Onte 1922: Queizán con Rosalía

Interesantísima resultou a presentación onte na LIbraría Andel de Vigo de Rosalía de Castro e o poder sexual, o libro máis recente de María Xosé Queizán. A escritora viguesa conversou coa escritora e membro da plataforma de crítica A Sega Susana Sánchez Arins arredor dunha obra híbrida, que inclúe ensaios, poemas e contos, onde hai un cuestionamento explícito dos xéneros. «A unidade do libro é o meu criterio sobre Rosalía», confesou Queizán, para quen «a soidade e o traballo son os os temas fundamentais para Rosalía, tamén para xustificar a morte dóce que propón para aquelas mulleres polas que ninguén agarda». Arins comezou agradecéndolle a Queizán que co seu ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal lle descubrise «como Rosalía contesta a Pondal, ofrecendo unha lectura dos dous en contrapunto, membros da mesma época e da mesma sociedade, aínda que con diferentes modelos e puntos de vista; dende entón non canto o himno galego, dun autor que non me representa».

Sinalou Susana que Queizán tamén lle descubrira a palabra «viriloide«, «coa que se referían a Rosalía na súa época, formando parte das visións deitadas sobre ela, como santa ou chorona, polos señores críticos». Sinalou Susana a soidade que sufriu Rosalía, «unha muller moi avanzada no seu tempo, que non se escondía detrás dun pseudónimo masculino, unha muller a que lle faltou a rede de afectos e apoios, como os que conformamos hoxe na Sega, como quizais tamén a propia María Xosé».

Queizán insistiu en que o fastío de Rosalía tiña unha causa política e non existencial, «non é este mundo para mulleres, percibe que está no lugar e no tempo equivocado». Rematou a conversa, na que Susana estableceu un nexo directo entre Rosalía e Queizán, que recuperou a narrativa feminina en galega en 1965, debatendo sobre a oportunidade do título, que podería levar a confusión. Para Queizán «Rosalía é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Toda a obra de Rosalía ten como fío condutor a sexualidade e o poder patriarcal. Rosalía capta ese poder sexual, soubo distinguilo perfectamente, con tanto adianto, antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, foi pioneira, con orixinalidade e audacia, nun tema tan vixente na actualidade».

Onte 1921: Presentación en Monforte da «Guía práctica da Ribeira Sacra»

Viaxamos onte a Monforte para acompañar a Manuel Garrido na presentación da nova edición da súa  guía d’ A Ribeira Sacra. Un acto no que autor reivindicou o turismo lento como mellor forma de abordar a visita á Ribeira Sacra, un espazo turístico e patrimonial que dende as últimas dúas décadas medra en número de visitantes e proxección. Para Garrido «non hai turismo caro ou barato», «o que interesa á Ribeira Sacra é o viaxeiro que quere introducirse nela, o que quere sentila, o que pretende gozar das súas singularidades, desas cousas que hai aquí e non existen noutros lugares: os cañóns, os soutos de cincocentos anos ou os mosteiors románicos, a viticultura heroica…». Gabou Manuel Garrido o pulso gastronómico que se veu producindo na Ribeira Sacra durante os últimos anos, así como do sector do viño, propoñendo que se ampliase á produción de vexetais e outros produtos de horta. Rematou como comezara reivindicando os praceres pequenos: «a natureza foi xenerosa coa Ribeira Sacra, está é unha terra para tomarse un bo viño, dar un paseo, xantar ou pasmar e non facer nada».

Onte 1920: «Paterson» ou a defensa da poesía

Levaba tempo agardando por ver Paterson, a película de Jim Jarmusch que relata a peripecia dun condutor de autobús que escribe poesía na cidade de Paterson, Nova Yersey, onde naceu o poeta Allen Ginsberg e onde escribiu boa parte da súa obra poética William Carlos William, o poeta preferido polo protagonista. Enfrontando durante unha semana a vida dunha parella de namorados, a rotineira do poetacondutor (almorzo, traballo, regreso, cea, paseo co can, cervexa no bar do barrio) coa ollada dinámica, optimista, soñadora e enérxica da súa compañeira, cociñeira de cupcakes e deseñadora de cousas en branco e negro, Jarmusch pretende deitar unha ollada poética sobre o cotián como mellor xeito de promover o interese pola poesía («palabras escritas sobre a auga»). Paterson atende as conversas dos seus viaxeiros, mais apenas fala con eles, mentres conducindo cisma na creación dos seus textos de linguaxe moi coloquial que salva despois nos tempos de descanso no seu inseparable caderno.

Película de boa factura e impecable interpretación, sobre todo da iraní Golshifteh Farahani, fraquea un chisco na súa narratividade, tanto pola práctica ausencia de conflito como pola previsibilidade do seu desenlace. Mágoa que Jarmusch desaproveitase a oportunidade de traducir con maior rotundidade a poesía en linguaxe cinematográfica. Con todo a película constitúe unha interesante defensa da poesía, esa «preferencia por ser só un peixe» e non calquera outro animal.

Onte 1917: «Amour» e «Engurras»

Circunstancias léváronos a ver estes días dous filmes que abordan a problemática das persoas maiores: Engurras de Ignacio Ferreras, adaptación do cómic homónimo de Paco Roca, e Amour de Michael Haneke. Dúas marabillas, senllas pezas conmovedoras, onde se aborda con sutileza, mais tamén de forma explícita o difícil transo da vellez, onde todo, incluído o amor, a amizade e a dignidade, se someten a proba. Sorprendeume de Engurras, o gran guión do galego Ángel de la Cruz, para abordar con moita retranca os inicios da doenza do Alzheimer, tinguindo de tenrura e certa poesía as situacións máis difíciles. Mentres que na película de Haneke, outra das súas obras mestras, é brutal a ollada cirúrxica do director austríaco sobre o amor, concibido como agarimo, afecto e apoio mutuo entre os amantes, mais sometido pola doenza e pola dor a todas as probas posibles. Cine que nos enfronta sen mexericadas e dignidade ao espello da vellez. Imprescindibles.

Onte 1915: Bautista Álvarez, escritor galego

En poucas das necrolóxicas de Bautista Álvarez faise fincapé na súa dimensión como escritor, tanto ensaísta como narrador, condición que reivindicou nos últimos anos da súa vida, cando publicou a maior parte da súa obra, tanto a política como a narrativa. Aínda lembro na presentación da súa novela, Cuarto minguante, no Casal de Armán en febreiro de 2015, a súa satisfacción cando a súa camarada a profesora Pilar García Negro insistiu en que «a vocación de Bautista sempre fora dupla, política e literaria», mantendo ao longo de toda a súa traxectoria política a súa paixón como lector e o seu interese pola cultura literaria clásica. Pertencente, como Ferrín, Patiño, Herminio Barreiro, Bernardino Graña, Ramón Lourenzo e Xosé Fernández Ferreiro á Xeración Brais Pinto, literariamente adscribiuse a tradición de Castelao e Fole coa intención de ofrecer unha obra narrativa ao servizo da recuperación do mundo da aldea, hoxe completamente varrido, mais que, para el, continuaba sendo «completamente influente en nós».

Tanto no seu libro de relatos, Retallos daquela infancia (2013), como en Cuarto minguante (2015) amosou que o seu dominio dun idioma cheo de auténtico zume do xenio popular e a presenza do humor e da ironía constituían os esteos da súa proposta como narrador. Hoxe cando é recoñecido o seu labor teimoso como decisivo na renovación do nacionalismo galego das últimas cinco décadas, non esta de máis, como a el sei lle prestaría, lembralo tamén como o escritor galego que foi.

Onte 1914: Dúas películas de François Ozon

Nos últimos días vimos as películas máis recentes de François Ozon, Frantz e L’ amant double. Dúas propostas que, aparentemente abordan temas e xéneros ben diferentes; a primeira, o da ausencia, a perda, o perdón e a expiación, no formato dun drama ambientado tras a Guerra do 14; a segunda, o da identidade, no que utiliza algunhas convencións do thriller. Mais tamén dous filmes onde identificamos as marcas propias ao narrador parisino: a obsesión pola ollada, a elegancia na composición formal e a absorbencia do relatado. Sendo o resultado moi distinto (a miña preferencia por Frantz é indiscutible), Ozon consegue en ambos os dous casos sorprender coa ollada feminina que guía o relatado. Abordando a historia dun mozo e dunha moza torturados por unha perda que saben non pode ser superada, Ozon ofrece en Frantz un impactante manifesto da tristeza, filmado en branco e negro sobre fondos de Chopin e Tchaikovski.

Rescatando o soño dunha muller e a súa relación con dous xemelgos (unha trama que nos recordou a Placebo, a novela máis recente de Jaurequizar), Ozon constrúe unha narración dende o interior da protagonista e narradora (a vaxina transformada en ollo, na primeira escena así o indica), que amplía os límites da presenza do sexo na pantalla e converte todo o filme en metáfora da liberdade sexual da muller. Xaora, non é doado facer verosímil unha trama baseada no xogo entre o real e o seu dobre, na dialéctica constante entre realidade e a súa ilusión, ou na confrontación das pulsións do desexo e da vida, da tenrura e da violencia, razón pola que Ozon utiliza para salvar a película do desastre os recursos do xénero de terror e a aparición dun personaxe chave (interpretado por Jacquelinne Bisset) capaz de explicalo todo. No entanto, como sucede en Frantz, Ozon consegue que a ollada da protagonista cautive ao espectador máis escéptico pola confusión onírica do relatado.

Onte 1913: Presentación de “Luns” de Eli Ríos na Deputación da Coruña

Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.

Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.

Onte 1911: Manuel Antonio, icona da modernidade

A presentación de onte na libraría Andel de Vigo constituíu unha fermosa lembranza da figura do poeta Manuel Antonio. Ao fío da aparición da biografía documentada e referencial de Xosé Luís Axeitos, o autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Ramón Pena afondaron nunha figura da modernidade cuxa lectura é capaz de actualizarse con cada xeración. Así o salientou Ferrín, despois de confesar o seu orgullo por “formar parte das persoas que levamos a poesía de Manuel Antonio dentro, desa confraría de rebeldes que dicimos Máis ala!

Así o ratificou Pena que salientou que “cada xeración de novos autores galegos reivindica a Manuel Antonio e propón unha nova lectura da súa poesía”, para afirmar, despois, que “existe un club de manuelantonianos, unha masonería de vangardistas ou neoestetas da que Ferrín é membro co comité central”. Xosé Ramón Pena afirmou que no futuro haberá novas lecturas de Manuel Antonio, mais o que interesa é saber a que razóns obedece esta reivindicación e relectura. “Hai motivacións estéticas e sociopolíticas que explican que Manuel Antonio é unha icona da modernidade, daquilo que permanece moderno. Se alguén entendeu La poésie d’ aujourdhui de Jean Epstein, foi Manuel Antonio, que traduciu este ensaio ao galego en 1921. Se alguén estaba no centro onde tiña que estar nese momento foi el. A biografía de Xosé Luís Axeitos explica de forma eficaz e amena porque Manuel  Antonio nos produce esa impronta estética, política e persoal. Foi un rebelde con causa, algo que nos conmove”.

Comezou Axeitos definindo a Manuel Antonio como “o orgullo dun país que está constantemente reivindicando”. Confesou que intentara facer unha biografía documentada: “todo o que se di ten un documento que o respalda, non quixen facer conxecturas, mesmo a pesar da tentación que exerce o personaxe”. “Tratei de sinalar as rebeldías de Manuel Antonio, dende a primeira, cando abandonou nome de Leliño polo de Lelo, negándose a ser crego, como pretendía a súa nai. Como na segunda, cando pasou de Lelo a Manolo, cando foi estudante, e máis tarde cando adoptou o nome de Manuel Antonio, que o identifica como poeta, convertíndose nesa estrela que nos chama, a gran estrela da nosa poesía do primeiro terzo do século XX”. “O meu libro é unha contribución ao club de Manuel Antonio do que falan Ferrín e Pena”.

Onte 1909: Dous filmes sobre o Holocausto

Despois da experiencia marcante vivida hai días cando visitamos os campos de Auschwitz e Birkenau, dúas películas que vimos esta fin de semana, O fillo de Saúl do húngaro Lászlo Nemes e Hannah Arendt da alemá Margaret von Trotta, adquiriron unha maior relevancia. Dúas fitas de fasquía narrativa diferente que, ademais de denunciar o xenocidio xudeu nos campos de concentración nazis, propoñen unha reflexión moral e política da que o espectador non pode allearse. Do extraordinario film do debutante Nemes impresionoume como a utilización de recursos técnicos, sexan longos planos secuencia, constantes fóras de foco ou o protagonismo do son de ambiente, constitúen tanto opcións estéticas como éticas. Dificilmente pode representarse de forma máis fidedigna o horror que nas marxes da pantalla ou nos berros que se escoitan tras as conversas murmuradas, mentres a cámara persegue a caluga dun protagonista obsesionado por enterrar ao seu fillo, o único xeito de asegurar a salvación.

Nemes condena ao espectador a querer ver e non poder facelo, un xogo sutil, que non agocha nada que resulte esencial para expresar a ruindade do ser humano. Como resulta inquedante a reflexión que von Trotta propón sobre a banalidade do mal no biopic sobre a filósofa xudía, formada con Martin Heidegger, a raíz do seguimento xornalístico que fixo en 1961 para The New Yorker do xuízo a Adolf Eichman, un dos máximos responsables nazis dos campos de exterminio. A veterana directora de A honra perdida de Katharina Blum ofrece un retrato matizado de Arendt, moi lonxe dos perfís da haxiografía, procurando a súa credibilidade no protagonismo da palabra, os diálogos e os monólogos (como a lección memorable que imparte diante do seu alumnado e os responsables da universidade). Dúas películas que afondan nas raíces do xenocidio e do totalitarismo, alertando sobre a necesidade non abandonar nunca o pensamento, onde reside a cerna da liberdade que se pretende erradicar.

Onte 1908: “Cézanne et moi”

Xeitosa película esta que relata a amizade fraternal entre Émile ZolaPaul Cézanne. Unha relación poderosa que os artistas mantiveron dende a adolescencia e ao longo de case toda a vida na que compartiron o seu afán creativo, un como narrador e outro como pintor, como senllas procuras de achegamento á verdade. Unha amizade moitas veces posta a proba polos ciumes e os trasacordos, como cando Zola publicou A obra (1886), protagonizada por Paul Lanier, un pintor fracasado no que Cézanne viu retratada a súa vida, na que nunca fixo concesión ningunha á comodidade. Mágoa que a directora Danièle Thompson perda a oportunidade para afondar un pouco máis nesta paixón creativa (a cerna das súas vidas) de xenios de temperamento moi diferente, o escritor, metódico e pragmático, o pintor, rebelde e voluble, mais unidos pola devoción á paisaxe de Aix-en-Provence retratada de forma moi fermosa por Dreujou que consegue emular nalgúns encadres os do propio Cézanne.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar