Vigo con raíces

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a necesidade que ten o concello de Vigo de contar cun plan estratéxico de arborado:

 

«A árbore é o poeta». Federico García Lorca

Lembraremos este verán do 19 por ser no que o Concello de Vigo ordenou talar todas as árbores das beirarrúas da Gran Vía, entre as rúas María Berdiales e Venezuela. Coincidindo coas obras de humanización no mesmo treito, a decisión do goberno local foi avalada polos informes dos técnicos municipais que determinaron o mal estado de saúde e o perigo que supoñían para os peóns. Dúas mañás abondaron para que unha desapiadada motoserra rematase con esta ducia e media de tileiros e castiñeiras de indias, que ao longo de sete décadas formaron parte das características ringleiras vexetais laterais da primeira avenida con bulevar central das existentes no país noso.

Unha actuación irreversible que provocou a indignación da veciñanza deste parte da Gran Vía, máis aínda cando puidemos comprobar in situ ou polas fotos que cidadáns e fotoxornalistas sacaron durante unha actuación realizada con inusual rapidez, que unha moi boa parte das árbores gozaban de aceptable saúde e que máis alá do inevitable deterioro provocado polo seu teimoso combate contra a polución atmosférica, nun dos puntos de maior contaminación da cidade, as follas, o tronco e as pólas non tiñas marcas aparentes de pragas ou doenzas. A que obedeceu entón esta tala masiva, onde non se indultou a árbore ningunha, unha das máis agresivas que lembramos na cidade, cando estas árbores plantadas cando se abriu a avenida poderían ser conservadas na actuación proxectada no bulevar? Que se fixo nas últimas décadas para evitar semellante deterioración que levou á perda de parte tan significativa do patrimonio natural da cidade?

Mais nesta cuestión da conservación e coidado do arborado no núcleo urbano vigués chove sobre mollado, xa que nas obras de «humanización» (eu prefiro substituír ese termo propio da mercadotecnia política polo de «renovación do viario») as árbores foron consideradas máis como unha parte do «mobiliario urbano» que como integrantes do patrimonio natural. Valoración que levou a substituír as árbores existentes e as súas incómodas raíces para o pavimento por maceteiros ornamentais onde colocar arbustos e flores, dos que as oliveiras bonsais de Rosalía e a dinosebe son dúas boas mostras. Substitución ornamental que semella será tamén a que se produza nas beirarrúas desa Gran Vía liberada de raíces, na que se anuncia a colocación en espazo preferente dun bautizado como «peixesebe» (no proxecto, «un topiario en forma de peixe», cun valor de 40.000 euros).

As árbores son seres vivos sensibles, fonte de vida e de luz, mananciais de osíxeno e recendos, razón pola que a súa presenza nos espazos urbanos máis saturados é indispensable, sen menoscabo da beleza que engaden á paisaxe. As sufridas árbores urbanas viguesas, como as camelias, laranxeiras, sempreverdes, chopos ou tileiros das nosas principais avenidas, melloran a calidade do aire e foron até agora os únicos amortecedores da contaminación acústica e atmosférica. O arborado urbano, ademais de facilitar o dereito cidadán a gozar dos espazos de sombra en rúas, paseos e espazos infantís de xogo (algo que de forma incomprensible non se contemplou nos macroparques infantís como o da rúa Venezuela), no verán axuda a arrefriar o ambiente e no inverno a reducir a velocidade do vento, o que contribúe a baixar a temperatura e a incrementar o aforro enerxético. Favorece a retención da auga de choiva, ademais de constituír os hábitats principais dos paxariños, os principais animais vertebrados da cidade, poboación en Vigo hoxe moi minguada. Sen esquecer tanto o seu valor educativo, xa que as árbores caducifolias son os principais testemuños de paso das estacións, como a súa contribución á saúde das persoas e a súa capacidade para estruturar espazos de encontro.

O concello de Barcelona aprobou un modélico plan director do arborado para desenvolver de 2017 a 2037 (pode lerse en Internet), orzamentado con case dez millóns anuais, que debería terse en conta na nosa Barcelona atlántica para reorientar a actual política municipal sobre o arborado. Un plan estratéxico que, asumindo os efectos do cambio climático, considera o arborado urbano como elemento fundamental do patrimonio natural da cidade. Un plan concibido cunha visión global e transversal que, entre outras liñas de actuación, pretende preservar o valor patrimonial, a protección, a saúde do arborado e a súa biodiversidade, velando polo benestar da cidadanía.

Continuamos insistindo en que o Vigo do século XXI precisa para facerlle fronte os retos do cambio climático substituír o actual modelo de cidade ornamental polo dunha cidade máis orientada á preservación do seu patrimonio arquitectónico e natural. Evitar arboricidios como os recentes da Gran Vía sería o comezo dun Vigo con raíces.

Campo do Fragoso CCXXVI

CELTA INTENSO

Antes do comezar o partido do Celta co Valencia, Balaídos lembrou con grande respecto o pasamento de Pedrito, aquel lateral dereito do Celta de finais dos sesenta, o da miña infancia, que despois dunha década reapareceu en Primeira na tempada 69-70, adestrado por Roque Olsen e despois por Villar e Juan Arza. Un equipo de lenda no que o defensor cordobés formaba a primeira liña con Herminio e o capitán Manolo; un Celta sempre moi intenso nun vello Balaídos en ocasións acuático, que protagonizou aquel derbi inesquecible en Riazor, en abril do ano setenta, no que enviou a Segunda ao equipo de Joanet, unha ferida entre os clubs galegos que nunca cicatrizaría totalmente.

No serán do pasado sábado, o Celta de Fran Escribá reabriu na afección celeste a xanela da esperanza, tras un partido excelente dun conxunto intenso e responsable. Un Celta que foi un equipo en toda regra, máis non se lle pode pedir, tan creativo como capaz de non perder nunca a cabeciña nin a disciplina táctica, de gozar con momentos de fermosa fantasía e de sufrimento solidario. Un equipo que brillou cando despregaba o seu ataque dinámico, mais que sorprendeu pola súa importante mellora na presión cando non dispuxo da pelota, unha das carencias que amosara hai apenas unha semana diante do Real Madrid.

Un Celta no que volveu escintilar con luz propia Denís Suárez, unha figura que xa namora á bancada de Balaídos, pola súa brillantez, elegancia e afouteza. Un xogador de ataque sempre disposto a asociarse e a devolver a bóla aos seus compañeiros en mellores condicións que cando a recibiu ou a recuperou. Un centrocampista que o sábado conformou con Olaza unha banda esquerda letal, pola que ambos os dous desbordaron a Piccini e ao noso admirado Daniel Wass, toliños coas combinacións e as entradas da parella galega. Un Celta que tivo, ademais nos canteiráns Kevin Vázquez e Brais Méndez, unha banda dereita moi profunda, onde naceu esa inesquecible xogada colectiva que supuxo os tres puntos. A locomotora de Camos roubou na banda dereita e enviou longo sobre Aspas para que este conducise de forma desequilibrante, desfacéndose soíño de tres defensas e chegando á área laranxa. Dende alí pasou sobre o Mostovoi de Salceda para que este, dende a diagonal esquerda da área, xutase raso e medido. Foi entón cando se produciu o estrelampo da xenialidade, apareceu o tacón do “Touro” Fernández que desviou a pelota lonxe dos longos brazos de Cillessen. Apenas trinta segundos de marabilla, auténtico fútbol de salón de moitas estrelas, que só a bancada do Fragoso sabe aprezar como merece unha obra de arte.

Mais non seriamos xustos se quedásemos só con este gol de fantasía. A vitoria foi moi traballada e difícil. Alicerzouse sobre un traballo defensivo moi serio da parella de centrais, Araújo e Aidoo, onde brillou o de Ghana, que xa no seu debut en partido oficial amosou a anticipación, a serenidade e o rigor que tanto precisa o conxunto de Escribá. Un labor de contención no que foi decisiva a achega calada e permanente de Lobotka e Fran Beltrán, incansables na recuperación e, sobre todo, na defensa coa pelota nas súas biqueiras, que apagaron a Parejo e Kondogbia, dous centrocampistas de moitas badaladas, incapaces de seguirlle o ritmo aos nosos.

Un partido intenso na loita polo control dos espazos de superioridade, onde os dous equipos tiveron as súas oportunidades para marcar, con grandes actuacións de ambos os dous gardametas. Na primeira parte, no Valencia puideron facelo Wass, Maxi e Guedes; como no Celta Aspas contou con dúas ocasións moi francas que estragou o astro de Moaña, moi grande na creación de xogo e na condución do ataque dinámico, mais aínda pouco acertado no remate.

Foi tamén un partido no que o Celta soubo sufrir nos agónicos minutos finais, onde os de Marcelino atacaron con todo, aínda que quizais con exceso de precipitación nos metros finais. O penalti lanzado por Denís Suárez en tempo de desconto, parado moi arteiramente polo seu amigo Cillessen, non impediu a celebración entusiasta dunha vitoria que abre esperanzas dunha tempada prometedora. Moi bo Celta, intenso no táctico, no emocional como no creativo.

Onte 2044: «Lúa en Ningures» de Beatriz Maceda

Estes días de vergonzosa peregrinaxe do Open Arms pola costa de Lampedusa, volvín ler Lúa en Ningures, a estremecedora novela infantil de Beatriz Maceda, ilustrada por Laura Veleiro. Na tradición de narrativa antibelicista galega de obras  como Valados (Xerais 2009) de Agustín Fernández Paz ou O valo de Carlos Labraña (Xerais 2017), como do libro libro antolóxico Educación e paz III. Literatura galega pola paz (Xerais 2008), coordinado polo inesquecible Suso Jares, Beatriz Maceda ofrece unha narración plena de matices sobre a problemática das persoas refuxiadas en tempo de guerra e, en xeral, das migracións no tempo actual. Sen acudir a localización xeográfica ningunha nin a referenciar conflitos bélicos concretos, Maceda afonda no estrañamento e na tráxica precariedade na que son obrigadas a vivir  oito mil persoas refuxiadas, boa parte delas menores, en Ningures, un campo internacional xestionado por unha ONG.

Vidas esnaquizadas, como as da familia de Lúa, a rapaciña narradora, obrigada a abandonar o fogar con apenas tres cousas, a súa caixa de pintura, unha edición d’ O principiño e o paquete que lle metera o seu avó no peto. Vidas para as que non semella existir a esperanza, que non contan con nada ao que poder regresar, vítimas doadas para as infeccións e para as penalidades de veráns e invernos severos, mais que sen embargo serán capaces de reconstruírse mercede os vimbios solidarios das palabras como «solidariedade» e «dignidade» que vividas alí poden adquirir un significado grande, que era imposible abarcar coa vista. Vidas que poden volver enxergar as estrelas grazas á lectura, as artes da ilustración ou da propia edición de libros cartoneiros.

Fronte á desolación de vidas rotas, na máis xenuína tradición exuperyana, Maceda conta a ledicia e a esperanza posibles, para o que se vale dun monllo de fragmentos aprendidos por Lúa de memoria d’ O principiño, libro co que dialoga de forma tan natural como deliciosa: «O que embelece o deserto é que esconde un pozo en calquera parte». Lúa en Ningures é unha novela pioneira na literatura infantil galega, tanto pola súa temática política como pola súa proposta artística, presente tanto no texto de Maceda como nas magníficas ilustracións de Laura Veleiro.

A centralidade do valor da narrativa debuxada como xeito universal de contar ou da expresión do graffiti presentes no texto insírese na atmosfera visual creada por unhas ilustracións cuxos fondos xeométricos proporcionan á obra un contexto alternativo, homenaxeando á cultura mediterránea e ás novas expresións das artes urbanas. Obra moi a ter en conta en calquera catálogo de lecturas inclusivas e de educación para a paz, non pode faltar en ningunha das nosas bibliotecas escolares. Parabéns a Beatriz Maceda e Laura Veleiro por libro tan valioso.

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

Onte 2043: «Conta nove estrelas» de Andrea Maceiras

Entre a máis que excelente colleita da colección Merlín no que vai de ano, destaca Conta nove estrelas de Andrea Maceiras, a novela infantil que mereceu o Premio Lazarillo 2018.  Tras dúas grandes novelas xuvenís, Europa Express (2015) e O que sei do silencio (2018), Maceiras amosa nesta obra de ficción científica a súa versatilidade e habilidade para abordar todo tipo de temas e subxéneros, o que a confirma como unha das grandes narradoras da súa xeración. Despois dunha experiencia de lectura engaiolante e aditiva, aventuro que esta novela de imaxinación desbordada sobre a aceptación da diferenza e a conquista dos valores da tolerancia, entre outros temas da formación do criterio moral, ambientada nunha sociedade intergaláctica, hipercomunicada, hipertecnolóxica e hiperregulada, está chamada a ser unha das obras máis representativas da literatura infantil do noso tempo.

Quepi, a heroína protagonista, é diferente á calquera dos habitantes do afastado planeta Dot da luminosa Galaxia OMA, o universo onde vive co seu irmán Udai e o seu avó Acasi. Quepi é única e singular, xa que ten o cabelo e os ollos da cor turquesa das rusgalias; posúe, ademais, a capacidade de comunicarse coa natureza até confundirse totalmente con ela. Afouta e atrevida é capaz de agochar un bobó, un animal prohibido cuxa saliva corrosiva destrúe todo o que toca, desafiando o cumprimento das Tres Normas Inquebrantables impostas polo seu avó: ser invisible, permanecer en silencio e agardar a que caia o tenue Sol de Sibi.

Nun espazo de ficción coidado con todo detalle, como corresponde ao xénero, Maceiras constrúe unha aventura preciosa, que non dá tregua ao lectorado, protagonizada por dous irmáns na procura dun futuro mellor,  identificado coa posibilidade de observar no firmamento A Estrela Dormente. Unha viaxe intergaláctica, a velocidades supersónicas, que os obrigará a superar probas, afrontar perigos e arriscar as súas propias vidas. En definitiva, a aventura como viaxe iniciática de aprendizaxe e superación.

Escrita con grande vontade de estilo, a prosa flúe coma a auga limpa –como lle gustaba dicir ao mestre Agustín Fernández Paz– Andrea ofrece unha das súas novelas máis logradas e atractivas. É unha beizón atoparse cunha escritora en lingua galega en plena madurez estilística e creativa capaz de atreverse con proxecto tan complexo como é  crear un universo alegórico cheo de matices onde abordar as cuestións esenciais da condición humana. Novela de formación e de aventuras contribúe tanto á educación literaria como ao debate sobre valores fulcrais sobre os que artellar unha convivencia actual e futura. Alédome moito da publicación da súa tradución ao castelán, o que sei ampliará considerablemente o lectorado dunha das nosas autoras infanto-xuvenis máis destacadas. Parabéns, moitos, Andrea!

Parabéns, tamén, para Paula Mayor, autora das ilustracións, que lle imprimen ao texto un carácter poeticamente futurista. Excelente traballo!

Campo do Fragoso CCXXV

CORAZÓN TAN BRANCO

Un Celta aínda moi fóra de punto foi pouco rival para un Real Madrid que gañou con máis facilidade da prevista o encontro de apertura da liga en Balaídos. Unha derrota que, ademais dos méritos do cadro de Zinedine Zidane, se pode explicar tamén polas importantes ausencias coas que onte debutou o cadro celeste, unha por liña, Mallo na defensa, Okay na medula e Mina na dianteira, así como pola desafortunada arbitraxe de Javier Estrada Fernández, que moito enfadou a bancada co seu aparente corazón tan branco.

E abofé que na primeira parte as decisións arbitrais condicionaron o marcador, tanto dende a tarxeta amarela a Kevin, transcorridos apenas sete minutos [severidade que, sen embargo, o colexiado nunca tivo coas entradas de Odriozola sobre Denís], como ao feito de que cinco minutos despois non sinalase a falta de Casemiro sobre “Toro” Fernández, o que [entre as protestas dos celestes] permitiu a Marcelo que servise sobre Bale para que o galés canease e centrase para que Vinicius abrise a táboa de marcas. Como determinante foi a decisición do VAR de anular un gol ao Celta, a piques de rematar a primeira sesión, semella que por un milimétrico fóra de xogo de Iago Aspas antes de que Denís Suárez e Odriozola desputasen a pelota. Unha anulación tan incomprensible como sospeitosa, máis aínda cando na mesma xogada o astro de Moaña tamén fora derrubado na área pequena, o que non lle impediu dende o chan pasar coa biqueira sobre Brais Méndez para que o de Mos rematase a rede.

No entanto, sería inxusto atribuír ao colexiado catalán a causa do fracaso galego, xa que os de Escribá sempre foron un paso por detrás dos de Zidane que souberon definir mellor nos momentos decisivos. Certo é que o Celta tivo a posesión do balón durante a maior parte do partido e gozou dalgunha boa oportunidade para igualar. Na media hora de xogo “Toro” Fernández, aínda moi despistado, non chegou a un gran servizo de Aspas, desviado coa punteira por Varane, unha bola que xa criamos dentro da portaría. Mais tamén o é que o gardameta Rubén fixo varias intervencións extraordinarias, a xutes envelenados de Modric, Benzema e de Bale, en dúas ocasións, un xogador o galés que toleou polas bandas aos defensores galegos.

Despois da reanudación, foi cando funcionou mellor a sociedade artística que Denís e Aspas montaron na banda dereita, vía pola que neste período chegaron as mellores oportunidades celestes: un remate en carreira de Iago e unha cabezada magnífica do central Araújo, ambas as dúas salvadas por Curtois in extremis, como un remate de Brais que salvou Casemiro na liña de meta. Xaora, foi un imprevisto o que volveu mudar a deriva do partido, a intervención do VAR no minuto 56 que obrigou ao colexiado a amosar o cartón vermello a Modric por pisar o talón de aquiles de Denís. En inferioridade numérica, o Real aproveitou a ausencia de intensidade celeste para imprimir unha marcha máis e procurar a cabeza de Benzema. Nun deses envites, tras unha ao pao do francés, Kroos enviou dende trinta metros un trallazo que se coou pola escuadra. Un golazo fermoso, inesquecible, que por riba deixou groggy aos nosos.

A pesar de que faltaba aínda media hora, o Celta foi incapaz de reaccionar, tanto na lameira como no banco, onde non se produciron nin cambios de xogadores nin no caderno do adestrador. Un conformismo que aproveitaron os de Zidane para que Lucas Vázquez marcase o terceiro e de paso que o rapaz de Curtis para vergonza dos afeccionados galegos demostrase o seu escaso fair play. Co partido pechado entraron Pape (84’) e Iker Losada (88’) que por ventura revolucionaron os últimos minutos. Da colaboración de ambos os dous canteiráns naceu o excelente gol da dignidade, co que o rapaz de Catoira (18 anos) inaugurou a súa estatística como goleador en Primeira.

Esta primeira derrota abre algunhas esperanzas, como a gran calidade de todas as evolucións de Denís Suárez e a enerxía que lle imprimiu ao equipo en apenas dez minutos Pape, como tamén algunhas dúbidas, sobre todo as relacionadas coa preocupante febleza do equipo cando non ten a pelota e coa escasa flexibilidade do debuxo da medular no que continúa teimando Escribá. En todo caso, un Celta en desenvolvemento que ten moito aínda por mellorar e consolidar.

Novela negra viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a etiqueta da «novela negra viguesa» e  as políticas de lectura do concello de Vigo:

A pesar de que acredito pouco na fiabilidade das etiquetas e clasificacións literarias, non nego o atractivo dalgunhas como a de «novela negra viguesa», reclamo utilizado tanto por algúns editores para reforzar os seus lanzamentos como pola propia rede bibliotecaria galega para facilitar as procuras das súas usuarias. Unha marca utilizada tamén por algúns críticos para representar o que entenden é o «boom» de Vigo como cidade de novela negra, espazo literario onde se ambientan os thrillers de publicación recente dalgúns novelistas vigueses como Pedro Feijoo («Os fillos do lume»), Domingo Villar («O último barco»), Ledicia Costas («Infamia»), Manuel Esteban («O meu nome é Ninguén»), Alicia Borrás («La voz rota»), Beto Luaces («Vicus. Un lugar aquelado») ou Daniel Cid («La gabardina azul»). En todas elas, dunha ou doutra forma, Vigo aparece na ficción como un espazo criminal de referencia, como a Vigata de Camilleri, o Ystad de Mankell, o Oslo de Jo Nesbo, a Fjällbacka de Camilla Läckberg, a Kiruna de Asa Larsson, a Atenas  de Márkaris, a Venecia de Donna León, o Baztán de Dolores Redondo ou a Compostela de Carlos Reigosa, o Oregón de Diego Ameixeiras ou o Ourense de Bieito Iglesias, tres dos mestres galegos do xénero negro.

Un fenómeno literario que sabemos non é novo, como demostra o excelente Mapa literario de Vigo, confeccionado de forma colaborativa polo lectorado da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, no que se identifican as obras narrativas localizadas no espazo metropolitano vigués dunha cada vez máis estensa relación de autorías, dende a escritora María Xosé Queizán, pasando por An Alfaia, Xosé Cid Cabido, Manuel Forcadela, Francisco Alonso, Elena Gallego, Manuel Veiga, Fran P.Lorenzo, María Reimóndez, Álex Alonso, Rexina Vega, Santiago Lopo, Francisco Castro, Clara do Roxo, Marga do Val, Anxo Fariña até o propio alcalde Abel Caballero, autor de «El invierno de las almas desterradas» (2004). Tanto nun caso como noutro, sen esquecer o carácter verniano da cidade, velaí o protagonismo da ría en «Vinte mil leguas baixo dos mares», o feito de que o Vigo metropolitano sexa convertido en arquetipo de localización literaria, constitúe unha noticia magnífica, xa que isto facilita a fidelización e ampliación do lectorado coa nosa literatura e a posibilidade de converter a Vigo en reclamo dun novo turismo literario, como xa sucede en tantos outros territorios literarios dos aquí citados.

Xaora, o entusiasmo por este novo fenómeno literario vigués, non pode agochar as carencias que Vigo arrastra en materia de políticas de lectura pública. Eivas endémicas en materia de bibliotecas que non van ser solucionadas da noite para a mañá, xa que a dotación para a biblioteca de Navia semella máis propia dunha sala de estudo ca dunha moderna biblioteca como o anuncio da construción da Biblioteca do Estado, agora nas Travesas, agardemos non sexa o inicio doutra das leas paralizantes entre o concello e a Xunta. Como tampouco é propio dunha «cidade literaria» que o concello de Vigo non conte con algún premio literario con dotación económica nin participe nalgún festival ou feira literaria, que facilite o contacto dos públicos lectores cos autores e autoras. Carencias menos comprensibles aínda nunha cidade que continúa sendo a capital editorial de Galicia e unha das cidades de referencia en España na edición de libros.

O fomento da lectura e o apoio á creación literaria e á industria editorial deben ser un dos eixos dunha política cultural estratéxica da que o Vigo metropolitano aínda carece. E para iso cómpre que o goberno municipal faga das políticas de lectura unha das súas prioridades, tamén orzamentarias, como fixeron os concellos da Coruña e Donostia, hoxe referentes no eido bibliotecario. Como sería posible volver a colocar a Vigo no mundo literario recuperando o Premio Celso Emilio Ferreiro, que recoñecía unha figura internacional da poesía, ou o Premio Martín Codax de poesía en lingua galega, homenaxeando ao fundador da propia cidade. Como sería posible volver a levar a poetas de todo o mundo ás Cíes, como se fixo en 1954 no III Congreso Internacional de Poesía, cuxa memoria Ceferino de Blas hai ben pouco recuperaba nesta páxinas de «Faro». Como é factible organizar un «Vigolé», un festival internacional anual de novela, apoiado no carácter verniano da cidade, concibido como espazo de encontro para os nosos narradores narradoras cos seus públicos. Como tamén o sería desenvolver un programa de residencia literaria, no marco da proxección de Vigo como destino turístico con valor cultural engadido, entre outras posibles iniciativas. En todo caso, non esquezamos que Vigo ten unha débeda coa súa literatura, hoxe un dos compoñentes máis orixinais da súa identidade contemporánea.

Onte 2042: Aprende Banda Deseñada

Pareceume unha excelente iniciativa de Xerais a publicación do libro de Kiko Da Silva Aprende Banda Deseñada con Fiz (2019). Unha obra de grande utilidade didáctica na que o autor vigués e director e fundador da Escola de BD «O Garaxe Hermético» presenta ao vivo os conceptos fundamentais dunha das belas artes nacida como tal no século XX. Un libro que, inevitablemente, actualiza e supera a outros dous de intencionalidade semellante de Agustín Fernández Paz, Os cómics nas aulas (1992) e Facermos cómics (1991), ambos os dous publicados en Xerais nun momento no que coa LOXSE comezaba a recomendarse a utilización educativa do cómic. Un tempo no que Xerais fixo o seu primeiro intento de ampliar a comicteca en galego para o público infantil e xuvenil, despois chegaría a creación da revista Golfiño(1999), traducindo varias serie de BD de liña clara, entre elas Lucky Luke, Franka e Jerome K. Jerome.

Xaora, Kiko Da Silva válese de Fiz, o seu popular personaxe infantil máis escatolóxico, «o neno máis porco do mundo», para explicar os temas básicos da narrativa debuxada, dende as súas orixes nas pinturas rupestres, pasando polos Códices Maias e Códices Medievais até os pioneiros da historieta a comezos do século XX. A seguir, detense nos superheroes americanos e na «invasión manga», para despois ir debullando cunha grande habilidade didáctica os procedementos para a creación dun cómic: as técnicas da creación de personaxes, a invencións de gags, o deseño e tamaño das viñetas, o valor da elipse narrativa, a utilización dos diversos planos, a escritura do guión… Remata o libro, concibido como un álbum, cun epílogo no que Da Silva ofrece un «decálogo para ser autor de cómics», un texto moi logrado que sintetiza os conceptos da obra e amosa a gran capacidade didáctica do autor deste álbum tan tan útil como necesario na actual educación literaria e artística.

Aplaudo, tamén, de forma entusiasta a convocatoria do 1º Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada, presentado estes días pasados en Viñetas desde o Atlántico,  creado pola escola Profesional de Banda Deseñada «O Garaxe Hermético» e por Xerais. Un galardón que sei estimulará a creación e a excelencia da comicteca galega dirixida ao público infantil e xuvenil, un proxecto no que Xerais está na actualidade moi comprometida, tanto pola publicación dos títulos de Merlín Cómics, con series tan exitosas como Marcopola de Jacobo Fernández Serrano e Animalia de Xosé Tomás, a publicación das novidades de Astérix e a ampliación do seu catálogo galego, como por outros títulos de BD e novela gráfica de creación propia. Parabéns a Kiko Da Silva, activista da cultura galega e peza principal no proceso de normalización da BD en Galicia, tanto por realizar esta publicación didáctica como por promover este premio dirixido a nosa canteira de autores e autoras de narrativa debuxada.

Bases do 1º Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada.

Onte 2041: «Penumbra» de Daniel Landesa

Agardaba dende hai tempo a publicación de Penumbra (Xerais 2019), o libro co que Daniel Landesa debuta na colección xuvenil Fóra de Xogo. Unha novela de xénero fantástico coa que o responsable da revista Criaturas explora os cinco territorios da Terra do Sol e o escuro reino da Penumbra, separados por un muro vixiado por rapaces e rapazas moi novos. A desaparición dunha destas sentinelas motiva que se organice unha expedición ao muro, a través das terras de Desértica, na que catro destas vixías se enfrontarán a perigos e experiencias marcantes. Landesa constrúe así un territorio propio de ficción moi potente e de grande orixinalidade, na procura dos territorios da materia escura, con forte presenza do compoñente épico, no que identificamos unha homenaxe a outras novelas clásicas, como O país adormentado de Xabier P. DoCampo, e unha intención de abordar os conflitos iniciáticos propios do xénero: o amor e o odio, a superación dos medos, a lealtade e a amizade, a unión…

A axilidade dunha trama complexa, a ambientación tecnolóxica suxestiva e detallada de vehículos e artefactos, a construción atractiva dunha polifonía de personaxes, dende os vellos e vellas que gobernan os cinco orbes de Terra do Sol, pasando polos acompañantes e monstros inesperados na viaxe, até ás dúas mociñas e dous mozos protagonistas, así como unha escrita de inequívoco arrecendo poético, fan moi atractiva a lectura desta Penumbra, que semella podería ter continuidade. Novela recomendable para todas as idades. Parabéns Dani!

 

Onte 2040: «Coñecendo a Astrid»


Interesoume moito Unga Astrid (2018) [Conociendo a Astrid], o biopic sobre a escritora sueca Astrid Lindgren. Pernille Fischer Christensen ofrece un retrato dos anos de mocidade, anteriores ao comezo da súa escrita, salientando o carácter feminista, rebelde e independente da autora de Pippi medias longas (excelente a versión galega de Kalandraka). Mágoa que a directora danesa non arriscase máis na narración da historia desta nai adolescente obrigada a parir soa fóra do seu país e, anos despois, a intentar conquistar os afectos do seu picariño. Xaora, a excelente interpretación de Alba August, capaz de modular as expresións de entusiasmo coas da dor, decepción e desamparo, salvan a credibilidade deste retrato conmovedor da escritora que nos anos da súa despedida, cando recibe todos os afectos e agarimos dos seus lectores e lectoras escolares, lembra os anos difíciles. Moi recomendable para as mediadoras e persoas amantes da literatura infantil e xuvenil.