Onte 1947: Premio Agustín 2017

A cerimonia de entrega no Auditorio de Vilalba do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, outorgado á novela Fóra do normal de María Reimóndez, constituíu unha gran homenaxe ao autor d’ O rastro que deixamos. Durante máis de dúas horas catrocentas persoas participamos nun acto organizado con moito agarimo polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e polo concello de Vilalba, no que as intervencións musicais e lecturas de textos de Agustín se foron mesturando coas intervencions dos membros do xurado, dos organizadores e da gañadora, mentres no escenario a xove pintora vilalbesa Isabel Pardo creaba o que será a imaxe  do cartel da convocatoria da segunda edición. No entanto, foi a proxección dun vídeo de máis de corenta minutos de duración, preparado polo IESCHA, no que se achegaba a palabra do mestre Agustín, a cerna deste serán inesquecible e emocionante no que se salientaron os valores literarios e humanos do agustinismo. Non hai dúbida que esta cerimonia de entrega do Premio Agustín será, a partir de agora, unha referencia na angueira de manter viva a memoria do mestre de Vilalba.

María Reimóndez no seu discurso de aceptación (aquí en pdf) rescatou os fíos de vida enlazados con Agustín, dende o de Villaba, onde viviu tres anos da súa infancia, o que alimenta dúas das súas novelas, Dende o conflito e, a máis recente, As cousas que non queremos oír, que dedica a Agustín, até o de Vigo, onde gozou da xenerosidade e calidez humana de Agustín. Salientou Reimóndez que a obra de Fernández Paz “contén clave e mundo para facer deste un lugar mellor”. “Creou espazo para as rapazas, para a memoria, para o agromar do recordo; falounos en todas as emocións humanas; soubo escoitar como ninguén o corazón anoado que latexa naquelas as que ninguen escoita, e desenleou os fíos para que outras persoas puidesen entendelos”.

Reimóndez confesou que este premio tiña para ela “o vaor esencial de dar valor a unha literatura que non só debe ter todos os compoñentes que precisa para ser lida, senón que entende que a calidade literaria é tamén é un un servizo ao ser humano, á xustiza e á igualdade. Unha das leccións máis importantes que a min me deu Agustín como persoa e como escritora, é que toda literatura contribúe a conformar valores. A función da literatura de Agustín era non só amosar os fíos da súa propia vida, senón a través deses fíos poñer en evidencia os outros, os que disfrazan “estética” para falar en contra dunha ética”.

Rematou María Reimóndez expresando a súa convicción de que este premio de Agustín “permite por fin que as nosas obras se lean sen prexuízos. Iso é o que tentei con Fóra do normal, poñer no centro a quen de primeiras ficaría nas marxes, poñer en dúbida quen son os heroes e as heroínas, aquelas que loitan con puños e superpoderes para que o mundo volva estar como era, ou as que, como o meu amigo Eric Dopazo, teiman en ser quen son e conseguen, despois de humillacións e resistencias, un DNI co seu nome e a súa identidade”. “Nin esta historia, nin eu estariamos hoxe aquí sen Agustín. Este premio une o meu nome ao seu para sempre. Anóanos coma o nó intenso e emocionante que sinto neste momento, disposta a levar con orgullo e humildade o seu legado e desexando que moitos outros nomes veñan a unirse ao meu e que cos seus fíos todos construamos un mundo diferente, como o que Agustín nos suxeriu con cada obra e con cada acto na súa vida”.

Onte 1946: Fervenzas Literarias 2017

Coa súa puntualidade característica o anuncio dos premios Fervenzas Literarias abriu onte a rolda de galardóns anuais á obra editada en lingua galega e ao recoñecemento do activismo no sector editorial e da lectura en lingua galega. Uns premios outorgados dende 2007 por esta pioneira revista dixital literaria en galego, á que non é allea a teimosía e o rigor do bibliotecario Nacho Alonso, que se foron consolidando tanto como referentes da popularidade na rede (nesta edición superáronse o medio millar de votacións) como pola súa influencia para marcar tendencias de escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo como editores de Xerais quedamos ben satisfeitos polo feito de que catro das nosas obras fosen consideradas como “mellor libro do ano” nas modalidades de narrativa, A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo; na de teatro, Suite Artabria de Manuel Lourenzo; na de libro infantil e mellor capa de LIX, A señorita Bubble de Ledicia Costas e Andrés Meixide; e na de mellor capa de adultos, Luns de Eli Ríos, sobre fotografía de Paula Gómez del Valle. Como tamén é unha satisfacción que Víctor Rivas fose escollido como “mellor ilustrador do ano”, ao que sabemos non foi alleo o seu traballo man con man con Ledicia Costas nas obras do proxecto Escarlatina. Como tamén nos orgulla o feito de que as obras de Xerais fosen elixidas nos postos relevantes de case todas as modalidades, o que constitúe un estímulo para os autores e autoras como para  cadro de profesionais da editorial. Xaora, tampouco pode negar que constitúe para min unha ledicia o feito de que outro ano máis Culturgal fose “o mellor acontecido en 2017”, o que supón un recoñemento para o labor discreto dos que nos responsabilizamos da asociación Culturgal e, sobre todo, do equipo de profesionais dirixido por Xosé Aldea.

Todas as persoas premiadas e todas as finalistas destas Fervenzas Literarias 2017 merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega para ampliar a diversidade e a calidade do espazo da edición e da literatura galega. Como sinalabamos o pasado ano, esta nova colleita de Fervenzas expresa “a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos”. A pesar de que continuamos á intemperiem seguimos vivos e con azos anovados.

Onte 1945: «Tres anuncios nas aforas» de Martin McDonagah

O western é un xénero en constante revisión. Diciámolo ao fío de Comanchería e repetímolo agora con Tres anuncios nas aforas, o film de Martin McDonagah do que tanto se fala esta fin de semana de estrea. Un western moderno protagonizado por unha muller dura que pretende acelerar a investigación sobre o asasinato e a violación da súa filla nunha pequena cidade de Misuri, un deses tantos crimes nunca resoltos. Un guión excelente, no que se suceden as reviravoltas climáticas até os límites da verosemellanza; unhas interpretacións memorables, nas que destaca a de Frances McDormand (aspirante ao seu segundo Oscar, despois do de Fargo); unha utilización brillante dos recursos expresivos, sobre todo os diálogos moi afiados e a unha BSO marabillosa, alicerzan esta narración sorprendente e engaiolante. Ten mérito McDonagah, un autor teatral de quen se leva estreadas tres pezas en galego, cando modula no film sen maniqueísmo a ambigüidade existente entre a dor e o humor, o odio e o amor, a vinganza e a xustiza, as vítimas e os verdugos.

Sen dúbida está é unha peza sobre a gamma de grises da condición humana e dos propios xéneros da narración, situada dacabalo do drama, da comedia e do sarcasmo. Paga a pena reparar nela, deixando os dogmatismos e os prexuízos na casa.

Onte 1944: “Fonte do Araño” de Emilio Cao, corenta aniversario

Tiven a fortuna de que os Reis me agasallasen un dos trescentos exemplares da edición especial en vinilo de «Fonte do Araño», o mítico disco de Emilio Cao do que celebramos o corenta aniversario. Unha edición ben xeitosa preparada a partir das dez gravacións orixinais que Cao fixera, acompañado de Xosé Ferreiros, Antón Seoane, Bernardo Martínez e Xan Piñón, nos estudos de Audiofilm en catro días do mes de abril de 1977.

Un disco pioneiro, marabilloso, que non perdeu nin unha miga do seu espírito transgresor nin da súa intencionalidade de achegarse á tradición de noso cunha actitude inequivocamente transgresora. Asombra hoxe o coidado da edición orixinal, producida por Nonito Pereira no selo Abrente, tanto pola dignidade da gravación como polo coidado deseño gráfico do grande Xosé Díaz. Un disco que, como aqueloutro primeiro de Milladoiro, asinado por Romaní, Seoane e Faíscas do Xiabre, abría un tempo novo para a música galega, asumindo as raíces da música celta (atlántica), como sinalan as palabras limiares do propio Alan Stivell.

O diálogo entre harpa, gaita, zanfona e voces de «Fonte do Araño» continúa emocionando, sobre todo en temas que forman parte da nosa memoria xeracional, como o que dá título ao disco ou en «Baixaron as fadiñas» ou «Na noite de San Xoán». Un agasallo co que quedamos contentos coma cucos.

Onte 1943: No aniversario de Celso Emilio e Elixio Rodríguez

Poucas veces raparamos na coincidencia na data do 4 de xaneiro do nacemento de Elixio Rodríguez e Celso Emilio Ferreiro, o primeiro en Grou en 1910 e o poeta de Celanova en 1912. Dúas figuras daquelas Mocidades do galeguismo republicán das Terras de Celanova e a Baixa Limia, como tamén ao de Xosé Velo (1916) , que tras o seu pasamento conservan a súa vixencia e todo o interese para a súa obra.

Celso Emilio, fonte inesgotable na que continúa bebendo cada xeración, constitúe o modelo de poeta natural, o bardo popular contemporáneo da segunda metade do século vinte, capaz de dialogar co seu tempo, facéndoo con toda a fondura e complexidade, o que lle obrigou a asumir tantos riscos e múltiples dificultades vitais.

Elixio Rodríguez, a quen tiven a fortuna de coñecer hai agora  trinta anos, cando traballei como mestre de Primaria en Bande, deixou nas súas memorias (Matádeo mañán), un testemuño excepcional da súa afouteza nos días difíciles da guerra e do exilio, unha parte da nosa memoria colectiva a rescatar.

Elixio e Celso Emilio compartiron angueiras  e compromisos para facer posible que xermolase un anovado nacionalismo galego dende a esquerda, como tamén contribuíron, un México e outro en Venezuela, á construción cultural da diáspora galega. Lembramos con saudades a Celso e a don Elixio (así o chamabamos sempre) e convidamos a visitar as súas obras.

Onte 1941: Querido maldito editor

Apareceu onte por Facebook á famosa reportaxe que Juan Cruz publicara en 2012 sobre as difíciles relacións entre autores e editores. Ao fío da que mantiveron Thomas Bernhard e o editor de Suhrkampf Sigfried Unseld, abalando sempre no gume da amizade e do odio, entre a fronteira do amor e a dor, Cruz recaba as opinións de diversos editores literarios como Peter Meyer (Penguin), Michel Korda, Enrique Murillo (Libros del Lince), Juan Casamayor (Páginas de Espuma) ou Mario Muchnick, que coinciden en reivindicar a paciencia como unha das aptitudes necesarias deste traballo. Despois de case tres décadas como editor en lingua galega engadiría que a discreción, a teimosía e a humildade como lector tamén son necesarias para manterse de forma constante nese segundo plano do foco, unha posición imprescindible para a nosa tarefa de escoller e visibilizar os mellores textos para públicos diversos. Nunca está de máis lembrar quen somos e que se agarda de nós.

Mulleres no rueiro

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo ao empoderamento das mulleres e a reclamar un rueiro paritario nas nosas cidades:

2017 foi un ano de empoderamento das mulleres. Unha nova esperanzadora no entorno dun tempo de incerteza e conformismo. Trinta e nove anos despois que Marilyn Gloden acuñara o termo “teito de cristal”, referido ás barreiras aparentemente invisibles que limitan o desenvolvemento das mulleres nas empresas e na vida social e política, son moitas as iniciativas feministas que en todo o mundo se desenvolveron para loitar contra as lacras das violencias machistas e acadar unha igualdade real. Campañas de empoderamento como #Metoo (#EuTamen), ao fío das denuncias do abuso sexual en Hollywood, ou @BBC100women, que identifica as mulleres máis influentes no mundo e os seus problemas principais; o éxito de series feministas como “O conto da criada”, baseada na novela de Margaret Atwood; ou o feito de que a palabra “feminismo” sexa a máis buscada no dicionario americano “Merrian-webster”, amosa que se estaría dando en todo o mundo un impulso para enfrontar os problemas das mulleres.

Iniciativas tamén nacidas na sociedade galega, onde tamén hai exemplos deste empoderamento. Eis o programa “Mulleres en acción. #Violencia zero” promovido pola Deputación de Pontevedra no marco do seu Plan de Igualdade. Eis as diversas iniciativas no eido da cultura, sobre todo no mundo editorial galego, coa publicación das coleccións “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco, “Contos pola igualdade” de Baía ou os álbums que reinterpretan os contos clásicos de Xerais, destinadas ao público infantil; como do calendario 2018 “Mulleres de Pacheco” e do proxecto “Pioneiras. Galegas que abriron camiño”, ambos os dous de Xerais. Eis a celebración da xornada “Desfacendo a raia”, organizada por Galix e centrada na memoria das mulleres na LIX e a elección do tema “Mulleres de conto” por o Salón de Pontevedra para render homenaxe ás mulleres neste eido. Eis a acollida entusiasta entre o lectorado dos novos libros de escritoras como María Xosé Queizán, Ledicia Costas, María Reimóndez, Eli Ríos, María Canosa, Rosa Aneiros, Elena Gallego, Teresa Moure, María Solar, por ventura, entre outras moitas, ou o ingreso, por fin, na Real Academia Galega de tres mulleres, Marilar Aleixandre, Chus Pato e Ana Romaní, sen esquecer a homenaxe a María Victoria Moreno o vindeiro Día das Letras Galegas.

Iniciativas feministas que se desenvolven tamén no marco dalgúns dos concellos das nosas cidades que nos seus plans de Igualdade pretenden galeguizar e feminizar espazos públicos e edificios con nomes de muller rematando con outra das moitas discriminacións, aparentemente invisible, a dos nosos rueiros. É un feito que as rúas galegas non teñen nome de muller, e, cando o teñen, a maior parte das veces é de carácter relixioso ou están vinculadas á realeza, apenas outra herdanza dunha visión androcéntrica da nosa historia. Sucede en Ourense, onde das 349 rúas con nome de persoa apenas o 16 % teñen o nome de muller. Outrosí acontecía en Pontevedra, onde de 196 con nome só 20 o tiñan feminino, anomalía que a concellaría de Cultura do concello capitalino pretende subsanar de forma enérxica coa incorporación de vinte e sete mulleres ao rueiro, escollidas entre os nomes da historia e da memoria colectiva dos diversos sectores de actividade. Nomes como os de Isabel Barreto, a primeira navegante (século XVI), Josefina Arruti e Virxinia Pereira, pasando polos de Dolores Trabado, primeira taxista da cidade, ou Dolores Calviño, lavandeira do Pontevedra, acompañarán aos da escritora María Victoria Moreno e a profesora Ernestina Otero no novo rueiro pontevedrés, que pretende ser un pouco máis equilibrado e menos androcéntrico.

Como atención merece o caso do rueiro vigués que, a pesar de contar con 50 nomes femininos, despois da incorporación hai dez anos dos de seis mulleres da memoria (entre as que estaban A Calesa, Urania Mella e Mercedes Núñez), continúa esquecendo os nomes das mulleres, xa que segundo datos da Concellaría da Muller, supoñen apenas o 12 % dos correspondentes a nomes de persoas e actividades e case o 3% dos topónimos vigueses de rúas, camiños, prazas e parques. Unha discriminación de xénero inadmisible xa que se pretendemos construír unha cidade para habitar en igualdade é imprescindible, tamén, que a presenza feminina sexa paritaria á masculina. Unha desigualdade que, como no caso de Pontevedra, podería ser atacada cunha estratexia que, sendo compatible coa conservación de topónimos e microtopónimos tradicionais, promovese a incorporación de nomes como os das escritoras Xela Arias, Begoña Caamaño, Xohana Torres, a oceánografa Aida Fernández Ríos, a xornalista Carmen Parada ou tantas outras mulleres viguesas que forman parte da memoria da cidade e merecen ser lembradas.

Onte 1939: «Morir», a conmovedora película de Fernando Franco

Morir, a segunda película de Fernando Franco, demostra que o cine, ademais dun medio de lecer, pode ser unha poderosa ferramenta de reflexión sobre a propia vida. Este de Franco é un relato amargo dunha viaxe emocional provocada pola irrupción inesperada do cancro que descompón a unha parella para enfrontala ao qué entenden por amor. Unha película austera nos medios, mais de narrativa hipnóptica, que apenas nos concede tregua na cadeira. Alicerzada sobre unhas interpretacións extraordinarias, sobre todo a de Marián Álvarez, que o di todo coas súas olladas e os seus silencios, o film conta coa presenza constante do latexto do mar, que funciona como contrapunto da vida que se deteriora e axita sobre o precipicio. Morir é un relato convincente sobre a dor e sobre o propio momento da morte, tan difícil de representar na pantalla, tanto pola súa sobriedade como pola súa dureza conmovedora. Non é doado esquecer algunhas imaxes que nos enfrontan coa crueza da morte e da vida.

Onte 1938: “As cousas que non queremos oír” de María Reimóndez

Presentamos onte na libraría Andel As cousas que non queremos oír, a cuarto novela do Ciclo dos elementos de María Reimóndez. Un acto no que a escritora e editora Eva Mejuto conversou coa autora da novela, mais tamén das anteriores do Ciclo, que constitúe un dos proxectos en marcha máis singulares e novidosos na narrativa galega actual. Mejuto confesouse “enviciada con este ciclo, xa que cada entrega supón un estímulo, un novo reto nun proxecto poliédrico, onde as obras son tanto independentes como interdepentes de xeito que s epon a proba a capacidade da lectora para relacionar, imbricar, relacionar e irnos levando coas relacións dos personaxes”. Salientou Mejuto como outros valores a abordaxe da amizade na novela, como unha capacidade de mirar ao fondo; o respecto co que está tratado o tema do cancro, baseado nunha documentación moi exhaustiva e rigorosa e a habilidade da autora para relatar un mesmo acontecemento dende a óptica de cada personaxe”.

Pola súa banda, María Reimóndez expresou que nesta novela quixo “abordar a xestión da relación de cada personaxe coa orixe da súa identidade; interesábame narrar as persoas como Aurora, a protagonista, que recorren ao desarraigo e a rúptura, mesmo co seu entorno familiar”. “Sei que Aurora é un personaxe alleo a min, menos amable, que viviu un proceso migratorio que deixa ruptura”.

Onte 1937: «Ruptura», a crise da democracia liberal de Manuel Castells

Tempo facía que non lía un ensaio político tan claro e contundente como Ruptura. La crisis de la democracia liberal de Manuel Castells. Un libro no que en apenas un cento de páxinas o catedrático de Socioloxía da UOC expón as claves da actual crise política, que para el ten unha dimensión global, manifestada por un colapso gradual do modelo de representación da democracia liberal. Un diagnóstico demoledor sobre as múltiples crises que vivimos no planeta. A económica, caracterizada pola precariedade laboral e os salarios de pobreza. O terrorismo fanático, que fractura a convivencia, alimenta o medo cotián e dá azos ás restricións das liberdades en nome da seguridade. A da ameaza constante das guerras atroces como forma de abordar os conflitos. A violencia contra as mulleres que ousaron ser elas mesmas. A galaxia da comunicación dominada pola mentira, bautizada como posverdade. A cultura transformada en entretemento nunha sociedade sen privacidade na que todos nos convertimos en datos.

Mais para Castells a cerna destas crises que envelan as nosas vidas está na «ruptura da relación entre gobernantes e gobernados, na desconfianza nas institucións, en case todo o mundo, que deslexitima a representación poítica», «un colapso gradual dun modelo político de representación e gobernanza» que a chamada democracia liberal consolidara nos dous útimos séculos. Tese que Castells desenvolve en catro capítulos nos que analiza as súas manifestacións nas crises da Unión Europea (Brexit,Merkelización, refuxiados…), nos Estados Unidos (con atención ao fenómeno de Trump), no fenómeno do terrorismo yihadista e, por último, en España, deténdose no caso do 15-M e na cuestión catalá e a consecuente crise do Estado español.

Entendo de particular interese a reflexión que Castells fai sobre as identidades no marco da globalización, que identifica como auténtica crise identitaria: «Canto menos control teñen as persoas sobre o mercado e sobre o seu Estado mais se repregan nunha identidade propia que non pode ser disolta pola vertixe dos fluxos globais. Refúxianse na súa nación, no seu territorio, no seu deus. Mentres que as elites triunfantes da globalización proclámanse cidadáns do mundo, amplos sectores sociais atrincheiranse nos espazos culturais nos que se recoñecen e onde o seu valor depende da súa comunidade e non da súa conta bancaria. Á fractura social únese a fractura cultural».

Como particularmente brillantes son as análise de Castells sobre a corrupción, que considera «un trazo sistémico da política actual»; a política como fenómeno «fundamentalmente emocional», o que lle permite transformarse en escándalo e espectáculo; o fenómeno Trump vinculado a identidade do «home branco e o Brexit como froito da «profunda división de clase e culturas que define a sociedade británicas».

Por último, no que atinxe a cuestión catalá (o libro péchase cunha referencia explícita aos acontecementos do 1-O), Castells entende que «a raíz da crise institucional do Estado español en 2017 reside nos defectos de orixe da Constitución de 1978», razón pola que vai debullando as fases do proceso catalán dende que o president Maragall promoveu a elaboración dun «novo Estatut para Catalunya que aumentara considerablemente o grao de autogoberno, sen esbozar o inquedante horizonte dunha indepedencia que España nunha aceptaria». Un relato do proceso no que Castells remata confiando como única saída posible nunha reforma constitucional que aceptara a pluralidade e plurinacionalidade, aínda que o fai con reservas non exentas de temor:

A menos que ese proxecto de integración pactada consiga suficientes apoios na sociedade e na política do Estado español, á crise de lexitimidade política motivada polo déficit democrático da súa representividade social unirase a crise derivada da incapacidade de representar as diferencias nacionais cuxo espesor histórico e cultural non pode ser ignorado ou reprimido. O actual Estado español, entronizado nunha monarquía de dubidosa lexitimidade na súa orixe, incapaz de expresar unha realidade plurinacional e desvirtuado pola corrupción dunha dereita que aínda controla os poderes fácticos, vive ao bordo dunha crise constitucional que podería poñer en perigo a convivencia cidadá.