Onte 1371: Feira do Libro de Vigo detrás do Marco

Xa podemos confirmar que a Feira do Libro de Vigo, tras tres décadas na beirarrúa exterior da praza de Compostela, muda de ubicación á rua Progreso, detrás do Marco. Paréceme unha decisión valente do concello e da asociación de librarías de Vigo que pode axudar a relanzar esta feira do libro. Ocupar un espazo máis centrico e frecuentado é unha oportunidade para facer chegar a oferta lectora a novos públicos, ao tempo que crea un novo aliciente para os feirantes. Agardo que as presentacións e asinaturas das editoriais e as escollas bibliográficas das librarías (15 en total) conviden a facer da rúa Progreso un fervedoiro de lectoras. Mágoa da desaparición da tan exitosa semana da música infantil de edicións anteriores, que organizaba a editorial Galaxia co apoio da Consellaría de Cultura. Xaora, o comezo coa escritora Ledicia Costas como pregoeira non pode ser máis acaído. Agardemos que esta sexa a Feira do Libro de Vigo que, por fin, inicie unha nova etapa.

Onte 1370: Con Pulido en Trasalba

n28-06-2015_Foto_Tempo_de_lecer

Non lembraba tanta xente en Trasalba como a que onte participou na homenaxe a Antón Pulido. O fillo de Bóveda de Amoeiro, o pintor da kermesse e dos músicos no abismos, recibiu o agarimo da súa veciñanza e amizades na casa grande de Cimadevila do petrucio Otero Pedrayo. A laudatio do seu amigo amigo do corazón Bieito Ledo, –equilibrada, documentadísima, fermosa no contido e na escrita–, como a intervención do propio Antón foron senllas moegas que xiraron arredor da idea da construción do país dende as artes e as letras no pouso dos afectos e no valor das persoas. Bieito salientou que «Pulido é un deses homes cheos de enerxía e vitalidade, fondamente implicado en todo o que acontece na nosa cultura, creador dun mundo único e singular cheo de caracochas, vellos conversando, mariñeiros, abismos, músicos, noites azuis, nenos no colo ou xentes nas fiestra albiscando a nada.» Dedicou Pulido o seu discurso a lembrar con emoción a súa relación con don Ramón, dende que o coñeceu aos trece anos nunha conferencia no seminario de Ourense, cando o apadriñou en 1972 na segunda exposición individual no Museo Arqueolóxico de Ourense («pinta como orballo, loce nas pinturas de Pulido un feitizo de mañá de primavera», dixera Otero), até os últimos días, cando no verán de 1975. orfo tras o pasamento da súa dona, fixo o retrato que preside o salón de actos do Pazo de Trasalba. Xornada inesquecible.

Onte 1369: Hai que roelo

20150628_20150627_jcervera_712

Aledeime moito polo ascenso do Pontevedra a 2ªB, recuperando tras catro tempadas moi difíciles a categoría que nunca debeu perder. A pesar da rivalidade co Celta, o Pontevedra foi sempre un dos meus equipos preferidos, xa que quedei prendido nos anos da miña infancia por aquel Pontevedra temible do «hai que roelo», que militou durante sete tempadas en primeira división e fixo de Pasarón un medulio case inexpugnable. Semella que este «hai que roelo», o lema que máis me presta no fútbol galego, mestura de autoestima e afouteza, foi decisivo tamén nesta tempada para o ascenso dos de Luisiño. Parabéns ao club e aos seus seareiros. Agora a pola 2ª.

Onte 1368: «La profesora de parvulario»

La_profesora_de_parvulario-174860048-mainAgradecimos a recomendación de Martin Pawley e fomos á estrea nos Norte de La profesora de parvulario, a película en hebreo de Nadav Lapid. Efectivamente, trátase dun deses filmes da categoría dos «imprescindibles». As temáticas educativa e literaria son eixos dunha obra de natureza lírica alicerzada de forma moi concienciuda sobre a ambigüidade do valor das palabras e sobre a fraxilidade dunha educadora abraiada pola inexplicable potencia creadora, tan prematura coma xenial, do seu alumno poeta de apenas cinco anos. Nesta narración detallada e demorada até os límites dos límites é doado identificar que no Tel Aviv que se divirte entre os abouxadores sons das caixas de ritmos non é posible atender a sutileza da palabra poética, nin sequera as persoas que acuden aos obradoiros de escritura. Unha metáfora tamén do escaso espazo que queda hoxe para a poesía, como para outras belas artes.

Xaora, o que máis me engaiolou do filme de Lapid foi a precisión coa que se presenta o funcionamento da escola infantil israelita, a anos luz da connotación de parvulario, ao que alude o tan desafortunado título escollido pola distribuidora española. Nesta escola israelita, coma sucede no Pelouro en Caldelas de Tui, a actividade céntrase no xogo (dentro e fóra da aula), na importancia da narración oral, na dramatización, na música ou na hora da sesta, momentos nos que a profesora titular e a súa auxiliar acompañan, propoñen e se implican emocionalmente cos picariños e picariñas da súa asemblea. Non hai rastro no filme de Lapid de actividades académicas nin doutro espazo específico para a profesora que non sexa o de recibir a cada un dos seus ao pé da porta, coma sucede nunha das escenas finais, de memorable tristeza, ou naqueloutra marabiullosa da tormenta, utilizada para sentir a ollada do gato sobre o espazo de recreo. Inevitablemente, lembrei Ça commence aujourd’hui, a gran película social de Bertrand Tavernier, que constitúe unha reclamación do papel esencial da educación infantil como primeiro factor de igualdade. Recomendo La profesora de parvulario pola seu carácter antidogmático e a súa capacidade para sorprender e interrogar. Prestoume.

Onte 1367: A cidade nebulosa

cabalos_e_lobos_25-06-2015

A presentación de Cabalos e lobos de onte en El Corte Inglés de Vigo foi outra oportunidade magnífica para escoitar a Fran P. Lorenzo falar da súa novela gañadora do último Blanco Amor, desta volta conversando durante unha hora coa xornalista Teresa Cuíñas. Comezou confesando Fran que «nunha primeira novela precisaba implicación co que quería contar, quería falar dun espazo urbano», «esa e a razón pola que escollín Vigo». «Hai un mito sobre Vigo como cidade que non ten identidade nin referentes. É falso. Opaca unha memoria real, que hai que poñer en valor, que cómpre recuperar. En Cabalos e lobos quixen que a xente compartise a miña visión de Vigo. A cidade nebulosa é tamén unha identidade de seu». Preguntado por Cuíñas sobre as razóns de escoller unha familia burguesa como protagonista, Lorenzo contestou que «a elección dunha familia estranxeira permite utilizar a ollada dos pioneiros, alguén que chega e ve o que hai», mais tamén «conectar con Europa e dende o seu outeiro ver as distintas capas da cidade». «Na novela relátase como foi crecendo Vigo, dende os 20.000 habitantes a comezos dos anos 20 aos 200.000 no ano 1957. Quixen deitar unha ollada case cenital, de gran angular».

XG00070101O deseño dos personaxes e a dosificación da intriga foi outro dos temas nos que afondou a conversa. «Esta é unha novela que ten moito corazón, moita vibración de emocións», confesou Fran. «Tiña medo que esa vibración fose tan intensa que caese en algo «cursi» ou inverosímil ou afectado. Foi a miña intención estar no límite.» A este teor, o autor lembrou que Agustín Fernández Paz dixera nunha conversa que compartiran nunha emisora que «Cabalos e lobos lle lembraba ás novelas de Manuel Puig, polo tratamento que lle daba ás emocións e pola obsesión de describir os obxectos coa maior precisión.» Teresa Cuíñas introduciu o fío do papel do real na obra e do afán do autor de constrastar fontes e datos, na súa condición de xornalista. Fran recoñeceu que lle »amolaban as narracións nas que non se distingue entre a ficicón e o que é real».«A novela ten moitos datos e datas. Quixen que todos os feitos e datos fosen reais. Custoume moito tempo contrastalos, mais atendendo sempre a que non interrompesen a lectura da novela.»

Cando Cuíñas sinalou a carga dramática da novela, Lorenzo salientou que a concibira como un melodrama, «cun peso importante de dor». «Paula, a protagonista, comeza a contarse a si mesma quen son os seus, ignórao case todo, vai descubrindo. Quería que quen lese a novela fose acompañándoa, sabendo onde ela.» «A novela baséase moito no segredo, no que se oculta, mais tamén nos tempos que se alongan. Nese sentido é unha novela analóxica.» Interrogado sobre o titulo da obra, Fran afirmou que «”cabalos e lobos” e unha metáfora sobre como a xente se comporta nunha guerra, mais tamén sobre o comportamento na vida«, «cando souben que só en Galicia e en Mongolia conviven os cabalos e os lobos quedei aínda máis convencido».

A última parte da conversa xirou sobre o proceso de escrita da novela, que Fran confesou se remontaba a hai vinte anos, «cando estudaba na carreira escribín algúns dos relatos, aínda que o proceso de escrita sistemático foi hai catro anos e, despois dunha interrupción, máis intensamente no último anos e medio». Preguntado sobre que ía escribir a partir de agora, Lorenzo recoñeceu que ainda «estou interiorizado polos personaxes de Cabalos e lobos. Sei que a sorpresa é o que testemuña que estamos vivos. Na propia novela dise que “sen sorpresa non hai vida”. preciso escribir algo que me sorprenda a min mesmo, sen tanto peso da memoria e da historia, mesmo e se fose posible de humor, historias que pasan agora das que non se contan. Son moi poucas as novelas galegas que falan do pasa hoxe.»

Onte 1366: Factores do martinazo

Os chíos de Jaureguizar axudáronme a entender que o martinazo de onte tivo un claro compoñente emocional. Manolo Martínez, que xa agardou en dúas ocasións esta oportunidade de uparse como presidente da Deputación de Lugo, despois de batallar con Cacharro, non comprendeu que a súa imputación por malversación de fondos públicos o eliminaba como candidato. Aí residiu o seu erro garrafal. A decepción, a soberbia, o resentimento, a ambición, a xenreira, mesmo a vinganza contra a súa propia sombra, levárono a morrer (politicamente) matando. Xaora, tamén hai outro factor, que ten a súa orixe na incapacidade da dirección do PSOE de entender a situación política actual. Pretender impoñer a un candidato imputado, como fixo Besteiro durante semanas, para mudalo in extemis a noite anterior da votación, é un erro tremendo, mais cando non se conta cun liderado forte que evite as saídas persoais, como a do alcalde de Becerreá.

Neste contexto de fracaso e febleza, é imprescindible establecer un marco de negociación política entre os responsables do PSdeG-PSOE e BNG no que coa maior transparencia e claridade se fixen tanto programas como criterios de actuación política nas deputacións. Só así poderán evitar que suceda en Pontevedra e na Coruña outras catástrofes coma a lucense. No entanto, tampouco pode descartarse como hipótese que tras o martinazo de Lugo poidamos asistir a un exercicio de transfuguismo premeditado, que a curto prazo impediría o éxito da moción de censura, como saida máis lóxica para esta farsa. A esta altura, é prematuro aventurar se estamos ao comezo ou o remate doutro episodio valleinclanesco na política galega.

Seoane no Marco

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a importancia da figura de Luís Seoane, ao fío da exposición da súa obra grñáfica no Marco.

13_SeoaneTras a magnífica mostra de Francisco Mantecón, o Marco ofrece na súa planta baixa outra marabilla, “Luís Seoane. Retrato de esguello”, unha retrospectiva esencial sobre a obra visual do noso maior xenio do exilio, comisariada con grande rigor por David Barro, froito dunha colaboración modélica entre a Fundación Luís Seoane da Coruña e o Marco de Vigo. Trescentas pezas de diversos soportes e linguaxes utilizadas por Seoane ao longo de cincuenta anos de traxectoria creativa, a maior parte delas realizadas na Arxentina –dende portadas de libros das editoriais Botella al Mar, Citania, Poseidón ou Edicións Galicia; revistas como Galicia emigrante, ResolCorreo literario ou Cuco-Rei; carteis como as litografías publicitarias Cinzano ou o do polbo reclamando o apoio ao Estatuto do 36; centos de debuxos, gravados, pinturas, xilografías, serigrafías, álbums, tapices, deseños cerámicos para Sargadelos, retratos, paisaxes, bodegóns, até fotografías dos seus murais da Galería Larreta de Buenos Aires– ofrecen un abraiante relato visual polo conxunto da obra dun dos artistas galegos do século XX máis polifacéticos, tamén, probablemente, o auténtico Leonardo da nosa cultura.

Coa excepción do seu amigo Isaac Díaz Pardo, non houbo até agora na cultura galega, personalidade tan multifacética como Luís Seoane, que ademais de pintor, debuxante, caricaturista, deseñador, muralista, ceramista, portadista, diagramador editorial, fose tamén editor, xornalista, poeta, ensaísta e autor teatral. Un prodixio creador, ou como dixo Eduardo Blanco Amor, “un renacentista do noso século”; “un home que [en palabras de Xosé Neira Vilas] entregou toda a súa enerxía creadora a Galicia”. Como sinalou Xesús Alonso Montero, autor de “As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane” (Xerais, 1994), Seoane foi “un activista da causa galega onde fose necesario”, “a primeira figura da cultura galega que se propón conxugar socialismo e galeguismo”, un home comprometido co seu país, que sempre acreditou no seu horizonte de futuro: “Ollade a Galiza, érguese paseniñamente de todos os supricios”. De espírito cosmopolita, participante activo no debate internacional sobre o papel das artes e da cultura, Luís Seoane foi o primeiro que acreditou na necesidade de que Galicia contase cunha industria cultural propia, apostando pola súa presenza divulgadora e intencionalidade didáctica nos novos medios, no seu caso nas emisións de radio de “Galicia emigrante” e na revista homónima na que publicaría centos de artigos.

A mostra do Marco, a pesar de centrarse na súa obra visual, non agocha ese retrato renacentista e multifacético do autor de poemarios como Na brétema Santiago e Fardel do eisiliado, salientando o seu papel como editor fundamental do libro galego no exilio, que soubo suplir dende Buenos Aires o baleiro dos anos corenta e cincuenta nos que en Galicia non podía editarse en galego. Xunto a Arturo Cuadrado e Luis Baudizzone promoveu en 1940 as coleccións Hórreo e Dorna de Emecé editores, das que hai algunha peza na mostra do Marco. En 1948, tamén con Cuadrado, fundou Botella al Mar (1951-1967), destinada a publicar a autores novos, un catálogo que acadou os 150 títulos e onde comezou a impoñer un estilo gráfico propio, mesmo concibindo o libro como unha peza arquitectónica, que caracterizaría os seus proxectos editoriais posteriores e que influiría no conxunto da súa obra pictórica. En 1950 preparou o número extraordinario que A Nosa Terra dedicou á morte de Castelao. En 1959 publicou na editorial Citania a primeira edición de A esmorga e ilustrou a primeira edición de Memorias dun neno labrego (1962) na editorial Follas Novas de Montevideo. Sen esquecer que promoveu con Isaac Díaz Castro o selo de Ediciós do Castro e o proxecto industrial e cultural do Laboratorio de Formas que daría pé ao novo Sargadelos.

Xaora, na magnífica mostra do Marco, salienta o Seoane pintor e gravador, eidos onde expresa con maior liberdade o seu espírito de narrador visual e sintetiza a súa a procura do esencial, do elemental, sexa coa liña ou coas masas de cor planas. Eis a evolución das súas paisaxes, onde identificamos a dobre nostalxia, que lle atribuía Lorenzo Varela, a de pintor dunha Galicia celta e dunha Arxentina crioula. Como tamén nos seus bodegóns, tan influídos pola súa obra editorial, e retratos que transitan da figuración expresionista da “Campesiña pensativa” (1956) até a abstración do inquedante “Retrato dunha moza” (1966).

Paga moito a pena demorarse no Marco nesta exposición modélica na súa concepción didáctica na que podemos descubrir e valorar como se merece a un dos maiores xenios galegos da historia. Beizóns ao comisario e responsables do museo de Príncipe.

Onte 1365: No Café Badía

6XNwBrJ7_400x400Aproveitamos a fresquiña do serán de San Xoán para camiñar até Teis e coñecer o Café Badía de Marcos e Menchu. Encantoume o arranxo do local que convida a compartir acougo e conversa demorada, sexa nos interiores ou na horta ao pé da nespereira. Cando regresamos pola Calzada comentabamos que o Badía sería a sede ideal para ese ateneo que tanto precisamos en Vigo, unha cidade cada vez máis desestruturada e que mesmo comeza a perder o espírito optimista (o da vontade, claro está!) que fixo dela volcán de dinamismos. Quedamos con Calveiro que algo argallaremos para aproveitar espazo tan xeitoso para celebrar a amizade e as artes compartindo algúns dos seus fabulosos cócteles.

Onte 1364: As catro idades

54428836059Interesoume moito a análise que Enric Juliana publica en La Vanguardia ofrecendo unha explicación xeracional para a actual «triple crise española» (económica, dos partidos e de Catalunya). Seguindo os estudos demográficos e de análise electoral de Jaime Miquel, establece catro idades na poboación española cuxo comportamento político tería na actual coxuntura de confusión e mudanza unha clara compoñente xeracional. A alianza entre os «Reformistas» e  «Cidadans novos», as persoas menores de 56 anos, podería decantar o resultado electoral cara unha fragmentación que obrigase a «abrir unha nova etapa de reformas pactadas». Entendo que este esquema tamén é operativo en Galicia, a pesar de ser superior a porcentaxe de persoas maiores de 57 anos, identificadas como «Nenos da guerra» e «Nenos da autarquía». A existencia dunha forte pulsión de mudanza, inserida na estrutura demográfica, debería ser considerada como outro factor decisivo á hora de artellar a Candidatura de Unidade Galega.

Onte 1363: «Ciclo dos elementos» de María Reimóndez

XG00215701Pasei a fin de semana lendo A música dos seres vivos, a novela máis recente de María Reimóndez a terceira do seu «Ciclo dos elementos». Quedei prendido de MK, a cantante escocesa nacida en Támil Nadu, protagonista dunha historia musical presentada en dez pistas que indagan sobre a identidade e a memoria dunha rapaza emigrante, dende a súa infancia no Támil Nadu rural até a súa vida como estrela do rock actual. Coma noutras novelas do ciclo, xa publicadas, tanto En vías de extinción, protagonizada por a tradutora Gaia (que reaparece nestas páxinas con MK), coma en Dende o conflito, a da xornalista Saínza Combarro, a coidadísima estrutura d’ A música dos seres vivos constitúe un compoñente esencial da narración. Entre os sons escachados e pezas que quedaron rotas para sempre, a vontade de MK permitiralle conducir os seus pasos ao lugar «onde o grallar do corvo se transforma na música dos seres vivos» e contar así con forza para enfrontar a súa vida.

XG00189901María Reimondez continúa así o seu proxecto narrativo,
concibido para sete novelas independentes e interdependentes, que precisan as unhas das outras para crear un espazo de complicidade coas lectoras. Como comprobamos con esta terceira, cada unha delas pode lerse de forma autónoma e en calquera orde, xa que non se trata dunha serie nin dunha saga, mais se a lectora atende aos detalles das tramas poderá ir ganduxando unhas historias coas outras, xa que cada novela dá voz e espazo a protagonistas que logo asumen papeis secundarios noutras entregas. Reimóndez vai ofrecendo así unha gran narración onde historias e personaxes dunhas novelas van desenvolvéndose noutras, creando así un tapiz no que a terra, o lume, a auga e o aire crean un espazo literario de visións cruzadas e compartidas dos feitos e das persoas que as protagonizan. Recomendo mergullarse neste engaiolante universo narrativo de Reimóndez, un dos proxectos máis orixinais e innovadoras da literatura galega actual.