Campo do Fragoso CLXIII

Santi_mina_por_ricardo_grobas_11-04-2015MINA

Partidos como os da noite do pasado sábado en Balaídos amosan que non é tolería ningunha clasificar o fútbol entre as disciplinas das Belas Artes efémeras. Celta e Raio Vallecano, equipos humildes, ambos os dous dirixidos dende o banco por adestradores afoutos e xenerosos co espectáculo, ofreceron unha gran noite de fútbol. Unha auténtica marabilla na que moitas foron as cousas positivas para os nosos!

Primeira: faltando aínda sete xornadas, os nosos confirmaron que quedan fóra de todo perigo e, o que aínda é mellor, o fixeron recuncando no xogo de salón (dende os tempos de Mostovoi, a min me gusta cualificalo de “xogo da serpe”) que a semana anterior tamén exhibiron (con escasa fortuna na táboa de marcas) diante do Barcelona. Segunda: esta é unha vitoria que confirma o proxecto de Eduardo Berizzo e lle facilita preparar devagariño a vindeira tempada. Terceira: esta goleada histórica pon en evidencia a calidade da canteira da Madroa, na que se formaron as nosas promesas internacionais, Jonny Castro e Santi Mina, case uns xuvenís, as grandes revelacións desta tempada, cuxo valor no mercado internacional medrou estes últimos meses unha barbaridade.

Entendo agora como premonitorio para os nosos que o golazo de Manucho, transcorridos apenas trinta segundos, nacese dunha asistencia do exceleste Trashorras, o xenio de Rábade, tras tres caneos en reviravolta e un despiste de Hugo Mallo na cobertura do seu extremo. Na seguinte xogada, os vallecanos puideron liquidar o partido tras unha cabezada de Amaia que o noso Sergio desviou cunha man milagreira por riba do longueiro. Unha parada que resultou esencial. Xaora, a clave da vitoria naceu pouco despois, no minuto cinco, cando Nolito, dende a liña de fondo, tirou un túnel sobre Amaia e lanzou o pase da morte sobre a área pequena para que Larrivey empatase. Das biqueiras dun Nolito extraordinario saíu tamén a asistencia para que Santi Mina marcase o segundo e comezase a que sería a súa noite de gloria.

Coa táboa de marcas en inferioridade, aos 27 minutos, Jémez enérxico moveu peza no taboleiro. Abandonou o seu esquema de tres defensas e introduciu a dous laterais. Mais o Celta daquela xa expresaba na caligrafía da lameira toda a súa furia, non exenta de intelixencia e orde, un vendaval de xogo que os vallecanos agora cunha defensa de catro tampouco foron capaces de parar. O traballo duns excepcionais Augusto e Kron Dehli como pivotes e a mobilidade de Orellana na media punta fabricaban posibilidades para as chegadas de tres dianteiros famentos de área. Dese pulo naceu o terceiro tanto, dunha parede interior de Orellana sobre Mina que tras dar apenas dous pasos centrou á outra banda onde rematou Nolito sobre o porteiro e Larrivey remachou o rexeite de biqueira ás redes. A esa altura do encontro o Celta era unha máquina moi engraxada e poderosa. O cuarto gol foi outra obra de arte. Naceu dunha subida de Nolito pola banda e do seu pase a Orellana. O chileno no interior da área filtrou cunha reviravolta a pelota a Krohn quen asistiu ao primeiro toque a Santi Mina para que sen medo ningún superase ao porteiro. Na segunda parte continuou a festa do xogo celeste. Nolito e Orellana, os encargados do noso departamento artístico, teimaron no seu recital atacante, mais diante da portería non tiveron a fortuna de Mina que pechou a súa incrible conta goleira con outros dous tantos. O terceiro dunha cabezada axustada sobre o pao, rematando un centro do chileno, e o cuarto superando ao porteiro vallecano tras outra gran asistencia do extremo andaluz, que participou en case todos os goles.

Noite goleira, noite de gran festa en Balaídos, na que volveu a entoarse con prudencia a Rianxeira, noite que coloca a Santi Mina xa na historia do Celta e da propia liga. Ben será que este diamante da canteira xestione con cabeciña e esforzo o futuro tan prometedor que enxerga. En Balaídos aínda quedan catro partidos para seguir gozando deste Celta fermosamente rotundo.

A foto é de Ricardo Grobas. Grazas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *