Onte 1014: Pobreza infantil

1403369755_994167_1403369901_noticia_normalLeo unha reportaxe desacougante de Cristina Huete sobre a situación precaria dos comedores escolares. Relátanse situacións tremendas, como a dos rapaces que non poden facer fronte ao copagamento sendo obrigados a almorzar nun recanto do comedor «un anaco de pizza da noite anterior ou unha peza de froita, mentres o resto dos seus compañeiros come quente«, o que consitúe unha situación de desigualde inadmisible que atenta contra a dignidade destes menores. Outra das situacións de pobreza infantil severa que, segundo informa Confapa, neste verán afectará a 800 menores en risco de exclusión que, a pesar da aprobación da proposición non de lei de AGE, non teñen garantida unha boa comida diaria. A realización de campamentos urbanos nos centros e o aumento das partidas de emerxencia social son dúas medidas urxentes para evitar calquera tipo de exclusión escolar. Todos os escolares teñen dereito a ser alimentados e vestidos con igual dignidade durante o período escolar coma no estival.

Onte 1013: O escritor na súa terra

Homenaxe-Xabier-Docampo_21-06-2014
Acompañamos onte primeiro a Xabier DoCampo na homenaxe que lle rendeu a AELG en Castro de Ribeiras de Lea e despois, no serán, a Ramón Vilar Landeira na presentación en Cerceda d’ Os televisores estrábicos, o seu primeiro primeiro libro de relatos. Dous actos que moito pagaron a pena nos que celebramos a memoria do berce e da infancia, conformada no texto literario e madurecida na patria da lingua.

En Castro da feira, onde o mundo se chama Terra Cha, homenaxeamos a Xabier Docampo, o fillo de Raimundo o muiñeiro do Castro e de Teresa a costureira. O seu irmao Agustín Fernández Paz nunha intervención memorable celebrou a súa arte de contar –de quen non dubido é o mellor contador oral da literatura galega– as historias recibidas e as propias, a súa emoción como lector e a súa preocupación pola lectura como competencia cívica, o seu oficio como ensinante, o valor que o chairego dá á amizade, as súas habelencias como cociñeiro, a súa fidelidade coa terra e coas raíces, como a lealtade e a defensa inquebrantable coa patria da lingua, un patrimonio da humanidade enteira. O relato emocionante daqueles seus días de infancia no Castro realizado no acto polo Xabier será unha desas alfaias orais que sei confesaremos con fachenda termos escoitado. Grande, moi grande, Xabier!!!

Os_televisores_estrabicos_Cercedo_21-06-2014

En Cerceda, nas terra de Ordes e Bergantiños, Ramón Vilar presentou diante máis dun centenar dos seus veciños e amigos o seu libro sobre a precariedade e a precarización neste tempo de crise, onde é difícil subsistir con «mínimos de record», como reza a canción de Ataque Escampe. Os televisores estrábicos é un libro de mudanzas, tránsitos, apenas tatuaxes da realidade actual, retratos fugaces de xentes que non aparecen nas páxinas dos xornais. Un libro breve e potente, un debut moi prometedor, no que se aposta mesmo pola creación de Grandil como un mundo literario propio. Na biblioteca de Cerceda gustei moito da calor coa que Vilar foi arroupado pola súa comunidade, coma souben do seu humor retranqueiro e dotes de finísimo narrador oral no relato que fixo do que lle aconteceu hai unhas semanas cando ía presentar a Santiago un libro dun seu amigo ou cando comentou as notas de lectura recibidas no seu teléfono. Magnífico, Moncho!

Entre a treboada intimidatoria e os fumes mestos de Meirama regresamos contentos coma cucos dunha xornada memorable na que acompañamos a dous escritores (de xeracións ben diferentes) na súa terra.

Grazas a Agustín Fernández Paz por achegarnos o texto da súa laudattio a Xabier.

Onte 1012: Nos Eidos de Padriñán

BqmM1FTIYAEY19kCase un centenar de persoas participaron na presentación d’ A memoria da choiva de Pedro Feijoo na Adega Eidos. Na que Xaime Corral, libreiro da Librería Nós, organizadora e alma mater do acto, definiu como berce de albariño, na parroquia de San Xes de Padriñán, na lameira de Pedregal, apenas a cinco centos metros da praia de Silgar, gozamos da maridaxe entre a palabra e o viño, a literatura e a viticultura.

Os protagonistas dun solpor espectacular sobre a illa de Ons foron as dúas novelas de Pedro Feijoo e os viños de Eidos, especialmente Contraaparede, o meu albariño de querenza, que cufei ben chufado, como merece. Ao comezo, a profesora Dolores Tobío nunha gran intervención literaria colocou a etiqueta azul á novela de Feijoo, «que zumega galeguidade polos catro costados». Logo chegou o diálogo de Feijoo cos lectores e o momento da longuísima sesión de sinaturas. Tras a visita ás instalacións da adega, a cata dos seus viños, non podemos máis que recuperar aqueles versos de Ramón Cabanillas de Terras de Salnés:  «Bordóns de veigas mimosas / e dos parrales costeiros / onde os asios do albariño / mostran a cor do ouro vello / como nos agros latinos / do faustiniano Falerno.»

Onte 1011: Galeuscat

19-06-2014

O presidente da Xunta compartiu co lehendakari e o presidente da Generalitat a bancada de convidados do acto de proclamación de Filipe VI. Unha fotografía que pasará á historia como mostra da corrección institucional de Mas e Urukullu, mais na que nós identificamos tamén que o futuro de Galicia, como comunidade histórica que é, dependerá tamén do proceso político en marcha aberto polos gobernos catalán e vasco. O feito de que El-Rei no seu discurso nomease a Antonio Machado, Salvador Espriu, Gabriel Aresti e Daniel Castelao, así como que expresase un recoñecemento das »linguas cooficiais», non foi inocente, xa que, sen dúbida, estas mencións de figuras literarias vinculadas á memoria republicana ían dirixidas a eles dous, aos gobernos que presiden e ás cidadanías que representan. Galicia, por fortuna, como ben sabe Feijoo, non poderá quedar allea ao que suceda no futuro en Euskalherria e Cataluña. Eis a oportunidade que para Galicia supón o modelo Galeuscat no proceso (para min) inevitable de mudanza comezada, sexa «nova transición» ou (ogallá) proceso (re)constituínte, como propón Suso de Toro.

Onte 1010: O galego desaparece de Infantil

1403027648_044744_1403028069_noticia_normalOs resultados da enquisa da Mesa pola Normalización sobre o uso do galego como lingua vehicular dos centros de Educación Infantil (o que inclúe o emprego de materiais didácticos en galego) testemuña o que xa coñeciamos: o Decreto de Plurilingüismo provocou a súa práctica desaparición en todas as cidades. Tras catro cursos de Política Lingüística de Feijoo, o galego xa é de facto unha lingua estranxeira, allea e descoñecida para os nosos picariños, mesmo máis co inglés, que chegan á Educación Primaria sen apenas competencia oral ningunha na lingua propia nin experiencia do seu emprego no momento decisivo das aprendizaxes da lectura e escritura.

A pesar de que a Xunta nega esta evidencia, aferrándose a súa pax lingüística, este retroceso prodúcese en todo o territorio galego, sobre todo nas vilas, como ben coñecemos os editores pola diminución brutal das vendas dos nosos métodos de Educación Infantil en galego. Polos datos dos que dispoñemos estimo que a porcentaxe de alumnado deste nivel escolarizado de forma predominante en galego está entre o 10 % e o 15 %, entre dous e tres mil picariños por cada nivel de idade. Apenas outro síntoma da aceleración do proceso de substitución lingüística, unha desfeita cultural cuxas consecuencias dubido saiban valorar as persoas que promoveron contra vento e marea a modificación do modelo lingüístico educativo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Un dano para a lingua galega xa dificilmente reparable.

Onte 1009: Con Alfredo Conde

Tras a presentación o venres do libro de poemas de Carlos Negro volvimos onte a Bertamiráns, a nova cidade de Ames, para acompañar a Alfredo Conde na de Chovida do ceo, a segunda novela protagonizada polo seu comisario Salorio, o que dera a coñecer en Ósos de santo. O café Ferlós da praza da Mahía encheuse para escoitar ao autor, ao crítico Xosé Antonio López Silva e a Alfredo Padilla, que cantou unha milonga e un par de tangos.

Un serán excelente de música e novela. Xosé Antonio López Silva comezou lembrando que para Paul Auster a novela policíaca éra coma un caixón para introducir todo aquilo que quixese o narrador. Nese ámbito situou a Chovida do ceo, «unha novela de xénero que comeza cun cadáver sorpresivo, sorprendente, situado no escenario que dfine a historia e os personaxes. Dende aí todo vaise centrando e concentrando». «Novela, pois, compostelá, unha Compostela coma é, vetusta, dacabalo da realidade do roubo do Códice Calixtino. Mais unha novela que homenaxea, tamén, a Mahía, espazo onde se desenvolven moitas das escenas, como este Café Ferlós, onde hoxe estamos, onde hai os mellores cruasáns da comarca». Referiuse, despois, López Silva, ao xogo irónico entre autor e narrador, así como a intención de Conde de levar o culturalismo ao xénero policíaco. Citou a Pedro Laín Entralgo para quen «a novela policíaca é estritamente intelectual, xa que sempre trata de recompoñer unha historia que falta». «En Chovida do ceo o que consigue é a reivindicación da novela policíaca intelectual parareivindicar o local, a ironía e o gozo do lector». »Unha gran novela dun excelente autor», rematou.

No seu discurso Alfredo Conde confesou que quería que «as súas novelas policíacas fosen novelas, nas que sei sae un retrato social». «Interésame a ollada sobre o social, a reflexión, moito máis ca as persecucións de coches e a súa velocidade».

 

Onte 1008: Culturgal 2014 en marcha

Cartaz-copiaPresentamos onte no Pazo da Cultura de Pontevedra o Culturgal 2014, que celebraremos alí do 5 ao 7 de decembro. A ampliación do perímetro de Culturgal,coa incorporación de novos expositores, disciplinas (singularmente a cultura gastronómica), públicos e a ocupación de todos os espazos do recinto; a constitución dun foro de encontro de creadores de todas as disciplinas, así como a procura dun modelo económico sostible para a feira, na que é imprescindible para a súa viabilidade a corresponsabilidade dos públicos e os patrocinios privados son os principais obxectivos que nos sinalamos os organizadores para esta edición. A obriga de Culturgal é todas as edicións sorprender,innovar e visibilizar os produtos e servizos das industriais culturais galegas en todos os seus eidos. Eis un proxecto ilusionante no que contribuiremos co noso esforozo.

Arruídos de Vincios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Arruídos o primeiro disco de Cantares do Brión.

Canatres_do_Brion_UDVArruídos é o nome dun cume de 709 metros de altitude situado na aba occidental da Serra do Galiñeiro. Pertencente á parroquia de Vincios no concello de Gondomar, na penichaira do monte de Arruídos, a 460 metros de altura, nunha zona moi húmida, o arqueólogo Javier Torres Goberna identificou un campo de mámoas de interese, formado por tres túmulos, un dolmen e dúas cistas, próximos aos petróglifos da Pedra da Laxe, as alfaias arqueolóxicas desta Serra do Galiñeiro. Con vistas privilexiadas sobre o Val Miñor, este outeiro é ben coñecido por sendeiristas e afeccionados á bicicleta de montaña.

cantares do brionMais “Arruídos” é tamén o título do primeiro disco de Cantares do Brión, o coro tradicional galego con sede no Centro Cultural de Vincios, integrado na actualidade por 60 persoas, desta parroquia gondomareña e doutras do Val Miñor. Un título que non é caprichoso nunha agrupación que tira o seu nome da Touba do Brión, unha cova situada tamén no monte dos Arruídos onde se localiza unha lenda e onde Cantares do Brión organiza a súa romaría anual.

Desde a súa constitución en marzo de 2010 Cantares do Brión inseriuse na tradición centenaria dos coros tradicionais galegos nacida en 1883 seguindo o modelo acuñado polo boticario pontevedrés Perfecto Feijóo na agrupación Aires d’a Terra. Un repertorio vinculado ás formas da música tradicional de noso (alalás, foliadas, pandeiretadas…), a utilización habitual da lingua galega e de instrumentos tradicionais, incluídos os diatónicos (gaita e zanfona), e o coidado do vestiario tradicional dos participantes foron os compoñentes principais dunha fórmula coral que no período de entre séculos circulou de forma exitosa nos escenarios galegos e tamén nos de alén mar.

Patrón de enxebreza musical que, como sinala a historiadora Lorena López Cobas, deu pé ao nacemento de agrupacións semellantes noutras localidades galegas: Toxos e Froles (1915) en Ferrol, agrupación a piques de celebrar o seu centenario; Cántigas da Terra (1916) na Coruña, que tamén mantivo o seu pulo ininterrumpido; Foliadas e Cantigas (1916) en Pontevedra; Agarimos da Terra (1916) en Mondariz; Cantigas e Aturuxos (1917) en Lugo, a primeira que gravou o himno galego en 1918; Agrupación Artística de Pontevedra (1917); Agrupación Artística de Vigo (1918); Coral de Ruada (1918) de Ourense e Cantigas e Agarimos (1923) de Santiago, dúas agrupacións estas últimas que aínda por ventura manteñen a súa actividade.

Cantares do Brión, a nova agrupación miñorana, recolle a testemuña destas agrupacións históricas e o seu modelo de fachendosa enxebreza para ofrecer un primeiro disco de coidada edición gráfica e musical coa que a agrupación dirixida por Pablo Rial Salgueiro e presidida por Xosé García Crego fixa o seu repertorio propio e rende humilde tributo aos seus predecesores. Abre o disco “Eu non sei o que me deches”, unha versión da foliada tirada do repertorio de Toxos e Froles, o decano dos coros históricos. Outrosí sucede coas versións da “Foliada de Cerdedo” do repertorio de Cántigas da Terra, do “Alalá nº 3” de Aires d’ a Terra, o primeiro coro tradicional galego, da “Foliada de Viveiro” da Coral de Ruada e da “Pandeiretada de Rendal” de Cantigas e Agarimos, pezas todas nas que a agrupación miñorana ofrece un nivel altísimo de harmonización coral e instrumental de temas senlleiros da nosa memoria musical.

Repertorio histórico que dialoga coas creacións propias dunha agrupación que procura textos da literatura popular e de autor para promover no século XXI a composición de música coral, vocal e instrumental. Reto que asumiu Luís Correa Piñeiro, un dos gaiteiros da agrupación, autor de catro temas do disco: “Tríadas do vento no mar”, sobre poemas de Valentín Paz Andrade; o alalá “Camiño de Ourense”, sobre texto de Manolo Pipas; “Na Touba do Brión”, sobre coplas recollidas por Rosalía Hermida Pérez e a “Foliada de Vincios”, dúas pezas insignia do coro. Pablo Rial Salgueiro compuxo “Has de cantar”, sobre versos de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, ademais de ocuparse como director do coro dos arranxos doutras numerosas pezas, entre as que cómpre destacar pola súa dificultade a das tres encadeadas en homenaxe a Casto Sampedro e o “Canto popular”, tomado do “Cancioneiro Galego” de Martínez Torner e Bal y Gay, un dos temas, xunto ao “Pasodobre de Sísamo”, arranxado por Félix Rodríguez, e “O carro”, a canción de “Mero” arranxada por Paco Barreiro, máis logrados dun disco memorable sen desperdicio ningún.

Recomendo moi vivamente estes “Arruídos” de Cantares do Brión, un coro de música tradicional galega que na área metropolitana de Vigo recolle a testemuña da fórmula de enxebreza acuñada hai un século por Aires d’a Terra: lingua, música e traxe de noso. Agardamos un gran concerto de presentación en Vigo.

Onte 1007: A voltas co blogomillo

eu_son_do_blogomillo-512x174

Marcus Fernández publicou onte unha anotación na que repasa a situación actual daquel blogomillo de hai case unha década. Lembro aqueles anos como un tempo de entusiasmo dixital, onde forxamos amizades que por fortuna hoxe se consolidaron, onde moito aprendimos e compartimos sobre a utilización dos soportes dixitais e a escritura hipertextual. Mais o blogomillo foi sobre todo unha primeira comunidade de blogueiras e blogueiros, dalgún xeito un precedente das actuais redes sociais. Se repasamos a relación de blogs existentes en 2005, comprobamos que foron moitos os que pecharon, outros mudaron de nome ou reorientaron o seu contido. Como tamén houbo blogueiros e blogueiras moi activos daquela que mudaron as súas preferencias e modalidades de publicación dos seus contidos na rede. Tamén é certo que se repasamos os blogs máis activos e lidos en  galego na actualidade comprobamos que foron moitas as incorporacións, o que constitúe un fito esperanzador. Continúo crendo relevante do fenómeno do blogomillo foi que impulsou o proceso de expansión da internet en galego, ao tempo que facilitou a súa utilización didáctica, sobre todo no eido de fomento da lectura, para o que foi esencial a xenerosidade da plataforma de Blogaliza. Hoxe para a nosa satisfacción son moitos máis os blogs activo en galego ca en 2005 ou 2006. Aquel blogomillo como comunidade non resistiu a competencia de Twitter e Facebook nin tampouco a especialización dos contidos na rede. Unha reflexión que non debera desacougarnos. Pola miña banda, diante de tanto ruído e confusión, sigo acreditando na utilidade dos blogs de referencia, lugares seguros, arquivos sen intermediación, en definitiva un espazo de comunicación e aprendizaxe. Seguimos.

Onte 1006: Graduación

Acompañamos a María na súa Graduación na facultade Xornalismo da USC. Foi un serán moi emocionante para os tres, remate de dúas décadas de ensino regrado, tamén o inicio de novos vieiros incertos e esperanzosos. Gostei do rigor co que os graduados artellaron a velada, que resultou moi áxil, divertida e emocionante para todos, na que tamén houbo tempo para reclamar a dignidade e o futuro do xornalismo e dos seus profesionais, nunha excelente intervención do padriño Alfonso Hermida. Xaora o minuto de ouro do serán, no que se utilizaron con moi bo criterio os diversos recursos da comunicación actual, foi a intervención do profesor Miguel Túñez, unha peza fermosa, na que salientou os valores da vontade e dos afectos para a vida e para a profesión. Entre os aplausos do alumnado posto en pé codou: «querer é querer». Eis enxergamos a esperanza da nova etapa.