Figuras viguesas da memoria
No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío da colocación da escultura de Manuel Castro na rúa do Príncipe e da publicación dos novos libros de Gerardo González Martín por Ediciones Cardeñoso, reflexiono sobre a identidade viguesa:
Moitos vigueses quedamos gratamente sorprendidos cando atopamos o pasado venres, ao comezo da rúa do Príncipe, a escultura de Manuel Castro, o popular vendedor de Faro de Vigo. Esta peza de bronce, de tamaño natural e fasquía realista, realizada por Jandro, lembrará a unha das figuras populares do Vigo da segunda metade do século XX, aquel vendedor de prensa que voceaba polas rúas do centro os xornais e era capaz de soster en equilibrio un faro co furabolos dereito, unha proeza que moito nos impresionaba aos rapaces daquel tempo.
Esta escultura de Manuel Castro é un activador de memoria xa que representa a toda unha xeración de figuras populares viguesas de hai catro ou cinco décadas. No seu furabolos de bronce reflíctense as carreiras daquel Toniño que, durante os descansos, corría o perímetro da lameira de Balaídos ou a presenza do Cordovés, tamén celtista apaixonado, e vendedor de lotaría. Alí están espellados Chuchete e Ismael, tan coñecidos en Teis e Lavadores. Non falta NAF, o vagamundo peregrino, nin sequera Manolito Soler, artista estrela dos cabarés Brasil e Fontoira. Mais e sobre todo, este bronce representa a toda unha xeración de heroes anónimos daquel tempo difícil, persoas que traballaban coma Castro nas rúas viguesas e das que esquecemos ou nunca coñecimos o seu nome: os serenos, os limpabotas da Estación Marítima ou de Flamingo, os afiadores, os fotógrafos de minuto e os vendedores de parisién da Alameda, as carrexonas e pescantinas do Berbés, as vendedoras dos mercados, algúns barbeiros, os taxistas e choferes de coches de punto, os tranviarios e gardas municipais… Todo o Vigo popular e humilde que, dende agora, ten outra icona.
Non deixa de ser curiosa a coincidencia fortuíta da inauguración desta escultura de Manuel Castro coa publicación do libro Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso, 2011), magnífica biografía de Gerardo González Martín sobre a figura do cronista deportivo de Faro de Vigo Manuel de Castro. Un libro delicioso que relata tanto a peripecia vital do promotor da fusión entre os equipos do Fortuna e do Vigo, que en 1923 daría pé á creación do Celta de Vigo, como do que foi o decorrer deportivo en Vigo durante a primeira metade do século pasado. Neste libro imprescindible para a nosa historia local, González Martín reconstrúe co maior detalle todo o proceso do nacemento do fútbol en Vigo, dende o primeiro partido no recheo, o 23 de xaneiro de 1895, entre oficiais da flota británica, até que o Celta conseguiu o 19 de abril de 1936 o seu primeiro ascenso a Primeira División, sendo, tamén, o primeiro club galego que acadaba semellante fazaña. Manuel de Castro cubriu xornalisticamente os Xogos Olímpicos de Antuerpe e París, crónicas que reuníu en senllos libros de moito éxito popular no seu tempo; colaborou na revista Nós cunha sección de “Notas deportivas” que, magoadamente, non tivo a continuidade que merecía. Esta magnífica biografía de Handicap, figura viguesa que conta cun monumento en Balaídos dende 1956, axudará a poñer en claro algúns capítulos da historia deportiva viguesa e a contribuír a completar outro da historia local, a do seu xornalismo deportivo.
O mesmo Gerardo González Martín, reedita e actualiza este nadal outro libro de referencia no eido da historia local, El orgullo de ejercer de vigués (Ediciones Cardeñoso, 2011), no que reúne cinco biografías doutras tantas figuras viguesas: Manuel Olivié Cousiño, José Cao Moure “PPKO”, Tomás Mirambell, Antonio Sanjurjo Badía e Ángel Urzáiz. Ambientado naquel Vigo inquedo das dúas primeiras décadas do século XX, no que probablemente se alicerzou o que é a cidade contemporánea, cunha forte identidade industrial e marítima, este libro amosa que a condición viguesa principal é a da adscrición por cidadanía. Con estas biografías, de indubidable interese didáctico para a formación dos nosos escolares, González Martín amosa que ao futuro de Vigo contribuíron coa mesma teimosía tanto os que aquí naceron –o editor PPKO e Manuel Olivié, dous dos seus maiores propagandistas– como outros que aquí chegaron, como o catalán Mirambell, alcalde e presidente do Celta, o andaluz Urzáiz, chamado popularmente “o ministro honrado”, ou o sadense Antonio Sanjurjo Badía, un dos forxadores da tradición metalúrxica viguesa. Somos, pois, cidade de permanente acollida dende hai máis de dous séculos, algo que nunca debemos esquecer.
A escultura de Manuel Castro, como estes dous libros de González Martín, ou os libros recentes de Xerais sobre o Vigo dos oitenta, contribúen á recuperación da memoria local dunha cidade un chisco desmemoriada e aínda xove como é Vigo. Unha tarefa que debe ser continuada coa intención de formar a unha cidadanía viguesa integradora e orgullosamente galega.






O segundo libro de Vigo por Magar ábrese cunha fotografía da viguesa “Peña Xaburú” en Riazor. Datada o 9 de setembro de 1960, un grupo moi numeroso de celtistas, entre os que aparece o propio Magar, amosa a súa ledicia e elegancia (todos levan lazo ou garabata) baixo unha pancarta na que se le o seguinte texto en galego: “Vigo. Peña Xaburú ¡Aquí estamos, non o merecedes…, pero os animamos!” . Toda unha declaración de lealtade celeste dunha afección que, xa daquela, sabía estar ás duras e ás maduras. Segundo relata Fernando Gallego na súa historia do Celta, publicada por “Faro” con motivo do 75º aniversario do club, tras o descenso a segunda o ano anterior, a afección celeste estaba un chisco queimada co seu equipo, o que explicaría o de “non o merecedes”, unha chanza que resultou ser un revulsivo eficaz, xa que os seareiros regresaron felices a Vigo grazas ao solitario gol de Gómez co que o Celta gañou aquel derbi. Resultado que sería máis abultado no derbi de primavera en Balaídos, no que marcaron Igoa, Zamorita e, outra vez, Gómez, o noso dianteiro centro.
Hai algúns libros e autores marcantes, capaces de permanecer e de representar as preocupacións ou o imaxinario colectivo dun tempo. Esa capacidade referencial é a que permite utilizar as efemérides literarias como mecanismo para volver a visibilizar a libros e autores no mercado editorial, nos medios de educación ou no propio sistema educativo. Foi o caso deste 2011 no que lembramos ao poeta Lois Pereiro, con motivo do Día das Letras Galegas, e ao escritor Álvaro Cunqueiro, con ocasión do centenario do seu nacemento. Celebracións ás que se uniron senllos aniversarios bibliográficos de dous títulos emblemáticos: o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, a novela de Xosé Neira Vilas, publicada en 1961 en Buenos Aires pola editorial Follas Novas; e o vinte e cinco aniversario da edición de Polaroid, o libro narrativo coa que Suso de Toro iniciaba en 1986 as súas publicacións en Xerais. Efemérides literarias que terán a súa continuidade en xaneiro de 2012, coa celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro e no mes de agosto co cincuentenario da publicación na colección Sanlés de Galaxia da súa Longa noite de pedra; sen esquecer a lembranza do polígrafo e empresario Valentín Paz Andrade, figura á que se lle dedicará o futuro 17M. Nin tampouco que en 2013, Galicia deberá preparar un ano rosaliano con motivo dos cento cincuenta anos da publicación no prelo vigués de Compañel da primeira edición de Cantares gallegos.
Polaroid foi unha aposta moi arriscada do inesquecible editor Luís Mariño, cando abría os vieiros da colección “Xerais Narrativa”. Un libro que rompía cunha forma de entender a narrativa galega, un libro que non se pode explicar, xa que continúa sendo moi difícil saber se estamos diante dunha novela extravagante e bizarra –quizais, tamén “romántica”, como a definíu o académico Xosé Luís Axeitos, que destrúe practicamente todo–, dun monllo de relatos punkies e irreverentes ou apenas dun compendio de momentos epifánicos. Suso de Toro declarou no acto no que se lembraron estes vinte e cinco anos: “a publicación deste libro foi un acto estético e político, daquela era, como son hoxe, moi crítico coas ideas establecidas na cultura galega, mesmo co propio país”. En cada unha das páxinas de Polaroid, e non só nos capítulos iconoclastas presentados como “Apocalipse do churrasco”, late a insatisfacción, a necesidade de mudar o país, a vontade de saír desas páxinas de papel superando calquera intención de autocomplacencia sobre un devir coletivo do que somos os únicos responsables.
Cunha fasquía formal anticlásica, Suso de Toro amosa nas páxinas de Polaroid unha confianza radical na literatura como unha ferramenta para mudar a realidade, para esculcar nos límites, mais tamén na posibilidade de ser moderno e radicalmente galego. Eis capítuliños memorables, epifanías como as de “¡Móvanse, que é un vídeo!”, auténticos textos manifesto, que amosan o carácter anticipatorio dunha obra escrita coa audacia de quen reivindica a precariedade, a inmediatez, o que non é perfectible, o que se pretende aberto para que poida ser radicalmente modificado. Tras vinte e cinco anos, semella que o tempo non envelleceu as páxinas de Polaroid, un libro que radicalmente actual, coa capacidade de permanencia dos textos importantes. Recomendo vivamente revisitalo nestes tempos difíciles de incerteza.
A grande manifestación sindical unitaria en defensa do emprego na área metropolitana de Vigo é unha chamada de alerta sobre a gravidade da situación económica e social que vivimos. Todos os pilotos xa están en vermello. Cunha taxa de paro do 21%, á altura da elevadísima media española e catro puntos por riba da media galega, no Vigo metropolitano viven 60.000 persoas en paro, das cales máis da metade son veciños do concello de Vigo. Disparadas nos tres últimos anos e con forte incidencia tanto nos sectores da industria como dos servizos, estas cifras sitúan a Vigo como a cidade con maiores taxas de paro de Galicia e un dos puntos negros do desemprego en España.
Vivimos días de santos e defuntos, días consagrados á memoria dos mortos queridos. Tempo de castañas e magostos outonizos, ás portas do san Martiño, que anuncia a chegada dos rigores do inverno. Mais tamén, no eido festivo, estes son días de Samaín, a festa das caveiras de orixe céltica, con forte presenza na tradición rural galega, esmorecida entre nós durante décadas e que amodiño se recupera en Galicia, sobre todo no ámbito escolar e nalgúns concellos, competindo co Halloween estadounidense capaz de mobilizar co seu formidable tinglado comercial de disfraces e trapalladas made in China a mocidade urbana de medio mundo. Porén, é indubidable que a festa do Halloween desta noite, desenvolveuse a partir do universo dos mitos daquel Samaín celta.
Advertiuno o escritor islandés Arnaldur Indridason horas antes de pronunciar o discurso de inauguración da recente Feira do Libro de Frankfurt dedicada ao seu país: “estes tempos de crise dan a oportunidade de comprobar que a riqueza e os valores reais dunha nación non son as súas accións na Bolsa ou os seus bens terreais, que sempre desaparecen, senón o que queda, o indestrutible despois dos séculos, a literatura”. Sendo un dos novelistas de xénero negro con maior éxito no mundo hoxe –as súas novelas escritas e islandés e protagonizadas polo detective Erlendur Sveinsson levan vendidos sete millóns de exemplares en cincuenta linguas–, Indridason reivindicou no seu discurso o valor da cultura do libro e da lectura, tanto polo seu valor para facilitar a convivencia e a continuidade do relato colectivo de cada país, como polo carácter produtivo da industria do libro e da literatura.
Cristina González Sacau, unha muller de 39 anos con dous fillos xemelgos de oito, foi asasinada na súa casa do Vao a mans de quen até hai poucos meses fora o seu home, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Este é o segundo crime de violencia machista no que vai de ano en Galicia e o número 49 nesa lista negra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas durante 2011 en España. Apenas unhas horas máis tarde, nunha semana terrible de violencia contra as mulleres, foron asasinadas outras dúas, unha en Lanzarote e outra en Avilés, que engrosan a lista de 594 vítimas do terrorismo machista, desque no ano 2003 o actual Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, iniciara esta estatística.