Onte 1563: No Saviñao con Xabier Quiroga

Viaxamos onte ao Escairón para acompañar a Xabier Quiroga na presentación de Izan o da saca. Foi Enrique Sampil, o presidente do Círculo Saviñao, quen lembrou que pasaran catorce anos daquel acto inesquecible no que presentamos no mesmo salón Atuado na braña, a primeira da media ducia de novelas publicadas polo autor de Cabo do Mundo. Mais dunha década na que Xabier Quiroga consolidou unha novelística de longo alento na que mestura identidade e memoria, creando espazos literarios de seu como a braña de Bouzuás ou os territorios do Cabo do Mundo na Ribeira Sacra. A calidade incuestionable de cada unha das súas páxina (máis de 2.400 publicadas) e o coidado desenvolvemento e precisa documentación das tramas caracterizan cada unha das súas entregas. Onte no Saviñao, agarimado pola súa xente, recibiu un apoio moi  emocionante. Beizóns, Xabier!

Poema de hoxe 17: «Abismo Vigo» de Fran Alonso

dinosauro diminuto con corpo de sireno

(…)

cosmos para unha cidade oceánica

(…)

vigotízome coa luzada; almorzo no abismo

Fran Alonso, Transición (Franouren, 2011)

Poema de hoxe 16: «Orballa en tempo lento» de Pura Vázquez

Só o silencio habita

nos segredos da lingua

na chave da palabra.

Pura Vázquez, Orballa en tempo lento (Espiral Maior, 1995)

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Poema de hoxe 15: «A chuvia humana» de Ramón Caride

urlA autocrítica

é outra especie

en perigo

de extinción

Ramón Caride, A chuvia humana (Toxosoutos, 2011)

Onte 1561: «Gabanza da lentitude»

LB00381201Despois dunha semana a ritmo de vertixe, demoreime onte nas páxinas de Alabanza de la lentitud, o recentísimo ensaio de Lameberto Maffei publicado por Alianza Editorial. O neurocientífico italiano reivindica nun cento de páxinas gorentosas outra forma de vida que recupere o valor do tempo e un ritmo máis acougado onde as artes e a sletras teñan un espazo de seu. Maffei reflexiona sobre os mecanismos cerebrais que guían o «pensamento rápido» ou dixital e analiza as vantaxes e desavantaxes da civilización actual na que predomina a rapidez das relacións e das decisións, prevalencendo o facer sobre o pensar. Maffei convida a recuperar o «pensamento lento», baseado na linguaxe e na escritura, sobre todo no eido educativo, propoñendo unha educación humanista, promotora da curiosidade e da paixón por coñecer. Fronte á bulimia consumista e a anorexia de valores actual é posible vivir baixo o principio de festina lente (bule devagariño), Eis unha gabanza da lentitude.

Poema de hoxe 14: «haikai dobre en xaneiro» de Marilar Aleixandre

XG00226801desempenada

a garza en Brandomil

un de xaneiro

 

en gris e branco

interroga na ponte

días de porvir

Marilar Aleixandre, Ovella descarreirada (Xerais, 2014)

Onte 1560: Conciliación

Pareceume un xesto acertado o de Carolina Bescansa levando o seu picariño ao hemiciclo no día da constitución do Congreso. Bescansa denuncia así o que as nais e os pais de hoxe sofren e do que moi pouco se fala, a imposibilidade de conciliar por outro procedemento que non sexa contando coa axuda das avoas e dos avós ou pagando a outra persoa. O xesto da deputada compostelá visibiliza nun espazo emblemático a vontade desas nais que non queren renunciar ao seu traballo nin o aleitamento, ademais de expresar que a incorporación das mulleres á política institucional abrirá, por fin, ese debate até agora agochado sobre os espazos do público e do privado. Unha denuncia que foi útil, xa que onte nas redes e nos medios non se debatiu doutra cousa, mesmo a pesar de que se produciu o cuarto asasinato machista do ano. Agora cómpre que os membros da cámara confronten os seus programas sobre a conciliación e a educación infantil. Ben por Bescansa por facer visible unha contradicción.

Poema de hoxe 13: «Hordas de escritura» de Chus Pato

XG00139901Non, paraíso non é a infancia, o paraíso é a animalidade; é o paraíso que perdemos

Chus Pato, Hordas de escritura (Xerais, 2008)

 

Onte 1559: Padrón do Blogomillo actual

Grazas á xenerosidade de Xabier Pérez Igrexas (o veterano blogueiro de Contra discurso) e de Pedro Silva (Goretxo, o responsable do blog en galego máis antigo, »de mares, portos e portas», a mais de creador de Blogaliza) xa contamos cun primeiro padrón do Blogomillo actual formando por 72 cabeceiras. Seguindo a iniciativa de Xabier publico este primeiro listado de blogs en galego e apoio a creación dunha lista de correo ou grupo de telegram para debater alí outras iniciativas de colaboración desta reactivada rede de blogs en galego.

Primeiro padrón de habitantes do Blogomillo

  1. Axenda cultural AELG http://axendaaelg.blogaliza.org
  2. A profa http://aprofa.blogspot.com
  3. A Biblioteca de Fillos de Galiciahttp://abibliotecadefillos.blogaliza.org
  4. A canción do náufrago http://franciscocastro.blogaliza.org
  5. A dous kilometros http://adouskilometros.blogaliza.org
  6. A noite branca http://fernandeznaval.blogaliza.org
  7. A.N.P.A. Brigantium http://anpabrigantium.blogaliza.org
  8. Aí vai Nebra!!! http://nebra.blogaliza.org
  9. As crebas http://crebas.blogaliza.org
  10. As escollas electivas http://asescollaselectivas.blogaliza.org
  11. Aula de Carmela http://carmelagarcia.blogaliza.org
  12. Aula de Lingua http://auladelingua.blogaliza.org
  13. Aula de Literatura http://auladeliteratura.blogaliza.org
  14. Blog da biblioteca http://etikeles.blogaliza.org
  15. Brétemas https://bretemas.gal
  16. Caderno da crítica https://cadernodacritica.wordpress.com
  17. Caderno da crítica http://cadernodacritica.blogaliza.org
  18. Canto Ghalpón http://cantoghalpon.gal
  19. Capítulo 0 http://www.manuelgago.org/blog
  20. Carta Xeométrica http://cartaxeometrica.blogspot.com
  21. Chove en ningures http://ningures.blogaliza.org
  22. Ciber Andainas http://ciberandainas.blogaliza.org
  23. Cineclube de Compostelahttp://cineclubedecompostela.blogaliza.org
  24. Contradiscurso http://contradiscurso.blogaliza.org
  25. Criticalia http://armandorequeixo.blogaliza.org
  26. Cultura e Ocio http://culturaeocio.blogaliza.org
  27. Curdistam http://curdistam.blogaliza.org
  28. De baleas http://debaleas.blogaliza.org
  29. Dedoscomovermes http://dedoscomovermes.blogaliza.org
  30. Eira da Xoana (Adega) http://eiradaxoana.blogaliza.org
  31. Escola de Randufe http://ceiprandufe.blogaliza.org
  32. Ferradura en tránsito http://xmeyre.blogaliza.org
  33. GCiencia http://www.gciencia.com
  34. Hooligans fendetestas http://hooligansfendetestas.blogaliza.org
  35. Lapsus distribuidora http://lapsusdistribuidora.blogaliza.org
  36. Lingua e Literaturahttp://linguaeliteraturabacharelato.blogaliza.org
  37. Mallando no Android http://mallandonoandroid.gal
  38. Meis http://meis.blogaliza.org
  39. Mercedes Queixas http://mercedesqueixas.blogaliza.org
  40. Metrópoles Delirantes – Cómichttp://www.metropolesdelirantes.com
  41. Mirando polo noso http://xoanantonperezlema.blogaliza.org
  42. Monte do Cachelan http://montedocachelan.blogaliza.org
  43. Nigra Mors http://nigramors.blogaliza.org
  44. Novenoites http://novenoites.blogaliza.org
  45. O blogue de Manuel Mera http://manuelmera.blogaliza.org
  46. O blogue do Carlos Callón http://www.carloscallon.com
  47. O burato do Tesouro http://oburatodotesouro.blogaliza.org
  48. O Espiño Dixital http://oespinhodixital.blogaliza.org
  49. O fervedoiro http://ofervedoiro.blogaliza.org
  50. O traveseiro http://otraveseiro.blogaliza.org
  51. O viticologo dos bagos http://viticulturista.blogaliza.org
  52. Olimpiadas Populares Galegashttp://olimpiadaspopularesgalegas.blogaliza.org
  53. Organización Galega de Comunidades de Monteshttp://orgaccmm.blogaliza.org
  54. Os Irmandiños de Vincios http://osirmandinhos.blogaliza.org
  55. Pensamento Livre http://pakolas.blogaliza.org
  56. Planetatreszetas http://planetatreszetas.blogaliza.org
  57. Portal Galego da Língua http://pgl.gal
  58. Premio Pérez Parallé http://premioperezparalle.blogaliza.org
  59. Primeiro andar http://primeiroandar.blogaliza.org
  60. Proxecto Buserana http://proxectobuserana.blogaliza.org
  61. Qadriños http://qadrinhos.prazapublica.com
  62. Sala do perello http://saladoperello.blogaliza.org
  63. Surf Galicia http://www.surfgz.com
  64. Suso de Toro http://susodetoro.blogaliza.org
  65. Tempos Galegos http://temposgalegos.com
  66. Tirar do fío http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org
  67. Toponimia de Vigo http://toponimiavigo.blogaliza.org
  68. Trabalingua http://trabalingua.blogaliza.org
  69. Un ollo de vidro http://unollodevidro.blogspot.com
  70. Vigo a 80 revolucións por minuto http://vigo80rpm.blogaliza.org
  71. Xavier Alcalá http://xavieralcala.blogaliza.org
  72. Xunto á xunqueira http://pontevedranorte.blogaliza.org
  73. Tecnoloxía http://tecnoloxia.org