Onte 1294: No pasamento de Günter Grass e Eduardo Galeano

A coincidencia dos pasamentos de Günter Grass e Eduardo Galeano supuxo que onte fose un dia moi triste para todas as persoas que admiramos a estes dous escritores, referentes do pensamento crítico e da literatura como ferramente que facilita o diálogo co noso tempo.

Gunter-Grass-at-home-in-L-006No ano 2000 tivemos a fortuna de ser editores de Günter Grass publicando unha escolma de 46 textos dos seus tres primeiros libros de poemas, que titulamos As galiñas de vento, escolmados por Miguel Sáenz e anosados ao galego por Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo. Considerado como narrador, Grass definíase como «poeta de circunstancias», aínda que na última entrevista con Juan Cruz confesaba que os seus poemas constituían «unha volta sobre si mesmo», «un taller de reparación« ao que acudía tras o traballo nas súas novelas ou prosas memorialísticas. Moito admirei de Grass súa afouteza para enfrontar á sociedade alemá cos seus monstros e a súa memoria, sobre todo cando revelou en 2007, no primeiro volume das súas memorias, que aos 17 anos pertencera ás SS.

eduardo-galeanoDe Galeano fomos rendidos admiradores, mais apenas mantivemos con el un intercambio de correos electrónicos en 2010, cando o seu amigo galego, o doutor Ángel Vázquez de la Cruz, fíxolle chegar o orixinal de Luz de Tebra. Daquela Galeano escribiu unhas palabras que gardamos en pano de veludo: «Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» A Galeano roubámoslles centos de veces as súas palabras para falarmos de fútbol («a máis importante das cousas menos importantes») como expresión da dignidade colectiva, do libro («sinto que o libro é un ser vivo, póñoo no ouvido e sinto que respira») e das cousas do ser humano que realmente pagan a pena como a memoria e a esperanza. O xenial escritor uruguaio ensinounos que «a memoria é a continuidade da vida», que «a utopía é o vieiro» e que «a esperanza é unha cousa que se conquista cada día» mais «sempre alimentada na dúbida». Saudosos lembraremos a Günter Grass e a Eduardo Galeano.

Campo do Fragoso CLXIII

Santi_mina_por_ricardo_grobas_11-04-2015MINA

Partidos como os da noite do pasado sábado en Balaídos amosan que non é tolería ningunha clasificar o fútbol entre as disciplinas das Belas Artes efémeras. Celta e Raio Vallecano, equipos humildes, ambos os dous dirixidos dende o banco por adestradores afoutos e xenerosos co espectáculo, ofreceron unha gran noite de fútbol. Unha auténtica marabilla na que moitas foron as cousas positivas para os nosos!

Primeira: faltando aínda sete xornadas, os nosos confirmaron que quedan fóra de todo perigo e, o que aínda é mellor, o fixeron recuncando no xogo de salón (dende os tempos de Mostovoi, a min me gusta cualificalo de “xogo da serpe”) que a semana anterior tamén exhibiron (con escasa fortuna na táboa de marcas) diante do Barcelona. Segunda: esta é unha vitoria que confirma o proxecto de Eduardo Berizzo e lle facilita preparar devagariño a vindeira tempada. Terceira: esta goleada histórica pon en evidencia a calidade da canteira da Madroa, na que se formaron as nosas promesas internacionais, Jonny Castro e Santi Mina, case uns xuvenís, as grandes revelacións desta tempada, cuxo valor no mercado internacional medrou estes últimos meses unha barbaridade.

Entendo agora como premonitorio para os nosos que o golazo de Manucho, transcorridos apenas trinta segundos, nacese dunha asistencia do exceleste Trashorras, o xenio de Rábade, tras tres caneos en reviravolta e un despiste de Hugo Mallo na cobertura do seu extremo. Na seguinte xogada, os vallecanos puideron liquidar o partido tras unha cabezada de Amaia que o noso Sergio desviou cunha man milagreira por riba do longueiro. Unha parada que resultou esencial. Xaora, a clave da vitoria naceu pouco despois, no minuto cinco, cando Nolito, dende a liña de fondo, tirou un túnel sobre Amaia e lanzou o pase da morte sobre a área pequena para que Larrivey empatase. Das biqueiras dun Nolito extraordinario saíu tamén a asistencia para que Santi Mina marcase o segundo e comezase a que sería a súa noite de gloria.

Coa táboa de marcas en inferioridade, aos 27 minutos, Jémez enérxico moveu peza no taboleiro. Abandonou o seu esquema de tres defensas e introduciu a dous laterais. Mais o Celta daquela xa expresaba na caligrafía da lameira toda a súa furia, non exenta de intelixencia e orde, un vendaval de xogo que os vallecanos agora cunha defensa de catro tampouco foron capaces de parar. O traballo duns excepcionais Augusto e Kron Dehli como pivotes e a mobilidade de Orellana na media punta fabricaban posibilidades para as chegadas de tres dianteiros famentos de área. Dese pulo naceu o terceiro tanto, dunha parede interior de Orellana sobre Mina que tras dar apenas dous pasos centrou á outra banda onde rematou Nolito sobre o porteiro e Larrivey remachou o rexeite de biqueira ás redes. A esa altura do encontro o Celta era unha máquina moi engraxada e poderosa. O cuarto gol foi outra obra de arte. Naceu dunha subida de Nolito pola banda e do seu pase a Orellana. O chileno no interior da área filtrou cunha reviravolta a pelota a Krohn quen asistiu ao primeiro toque a Santi Mina para que sen medo ningún superase ao porteiro. Na segunda parte continuou a festa do xogo celeste. Nolito e Orellana, os encargados do noso departamento artístico, teimaron no seu recital atacante, mais diante da portería non tiveron a fortuna de Mina que pechou a súa incrible conta goleira con outros dous tantos. O terceiro dunha cabezada axustada sobre o pao, rematando un centro do chileno, e o cuarto superando ao porteiro vallecano tras outra gran asistencia do extremo andaluz, que participou en case todos os goles.

Noite goleira, noite de gran festa en Balaídos, na que volveu a entoarse con prudencia a Rianxeira, noite que coloca a Santi Mina xa na historia do Celta e da propia liga. Ben será que este diamante da canteira xestione con cabeciña e esforzo o futuro tan prometedor que enxerga. En Balaídos aínda quedan catro partidos para seguir gozando deste Celta fermosamente rotundo.

A foto é de Ricardo Grobas. Grazas.

Onte 1293: Voltar á Terra

voltar-c3a1-terra_transparentecdefb

Entre as diferentes iniciativas de reconstrución que por ventura agroman polo país, pareceume moi significativa a da presentación de Voltar á Terra, promovida por emigrantes galegos que viven arredor do mundo. Os datos da emigración actual son estremecedores: en tres de cada catro fogares galegos hai algúen emigrado, máis de 200.000 persoas abandonaron Galicia dende 2007, o que supón unha sangría emigratoria que semellaba superada para sempre, máis aínda cando o país sofre un tremendo devalo demográfico. Recomendo a lectura do manifesto desta iniciativa na que os asinantes declaran que «non somos emigrantes, somos exiliados» e reclaman vivir e traballar con dignidade en Galicia. Unha iniciativa que merece a maior difusión e apoio.

Onte 1292: Ramón Luis Acuña

ramon_luis_acuna_sanchezTriste a nova do pasamento do xornalista ourensán  Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.

Onte 1291: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz

CCPyWVSWIAI2_bV

XG00234401Chegaron onte os primeiros exemplares d’A neve interminable de Agustín Fernández Paz. Unha novela que supón o regreso de Agustín ao catálogo da colección Fóra de Xogo, na que non publicaba dende Corredores de sombra (2006). Un novo libro de misterio que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno (1995), un título senlleiro que permitiu a máis de cen mil lectores e lectoras galegas (e bastantes máis noutras linguas peninsulares) vivir durante unhas poucas horas ao límite do extraordinario. N’ A neve interminable Agustín explora os medos esenciais do ser humano e aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século. Nas páxinas desta novela de noveliñas daquel ano sen verán o noso recente candidato ao Nobel homenaxea a Howard Phillips Lovecraft, referencia imprescindible na literatura de terror, a Mary Shelley e a Lord Byron de quen anosa o seu poema profético e apocalíptico Darkness. Sei que volveremos sobre unha obra que aventuro será referente para moitos dos nosos lectores e lectoras.

Onte 1290: Xenocidio no Sáhara

Aranzadi-Foto-Sociedad-Ciencias-Aranzadi_EDIIMA20130911_0570_22Finalizada a investigación iniciada en 2007 por Baltasar Garzón, a raíz dunha querela presentada pola Asociación de Familiares de Presos y Desaparecios Saharaius, o xuíz Ruz publicou onte o auto por xenocidio no Sáhara Occidental. Co  procesamento de once policías e militares marroquinos, realizado co apoio da fiscalía, rematan décadas de impunidade e silencio sobre o sucedido no territorio ocupado dende 1975 a 1991, onde o auto acredita se produciron 50 mortes violentas, 23 delitos por torturas e un delito contra a liberdade sexual. É de salientar que o feito de que as vítimas tivesen na súa orixe nacionalidade (e documentación) española permitiu que a causa non fose arquivada, tras a reforma da xustiza universal do PP de 2014. Como tamén o é a súa cuaificación de «xenocidio», na medida que quedou demostrada a existencia dunha finalidade de destrución sistemática da poboación civil pola súa orixe étnica coa intención de apoderarse do territorio do Sáhara Occidental, tras o seu abandono por España. O histórico auto de Ruz supón un primeiro acto de xustiza e recoñecemento dos dereitos humanos das vítimas que merecer ser valorado.

Onte 1289: «Hai que matalos a todos» de Héctor Carré

XG00199701Hai que matalos a todos, a terceira novela de Héctor Carré conta cun booktrailer máis que interesante. Preparado polo propio autor, director de películas como Dáme algo (1997) ou Personal movie (2011) e guionista de series como Libro de familia ou Matalobos, en apenas un minuto e vinte segundos o booktrailer adianta o inicio da trama principal da novela, un accidente de tráfico que non aparece en medio de comunicación ningún. Preséntase así a novela como unha historia de intriga na que uns xornalistas galegos arriscan moito por dar a coñecer un suceso que o CNI pretende ocultar. Unha ficción con moito suspense que aborda as relación entre o poder e o xornalismo, mais tamén sobre a identidade e sobre o anonimato, sobre a violencia e o amor. Hai que matalos a todos é unha novela de temática e formato moi orixinal na literatura galega actual. Chegará ás librarías o 16 de abril, formando parte dese servizo de novidades que preparamos para celebrar o día do libro.

Día de Lugrís

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a necesidade de forxar un novo modelo de relacións entre A Coruña e Vigo.

A pesar de que en campaña electoral sei que case todo se perdoa, non comparto a estratexia de buscar a palla no ollo alleo e non sacala do propio. Recorrer no pleno a denunciar o comportamento do grupo municipal do Partido Popular nas contratacións no concello da Coruña, onde se apunta a existencia de decenas de enchufes, non engade transparencia ningunha ao que no mesmo terreo se fai en Vigo e moito menos aclara diante dos vigueses o feito de que estean imputados por unha razón semellante varios funcionarios e unha familiar dun membro do equipo de goberno. Como non axuda a aumentar o número de destinos e frecuencias de Peinador denunciar que o concello da Coruña dopa ás compañías aéreas con fondos destinados á promoción turística. Como tampouco perdimos a caixa de aforros por culpa da Coruña… Por moitas voltas que lle deamos a este rodicio, non ten xeito ningún buscar as causas das eivas viguesas a cento sesenta quilómetros, cómpre abandonar de vez esa vella e reaccionaria estratexia romántica do duelo.

Erra Abel Caballero nas súas intervencións reiterando “o argumento coruñés” para incrementar o valor das súas actuacións, xa que afonda nesa estratexia tan resesa de rivalidade territorial utilizada até o delirio polo alcalde coruñés Francisco Vázquez. Lembremos que baixo o lema “Vigo no”, que popularizaron de forma irresponsable algunhas peñas deportivistas, agochábanse as carencias propias da cidade herculina que durante as case dúas décadas de vazquismo tivo bastantes máis ollos ca barriga. Unha absurda confrontación Coruña versus Vigo irraccional, na que se apela máis a emocións ca argumentos, na que quizais a curto prazo quen a emprega consegue cohesionar aos seus valedores, mais a longo achega moi escasos réditos, agravando os conflitos con novas e máis profundas feridas.

Aposto por abandonar esta estratexia cainita da rivalidade territorial A Coruña-Vigo, deixándoa apenas para os derbis futbolísticos, e substituíla pola da competencia e a da colaboración entre as dúas cidades portuarias. Trataríase de mudar os sintagmas da negación polos de carácter positivo, os vinculados ao estímulo, á emulación e á cooperación. Na dinámica do mapa das cidades do arco atlántico europeo as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, os dous músculos da demografía e economía galegas, non poden continuar nin viradas de costas nin sometidas aos intereses curtopracistas das súas elites políticas. O Vigo do século XXI debe tender pontes máis alá de Rande competindo e colaborando, primeiro con Pontevedra, cidade que pertence a súa mesma rexión urbana, máis tamén con Porto e A Coruña, cidades das que ten o privilexio de ser equidistante, o que supón un valor engadido de centralidade neste Eixo Atlántico peninsular, que debería ser aproveitado.

Competir e colaborar entre cidades obriga a planificar e compartir esta estratexia, a irmandar e achegar ás poboacións e, sobre todo, a valorar e recoñecer as fortalezas e as feblezas de cada unha. Vigo ten moito que aprender da Coruña, de Porto e Pontevedra, as súas tres cidades de referencia, as tres con importantes proxectos de rexeneración urbana. Vigo ten moito que aprender das fortalezas da Coruña de entre séculos, capaz de abrir un formidable corredor peonil a beiramar, de especializarse en museos de ciencia e tecnoloxía, e tecer unha rede de bibliotecas municipais e centros cívicos (Fórum Metropolitano, Ágora…) que a sitúan como modelo indiscutible. Como Coruña ten moito que aprender dun Vigo que na difícil contorna da crise foi capaz de modernizar e sanear o seu viario urbano e periurbano, rexenerar o seu Casco Vello ou constituír a súa Escola Municipal de Música Tradicional en referente internacional deste eido.

lugris_o_cuarto

As corporacións de Vigo e da Coruña elixidas en maio deberían ter a afouteza de asumir esta estratexia de colaboración na competencia. Mais aínda cando ambas as dúas cidades teñen a medio prazo un futuro incerto, tanto polos efectos do tremendo devalo demográfico coma polo devir dos seus sectores principais (textil, automoción, pesca, naval e turismo). Coma fixeron Celta e Deportivo esta semana santa compartindo autobús para o desprazamento á meseta dos seus equipos da canteira (unha iniciativa marabillosa!), sería xenial que as novas corporacións asumisen decontado o reto de colaborar e compartir actividades culturais e deportivas, un motivo excelente para que a veciñanza viaxase de aquí para acolá coas facilidades do novo tren atlántico. Xaora, se os concellos queren recuperar o tempo perdido, poderían celebrar conxuntamente unha efeméride. Entre as posibles, propoño que estuden a do 28 de xaneiro, data do nacemento na Coruña de Urbano Lugrís, o xenial pintor finado en Vigo. Día Lugrís en Vigo e na Coruña, un soño realizable.

Onte 1288: «Cabalos e lobos» de Fran P. Lorenzo

XG00070101Fran P. Lorenzo recolleu onte na editorial os primeiros exemplares de Cabalos e lobos, a súa primeira novela, coa que obtivo o premio Blanco Amor 2014. Para acompañar a visualización do libro, que culmina una longa carreira de fondo en solitario, Fran foi publicando no seu blog unha serie de tomas audiovisuais, realizadas e montadas por Mónica Ares, que compoñen un fantástico booktrailer en catro entregas nas que sutileza se recollen temas, músicas e atmosferas da obra. Cabalos e lobos achégase á novela rosa pola súa condición popular e para relatar una historia de amor homosexual nun tempo de silencio e represión. Unha novela que se expresa a través da voz de varias mulleres que dan conta dunha saga familiar que abrangue todo un século. A través de diversas formas contar Fran P. Lorenzo crea e recupera un espazo urbano que determina e condiciona os personaxes, ubicado na cidade de Vigo que, malia as dificultades históricas que vivía, era daquela profundamente cosmopolita.

Na primeira toma soa un lied de Schubert, «Margarida na roca», que ten un protagonismo destacado na trama, sobre as imaxes dos cabalos a trotaren sobre una praia nevada. Unha composición que Fran considera “sublime, no sentido exacto deste termo tan maltratado”.

Na segunda utiliza a secuencia central da película Estate violenta de Valerio Zurlini, para Fran «una mestura perfecta de historia e abandono» no contexto da segunda guerra mundial, escenario presente tamén na súa novela, sexa en Vigo ou en Lübeck, berce da familia protagonista, os Beckmann.

Na terceira, a fotografía que fixo o autor o primeiro de xaneiro de 2015, a lúa de Vigo pousada sobre Gran Vía nº 2, o edificio Albo, que leva a sinatura do arquitecto vigués Francisco Castro Represas, representa a columna vertebral da novela, tamén presente na portada deseñada por Roi Fernández.

Por última, na cuarta, as imaxes evocan as mobilizacións obreiras viguesas de setembro de 1972, sobre a música de «Starman», a canción de David Bowie coa que o autor confesa escribiu algunas páxinas da obra, na que está tan presente a memoria persoal e familiar como a da cidade Vigo dos versos de Helena de Carlos.

Tempo haberá para volver sobre Cabalos e lobos, que chegará ás librarías a partir do 16 de abril e será presentada en Vigo o 24 de abril e en Compostela o 28.

 

Onte 1287: Retranca en Lugo

programa-retranca-OK-FINAL-1Cando estiven en Lugo para participar no xurado do premio Ánxel Fole de narración, Carme Basadre, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, anunciounos que xusto despois da semana santa comezaba o Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca. Ten moito xeito esta proposta que transforma a retranca en compoñente transversal de todas as artes e deita unha ollada á vida e á creación artística dende o humor, o que é ben de agradecer. Mágoa non poder asistir a algúns dos actos tan atractivos como o «Sempre en Ibiza» (poesía con retranca) de Aldaolado ou as conversas entre Pedro Feijoo e Kiko Novoa ou a de Marta Pérez e Antón Sobral. Esta exaltación artística da retranca, coma o recente Festival da Bisofera, converten a Lugo nun dos espazos de innovación da promoción cultural en Galicia. Ben será qe durante esta semana os investigadores estuden cal é a orixe de tan renovada creatividade cultural.