No centenario do Día de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do centenario do Día de Galicia

Celebramos este 25 de xullo o centenario do Día de Galicia, outra das creacións políticas da segunda Asemblea Nazonalista convocada polas Irmandades da Fala do 7 ao 9 de novembro de 1919 no pazo de San Clemente de Santiago de Compostela. Un centenario que coincide co setenta aniversario da constitución o mesmo día no Hotel Compostela de Santiago da viguesa editorial Galaxia e ás portas do 20 de outubro, día no que se celebrará o centenario da aparición en Ourense da revista Nós, publicación artellada por un grupo xeracional de intelectuais que pasaron á historia como Xeración Nós e son lembrados por traballar de forma incansable a prol da dignificación da cultura galega e de Galicia como célula de universalidade.

Aquel primeiro Día de Galicia de 1920 fora animado por un editorial do número 124 do xornal A Nosa Terra, órgano oficial da Irmandades da Fala, no que baixo o título «Alborada» propoñía celebrar con «ledicia reloucadora» esta xornada do «25 de Santiago» «en todos os fogares do mundo onde latexa un peito galego». Concibida como data «lembranza da Patria natural» e «arela de irmandade espallada por todos os pobos», con lembranza específica para «as nazonalidades irmás da Iberia» e para «Irlanda, irmá nosa e nosa mestra», aquela primeira edición comezou na cidade da Coruña, para os irmandiños «a capital da Nosa Terra», coa intención de que en anos vindeiros fose imitada en todas as cidades galegas. Un chamamento dirixido a «irmáns, amigos e inimigos» coa intención de que «a nosa terra chegue a conquerir o imperio espiritual na futura e gloriosa civilización atlántica», no que non faltaba unha apelación ao seu carácter de «momento histórico de ser ou non ser».

Aquela primeira celebración coruñesa do Día de Galicia, continuada durante 1921 e 1922 como data de exteriorización do patriotismo galego, por medio do izado da bandeira galega e do reparto de propaganda galeguista, foi prohibida en 1923 pola ditadura de Primo de Rivera que a consideraba «separatista» e «perigosa» como a exhibición da propia bandeira, reivindicada polos irmandiños como insignia nacional. Unha celebración que ás portas da proclamación da Segunda República, colleu un novo pulo en Vigo no histórico xantar da Barxa do 25 de xullo de 1930, posterior ao acto galeguista celebrado no Teatro García Barbón, onde interviron Castelao e Valentín Paz Andrade. Efeméride que coa Fundación do Partido Galeguista (1932) adquiriu o seu carácter político durante os anos de entusiasmo a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía (1936), mais tamén como afirmación cultural e festiva que deu pé en Compostela ao Mitin das Arengas (1934) organizado polas Mocidades Galeguistas.

Espírito político conservado intacto no exilio, que deu pé a «Alba de Groria», aquel histórico discurso pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948 no Teatro Argentino de Buenos Aires, concibido para celebrar «a festa maior de Galiza, a festa de tódolos galegos», cuxo texto se convertería en síntese do ideario e símbolo do nacionalismo galego. Espírito galeguista conservado durante a ditadura polos membros do grupo Galaxia que participaban con afouteza cada 25 de xullo na «Misa de Rosalía» na igrexa de San Domingos de Bonaval, acto relixioso de significación galeguista xa dende 1932. Misa de Rosalía que en 1969 adquiriu inequívoco carácter político cando tras o canto do himno galego e do «Venceremos nós», así como dos posteriores berros de «Galiza Ceibe» e «Liberdade para Galicia», cargou a policía e detivo a tres persoas, entre elas Xaime Isla Couto, que sería condenado polo TOP.

Significado político do 25 de xullo que xa en 1968 lle outorgara a Unión do Povo Galego pendurando na Alameda compostelá unha pancarta que rezaba «Viva Galiza ceibe e socialista» e fixaba dende entón a súa celebración para o movemento nacionalista galego como «Día da Patria Galega». Carácter cívico e galeguista que Antonio Rosón, o primeiro presidente preautonómico, quixo imprimirlle (o que lle custou o posto) á efeméride declarándoa en 1979 como «Día Nacional de Galicia», denominación oficial vixente dende entón. Porén, coa excepción da entrega das Medallas de Galicia, a Xunta de Galicia en todas as súas presidencias conservadoras ignorou a denominación oficial e virou ás costas a esta festa concibida hai cen anos polos irmandiños como a nosa primeira arela de afirmación colectiva. Carácter cívico deste Día Nacional de Galicia que por ventura e non sen dificultades manteñen aceso algúns dos nosos concellos, como o de Vigo que cada ano encarga un bando de espírito galeguista. Un chamamento á unidade e entusiasmo galeguistas que transcorrido un século continúa vixente. Viva o Día de Galicia, viva o Día Nacional de Galicia, viva o Día da Patria Galega, viva a festa maior de Galicia!

 

Para o ano que vén

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á permanencia do Celta en primeira:

O celtismo non esquecerá o triste remate da tempada do confinamento. Tras os cinco partidos dun nefasto mes de xullo, nos que o equipo de Óscar García fixo apenas dous puntos, acadou a permanencia in extremis grazas a unha cabezada de Sergio Ramos e a un xutazo de Marco Asensio, estrelas merengues que evitaron a derrota do campión en Butarque diante dun afouto Leganés que tivo no derradeiro minuto de tempo engadido a permanencia na biqueira de Óscar Rodríguez. Como tampouco esquecerá que pese ao partido ruín da maioría dos nosos en Cornellá, Iago Aspas dispuxo, tamén nos minutos finais, cando xa esgotara a reserva das súas forzas, dunha oportunidade extraordinaria para marcar, nunha das súas carreiras de dianteiro de alta definición finalizada cun xute que pasou a centímetros da base do pao longo. Aí tivemos a permanencia por goles propios, unha fortuna que tampouco nos fora propicia aquel inesquecible serán do 11 de maio de 2017 cando o Celtazo de Eduardo Berizzo visitou Old Trafford e nun balón centrado por Claude Beauvue sobre Guidetti escachou os soños de xogar a súa primeira final europea. Xogadas decisivas, resoltas por decisións imprevisibles tomadas en segundos e en carreira, expresión de alustros de talento e concentración adestrados por atacantes e defensores, que converten ao fútbol na disciplina deportiva das Belas Artes que conta con máis seguidoras no planeta.

Ese territorio deportivo apaixonante da incerteza, delimitado en todas as lameiras do mundo polas dezasete regras da IFAB e polos valores do fair play, o xogo limpo e o respecto entre as persoas participantes, debería abondar para explicar o que acontece neste fermoso xogo de balón. Cadora, o chamado «fútbol moderno», parte do negocio millonario do espectáculo audiovisual globalizado, modificou cos seus intereses e novos protocolos (como a creación do VAR) as competicións do fútbol profesional até o punto de desenvolvelas xa coa ausencia do público, substituído para non desconcertar á clientela audiovisual apenas por infografías e gravacións sonoras e musicais enlatadas. Movendo en España 15.700 millóns de euros e achegando á Facenda case 1.500 millóns, o desenvolvemento imparable desta industria futbolística, mesmo a pesar da distancia social e da etiqueta obrigada pola pandemia, modifica tamén o funcionamento dos 42 clubs (na súa maior parte Sociedades Anónimas Deportivas) que forman parte da selecta elite do fútbol profesional. Xaora, a pesar de que todos os clubs artellan identidades territoriais e afectos da memoria, todos son máis que un club deportivo, debemos asumir que hoxe o territorio natural do fútbol profesional é idéntico ao de calquera outra empresa privada, onde priman sobre todo os intereses da súa propiedade.

Só atendendo a ese territorio deportivo e empresarial é explicable a errática traxectoria do Real Club Celta de Vigo SAD nas dúas últimas tempadas nas que, tras un desfile de cinco adestradores e numerosas fichaxes e traspasos, tanto lle custou manter a categoría, o que non impediu achegar un excelente resultado económico para o seu propietario maioritario. E só dende aí é comprensible a desconexión cada vez máis explícita entre as esperanzas e bulires deportivos do corpo social de abonadas, peñistas e seareiras celestes (seguidoras dende os cinco continentes) e as decisións políticas do propietario e dos xestores do club orientadas, como sucede no caso da cidade deportiva e centro comercial a construír en Mos, a incrementar o valor económico da entidade. Como tamén sobre esa trabe dupla deportiva e empresarial desenvolveuse o pasado mes de agosto a «operación retorno» de promesas da Madroa da diáspora, con mellor resultado como campaña de marketing destinada a fidelización das persoas abonadas ca no propio terreo de xogo onde estas incorporacións na súa maior parte non engadiron a diferenza que delas se agardaba.

De cara a vindeira tempada, a afección celeste repetirá o debate sobre o futuro deportivo do equipo, dividíndose entre as posicións máis optimistas e saudosas daquel Celta europeo de entre séculos, recuperado en apenas tres tempadas polo Toto Berizzo, e aqueloutras máis prudentes que asumen a tradición dun club máis austero no palmarés pero sempre afouto e resistente até o derradeiro salaio na lameira. Apenas diferenzas da gamma de matices que conforman a identidade acolledora, case centenaria, dun club de voces baixas, esas humildes que non impoñen, mais que son capaces de aloumiñar coa súa continuidade as ilusións de tantas vidas viguesas e galegas. Un debate social ao que agardamos sexa sensible o propietario e os seus primeiros xestores reflexionando e priorizando, sequera por unha vez, a coherencia do proxecto deportivo e social sobre os seus intereses económicos. Agardemos recuperar para o ano que vén, como lembra A Roda, novos azos e esperanzas. Sempre Celta!

Retorno á fin de século

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a valorar os resultados electorais das Galegas 12X

O domingo non houbo sorpresa. Alberto Núñez Feijoo obtivo a súa cuarta maioría absoluta e Ana Pontón conseguiu que o BNG recuperase o liderado da oposición. Unha contundente vitoria da Galicia conservadora sobre o bloque da Galicia alternativa no marco dun resultado histórico, tanto para os populares como para os nacionalistas, co que se recupera unha composición do Parlamento moi semellante á da quinta lexislatura (1997), cando o BNG de Xosé Manuel Beiras deu o sorpasso sobre o PSdeG-PSOE de Abel Caballero liderando a oposición no terceiro mandato de Manuel Fraga. Un resultado que liquida os restos do naufraxio de En Marea que perde as súas catorce actas, castigada polas súas continuas escisións e desavinzas internas, ao tempo que deixa fóra a VOX, amosando que o noso pode ser un país conservador pero non reaccionario, a pesar de que os medios capitalinos pretendan interpretar estes resultados en función da axenda da vila e corte.

O éxito extraordinario da cuarta absoluta de Feijoo, un fenómeno inédito no actual entorno europeo de fragmentación, como a súa capacidade de mellorar o resultado nas provincias da Coruña e Lugo, a pesar do rebrote da Covid-19 na Mariña, achega ao político dos Peares aos mellores resultados de Manuel Fraga. Outra vitoria que amosa a capacidade de Feijoo de equilibrar a estratexia liberal, privatizadora e centralizadora do PP de Génova coa organicidade de considerar a Galicia como suxeito político e poñer os seus intereses no centro do debate, cuestión na que só coincide no actual arco co BNG, facéndoo eixo da comunicación da súa campaña: «Galicia, Galicia, Galicia». Unha estratexia moi exitosa á que non seus tres mandatos non lle afectaron nin as pobres cifras económicas do país nin a sangría da emigración da mocidade nin a devaluación dos servizos públicos de educación e coidados nin o desinterese pola lingua e cultura propias. Feijoo mantén en secreto a fórmula deste equilibrio imposible entre os ingredientes do seu crédito como xestor eficaz, autonomista convencido, epidemiólogo sensato e gañador invito de eleccións. Unha fórmula que lle permite manter a confianza de FAES e do partido (cuxas siglas apenas utiliza) que polo momento preside Pablo Casado.

Éxito indiscutible tamén do BNG de Ana Pontón e Goretti Sanmartín, a directora da extraordinaria campaña nacionalista, que a pesar do fracaso do bloque da Galicia alternativa, conseguiron que a esquerda nacionalista recupere con azos renovados á situación de hai case vinte e cinco anos (1997) e peche a crise aberta na asemblea de Amio (2009) cunha composición máis homoxénea e compacta. O BNG abre de novo a xanela da esperanza para un cambio a medio prazo (2024), mais tamén para de forma inmediata obrigar ao PSOE a respectar os acordos asinados en clave galega na investidura de Pedro Sánchez. E o que semella aínda máis decisivo, coa súa presenza no Congreso e o seu liderado da oposición no Hórreo permite que Galicia quede a idéntica altura que as outras nacionalidades históricas, á hora de calquera posible reformulación da gobernanza territorial. Un éxito do BNG que moito ten ver coa credibilidade da súa candidata, tanto a nivel xeracional (é a forza pola que apostou a mocidade) como polo rigor e serenidade dun discurso dirixido non só ao electorado nacionalista, como coa feminización efectiva da súa dirección, camiño sen volta da revolución feminista en marcha.

Nesa contorna de gañadores, o PSdeG-PSOE semella asumir como inevitable a súa terceira posición, o que non é estraño nunha formación que ao longo da Autonomía non foi capaz de ofrecer un perfil propio. Ausencia de carácter, unhas veces debida ao cesarismo dos seus alcaldes, sucedeu con Francisco Vázquez na Coruña, sucede con Abel Caballero en Vigo, que prefiren o seu contacto directo tanto con Madrid como con San Caetano, noutras por conformarse coa dinámica que imprime Ferraz e Moncloa, como sucede na actualidade. Unha pleitesía semellante á que sufriu a marca de Podemos en Galicia que se presentaba en 2012 coa intención de facer historia e que agora corre serio risco de desaparición. Sen esquecer, por último, que outra das claves do resultado do 12X foi o 40 % de persoas que decidiron quedar na casa, sobre todo en zonas urbanas, o que expresa unha inhibición electoral significativa, que nos recordou a que se producía decote nas convocatorias de fin de século.

Co resultado do pasado domingo, aparentemente Galicia volve ao escenario de 1997, mais non esquezamos que a sociedade e a economía galegas actuais son moi distintas ás daquela na que Fraga e Beiras pelexaban a zapatazos no desenvolvemento do autogoberno. Será esta undécima lexislatura na que se forxe a mudanza da Galicia alternativa? Rematará antes de prazo pola marcha de Feijoo a Madrid?

Entropía electoral

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á convocatoria electoral do 12X:

Nunha convocatoria electoral que non vai ser allea nin ao distanciamento social esixido pola Covid-19 nin ao confinamento durante só cinco días da comarca da Mariña, seguín con interese as respostas ao cuestionario «La cara íntima del candidato» publicado nestes días pasados en Faro de Vigo. Á falta de máis debates nos medios públicos entre os cabezas de candidatura, confrontar as respostas ás 46 preguntas do cuestionario da xornalista Irene Bascoy (unha menos no caso de Ana Pontón, a única candidata) de Feijoo, Caballero e Gómez-Reino axuda a confeccionar un álbum das súas confesións íntimas que están dispostas a realizar para acceder á presidencia do Goberno Galego. Un cuestionario de confidencias que recupera algunhas das trinta preguntas do «cuestionario Proust» (1885), o que permite ofrecer un retrato mais singular de cada candidatura, mais tamén das súas preferencias culturais e aspiracións políticas de máis longo alcance.

As respostas das catro candidaturas coinciden nalgunhas cuestións, como en valorar a lealdade das amizades, unir a felicidade ao entorno familiar, non fumar porros, contar con boa saúde, non dubidar en apoiar a un fillo que confesa que é transxénero, mais tamén en asumir obrigas domésticas como saber pór a lavadora, lavar a louza,  ou reciclar cepillos de dentes e cueiros. Cadora, hai preferencias que expresan a personalidade de cadaquén. Así mentres Caballero se fose un animal sería un moucho, Pontón percorrería os ceos como unha andoriña, Gómez-Reino como un mamífero terrestre ou mariño e Feijoo como un can. Outro tanto sucede cando se lles solicita encarnarse nun heroe de ficción xa que o Capitán Trueno é o personaxe preferido polo cabezaleiro do PP, Thomas Müntzer polo de Galicia en Común, Batman polo do PSdeG-PSOE e Pipi Mediaslongas pola do BNG. Escollas que non é descartable que os responsables da márketing electoral consultasen nos horóscopos chinés ou celta para facelas máis atractivas para o electorado.

Como hai preguntas no cuestionario relacionadas coas liberdades públicas onde hai diferencias entre as respostas da candidatura de Feijoo e as do resto das participantes. É o caso da abolición da prostitución e a negativa a apoiar a xestación subrogada, posicións unánimes para as candidaturas da Galicia alternativa, mais sobre as que Feijoo non se define aducindo a súa complexidade para ser respondidas cun si ou cun non. Outrosí sucede coa eutanasia que Caballero, Gómez-Reino e Pontón identifican como dereito a unha morte digna e que Feijoo relaciona como testamento vital. Como tamén hai a agardada diversidade entre as candidaturas no que atinxe ás preferencias por diversos produtos culturais. Porén chama poderosamente a atención que para todas as candidaturas ningunha das novelas preferidas para reler sexa de autoría galega, o que evidencia a existencia dunha fenda non suturada da clase política galega coa literatura na nosa lingua. O que sucede tamén de forma máis mitigada co cinema e a música galega, a pesar do declarado interese de Gómez-Reino polo novo cinema galego e da admiración de Pontón polo traballo musical de Guadi Galego e Xabier Díaz.

Nunha campaña tan desigual en oportunidades como a actual, agradécese que os cuestionarios Bascoy axuden a perfilar o retrato das candidaturas, porén son insuficientes para abordar a cerna do debate político deste 12X, que non é outro que responder á pregunta: «Galicia está mellor ou peor que hai unha década?» E as respostas dos expertos académicos cadran en que durante este período, coincidindo cos gobernos de Feijoo, Galicia retrocedeu de forma alarmante na maior parte dos seus indicadores económicos (devalo demográfico, imparable emigración xuvenil, incremento desemprego, perda do seu sector financeiro, redución do PIB por habitante, perda de peso exportador, diminución do esforzo I+D…), ampliou as fendas de desigualdade territorial e social, rebaixou a calidade dos seus servizos públicos e comprometeu o futuro da súa lingua e da súa cultura.

Como non son doados de explicar os datos das enquisas publicadas na fin da semana, que un amigo resumiume neste aparente paradoxo: «Ana Pontón do BNG é o liderado máis valorado, o PSdeG-PSOE é o partido que conta con máis simpatía, mais semella que o PPG volverá a gañar por maioría absoluta». Un triángulo inscrito nunha circunferencia dificilmente explicable se botamos man dos principios da xeometría mais que podería entenderse consultando os principios da termodinámica, sobre todo aquel referido á entropía, fenómeno que a Física explica como a enerxía incapaz de facer traballo, mais tamén como un principio dun sistema que a pesar da transferencia de calor mantén a súa identidade. Cruzaremos o 12X a liña da esperanza do imprevisible?

Vigo, barcos, coches e libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á inauguración da feira do libro de Vigo:

Encantoume escoitarlle a Yolanda Díaz nunha das súas vibrantes réplicas no Congreso que ela naceu na Ferrolterra onde se fan barcos desde que no século XVII se puxo en marcha o arsenal real. Gustoume que a ministra galega fachendease da tradición obreira ferrolá porque son as actividades económicas e a súa continuidade ás que mellor explican cada unha das comunidades humanas, países e cidades. Así tamén é o caso do Vigo metropolitano onde dende hai máis dun século a construción naval constitúe un dos alicerces do desenvolvemento urbano da súa ría.

Unha actividade industrial que coas pesqueira, conserveira e portuaria impulsou o crecemento demográfico daquel Vigo que no ano 1900 tiña apenas 23.259 habitantes, mais que tamén determinou o modelo de desenvolvemento urbanístico alongado sobre o anfiteatro da ría e deitado sobre o Val do Fragoso como a ansia fabril e dinámica dunha cidade obreira. Abonda con seguir as magníficas páxinas de información económica de Faro de Vigo, para saber que os estaleiros e as actividades pesqueiras e portuarias constitúen unha referencia na contorna atlántica e un dos piares da economía galega. Vigo é unha cidade metropolitana que continúa e agardamos continúe fabricando barcos mesmo a pesar das mil e unha dificultades dun sector industrial estratéxico e das raquíticas políticas públicas no seu apoio. Velaí o ir e vir recente do capital e da actividade de Barreras, o primeiro estaleiro privado de España, como o peche de Vulcano e o inxustificable baleiro das súas instalacións.

Actividade portuaria viguesa que recibiu o pulo de Citroën, outro dos alicerces do Vigo contemporáneo, que permitiu que en sesenta anos a cidade duplicase a súa poboación, pasando dos 144.914 de 1960, cando a factoría automobilística xa estaba instalada en Balaídos, aos 300.000 habitantes de hoxe. Unha actividade industrial que foi transformando ao Vigo metropolitano nun dos enclaves mundiais da industria automobilística, tanto pola actividade de ensamblaxe do grupo PSA como da fabricación de compoñentes por parte do cento de empresas que forma parte do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA). Vigo forma parte hoxe dese selecto mapa internacional de cidades do automóbil, como Detroit, Rennes ou Wolfsburgo, que deben facer fronte ás profundas mudanzas dun actividade industrial obrigada polas esixencias da loita contra o cambio climático a incrementar a súa eficiencia enerxética, reducir a súa pegada ambiental como a reorientar o propio carácter e deseño dos seus produtos.

A esa especificidade industrial viguesa, portuaria e automobilística, engadiuse a da edición de libros, a primeira das nosas industrias culturais. Unha actividade editorial modesta en termos económicos, que non acada aínda os dez millóns de euros anuais, mais que artella a cadea de valor do libro, con transcendencia sobre as actividades educativas e creativas máis diversas. Dende o nacemento daquela mítica editorial Cíes da rúa Elduayen por parte do editor Eugenio Barrientos nos anos corenta, da editorial Galaxia, hai setenta anos, de Edicións Xerais de Galicia, hai corenta, ás que no período autonómico se foron engadindo outras como A Nosa Terra, Ir Indo edicións, Nova Galicia, Xerme, Tambre, Ideas propias, Trymar, Lobito bueno, Editorial Elvira…, Vigo converteuse nun dos polos máis activos de edición española e na capital indiscutible da edición en lingua galega, o que contribuíu tamén ao desenvolvemento na cidade do sector do deseño e as artes gráficas, como a súa transformación en espazo cultural cun mapa literario de seu.

Vigo é cidade fabricante de barcos e coches, máis tamén de libros, a pesar da súa endémica carencia bibliotecaria, que non semella ter doado remedio nin sequera coa construción da biblioteca do estado, e da súa cativa feira do libro, que dende hai décadas está moi por baixo daqueloutra da Coruña, tanto no número de librarías participantes como no programa das súas actividades literarias. Dimensión reducida da feira do libro viguesa que na edición inaugurada esta semana na rúa do Príncipe diante do Marco chega coa participación de apenas tres librarías viguesas a súa expresión máis preocupante. Unha «anormalidade» para unha cidade de libro que o sector editorial vigués no seu conxunto (editoras e librarías), coa colaboración da propia concellaría de Cultura, deberían asumir como punto da inflexión para refundar en 2021 cunha fórmula radicalmente nova a que debería constituír a primeira e máis popular actividade cultural da cidade de Vigo, como sucede na maior parte das cidades peninsulares do rango da nosa. Cadora, visiten á feira do libro onde apoiando ás librarías resistentes máis de corenta autores e autoras asinan os seus libros.

Na noite de San Xoán

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á noite de San Xoán

Como xa sucedera hai uns días coas festas da Coca e do Corpus en Redondela e Ponteareas, que celebran a tradición medieval dos gremios e cadansúas danzas e alfombras florais, neste ano tan minguadas e cativas pola distancia social esixida para combater a pandemia, esta noite de san Xoán, que inaugura o verán co seu lume novo, será distinta a calquera outra das que lembramos. A pesar de vivirmos na mal bautizada «nova normalidade», neste primeiro San Xoán do Covid-19 non poderemos acudir ao corazón da nosa abella da ribeira a gozar do lucerío natural da fogueira do Berbés e todo o seu ritual pagán de benvida do solsticio no día máis alto do ano, no que cómpre ver bailar o sol no chan.

Unha renuncia obrigada a compartir o rito principal de acender as fogueiras ou cacharelas (noutros lugares de Galicia chamadas brasedos, cachadas, cachelas, cacholas, fachareadas, fumazos, garadas, laparadas, laradas, lumaradas, lumeiradas, luminarias ou queimas, que así de diversa é a lingua de noso) coa intención de como ven sucedendo dende a noite dos tempos de darlle máis pulo ao sol e purificar a quen o contemplase, a quen bailase ao seu arredor ou saltase por riba das súas lapas un número determinado de veces.

O poder purificador e protector do lume non poderá ser o protagonista desta noite sempre máxica xa que dende o luscofusco á media noite nas encrucilladas e prazas non se poderán prender os trastes vellos e a leña verde, a que levanta máis fume. Lumes que serían a mellor protección para espantar o meigallo de bruxas e toda clase de mal de ollo, para protexerse de animais daniños, mais tamén para curar algunhas doenzas de persoas e animais ou para evitalas, para agardar por boas colleitas ou simplemente para procurar gozar de días máis propicios ao longo de todo ano.

Velaí a sabedoría acumulada no noso refraneiro agrario para explicar o carácter desta noite: «Se San Xoán chora, a silveira non dá mora»; «Ver o lume, ver o pan, / deus che dea bo gran / polo mes de san Xoán / espigas como rebolas / e grauciños como olas»; «En San Xoán, a sardiña molla o pan»; «Pasade os lumes de San Xoán / para que nos vos morda cadela nin can,/ nin cantos males han»; «Salto por riba / do lume de San Xoán, / para que non me morda / cadela  nin can / nin bicho vivente / que ande polo chan». Protección que boa falta nos faría nun ano de calamidade como o que estamos vivindo, mais que teremos que adiar canto menos para o vindeiro, no que agardamos que o esforzo da ciencia mundial compartida consiga amparar a humanidade dos males de tan perigoso andazo.

E se non poden acender as fogueiras é probable que tampouco se fagan cacenadas, as trasnadas que facían noutrora os mozos nesta noite de San Xoán. Sempre lembrarei aquela que nos fixeron hai trinta e moitos anos cando viviamos na casa escola de Balinfra, na que nos levaron a cancela para deixala ao pé da estrada, o que diante do abraio noso moito celebrou a rapazada camoesa. Trasnada dun día de festa onde tamén lembro se colocaban ramallos de flores nas portas das casas como mellor protección para os que alí moraban. Como lembro que tal día coma o de hoxe a miña avoa Maruja, que tiña un posto de froita no mercado do Progreso, gardábanos unha presada de perillotes (ou perotes) de San Xoán, aquelas periñas as primeiras da tempada, inesquecibles polo seu rabo longo e un sabor fresquísimo, que se papaban nun par de chanchadas e que a avoa preparaba tamén con xarope.

Cadora, nada impide que neste San Xoán continuemos coa aqueloutra tradición, tamén da infancia nosa, de comezar o día lavando a cara coa auga de herbas de San Xoán, unha combinación de diversas plantas aromáticas (como herba luísa, abeloura, fento, fiúncho, romeu, malva e codeso, para Taboada Chivite as que formaban parte do cacho da tradición galega) que mamá compraba ás amigas floristas do mercado e deixaba macerar na talla do baño toda a noite anterior. Semellante combinación de herbas milagreiras que arrecendía que daba gloria mais probablemente a súa razón de ser era protexernos a cativada de doenzas e convocar os días felices.

Unha tradición familiar inserida no importante papel que a auga ten na celebración da festa de San Xoán, carga simbólica presente nas augas de fontes, ríos, lagoas ou nas propias ondas do mar, onde se localizan moitos relatos lendarios. Velaí a lenda da flor da auga, para Vicente Risco un dos misterios máis estraños e máis poéticos da noite de San Xoán. Lenda aínda viva que comeza no alborexar do día de hoxe cando nas fontes e nas augas do mar as mozas poden coller esta flor misteriosa, en forma dunha estrela de luz formada polos raios de sol reflectidos sobre a auga, capaz de afastar o mal e as meigas da casa. Unha lenda que explica o milagre do eterno renacer da vida cada ano. A pesar de non contar co remedio purificador das fogueiras, celebremos coa maxia da auga a tradición do noso San Xoán.

Investir en educacion como prioridade de saúde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación da educación en Galicia no marco da pandemia do Covid-19:

Custa entender como é posible que estando Galicia na «nova normalidade» as terrazas e os centros comerciais estean abertas mentres a actividade presencial, tanto nos centros educativos de Infantil a Secundaria, coa excepción dos segundos de Bacharelato e dos Ciclos Formativos, como nas universidades, continuará interrompida até o vindeiro mes de setembro.

Sei que privilexiar de forma tan clara a actividade comercial e recreativa sobre a educativa e investigadora, obedece a unha prioridade política das autoridades que así o establecen,  neste caso da presidencia da Xunta de Galicia. Decisión que explica que xa metido no fregado dunha precampaña permanente Alberto Núñez Feijoo fose o único que nunha das xuntanzas dominicais de presidentes solicitase a Pedro Sánchez que o que lle correspondese a Galicia dos 2.000 millóns de euros extra (arredor de 120) destinados a afrontar as necesidades educativas tras a pandemia do Covid-19 puidese ser destinado «ao que o Goberno Galego considerase».

Posición de aparente espírito arredista que nunha primeira instancia nos deixou pampos mais que entendemos cando, tras a Conferencia Sectorial de Educación, Galicia solicitou revisar as recomendacións que rebaixaban o número máximo de alumnos/as por aula (entre 15 e 20) no ensino non universitario. Solicitude xustificada polo propio presidente da Xunta en que «hai bastante máis risco nos recreos que nas clases» e pola conselleira de Educación en que «o mantemento dos grupos actuais representa maior seguridade emocional para o alumnado».

Dúas afirmacións tan retóricas e arriscadas como pouco fundamentadas. A do presidente contraditoria tanto coas medidas sanitarias en vigor, que aconsellan ventilar de forma frecuente as estancias interiores dos centros educativos coa apertura de ventás ou portas, como co Real Decreto de 9 de xuño de medidas urxentes de prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. A da conselleira, contraditoria co principio de individualización das aprendizaxes e a posibilidade de agrupamentos flexibles como medidas de atención á diversidade, establecidas polo marco educativo e curricular actuis.

En todo caso afirmacións para saír do paso que expresan que Feijoo non está disposto a intentar reducir o número de alumnos/as por aula, nin sequera no marco desta pandemia da Covid-19, que nunca o esquezamos aínda constitúe un grave perigo de saúde pública, xa que iso lle obrigaría a investir máis en educación, mesmo cos cartos procedentes doutras administracións, que polo anunciado podería destinar a outras finalidades.

Un desinterese teimoso co conxunto da educación pública, incluída a universitaria, que como sucedeu cos servizos públicos de sanidade e coidados durante os gobernos de Feijoo se foi deteriorando de forma silenciosa na súa medula máis sensible, a dos recursos humanos. Así o demostran os datos publicados pola Consellaría de Educación, xa que Galicia perdeu entre o curso 2009/10 e o 2019/20, o que estamos finalizando, 1.274 docentes no conxunto da ensinanza pública; redución máis severa no caso do corpo de mestres, que perdeu 1.534 profesionais, máis do 10 % do seu cadro de persoal. Cifras que pola contra increméntase no caso do ensino privado concertado cuxo profesorado medrou en 237 efectivos no mesmo período, case un 5%, acadando tamén no curso actual a maior cifra da súa historia. Sucede o mesmo co orzamento global dedicado á educación polos gobernos de Feijoo que no ano 2019 aínda quedaba 89 millóns de euros por baixo daquel de 2009 do goberno de Pérez Touriño, no que acadou os 2.432.113 euros, a maior cifra neste eido da historia da autonomía galega, o 22,31 % do total, dous puntos por riba do que supuxo en 2019 con Feijoo.

Xaora, enfrontar os retos educativos do Covid19 en Galicia obrigará a incrementar o investimento educativo, para asegurar a saúde do alumnado e do profesorado e para diminuír a fenda educativa provocada polo longo período non presencial que afectou de forma moi desigual ao alumnado e que penalizou de forma moi considerable ao máis vulnerable, o de necesidades educativas especiais, o socialmente máis desfavorecido e o das primeiras idades. Retos que comezan por activar estes días e sen máis demora un programa específico cun orzamento extraordinario para o curso 2020-2021 no que se asegure unha educación presencial con garantías sanitarias para o alumnado e para os cadros de persoal dos centros, o que sen dúbida obrigará a incrementar o número de docentes, modificar o agrupamento e investir nos recursos didácticos que fagan posible unha estratexia de educación hibridada inclusiva e non discriminatoria. Feijoo debería telo en conta e introducir de vez a educación como prioridade de saúde.

A derradeira oportunidade para Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha oportunidade para as praias de Samil:

Vía GCiencia souben da recreación interactiva da elevación do mar publicada na rede por Afundación. Unha recreación virtual para un total de 62 puntos da beiramar da península ibérica, na que se compara unha fotografía da situación actual (2020) e a estimación do terreo que quedaría baixo o mar no ano 2100, segundo a interpretación dos estudos realizados por Climate Central, unha organización  independente que investiga e informa sobre o cambio climático. Máis alá da alarma que poidan provocar estes prognósticos, que tratándose de grandes conxuntos de datos poden incluír algúns erros, chama a atención que no Atlántico galego, onde son comparados 22 espazos de beiramar, os territorios asolagados debido a elevación estimada do nivel do mar nun metro, modificarían completamente a paisaxe actual até facela irrecoñecible. Sucedería na illa de Arousa, cuxo territorio quedaría severamente reducido ou no Val Miñor onde as praias de Ladeira, Lourido e Gaifar estarían ameazadas. Prognósticos que obrigan a tomar conciencia de que a rexeneración dos océanos é unha tarefa urxente, sendo responsabilidade das xeracións actuais reducir a acidificación das augas e a contaminación dos ecosistemas terrestres e marítimos.

Neste prognóstico a recreación sobre o que podería suceder co porto de Vigo non pode ser máis preocupante xa que grosso modo serían anegados a maior parte dos espazos portuarios que, non o esquezamos, foron gañados ao mar ao longo dos sucesivos recheos da ría ao longo do século XX. Un xeito de xustiza poética da propia natureza que devolvería ao mar o que se lle foi roubando. No en tanto tratándose dunha predición a tan longo prazo debería ser utilizada apenas como unha referencia para orientar a organización e optimización do uso dos actuais espazos portuarios e, canto menos, evitar novos recheos. Porén, ese non semella ser o criterio da actual Autoridade Portuaria que meses atrás anunciou no marco do Plan Estratéxico do Porto de Vigo 2018-2018 a ampliación dos espazos portuarios con novos recheos. Velaí o anuncio dun de 5.000 metros cadrados coa intención de ampliar a lonxa, o que afastaría do mar o edificio do auditorio deseñado polo arquitecto César Portela como unha grande fiestra sobre o mar. Por non falar dos proxectos de novos recheos en Bouzas (165.000 metros cadrados) ou no propio peirao do Areal sobre os que os responsables do concello de Vigo e do Ministerio de Fomento teñen que decidir.

Pese a todo o espazo da beiramar viguesa máis ameazado polos efectos do cambio climático e ao mesmo tempo con máis posibilidades de recuperación é o da praia de Samil. Abandonado o proxecto de recuperación medioambiental integral da praia, previsto no PXOM de 2008, que contemplaba aumentar a anchura do areal até en cen metros e obrigaba a desprazar o actual paseo nalgúns casos até 60 metros, é imprescindible desenvolver decontado un novo proxecto que evite a desaparición a medio prazo da praia e do seu espazo intermareal. O areal de Samil agoniza debido a estrada que destruíu a duna nos anos e 50 e ao muro de formigón construído en 1971 que foron modificando o perfil natural e a dinámica da duna de xeito que xa hai zonas sen área durante os actuais temporais. Aquel Samil da praia da Argazada que coñecimos na nosa infancia como unha praia aberta e dunas con piñeirais converteuse hoxe nunha franxa de área de apenas 20 metros nos mellores casos, que chega a desaparecer nalgunhas zonas en inverno. Non hai volta de folla, os areais de Samil precisan e poden volver a recuperar o seu espazo e fasquía roubados.

Por ventura, para salvar a nosa primeira praia urbana contamos co precedente da intervención con éxito sobre o Vao, un proxecto dos servizos municipais de medio ambiente que con visión estratéxica e moita paciencia conseguiu ampliar de forma moi considerable tanto o areal como o espazo e a flora intermareais. Unha estratexia que debe emularse para devolverlle a Samil o que durante cinco décadas o formigón lle roubou. Unha intervención medioambiental que pasa inevitablemente, como propuxo o enxeñeiro vigués Pablo Brea, por desprazar o paseo actual 25 metros, derrubar as cafetarías e prescindir das piscinas e outras instalacións deportivas, o que permitiría gañar metros ao areal e rexenerar parte das dunas. Certo é que haberá que solucionar o futuro da incomprensible concesión recente dunha nova cafetaría (con licenza municipal até 2044), mais non pode ser obstáculo para acometer unha actuación prioritaria de interese xeral. Como tamén o é que semellante actuación sobre o areal debe estar integrada no ordenamento urbanístico da zona e no proxecto de mobilidade (á praia habería que chegar sobre todo en bicicleta e en transporte urbano eléctrico). Samil debe contar cunha derradeira oportunidade.

Covid 19 e acción ambiental

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do día mundial do medio ambiente no contexto da pandemia pola Covid 19:

Coa esperanza de estar saíndo da situación máis severa de confinamento, celebramos este 5 de xuño o día mundial do medio ambiente arredor do tema da biodiversidade, a data anual máis importante das Nacións Unidas para fomentar a acción ambiental. Biodiversidade que abrangue as oito millóns de especies do planeta, os ecosistemas que as albergan e a diversidade xenética entre elas. Biodiversidade concibida como piar que sostén toda a vida na terra e debaixo da auga, tecendo unha complexa rede que afecta a todo o sistema de vida, con especial incidencia sobre os aspectos da saúde humana. A deforestación, a invasión de hábitats de vida silvestre, a agricultura intensiva e a aceleración do cambio climático alteraron nos últimos anos o fráxil equilibrio da natureza. Ao ritmo do consumo actual de recursos naturais as Nacións Unidas estiman que se precisarían cada ano dos 1,6 planetas. Catástrofes recentes como os incendios forestais no Brasil, California e Australia, a invasión de lagostas no Corno de África e sobre todo a pandemia da Covid 19, cuxa orixe é moi probablemente zoonótica (transmitida de animais a persoas), testemuñan a estreita relación entre os seres humanos e as redes de vida nas que vivimos.

A aparición da Covid 19 demostra que cando destruímos a biodiversidade destruímos tamén o sistema que sostén a vida humana. Os responsables da OMS insisten en que a menor biodiversidade corresponde maior capacidade de propagación de patóxenos (virus e bacterias). Outros científicos estiman que mil millóns de persoas son contaxiadas cada ano por doenzas relacionadas con algúns dos tipos de coronavirus e que arredor do 75 % de todas esas novas doenzas infecciosas transmítense de animais a persoas; razón pola que manter intactas a natureza e a diversidade de especies é unha forma moi eficaz de protexernos das pandemias. Como tamén existen evidencias para investigadores da Universidade de Harvard da existencia dunha asociación de maior mortalidade por coronavirus e niveis máis elevados de contaminación ambiental por concentración de partículas, feito que outros cuestionan, mais recoñecendo en todo caso que a longo prazo a contaminación contribuiría a debilitar o sistema respiratorio. A natureza está enviándonos unha mensaxe clara: protexer a saúde do planeta e preservar a súa biodiversidade é a vacina máis eficaz para evitar o colapso alimentario nalgunhas zonas do planeta e para protexer a toda a poboación mundial de futuras pandemias.

Por outra banda, é un feito coñecido que o confinamento e a paralización da actividade nalgúns sectores, medidas adoptadas nos dous últimos meses polos diversos gobernos para frear a pandemia do Covid 19, diminuíron de forma significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que melloraron a calidade do aire nas cidades. Un estudo da consellaría de Medio Ambiente observou en Vigo unha redución de até o 76 % dos niveis das emisións de dióxido de nitróxeno, cuxos niveis elevados están asociados ao agravamento de doenzas respiratorias e cardiovasculares. E o que aínda é moito máis esperanzador, fomos moitos os vigueses asombrados polo acontecemento inédito de poder escoitar o canto dos paxariños que nestes días de reclusión volveron pousar no alfeizar das ventás das nosas casas.

En cidades como a nosa, a saída da pandemia, a «nova normalidade», é unha oportunidade para deixar de facer as cousas como sempre se fixeron e darlle unha profunda virada á acción ambiental. E iso tanto polos compromisos asumidos na axenda 2030 de desenvolvemento sostible como pola necesidade de preservar a propia biodiversidade na contorna urbana. Materia na que en Vigo hai moito aínda por mudar, dende a redución das emisións, para o que imprescindible diminuír de forma drástica o tráfico de vehículos privados que utilizan combustibles fósiles, como se fixo con éxito rotundo pechando durante os meses de confinamento algunhas arterias (como a que atravesa a Porta do Sol), pasando polo reordenamento do sistema de mobilidade interna no Vigo central, no periurbano como nos concellos da área metropolitana, en base a creación de rotas de camiñantes e ciclistas, coches híbridos e eléctricos compartidos e a un novo transporte urbano eléctrico, o que diminuiría a polución e a contaminación acústica. Sen esquecer que nesta mudanza en clave verde é imprescindible en Vigo a redución da contaminación luminosa, procurando ceos nocturnos tan limpos como os de Cíes, e un plan de reforestación con milleiros de árbores urbanas, abandonando a política ornamental de maceteiros e dinosebes das dúas últimas décadas. Se de verdade queremos apostar polo obxectivo dunha cidade sostible e inclusiva é obrigado saír desta pandemia acometendo as mudanzas verdes que Vigo precisa.

Un bosque para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo en reclamar un plan integral de protección natural e patrimonial para o monte do Castro:

Nos paseos dos seráns de confinamento son moitas as persoas que suben polas escalinatas do Castro procurando a frescura das pegadas nos carreiros e o espectáculo do solpor dende os miradoiros do adarve. E madía leva que ben afortunada é a veciñanza viguesa de contar para o seu goce con este extraordinario parque urbano de recreo (de propiedade municipal dende o 14 de abril de 1934) que dende hai pouco máis dun século foi cubrindo con árbores e vieiros o monte do Castro, un outeiro rapado, coroado a 147 metros por un castelo abaluartado do século XVII, o bastión da defensa viguesa antes os exércitos portugués, inglés e francés que nos visitaron. Corazón e celme vigués por excelencia, onde se asentou a primitiva poboación castrexa, unha das orixes da cidade, investigado polo arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez e o arquitecto Xaime Garrido, o monte do Castro constitúe tamén unha das súas alfaias verdes, xunto ás Cíes, a coroa vexetal do periurbano, o xardín da Alameda e o bosque da finca da marquesa en Castrelos.

Protagonista da primeira fotografía da cidade, tirada en 1867 por un viaxeiro inglés, identificada apenas coa lenda «Fort near Vigo, Spain», o parque do Castro é froito da ansia colectiva da cidade de contar cun bosque urbano para o seu lecer en situacións e condicións excepcionais. Así o considerou Jenaro de la Fuente autor en 1903 do primeiro proxecto de axardinamento que respectaba os dous recintos superiores do castelo e cadanseus paseos que o circundaban, o primeiro que coincidía máis ou menos co actual paseo de Rosalía de Castro, e o segundo, máis exterior, polo camiño que subía dende o Campo de Granada ao Couto curvándose alí para baixar polo que hoxe é o paseo do cronista Álvarez Blázquez. Entre ambas as dúas avenidas concibía o arquitecto municipal a plantación de xardíns e arborado, que non terían problemas de rego pola situación do depósito de augas en construción, que comezaría a prestar servizo un ano despois a máis de catro mil abonados. Aquela proposta de Jenaro de la Fuente quedou apenas na arquitectura de papel. Como aqueloutra grandiosa de monumentalismo utópico de  Antonio Palacios no seu «Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo» (1932), que concibía o Castro como o espazo verde do centro da futura cidade, colocando no seu cume o Pazo Rexional de Exposicións e Asembleas (na cota de 136 metros).

Xaora, o proxecto de axardinamento e urbanización que iría por fin adiante foi o deseñado polo enxeñeiro Manuel Cominges (1943), que conservaba os dous recintos defensivos pétreos e o seu paseo circundante, abría unha escalinata central dende o Campo baixo de Granada (onde se chantou a tan desafortunada cruz dos caídos) e unha avenida lateral no Camiño Alto do Couto. Dende entón a plantación un tanto indiscriminada e ás veces desafortunada de diversos tipos de arborado foi responsabilidade dos servizos municipais de parques e xardíns. Dende entón, o devir do noso primeiro parque urbano estivo determinado pola conservación das edificacións históricas, o que se conseguiu só hai pouco co derrube de «El Castillo», nefasta construción acaroada durante décadas á muralla, a musealización das escavacións castrexas (hoxe case abandonada), como pola conversión dos seus principais viarios interiores en aparcamento gratuíto para o centro urbano. Problemas aos que se unen as afeccións medioambientais en diversas zonas, sobre todo no entorno da muralla da fortaleza, que supuxeron talas de árbores adultas e podas abusivas denunciadas por diversos colectivos cidadáns e ecoloxistas.

Ademais da conservación e iluminación da muralla, proxecto en marcha, froito do acordo entre o ministerio de Fomento e o concello, o monte do Castro precisa dun plan integral de protección do patrimonio natural, arquitectónico e histórico que o converta nun espazo completamente verde destinado aos peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor. Un documento que deseñe o Castro do século XXI, elaborado por servizos técnicos de arquitectura e urbanismo, sometido tanto ás suxestións e críticas da cidadanía como a aprobación da corporación, que estableza as medidas de protección da flora e fauna e os usos especializados dos diversos espazos do parque (lecer, deportivos, culturais, medioambientais, entre outros). Un proxecto estratéxico, inserido nas actuacións da estratexia europea da axenda 2050, que, como propón o grupo vigués de Ecoloxistas en acción, obrigaría a unha reforestación planificada do monte con árbores autóctonas para convertelo no horizonte das vindeiras décadas nun bosque urbano de referencia internacional dende o punto de vista medioambiental e cultural, á altura do Parque da cidade de Porto ou o Calton Hill de Edimburgo. Un novo Castro é posible.