Artigos

Campo do Fragoso CLXIX

tercio-liga-3PEQUENA FOCHANCA

Tras os tres últimos partidos, as derrotas co Valencia e Coruña e a vitoria apurada co Sporting, non hai dúbida que o Celta caíu nunha pequena fochanca. A pesar dos tres valiosos puntos, na noitiña do sábado a maioría dos xogadores de Eduardo Berizzo ofreceron unha imaxe borrosa, sobre todo na primeira media hora da segunda parte, moi lonxe daqueloutra luminosa das xornadas de fulgor coa que comezaron esta magnífica campaña. Un retroceso na calidade do xogo que quizais poida ser explicado quizais por unha certa rixidez táctica de Berizzo ou como efecto dun baixón físico colectivo, tamén comprensible tras un inicio onde o equipo despregou unha intensidade grandiosa e onde foron moi escasas as rotacións e mesmo os trocos. Xaora, semella que, por ventura, nesta tempada esta crise de outono queda moi lonxe daqueloutra da pasada que conxelou ao equipo durante unha decena de xornadas.

O sábado Berizzo demostrou que é consciente da existencia do problema e intentou afrontalo. Modificou o seu once clásico e deixou a Aspas e Wass no banco. Porén, a entrada de Bongonda, Guidetti e Planas non mellorou a situación, sendo a reincorporación de Cabral a que axudou a recuperar certa orde e serenidade defensiva. Xaora, o Celta nunca foi capaz de mandar co seu ritmo de xogo nin establecer unha conexión fluída entre as súas tres liñas. O Celta funcionaba sen harmonía e sen partitura combinativa. Apenas as aparicións e conducións de Hernández, o mellor dos celestes, permitían trazar algunhas liñas interiores profundas sobre a dianteira. Así naceu o gol de Orellana, transcorrido apenas un cuarto de hora, despois dun servizo diagonal de Nolito, froito da primeira chegada combinada. E moi pouco máis podemos reseñar na produción atacante celeste durante a hora seguinte, discretísima se lembramos partidos anteriores.

Os de Abelardo, en clara superioridade no medio do campo, souberon incomodar a Augusto Fernández, que tivo enormes dificultades para sacar a pelota en superioridade. A pesar dos esforzos polo centro de Hernández, o Celta non conseguía xuntar as súas liñas, mais aínda cando non funcionaba a nova disposición das súas bandas, fose por que Bongonda non entendeu aínda a caligrafía do encerado do seu adestrador, fose por que Nolito non se asocia con Planas coa mesma facilidade coa que adoita facelo con Jonny. Tras o descanso, o Celta pareceu que se ía a pique, pero non naufragou. O gol xixonés chegou cunha cantada antolóxica de Sergio que entregou un saque de porta a biqueira de Carlos Castro. Un erro garrafal, síntoma da falta de confianza que nas últimas xornadas arrastra o porteiro de Catoira, un problema xa imposible de agochar, que obrigará ao adestrador a tomar unha decisión sobre quen debe asumir esa responsabilidade.

Mais na noitiña do sábado non todos os nubeiros foron adversos e algunha das fadas foron propicias para os nosos. O Sporting chegaba con facilidade diante de Sergio, mais sobráballe inxeleza no remate. Faltando un cuarto de hora, Berizzo entendeu o caso e incorporou a Iago Aspas. O de Moaña reivindicou o seu liderado e revolucionou o partido: deulle acougo ao equipo baixando a pelota, creou espazos entre os centrais e proporcionoulle un balón longo a Nolito que marcou o gol da vitoria tras un rexeite do meta asturiano. Un partido ruín no xogo, que se resolvía nun aparente golpe de fortuna.

Esta primeira crise da tempada evidencia algunhas carencias do Celta que ten un equipo (apenas trece ou catorce xogadores) moi xeitoso, mais un cadro moi curto e con escasas alternativas. Quizais sexa o momento ideal de botar man da canteira ou de reforzarse no mercado de inverno nas posicións máis precarias.

Campo do Fragoso CLXIII

Santi_mina_por_ricardo_grobas_11-04-2015MINA

Partidos como os da noite do pasado sábado en Balaídos amosan que non é tolería ningunha clasificar o fútbol entre as disciplinas das Belas Artes efémeras. Celta e Raio Vallecano, equipos humildes, ambos os dous dirixidos dende o banco por adestradores afoutos e xenerosos co espectáculo, ofreceron unha gran noite de fútbol. Unha auténtica marabilla na que moitas foron as cousas positivas para os nosos!

Primeira: faltando aínda sete xornadas, os nosos confirmaron que quedan fóra de todo perigo e, o que aínda é mellor, o fixeron recuncando no xogo de salón (dende os tempos de Mostovoi, a min me gusta cualificalo de “xogo da serpe”) que a semana anterior tamén exhibiron (con escasa fortuna na táboa de marcas) diante do Barcelona. Segunda: esta é unha vitoria que confirma o proxecto de Eduardo Berizzo e lle facilita preparar devagariño a vindeira tempada. Terceira: esta goleada histórica pon en evidencia a calidade da canteira da Madroa, na que se formaron as nosas promesas internacionais, Jonny Castro e Santi Mina, case uns xuvenís, as grandes revelacións desta tempada, cuxo valor no mercado internacional medrou estes últimos meses unha barbaridade.

Entendo agora como premonitorio para os nosos que o golazo de Manucho, transcorridos apenas trinta segundos, nacese dunha asistencia do exceleste Trashorras, o xenio de Rábade, tras tres caneos en reviravolta e un despiste de Hugo Mallo na cobertura do seu extremo. Na seguinte xogada, os vallecanos puideron liquidar o partido tras unha cabezada de Amaia que o noso Sergio desviou cunha man milagreira por riba do longueiro. Unha parada que resultou esencial. Xaora, a clave da vitoria naceu pouco despois, no minuto cinco, cando Nolito, dende a liña de fondo, tirou un túnel sobre Amaia e lanzou o pase da morte sobre a área pequena para que Larrivey empatase. Das biqueiras dun Nolito extraordinario saíu tamén a asistencia para que Santi Mina marcase o segundo e comezase a que sería a súa noite de gloria.

Coa táboa de marcas en inferioridade, aos 27 minutos, Jémez enérxico moveu peza no taboleiro. Abandonou o seu esquema de tres defensas e introduciu a dous laterais. Mais o Celta daquela xa expresaba na caligrafía da lameira toda a súa furia, non exenta de intelixencia e orde, un vendaval de xogo que os vallecanos agora cunha defensa de catro tampouco foron capaces de parar. O traballo duns excepcionais Augusto e Kron Dehli como pivotes e a mobilidade de Orellana na media punta fabricaban posibilidades para as chegadas de tres dianteiros famentos de área. Dese pulo naceu o terceiro tanto, dunha parede interior de Orellana sobre Mina que tras dar apenas dous pasos centrou á outra banda onde rematou Nolito sobre o porteiro e Larrivey remachou o rexeite de biqueira ás redes. A esa altura do encontro o Celta era unha máquina moi engraxada e poderosa. O cuarto gol foi outra obra de arte. Naceu dunha subida de Nolito pola banda e do seu pase a Orellana. O chileno no interior da área filtrou cunha reviravolta a pelota a Krohn quen asistiu ao primeiro toque a Santi Mina para que sen medo ningún superase ao porteiro. Na segunda parte continuou a festa do xogo celeste. Nolito e Orellana, os encargados do noso departamento artístico, teimaron no seu recital atacante, mais diante da portería non tiveron a fortuna de Mina que pechou a súa incrible conta goleira con outros dous tantos. O terceiro dunha cabezada axustada sobre o pao, rematando un centro do chileno, e o cuarto superando ao porteiro vallecano tras outra gran asistencia do extremo andaluz, que participou en case todos os goles.

Noite goleira, noite de gran festa en Balaídos, na que volveu a entoarse con prudencia a Rianxeira, noite que coloca a Santi Mina xa na historia do Celta e da propia liga. Ben será que este diamante da canteira xestione con cabeciña e esforzo o futuro tan prometedor que enxerga. En Balaídos aínda quedan catro partidos para seguir gozando deste Celta fermosamente rotundo.

A foto é de Ricardo Grobas. Grazas.

Campo do Fragoso CLXI

berizzo_31-01-2015A AFOUTEZA DE BERIZZO

Berizzo sabía que o sábado xogaba a súa continuidade como técnico celeste. E abofé que nunha noite moi fría o adestrador arxentino actuou con intelixencia, afouteza e corazón. Interpretou o partido coma se dunha final de copa se tratase. Saíu só a gañar. Arriscou moito no cadro inicial, onde dispuxo na lameira do seu maior poder atacante, incorporando, por fin, ao canteirán Santi Mina para que abrise a banda dereita, colocando a Orellana na mediapunta, detrás de Larrivey, como enganche e deixando a Nolito que enfiase pola esquerda. Para contar con catro dianteiros, sacrificou a Radoja no centro do campo, onde dispuxo dun dobre pivote inédito formado por Krohn-Dehli e Augusto.

Con esa proposta cen por cen atacante (4-2-3-1), durante a primeira parte o Celta arrasou a un Córdoba ordenado e batallador, onde comeza a notarse a boa man de Miroslav Djukic. Porén, foron os andaluces os que abriron o perigo nas áreas. Transcorridos apenas dous minutos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para marcar, grazas a un fermoso taconazo de Heldon que o noso Sergio despexou con apuro. Mais o Celta axiña reaccionou e gozou de ata media ducia de boas posibilidades de mover a táboa de marcas. O Celta recuperou o poder do seu xogo combinativo. Ben chantado atrás coa disciplina dos seus tres centrais, reforzado defensivamente por Augusto, que aseñoraba o centro do campo nunha actuación memorable, e dirixido por Krohn-Dehli sinalando o seu tempo máxico sobre os catro dianteiros foron sucedéndose os ataques. Mina, cada vez máis maduro, afiaba pola dereita amosando que o seu obxectivo é sempre o gol. Orellana abría espazos para Larrivey e Nolito cos seus caneos e mil e unha reviravoltas. Mais coma aconteceu noutros partidos tanto ben tecer non abondaba para conseguir meter o gol no cesto.

No medio do vendaval celeste, un xute de Bebé, rexeitado in extremis por Sergio, avisou que os de Djukic non viñeran a Vigo de excursión. Pouco despois, o claro penalti a Nolito, agoirou unha arbitraxe polémica. Como tampouco presaxiaba nada bo para os nosos que Larrivey estragase até tres remates claros, demostrando que aínda non recuperou o seu mellor punto. Cun panorama un chisco sombrizo, bo xogo, mais ausencia de gol, rematou para o Celta o primeiro acto.

Por ventura, na reanudación axiña chegou o gol. Unha peza para gardarmos na memoria. Dende o centro, Krohn-Dehli desprazou a bóla á dereita sobre Mina, o canteirán cun caneo soberbio gañoulle espazo ao seu marcador, avanzou dous pasos dende o recanto da área e enviouna en horizontal sobre Orellana, que saltou sobre ela para que Nolito, dende a esquerda, xutase coa perna dereita imprimíndolle unha traxectoria de dóce parábola sobre o pao dereito para que entrase ás redes. Un gol extraordinario propio das Belas Artes.

Coa táboa de marcas por diante, a pesar de que o medo axexou na lameira e na bancada, Berizzo xestionou os cambios con maior rapidez e intelixencia ca en xornadas anteriores. A incorporación de Álex López e Radoja mudou o debuxo a un 4-4-2, que deu maior consistencia defensiva para termar dos ataques dun Córdoba que non se dobregou. Xaora, a vitoria estivo a piques de malograrse tras o incrible barullo que se produciu faltando apenas dez minutos cando Teixeira Vitienes sinalou primeiro xogo perigoso a prol do Celta e despois penalti en contra. A reacción de Berizzo sinalando sobre o propio terreo onde se producira a xogada expresa a importancia do que alí se estaba dirimindo. Os apupos da bancada e, probablemente, a cordura do cuarto árbitro axudou por fortuna a corrixir tremendo trasacordo. Unha xogada que marcou o partido e, quizais, a carreira do afouto Berizzo.

Campo do Fragoso CLIV

celta_realCO MEL NOS BEIZOS

Tras medio partido marabilloso, o Celta non foi capaz de manter a súa vantaxe diante dunha magnífica Real Sociedade. Xaora, o empate foi xusto xa que o partido foi equilibrado. Os celestes deron un auténtico recital durante case media hora da primeira parte e un pequeno treito da segunda. E os txuri urdin mandaron ao comezo e asoballaron na media hora final da súa igualada. Un partido semellante a varias viradas nunha montaña rusa, con subidas e baixadas taquicárdicas para a bancada, intenso e extenuante para os xogadores de ambos dous cadros.

A arrincada correspondeu aos donostiarras. Non nos sorprendeu, sabiamos que esta Real de Jagoba Arrasate é un equipo ben deseñado, sólido tacticamente, respectuoso co balón, coraxudo e intenso até o límite na súa actitude. Durante vinte minutos o control do xove Pardo e o toque de Granero no medio do campo e a enorme mobilidade de Vela, Canales e Xabi Prieto, abrindo espazos polas bandas ou caendo polas fisuras dos centrais, desconcertaron aos de Berizzo que sofren cando non teñen o balón. A Real procuraba o gol con ansia. Primeiro, Sergio salvou coa biqueira, in extremis, un remate en solitario de Xabi Prieto tras un gran servizo de Granero. A seguir, Vela, aquel xogadoriño do Arsenal cedido hai anos ao Celta, hoxe unha figura, xutou dende lonxe con intención. Despois, unha cabezada de Elustondo saíu desviada. A Real metía medo.

Durante esta virada os nosos resistiron con paciencia, procurando con balóns longos abrir espazos nas pelexas de Larrivey cos centrais txuri urdin. Froito dunha delas Álex quedou con todo o balón só diante do porteiro, mais non acertou a rematar. Sen lamentalo dúas veces, a estrela de Narón desquitouse decontado. Das súas biqueiras naceu unha recuperación en campo propio, na que xirando arredor de si se desfixo de tres rivais e pasou o balón sobre Orellana, que recibiu á altura da liña do medio campo. O internacional chileno correu uns metros e cambiou de banda sobre Nolito que tras dous pasos enviou sobre Krohn-Dehli. O danés encarou a defensa cun centro que na área pequena o pichichi Orellana cabezou só ás redes. Un gol combinativo extraordinario, unha gran xogada de contraataque que supuxo outra virada no partido. Xa co taboleiro de marcas por diante, o Celta monopolizou a pelota. Até o remate da primeira parte, volveu ese fútbol de salón que tanto gusta en Balaídos, con combinacións de fantasía, trazadas sobre os espazos interiores baleiros e mantendo as axudas defensivas. Unha marabilla! A festa continuou tras a reanudación, cando aos tres minutos, froito doutra grande xogada combinativa, Larrivey marcou de barriga tras un centro preciso de Orellana.

A pesar do 0-2, Arrasate non deu o partido por perdido e introduciu decontado a Chory Castro e Agirretxe, dous dianteiros decisivos para introducir outra virada no escenario. Nesa fase do encontro o adestrador txuri urdin gañoulle a partida a Berizzo, que como xa sucedera en Córdoba, non soubo xestionar dende o banco a vantaxe. Con todo, foron unha intervención desafortunada de Sergio, que non atrapou un xute do Chory Castro, e a lesión do capitán Cabral, as circunstancias que facilitaron aos vascos o camiño do empate. A entrada dun lentísimo Hernández non osixenou o medio campo dun extenuado equipo celeste que nos derradeiros dez minutos foi arrasado polo ataque realista. A pesar de contar nese tempo con moitas oportunidades, un pao incluído, os donostiarras só conseguiron empatar no derradeiro minuto do desconto grazas á casualidade do gol en propia meta de Jonny. Así de caprichoso éche o fútbol. Quedamos co mel nos beizos. Apenas unha pequena decepción para un gran partido.