Onte 986: Racha o taboleiro

SAMSUNGOs resultados das Europeas racharon o taboleiro. Os partidos considerados sistémicos de cada espazo político sufriron un pao severo do seu electorado. PP e PSOE en todos os territorios, Izquierda Unida na Comunidad de Madrid, o BNG en Galicia, por poñer só tres exemplos. A irrupción de forzas alternativas de esquerda, Podemos en toda España, incluída Galicia, onde apenas conta con implantación, e unha certa consolidación das posicións de AGE, testemuñan a necesidade de novas propostas, novos liderados e novas formas de comunicación política. Non agocho a decepción por outro pésimo resultado do BNG, un síntoma apenas da necesidade da súa refundación, se non quere quedar nas vindeiras municipais nas marxes da irrelevancia. Porén, os resultados en Galicia, onde gaña a esquerda, abren espazo para a esperanza; é posible artellar unha sólida alternativa de esquerda nacionalista capaz de facerlle fronte a un PP que retrocede e desputarlle o sorpasso a un PSOE en claro devalo.

Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto

xavier-vence-conversas-capaA viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.

Onte 984: Na Feira do Libro de Vigo


Penultimas_tendencias_23-05-2014

Comezou onte a Feira do Libro de Vigo, instalada na praza de Compostela até o domingo un de xuño. Pola mañá asistimos o acto de inaguración no que Pedro Feijoo interviu como pregoeiro e pola tarde participamos nas presentacións dos libros máis recentes de Carlos Negro e Agustín Fernández Paz. No seu pregón Pedro reivindicou o papel de Vigo como cidade literaria e a necesidade da comunicación directa do autor coa lectora, sen esquecer o papel das políticas públicas de fomento da lectura. Un texto excelente (pode baixarse en pdf) de lectura moi recomendable. Antes de falar dos contidos de Penúltimas tendencias, Carlos Negro leu un texto chamado a convertirse en clásico («Decálogo para unha poesía que se cadra non existe») no que reivindica e enxerga futuro para a que bautizamos como «poesía orientada a un público xuvenil». Un texto de gran interese para a formación do lector literario e para a reivindicación da poesía no entorno educativo e bibliotecario. Por último, na presentación d’ A viaxe de Gagarin conversamos con Agustín sobre o contexto daqueles anos sesenta sobre os que teceu a súa emocionante novela da memoria e de formación. Agustín puxo en evidencia a importancia do seu blog documental, un espazo pioneiro (extraordinario traballo) niso que podemos chamar «edición estendida«. En definitiva, un excelente inicio dun programa intenso de presentacións e actos que continuará para nós o vindeiro luns.

 

Escaparate 17/2014: Librería Trama (Lugo)

Libraria_Trama_Lugo_22-05-2014

Escaparate da librería Trama de Lugo con motivo da presentación d’ A alternativa está aquí de María Reimóndez o 22 de maio de 2014.

Onte 983: Traballar dende as raíces

Reimondez_Branca_Rodriguez_Trama_22-5-2014

A presentación na librería Trama de Lugo d’ A alternativa está aquí, o ensaio de María Reimóndez, constituíu unha sesión de reflexión sobre a coperación e o seu enfoque dende a corresponsabilidade. Salientouno Branca Rodríguez Pazos, a presentadora do libro, cando o cualificou como «unha porta á esperanza, a partir dun cambio individual que se transforma en colectivo».«Un libro moi ben escrito, capaz de sintetizar o mundo da cooperación dende unha perspectiva de xénero, de país, nun tempo de tranformación social profunda, no que se propoón traballar dende as raíces, como se di na propia obra», dixo Branca. Sinalouno, tamén, a autora cando afirmou que «os grandes cambios comezan no cotián», ou cando insistiu na súa intención «de mover marcos sobre a cuestión da cooperación», ou explicou a súa concepción dos dereitos humanos como unha leira a traballar  e defendeu o labor das activistas polo seu movemento e acción. Máis alá destas primeiras intervencións, a presentación contou coa activa participación dun público moi numeroso que durante unha hora compartiu coñecementos, reflexións e a lectura do derradeiro capítulo do ensaio.

Onte 982: Ana Miranda, unha extraterrestre

ana_mirandaÉ desoladora a decisión adoptada pola Junta Electoral de eliminar ao BNG do espazo que os medios públicos galegos dedican á cobertura da campaña, a pesar de que a candidatura nacionalista obtivo en Galicia nas últimas eleccións europeas 103.724 votos. A efectos prácticos supón para o BNG perder os 27 segundos que tiña asignados dentro dos cinco minutos que en cada informativo de TVG e da Radio Galega dedican ás europeas. Adoptada a instancias dun recurso presentado por UPyD, formación que en Galicia apenas contou con 14.418 apoios, esta decisión pretende negar simbolicamente a existencia da candidatura nacionalista nos medios públicos que conforman o espazo informativo galego. No que queda de campaña electoral Ana Miranda será apenas unha extraterrestre deambulando polo país, que deberá afastarse dos micrófonos e cámaras dos medios públicos galegos? Sería un xesto de fair play que o resto das candidaturas galegas rexeitasen tan inxusta e desproporcionada decisión.

Onte 981: Booktrailer ao servizo da literatura galega

Agradezo moito a agarimosa anotación publicada onte en Rede lectura sobre o esforzo de Xerais en publicitar libros para lectores e lectoras novas por medio da linguaxe audiovisual. A verdade é que aos pouquiños a editorial leva publicados xa máis dun cento de pezas audiovisuais, das que trinta son das que denominamos «booktrailers». Facémolo coa intención de abrir unha xanela de visibilidade para o libro galego nas redes sociais, mais tamén coa de servir de recurso didáctico para as aulas e para o traballo das persoas mediadoras. En todo caso, os booktrailers de Xerais son posibles grazas, en boa medida, á xenerosidade dos autores e autoras e das creadoras dunhas pezas cuxo primeiro obxectivo é incitar e interesar na lectura. Levo tempo cismando en que sería posible incrementar o número de booktrailers da edición galega se fósemos quen de ensaiar un modelo de colaboración do sector editorial co sector audiovisual, no marco dun programa xeral de visibilidade para o libro galego, no que participasen tamén a Televisión de Galicia, a rede de Bibliotecas Públicas e a Federación de Librarías. Producir cada ano medio cento de booktrailers de libros galegos empregando un modelo de concertación intersectorial non sería disparate ningún. Tería efectos moi beneficios para todos os sectores (editorial, audiovisual, bibliotecario e libreiro). É unha idea a desenvolver.

Penélope

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da homenaxe a Xosé María Díaz Castro e do Día de Internet, comento as novas máis recentes sobre o estado da lingua.

galego-internet-300x199A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.

Porén, a ledicia do éxito acadado por Punto Gal non pode agochar que neste dezasete o galego perde peso cuantitativo en Internet. Os datos estimativos de “W3Techs”, traballados na reportaxe de Alberto Quián para o portal “G.Ciencia”, amosan que a porcentaxe de uso do galego en Internet se reduciu no último ano de forma significativa, colocando a nosa lingua no posto 48 da clasificación mundial. Xaora, os contidos en galego supoñen un 0,0075 % dos existentes na Rede, oito veces menos ca en catalán (0,1 %) , moi lonxe do 4,6 % en castelán e do 2,3 % en portugués, linguas todas as tres que superan o 0,1 %, porcentaxe que semella marcaría a fronteira entre as linguas relevantes en Internet (o inglés supón o 55,9 %) e as minoritarias. Outrosí cabería dicir con respecto a Twitter onde os estudos de xeorreferencia dos chíos emitidos en Galicia amosan que uso do galego é inferior ao do castelán. Datos que demostran que o emprego do galego na Rede, a pesar do seu incuestionable dinamismo nas redes sociais e nos blogs, asume o devalo que decote percibimos noutros soportes comunicacionais impresos e ámbitos da vida social e política.

Tras tres décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e unha da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2014), documentos que contaron co apoio unánime do Parlamento de Galicia e de numerosos colectivos cívicos, é desacougante asumir que nos últimos anos a lingua galega sofre un doloroso retroceso, tanto na súa cadea de transmisión interxeracional (os picariños dos ámbitos urbanos apenas a coñecen, un feito desolador), coma no seu status e emprego en todos os ámbitos da vida social. O galego deu un paso atrás. Un retroceso no que ten responsabilidade a actuación dun lobby negacionista capaz de transformar os prexuízos e falsidades de pé de banco sobre o galego –unha lingua que para este lobby utilizariamos só “os parvos aldeanos ou os fanáticos nacionalistas excluíntes”– no dogma do “bilingüismo cordial” abrazado por Núñez Feijoo como argumento para desvincularse dos consensos arredor do idioma forxados durante as presidencias de Fernández Albor e Fraga. Unha decisión política adoptada coa intención de desbancar a Touriño do Goberno Galego, mais que unha vez gañadas as eleccións supuxo a rápida modificación do modelo lingüístico no sistema educativo non universitario (o Decreto de Plurilingüismo recorrido pola Real Academia Galega, hoxe no Tribunal Supremo) e, como efecto inmediato, unha abrupta redución do uso do galego como lingua vehicular na educación infantil e na etapa obrigatoria.

Xa “Penélope”, o extraordinario poema de Xosé María Díaz Castro, salienta o aparente paradoxo do futuro de Galicia, do noso país, do noso pobo, tamén da nosa lingua e a súa cultura. “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move”. A posta en marcha do Punto Gal supón un paso adiante para o futuro do galego no século XXI, mais o decreto de Plurilingüismo do Partido Popular un paso atrás. Xaora, tamén enxerga Díaz Castro en “Penélope” a esperanza (“Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo”), xa que o futuro do galego dependerá de cada un de nós, do esforzo da cidadanía galega, da súa firmeza e compromiso para usalo e defendelo (“Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!, / e toda cousa ha de pagar o seu desmo”). Un paso adiante e outro atrás, Galicia.

Onte 980: Vintage Sargadelos

sargadelos-coleccion-vintageCoñecín onte o lanzamento dunha colección de xogos de café de Sargadelos, bautizada como «Vintage», unha reedición de tres modelos deseñados hai cincuenta anos por Díaz Pardo para Cerámica do Castro, as series Bimio, Cardos e Cactus. É unha magnífica noticia que Sargadelos, tras varios anos de parálise crítica, volva realizar o lanzamento dun novo produto con motivo do Día das Letras Galegas. Agardemos que tras esta noticia esperanzadora, as fábricas de Sargadelos do Castro e Cervo volvan recuperar a actividade doutrora. Sargadelos é máis ca unha empresa de louza, é un dos sinais de identidade da cultura galega da segunda metade do século XX.

Onte 979: Irene

Deille un colo a Irene. Apenas facía seis horas que nacera. No seu latexo sentín a fraxilidade do inicio dunha vida, unha desas experiencias marabillosas, marcantes e infrecuentes, que nos devolven ao máis primixenio da condición humana, a de sermos cadea de cariños e querenzas. Cando espertou entre uns chorares, aínda inexpertos, colleume o maimiño entre os seus dedos. Eis o reflexo de prensión, a primeira forma de socialización do ser humano, a primeira manifestación dos afectos. A vida vai ser para Irene a conquista da autonomía, mais tamén a da súa perda, irreversible. Recibímola con saudades da súa avoa, a que naceu nas brétemas de Yorkshire e deixounos en Vigo o pouso dos afectos. Recibimos a Irene, tamén, con moito entusiasmo, sabemos que pode ser a embaixadora da paz, da nosa memoria, tamén da nosa lingua, no século XXII. Vertixe e emoción para un día que lembraremos.