Nacional do BNG de axustar a hora de Galicia á do meridiano de Greenwich, o que suporía atrasar unha hora os nosos reloxos, tanto no horario de inverno coma no de verán. Foron daquela moitos os comentaristas da corte, tanto tiña que estivesen instalados en Madrid ou chantados na propia terra, os que decontado consideraron provocadora esta proposta, cualificándoa de “estupidez inadmisible” propia de nacionalistas dispostos a rachar coa unidade española. Iniciativa que tamén foi rexeitada de raíz por algúns políticos galegos como Alberto Núñez Feijóo, entón á fronte da oposición conservadora, quen no parlamento galego presentou unha pregunta ao presidente Pérez Touriño ao respecto, considerando que o que denominou como “autodeterminación horaria” deterioraba a imaxe de Galicia, lembrando que José Blanco, secretario de Organización do PSOE, a cualificara como unha “chorrrada”.

Porén, a iniciativa do BNG, que inicialmente fora presentada por Lito Prado, entón militante do BNG de Ourense, non tiña intención ningunha arredista, xa que dende unha posición ecoloxista apenas pretendía poñer en evidencia un desaxuste obxectivo que sofre Galicia, como a maior parte das comunidades autónomas (non esquezamos que o meridiano de Greenwich debuxa a súa liña entre Aragón e Castelló), con respecto á hora central europea (UTC / GMT + 1) adoptada como oficial por España desque o impuxo Francisco Franco o 7 de marzo de 1940, como un xeito de expresar a súa querenza polo réxime de Hitler. Transcorridos case setenta e cinco anos, aquela excéntrica decisión do ditador de adoptar a hora centroeuropea, poderiamos chamala tamén “hora alemá”, continúa vixente como outra herdanza rotineira do franquismo, a pesar dos prexuízos económicos (sobre todo os referidos os elevados consumos enerxéticos) que ocasiona afastarse do horario solar medio adoptado polos países co que compartimos fuso horario como o Reino Unido, Portugal (tanto no seu territorio continental coma insular), Marrocos ou a maior parte dos países da África subsahariana. En conclusión, se empregásemos criterios exclusivamente xeográficos, a hora oficial de España debería ser unha menos da que contamos dende 1940, tal como propuxo tan razoadamente en 2006 o BNG para Galicia.

Mais o que resulta paradoxal do caso é que aquela proposta de reintegración ao fuso horario xeográfico, recibida de forma tan abrupta polo PP e PSOE –probablemente por unha actitude seitaria inconsciente, que os leva de forma rotineira a negar validez a calquera proposta nacionalista, sen valorar o seu axeitamento aos intereses xerais–, será debatida grazas ao informe presentando pola subcomisión ou grupo de traballo para o estudo da “Racionalización de horarios, a Conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a Corresponsabilidade”, tras ser aprobada pola Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados coa abstención dos grupos de esquerda por considerar que “non afonda en resolver os obstáculos da conciliación”. Se o Goberno ten en conta este informe, a chamada hora galega (canaria ou portuguesa) podería ser a hora española do futuro inmediato. Mudanza significativa para os hábitos e formas de vida cidadá que expresaría, ademais, a posibilidade real de modificar moitos outros marcos e límites que, dende a Reforma Política, os partidos da alternancia consideraron coma fixos e incuestionables.

A proposta de mudanza horaria, elaborada por un grupo de deputados e deputadas, coa participación de numerosos expertos de diversas disciplinas, asume que supoñería unha importante transformación de usos e costumes, tanto nos eidos escolar, laboral, comercial coma social, cunha imprescindible modificación e racionalización dos seus horarios. Un cambio que axeitaría o noso reloxo biolóxico co solar, axustando as nosas rotinas á luz e escuridade naturais, mais que, inevitablemente, debería ir acompañado dunha redución significativa das horas dedicadas ao traballo, rematando coas xornadas prolongadas (e tan frecuentes nalgúns sectores) do abrente ao solpor. A mudanza horaria non pode ser allea tanto ao respecto efectivo á lei de igualdade como a dunha normativa laboral que, a pesar dos seis millóns de parados, é rebentada decote pola carencia de inspeccións e pola flexibilización abusiva da contratación amparada pola recente reforma laboral. Só compartindo o traballo existente e organizando racionalmente as súas xornadas se poderá acometer unha conciliación efectiva coa vida familiar. Ogallá esta adopción da ventureira hora galega supoña tamén o inicio dunha revolución no reparto efectivo e organización do traballo, como na igualdade entre homes e mulleres.

O legado de Olimpio Liste

No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha homenaxe a figura do etnógrafo Olimpio Liste falecido o pasado 15 de setembro:

O pasado día 15 faleceu en Pontevedra Olimpio Liste Regueiro, o fundador dos Museos Liste de Oseira e Vigo, unha das figuras pioneiras e máis destacadas no estudo da etnografía galega durante as últimas cinco décadas. Nacido en 1932 na pontevedresa rúa Sarmiento, a súa relación apaixonada coa cultura material galega comezou de pícaro, cando nas vacacións escolares frecuentaba a aldea de Ventosa, no concello da Golada, onde nacera a mestra coa que seu pai casara en segundas nupcias. Aqueles días foron decisivos, xa que como Olimpio confesou “alí abríuseme un mundo sorprendente e descoñecido” onde puido coñecer e participar nas faenas e traballos da casa máis diversos: “erguíame coma un raio, facía de todo, a sega do centeo, enxugar as bestas…”. A súa afección polo estudo do patrimonio popular naceu durante os anos de bacharelato da man do seu profesor Xosé Filgueira Valverde, a quen recoñeceu como un dos seus mestres. Tras sacar a diplomatura de Inspección Técnica, Olimpio dedicouse ao ensino de persoas cegas, outra das súas grandes vocacións.

Iniciou o seu labor como investigador e coleccionista de obxectos e trebellos en 1963, cando comezou a percorrer nun seiscentos os camiños da Galicia aldeana coa intención de “recoller datos sobre cousas abandonadas, a punto de perderse ou que estaban preto do lume”. Un labor que, inevitablemente, “levou a rescatalas daquel fin tráxico e a buscar unha casa onde gardalas”. Con esta intención, en 1968 Olimpio adquiriu a casa na que o mosteiro cisterciense de San Cristovo de Cea daba acubillo aos peregrinos, local dedicado daquela ás escolas públicas de Oseira, onde na planta baixa inauguraría en 1972 o Museo Etnográfico de Oseira. Dende entón contando sempre co compromiso teimoso e infatigable da súa muller Josefina Fernández Mosquera e da súa filla Araceli, e coa colaboración de Xesús Ferro Couselo e Xoaquín Lorenzo Fernández “Xocas, os dous grandes etnógrafos ourensáns, Olimpio foi “organizando” dentro das posibilidades que permitían as limitacións de espazo, as que chegarían a ser once mil pezas de diversas coleccións relacionadas todas elas cos traballos agrícolas, con máis de corenta actividades tradicionais, con obxectos singulares na vida rural galega e co feito da exclaustración monacal. Magoadamente pechado en 2011, ao carecer de axudas públicas para o seu mantemento, o museo almacén Oseira foi testemuña principal das angueiras deste gran investigador da cultura material galega.

Por ventura para a cidade de Vigo, en 1999, tras a constitución da Fundación Liste, Olimpio asinou un convenio co concello polo que este cedía durante cincuenta anos o chalé Barreras do barrio da Pastora, onde se expoñerían máis de dúas mil cincocentas pezas da súa colección sobre diversos aspectos da cultura tradicional galega. Un proxecto museístico de novo cuño no que Olimpio e a súa familia desenvolveron unha concepción divulgadora da etnografía, cun inequívoco compoñente didáctico, que coma mestre o pontevedrés nunca esqueceu, coa intención de facer chegar o interese polo patrimonio material e inmaterial a un público familiar. A creación da asociación Barcal de amigos do Museo Liste, como a xestión dende o outubro de 2012 (tras a crise de financiamento que levou a pechar o museo durante case un ano) do Centro de Artesanía Tradicional, ampliaron a dimensión dun dos museos máis atractivos de Vigo.

A dimensión divulgadora e didáctica de Liste estivo presente tamén nas súas publicacións, sexa na primeira guía do seu museo vigués, publicada en 2003 co título “O presente do pasado”, coma nos vídeos documentais gravados hai vinte e cinco anos coa súa filla Araceli, profesora de Belas Artes e continuadora do seu labor. Entre estas películas merece especial mención á relativa á recuperación do besadoiro, o arado máis grande do mundo, aquel do que o padre Sarmiento dicía era movido por once xugadas de bois, que xa non ara na terra galega dende hai douscentos cincuenta anos, mais que reconstruíu para expoñelo no museo de Oseira. Olimpio dirixiu un proxecto de traballo de axuda para demostrar o seu funcionamento, iniciativa relatada nun vídeo editado en 1988 e descrita con todo detalle no traballo (“O besadoiro e a súa ergoloxía”) da súa filla Araceli. Outrosí sucedeu coa reconstrucion que pai e filla fixeron dos oficios, proceso e labores relacionados coa sega e coa seitura do pan centeo en Ventosa, outros dous documentos visuais moi valiosos sobre traballos desaparecidos, que eles rescataron e hoxe podemos ver en internet.

Olimpio Liste, figura humilde e xenerosa onde as houber, desenvolveu un labor de xigante, impagable para a conservación e posta en valor da cultura material galega. Deixa un impresionante legado que merece ser protexido e conservado.

A foto é de Óscar Vázquez.