Coa presentación de Amor en alpargatas, a novela de Manuel Portas, iniciamos onte en Pontevedra o noso periplo das feiras do libro de Galicia deste ano. A pesar da súa insuficiente visibilidade e da necesidade de que incrementen a diversificación da súa oferta bibliográfica, este calendario de feiras continúan sendo no seu conxunto unha cita imprescindible para o sector editorial galego. A posibilidade de ocupar cos libros o espazo público durante unha semana (no caso de Pontevedra a praza da Ferraría, en Santiago a Alameda, en Lugo a Praza Maior, en Ferrol no Cantón, que serán as feiras da primavera) é tamén unha oportunidade para que os libros, os autores e autoras e os editores e libreiros reciban maior atención por parte dos medios e dos poderes públicos locais. As presentacións, as asinaturas e os concertos de música infantil serán algunhas das actividades coas que os editores colaboramos nesta viaxe cos libros que rematará a finais de agosto. Parabéns aos organizadores e participantes.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Feiras-do-libro-2015.jpg779455bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-16 00:01:042015-04-15 16:16:58Onte 1296: Volven as feiras do libro
A coincidencia dos pasamentos de Günter Grass e Eduardo Galeano supuxo que onte fose un dia moi triste para todas as persoas que admiramos a estes dous escritores, referentes do pensamento crítico e da literatura como ferramente que facilita o diálogo co noso tempo.
No ano 2000 tivemos a fortuna de ser editores de Günter Grass publicando unha escolma de 46 textos dos seus tres primeiros libros de poemas, que titulamos As galiñas de vento, escolmados por Miguel Sáenz e anosados ao galego por Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo. Considerado como narrador, Grass definíase como «poeta de circunstancias», aínda que na última entrevista con Juan Cruz confesaba que os seus poemas constituían «unha volta sobre si mesmo», «un taller de reparación« ao que acudía tras o traballo nas súas novelas ou prosas memorialísticas. Moito admirei de Grass súa afouteza para enfrontar á sociedade alemá cos seus monstros e a súa memoria, sobre todo cando revelou en 2007, no primeiro volume das súas memorias, que aos 17 anos pertencera ás SS.
De Galeano fomos rendidos admiradores, mais apenas mantivemos con el un intercambio de correos electrónicos en 2010, cando o seu amigo galego, o doutor Ángel Vázquez de la Cruz, fíxolle chegar o orixinal de Luz de Tebra. Daquela Galeano escribiu unhas palabras que gardamos en pano de veludo: «Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» A Galeano roubámoslles centos de veces as súas palabras para falarmos de fútbol («a máis importante das cousas menos importantes») como expresión da dignidade colectiva, do libro («sinto que o libro é un ser vivo, póñoo no ouvido e sinto que respira») e das cousas do ser humano que realmente pagan a pena como a memoria e a esperanza. O xenial escritor uruguaio ensinounos que «a memoria é a continuidade da vida», que «a utopía é o vieiro» e que «a esperanza é unha cousa que se conquista cada día» mais «sempre alimentada na dúbida». Saudosos lembraremos a Günter Grass e a Eduardo Galeano.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Gunter-Grass-at-home-in-L-006.jpg276460bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-14 00:01:272015-04-13 19:08:42Onte 1294: No pasamento de Günter Grass e Eduardo Galeano
Triste a nova do pasamento do xornalista ourensán Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/ramon_luis_acuna_sanchez.jpg241180bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-12 21:01:522015-04-12 21:07:32Onte 1292: Ramón Luis Acuña
Chegaron onte os primeiros exemplares d’A neve interminablede Agustín Fernández Paz. Unha novela que supón o regreso de Agustín ao catálogo da colección Fóra de Xogo, na que non publicaba dende Corredores de sombra (2006). Un novo libro de misterio que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno (1995), un título senlleiro que permitiu a máis de cen mil lectores e lectoras galegas (e bastantes máis noutras linguas peninsulares) vivir durante unhas poucas horas ao límite do extraordinario. N’ A neve interminable Agustín explora os medos esenciais do ser humano e aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século. Nas páxinas desta novela de noveliñas daquel ano sen verán o noso recente candidato ao Nobel homenaxea a Howard Phillips Lovecraft, referencia imprescindible na literatura de terror, a Mary Shelley e a Lord Byron de quen anosa o seu poema profético e apocalípticoDarkness. Sei que volveremos sobre unha obra que aventuro será referente para moitos dos nosos lectores e lectoras.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/CCPyWVSWIAI2_bV.jpg544599bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-11 11:42:462015-04-11 11:49:30Onte 1291: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz
Hai que matalos a todos, a terceira novela de Héctor Carré conta cun booktrailer máis que interesante. Preparado polo propio autor, director de películas como Dáme algo (1997) ou Personal movie (2011) e guionista de series como Libro de familia ou Matalobos, en apenas un minuto e vinte segundos o booktrailer adianta o inicio da trama principal da novela, un accidente de tráfico que non aparece en medio de comunicación ningún. Preséntase así a novela como unha historia de intriga na que uns xornalistas galegos arriscan moito por dar a coñecer un suceso que o CNI pretende ocultar. Unha ficción con moito suspense que aborda as relación entre o poder e o xornalismo, mais tamén sobre a identidade e sobre o anonimato, sobre a violencia e o amor. Hai que matalos a todos é unha novela de temática e formato moi orixinal na literatura galega actual. Chegará ás librarías o 16 de abril, formando parte dese servizo de novidades que preparamos para celebrar o día do libro.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/XG00199701.jpg303200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-09 00:01:332015-04-07 18:45:03Onte 1289: «Hai que matalos a todos» de Héctor Carré
Fran P. Lorenzo recolleu onte na editorial os primeiros exemplares de Cabalos e lobos, a súa primeira novela, coa que obtivo o premio Blanco Amor 2014. Para acompañar a visualización do libro, que culmina una longa carreira de fondo en solitario, Fran foi publicando no seu blog unha serie de tomas audiovisuais, realizadas e montadas por Mónica Ares, que compoñen un fantástico booktrailer en catro entregas nas que sutileza se recollen temas, músicas e atmosferas da obra. Cabalos e lobos achégase á novela rosa pola súa condición popular e para relatar una historia de amor homosexual nun tempo de silencio e represión. Unha novela que se expresa a través da voz de varias mulleres que dan conta dunha saga familiar que abrangue todo un século. A través de diversas formas contar Fran P. Lorenzo crea e recupera un espazo urbano que determina e condiciona os personaxes, ubicado na cidade de Vigo que, malia as dificultades históricas que vivía, era daquela profundamente cosmopolita.
Na primeira toma soa un lied de Schubert, «Margarida na roca», que ten un protagonismo destacado na trama, sobre as imaxes dos cabalos a trotaren sobre una praia nevada. Unha composición que Fran considera “sublime, no sentido exacto deste termo tan maltratado”.
Na segunda utiliza a secuencia central da película Estate violenta de Valerio Zurlini, para Fran «una mestura perfecta de historia e abandono» no contexto da segunda guerra mundial, escenario presente tamén na súa novela, sexa en Vigo ou en Lübeck, berce da familia protagonista, os Beckmann.
Na terceira, a fotografía que fixo o autor o primeiro de xaneiro de 2015, a lúa de Vigo pousada sobre Gran Vía nº 2, o edificio Albo, que leva a sinatura do arquitecto vigués Francisco Castro Represas, representa a columna vertebral da novela, tamén presente na portada deseñada por Roi Fernández.
Por última, na cuarta, as imaxes evocan as mobilizacións obreiras viguesas de setembro de 1972, sobre a música de «Starman», a canción de David Bowie coa que o autor confesa escribiu algunas páxinas da obra, na que está tan presente a memoria persoal e familiar como a da cidade Vigo dos versos de Helena de Carlos.
Tempo haberá para volver sobre Cabalos e lobos, que chegará ás librarías a partir do 16 de abril e será presentada en Vigo o 24 de abril e en Compostela o 28.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/XG00070101.jpg303200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-08 00:01:012015-04-07 18:50:51Onte 1288: «Cabalos e lobos» de Fran P. Lorenzo
Abofé que o premio Merlín do pasado ano deixou unha boa colleita. Tras a Escarlatina de Ledicia Costas, unha obra aclamadísima polo lectorado, os xurados e a crítica, chega a finalista, Rubicundo de María Canosa. Outro libro moi fermoso, unha alfaia para a conquista de lectores e lectoras autónomas. O texto de María Canosa é un prodixio, sutilmente fantástico, escrito con palabras agarimadas liña a liña coa intención de crear a atmosfera dun relato que faga crible a existencia de oficio tan necesario como o dos cosedores de ventos. O traballo de ilustración de Nuria Díaz é memorable, coidando a composición de cada un dos planos e perspectivas, dando auténtica vida ao personaxe de Rubicundo e as súas delicadas ferramentas capaces de utilizar o fio de po de estrelas. Coma Escarlatina foi un dos libros infantís de 2014, aventuro que Rubicundo o será de 2015. Beizóns a María Canosa e Nuria Díaz, as creadoras desta marabilla.
Pedro Feijoo publicou onte unha anotación sobre Sés da que moito gostei. Escrita coa prudencia de quen fixo milleiros de quilómetros na rota de Los Feliz e Lamatumbá e sabe do valor das músicas, Feijoo gaba a maneira «valente, decidida e afouta» de cantar de Sés, «dese xeito, ese preciso xeito, tan e tan necesario neste país…» Esa afouteza e paixón artísticas tan presentes en Tronzar os valos (2015), esoutra marabilla á que levamos enganchados toda esta semana, coa que a coruñesa inicia a súa andaina en Folmúsica, a discográfica de Fernando Luaces. Disco de absoluta madurez, no que Sés consolida os logros de Admirada condición (2011) e Co xenio destrozado (2013) noutra ducia de temas memorables.
«Como Eu Canto», «Humanamente», «2000 anos máis», «Tronzar os valos», «Iconoclasta», «Un pensamento», «Baixo o cemento», temas nos que se festexa a canción popular galega, o rock, o blues e as diferentes formas da canción popular latina. Textos claros e contundentes, músicas penetrantres, cancións que son centraminas de enerxía e autoestima, doses de talento tan precisas para vencer o devalo da nosa lingua e cultura. Unha ducia de cancións insurxentes e rebeldes, avalando entre a tenrura e a bravura, entre a dozura e a dor. Unha transfusión de entusiasmo galego contra o conformismo paralizante. Tronzar os valos é unha afirmación ética e musical extraordinarias. Recoméndoa moi vivamente. Marabilla de Sés.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/tronzar_os_valos.jpg500500bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-04 15:34:482015-04-04 15:58:22Onte 1284: «Tronzar os valos», a nova marabilla de Sés
Na feira do libro de Boloña anunciouse onte o título do que será o triséximo sexto álbum de Astérix, O papiro de César, que aparecerá en todo o mundo o 22 de outubro de 2015 e será publicado en galego por Xerais. Coma xa sucedera co álbum anterior, Astérix e os pictos, publicado en outubro de 2013, os autores serán o guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad, que adiantaron en Boloña que a acción da nova entrega se desenvolverá na Galia e «coma sempre sucede en Astérix haberá batallas, novos personaxes, un moi perigoso e zoinamoina, romanos a labazadas e se abordará un tema característico da sociedade moderna.» Antes da publicación desta nova aventura, a comezos do mes de maio estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións en galego da terceira e cuarta entrega da serie de René Goscinny e Albert Uderzo , Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e Isabel Soto. Sen dúbida, 2015 será un gran ano para os seareiros galegos de Astérix e Obélix.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/asterix_papyrus_cesar.jpg584630bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-01 11:10:132015-04-01 12:31:28Onte 1281: Novos títulos de Astérix en galego
Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.
Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.
Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/03/CARTAZ-DÍA-DAS-ARTES-GALEGAS.jpg29532067bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-03-30 19:40:072015-03-30 19:43:36Onte 1279: Día das Artes Galegas