Vigo-A Coruña

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da noticia da campaña «Vigo ama A Coruña. A Coruña ama Vigo», organizada polas asociacións de hoteleiros de ambas as dúas cidades, reflexiono sobre un novo modelo de relación estratéxica entre elas.

Gustei da iniciativa de colaboración entre os empresarios hoteleiros de Vigo e A Coruña anunciada o pasado xoves. Con motivo do día dos namorados, entre o vindeiro sábado 11 e o domingo 19 as parellas viguesas e coruñesas poderán hospedarse na cidade amiga cun 25% de desconto, só con demostrar que residen nalgún dos concellos da outra área metropolitana. Esta iniciativa de mercadotecnia hoteleira, xerada para promocionar en tempos de crise o chamado “turismo de proximidade”, preséntase cun moi suxestivo lema publicitario: “Vigo ama A Coruña. A Coruña ama Vigo”. Recupérase así o fío da memoria das xeracións humildes dos nosos pais e avós que viaxaban á cidade herculina a gozar da noite de vodas ou a xoldra das excursións de domingo, organizadas pola peña Xaburú, a comezos dos anos sesenta, con motivo dos partidos co noso eterno rival.

Esta orixinal iniciativa privada de irmandade entre as cidades da oliveira e da torre, tivo o seu precedente cultural o pasado 15 de decembro na “Acción Urbano Océano Lugrís”, un neocontubernio galaico organizado conxuntamente pola asociación cultural viguesa A Nave das Ideas e pola coruñesa In Nave Civitas. Naquel sábado desenvolvéronse de forma simultánea, en ambas as dúas idades actos de homenaxe ao xenial pintor Urbano Lugrís. Nacido na Coruña en 1908 e finado o nadal de 1973 en Vigo, o que fora alma mater das revistas “Brétemas” e “Atlántida” demostrou nos seus cadros que Vigo (“Xouba City” para el) e A Coruña (“Percalinópolys” na súa terminoloxía) son a fin de contas a mesma cidade atlántica. O pintor máxico da ría nosa, dos portos do Berbés e Bouzas, o autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou na súas cámaras de marabillas e nos seus murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna.

Estas dúas iniciativas privadas, ás que debemos engadir os termos do acordo de fusión do que foron as caixas nosas –hoxe, magoadamente, en perigo inminente de perda irreparable–, demostran que é posible superar os localismos pailáns que dende hai tres décadas dificultan a colaboración fraterna entre Vigo e A Coruña, dúas cidades que, a pesar de ter fasquías moi diferentes, constitúen os motores económicos da Galicia actual. Cooperación estratéxica no proxecto de modernización de Galicia que sabemos non pode impedir unha competencia estimulante entre ambos proxectos urbanos, como a que desenvolven os seus equipos de fútbol no terreo de xogo, unidos esta tempada pola angueira do ascenso a primeira división. Só asumindo esa estratexia de cooperación e competencia os portos de Vigo e A Coruña poderán asegurar o seu futuro no marco da rede portuaria da fachada atlántica europea. Idéntica estratexia deberá levarse na xestión de Peinador e Alvedro, dous aeroportos que, a medio prazo, poden desaparecer se non demostran a súa complementariedade con Lavacolla e a súa capacidade de competir co portuense de Sá Carneiro. Outrosí sucede cos contedores culturais públicos, especialmente os magníficos museos de ambas as dúas cidades, cuxa complementariedade temática permitiría integralos nunha oferta turística única moi atractiva e alternativa á estratexia compostelá do sepulcro.

Ademais, os concellos de Vigo e A Coruña deben cooperar no desenvolvemento da lei das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, esixindo que isto constitúa unha prioridade na política autonómica, cando estamos xa ás portas dunha nova lexislatura. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización no último prazo previsto, ano 2013, do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas. O que non debería levalos a esquecer a demanda histórica de que ambas as dúas cidades estivesen unidas por unha autovía gratuíta, alternativa a esa AP-9 que levan décadas expoliando os nosos petos.

Sometida a cidadanía de ambas as dúas cidades ás penurias das políticas de consolidación fiscal, cos niveis de desemprego disparados, co anuncio do atraso das obras do tren e co que foron as caixas nosas na UVI, esta estratexia de competencia e cooperación entre as dúas grandes cidades galegas é unha prioridade política. Vigo e A Coruña deben compartir estratexia para saír da crise no marco dun novo proxecto de autogoberno galego. Deixemos a pacífica rivalidade para o eido futbolístico, mais aínda cando é moi probable que o derbi de abril en Balaídos sexa un encontro decisivo e moi emocionante xa que Deportivo e Celta semellan determinados a loitar entre eles polo ascenso directo.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *