Onte 1554: «Para onde imos cando desaparecemos»

XG00243401Entre as nosas primeiras novidades está Para onde imos cando desaparecemos, un álbum de Isabel Minhós e Madalena Matoso, publicado en 2012 por Planeta Tangerina. Unha obra sobre a morte, que descubrín remexendo na libraría da Tate Modern. Un libro de preguntas e respostas sobre os misterios do cotián que suscitan dúbidas na cabeciña dos picariños: «Para onde irán os calcetíns cando desaparecen? E as pozas de auga? E as nubes para onde irán? E o Sol? E a neve? E o barullo para onde vai cando desaparece?» «Nada dura para sempre», eis a sentenza clave que amosa a finitude da vida, a paradóxica existencia da nada e da ausencia. Un libro que trata da morte sen falar dela de forma explícita. Un álbum para conversar cos picariños sobre cousas que a eles moito interesan. Un libro importante.

Poema de hoxe 8: «Apátridas» de Xela Arias

galicia e nós nó de verbos nos nobelos dos nomes

Xela Arias, Denuncia do equilibrio (Xerais, 1984)

Onte 1553: Epifanía

alberto_garcia_arizaTras a noite da ilusión da cativada e os agasallos familiares de Reis da mañá de onte pechamos o nadal e as súas larpeiradas. Comezamos hoxe o noso ano novo arrastrando as súas rotinas e problemas vellos, mais tamén (e por ventura) con azos renovados e boas doses de enerxía para emprender novos proxectos. En Xerais anunciaremos decontado a aparición da primeira media ducia de novidades literarias, que achegaremos a vindeira semana ás librarías. Como a piques de entrar no prelo están xa algúns títulos da campaña de comezo de primavera, ese mes dos libros e das letras, e o equipo de texto traballa arreo pechando xa os manuais desta nova campaña en Secundaria. E por diante moitos quilómetros por percorrer acompañando aos autores e autoras nas presentacións e, sobre todo, moitas páxinas para ler, debullar e valorar. Seguimos.

Poema de hoxe 7: «O que todo galego choraría» de Valentín Paz Andrade

pranto-matricial001-240x313Chora, Terra, teu pranto matricial.

O que todo galego choraría,

se inda chorar puidera,

até cubrir de bágoas o mar.

Valentín Paz Andrade, Pranto matricial (edición Xerais 2012), homenaxe ao pasamento de Castelao o 7 de xaneiro de 1950

Onte 1552: «A morte de Valle-Inclán»

XG00246401Fixéronse onte 80 anos do pasamento en Compostela de Valle-Inclán, abordado no libro A morte de Valle-Inclán. O último esperpento que Xerais achegará ás librarías a vindeira semana. Dende tres olladas (a xornalística de Carlos Reigosa, a biográfica de Javier del Valle-Inclán e a teatral e literaria de José Monleón) reconstrúese con rigor documental o relato dos últimos nove meses da vida de Valle, considerado daquela «o artista galego por antonomasia», que en Galicia asumiu con dignidade e serenidade unha doenza dolorosa que sabía para el definitiva. Entre os moitos episodios relatados, ademais dos encontros de Valle con Cunqueiro, Pedrayo ou Blanco Amor, chama a atención o referido a polémica do seu enterro civil en Bosaica, nun dia no que diouvou. A mobilización do Partido Galeguista, que publicou unha octavilla chamando ao pobo de Santiago a «cumprir o derradeiro deber co artista cuia obra ha vivir namentres fique no mundo un espírito sensible á beleza e a saudade», así como a participación de Castelao clarifican un asunto que até agora semellaba litixioso.

Poema de hoxe 6: «Cantos de reis»

Cantámoslle os reis

guedellas de cabra;

cantámoslle os reis

e non nos deches nada.

Popular, Cantos de reis.

Cluny desaparecido

No artigo da semana no Faro de Vigo lamento o derrubo do edificio de Cluny do arquitecto Antonio Cominges.

clunyO edificio do colexio Cluny da Gran Vía, proxectado en 1929 polo arquitecto vigués Antonio Cominges Tapias, acaba de ser derrubado a gran velocidade. Unha peza histórica menos e outro capítulo máis para ese groso volume da arquitectura do século XX desaparecida nunha cidade un chisco desmemoriada e pouco reflexiva. A sociedade Ballesol –que se quedou con esta propiedade da Sareb (o banco público “malo”), que a súa vez lla rescatara á (desaparecida) Caixa de Aforros, tras os impagos do préstamo que lle concedera á inmobiliaria do futbolista ruso Valery Karpin para un proxecto residencial e comercial, que con anterioridade lla comprara a Inversiones Canaima– construirá unha residencia xeriátrica para 110 maiores, con cinco plantas na fachada de Gran Vía (retranqueada vinte metros da rúa) e sete na de Hernán Cortés, o que, sen dúbida, modificará de xeito notable esta parcela do número 10 de Gran Vía.

Despois de quince anos do traslado do antigo centro escolar á Estrada Provincial, despois de proceso tan rocambolesco e complexo de vendas e compras (en plena crise do sector inmobiliario e do rescate das caixas de aforro), foi a aprobación do Plan Xeral de 2008, quen rematou coa longa polémica urbanística e xurídica sobre o alcance da catalogación da parcela do vello Cluny como “dotacional educativa” suavizando a catalogación a “outros usos dotacionais” e incorporando unha cautela de protección, que deixaba a decisión definitiva sobre o seu grao de conservación a criterio da Comisión de Seguimento do Plan Especial de Edificios a Conservar (PEEC). Comisión que primeiro concedeulle unha protección preventiva, mais que despois, tras unha consulta formulada pola actual propietaria á Xerencia de Urbanismo, retiroulla xustificando que “o proxecto orixinal de Cominges fora desvirtuado e sucesivas obras posteriores aínda lle restaran máis valor”. Quedou así expedita a posibilidade do derrube e a concesión da licenza paradoxicamente moi pouco antes de que o mes pasado fose derrogado o Plan Xeral na súa totalidade.

Segundo Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias, o edificio de Cluny, cuxa construción rematou en 1931, seguiu o proxecto orixinal de Cominges no corpo lonxitudinal, concibido para uso escolar e residencia da comunidade de relixiosas, pero foi reformado en 1943 polo arquitecto Fernando Molíns Soto no que atinxe á fachada da capela e a construción (por certo, pouco afortunada) da cuberta da terraza. A do colexio Cluny foi unha das primeiras mostras da arquitectura escolar da cidade, continuando coa renovación que José Franco Montes introducira no Colexio Apóstol dos xesuítas no predio de Bellavista e anticipando as que Jenaro de la Fuente introduciría en 1931 nos grupos escolares públicos de Picacho e Granxa de Peniche, hoxe desaparecidos. O colexio de Cluny, ademais, foi o primeiro gran inmoble construído no primeiro tramo da Gran Vía, entre Urzaiz e o Couto, razón pola que gardaba unha aliñación distinta dos demais, construídos durante a posguerra, desta rúa do ensanche trazada por Ramiro Pascual e aprobada polo concello de Vigo en 1907.

Antonio Cominges deseñou un edificio funcional, renunciando a súa decoración de espírito rexionalista e a utilización do granito como material construtivo, tan característica doutras obras súas, como as do Fogar e Clínica San Rafael da rúa Tomás Alonso, o edificio de vivendas de Colón 10, o chalet de Enrique Lorenzo da Praza de España ou o edificio de vivendas de Gran Vía 4 e 6. Plenamente consciente do que pretendía, na edificación de Cluny o arquitecto Cominges procurou sobre todo a luz e a eficacia como características das máis avanzadas construcións escolares da década de 1930, impregnadas do aroma da renovación que pouco despois suporía a chegada á cidade da arquitectura racionalista.

A desaparición de Cluny, que por ventura coincide coa recuperación integral dun edificio de Jenaro de la Fuente na Porta do Sol, supón un paso atrás na política viguesa de protección do patrimonio construído do século XX, que fora capaz de parar os derrubes dos edificios a conservar. É, tamén, o fracaso da iniciativa pública incapaz de ofrecer un proxecto alternativo que permitise conservar un edificio valioso e manter a súa catalogación como equipamento educativo. Mesmo a pesar de que se propuxeran usos tan viables como escola de educación infantil (non esquezamos que na rúa Hernán Cortés mantéñense tres aulas públicas nun baixo) ou como Escola de Arte Dramática. E, se isto non abondase, con este derrube ábrese un precedente para outros inmobles en proceso de inevitable ruína e degradación, como os da Panificadora ou os do Barrio do Cura, que coma sucedeu cos de Cluny non é difícil afirmar “que perderon a pegada do seu arquitecto” e da súa fasquía primixenia.

Onte 1551: Cincuentenario do xantar de Ourense

homenaxe_celso_emilio_15-05-1966

Lembramos onte ao poeta Celso Emilio Ferreiro con motivo do 104 aniversario do seu nacemento. Ábrese así un ano no que celebraremos o cincuenta aniversario daquel xantar de despedida, antes da súa partida a Caracas, que se se desenvolveu nos baixos do Hotel Roma de Ourense o domingo 15 de maio de 1966, Unha homenaxe a Celso Emilio e Moraima, obrigados a coller as maletas do exilio, que se convertiu nun importante acto de protesta da oposición antifranquista, organizado pola UPG e o PC, en contra da decisión do goberno de Franco de asolagar as veigas de Castrelo do Miño e Ventosela para que Fenosa construíse alí un encoro. Naquel histórico xantar galeguista, no que participaron 250 persoas e no que se recibiron 1.250 adhesións, pronunciaron discursos Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovas, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Arturo Reguera, entre outros. Lembrar aquela proeza cívica é unha das iniciativas nas que está traballando a Fundación Celso Emilio Ferreiro e da que aquí daremos conta.

Poema de hoxe 5: «Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo» de Claudio Rodríguez Fer

Escríboche como ti nos escribías

coa materia prima do mañá moi dentro

(…)

Escríboche como ti nos escribías

dispostos sempre a comezar

Claudio Rodríguez Fer, «Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo», no cuarto cabodano de Isaac.

Onte 1550: Brétemas 11 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte hai once anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.090 anotacións, das que 423 corresponderon aos últimos doce meses. Dende inicios de 2005 na rede producíronse moitas e profundas mudanzas, apareceron as redes informativas e sociais e aquel grupo inicial do blogomillo foi diversificando os seus intereses e participando en plataformas e proxectos diversos. Xaora, o afan de dietario persoal e profesional de Brétemas non variou no esencial nin na intención de modular unha voz propia nin nas súas preocupacións temáticas, resumidas no sintagma «Artes, Letras, Política e Fútbol». Con todo, no último ano arrisqueime a iniciar unha serie de comentarios moi breves (como son case todos os da serie «Onte») sobre algunhas películas de estrea e neste que se abre un dietario poético («Poema de hoxe«) co que pretendo explorarcon motivo do ano Manuel María a diversidade das voces da poesía galega.

Comparto o interese que Xabier Pérez Igrexas expresou hai uns días no seu blog Contra discurso sobre a posibilidade de reactivar ou reinventar o blogomillo, entendendo como tal o espazo creado na rede polos milleiros de blog publicados en galego. A creación dun novo servizo de sindicación dos contidos de todos os blogs, probablemente arredor do dominio punto gal; a realización dunha quedada ou encontro anual arredor do blogueo en galego ou a creación duns premios anuais que axudasen a visibilizar a súa diversidade (hai blogs en galego literarios, educativos, deportivos, científicos, xeralistas…) e a pór en valor a súa excelencia serían algunhas posibilidades a estudar. En todo caso, ofrezo a miña colaboración para participar en calquera iniciativa de fomento do blogueo en galego.

Outro aniversario máis reitero a miña convicción de que fronte a lentitude de acceso ao contido publicado nas redes sociais, sobre todo en Facebook, os blogs ofrecen a vantaxe de servir de enorme arquivo dixital, sobre todo se somos coidadosos e etiquetamos e segmentamos o contido publicado. Con esta intención continuamos con azos renovados a publicación de Brétemas. Neste 2016 agardo poida acometer un redeseño completo do blog coa intención de actualizalo ás novas posibilidades que ofrece WordPress e facelo de lectura máis amigable e consulta máis áxil. Por último, expreso as miñas beizóns a todas as persoas que len, critican, chían e comparten algún dos contidos destas Brétemas no blog, en Twitter ou en Facebook. Seguimos.