Onte 778: «Vento e chuvia»
Memorable presentación espectáculo do proxecto «Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia» de Manuel Gago a que onte tivo lugar na igrexa da universidade compostelá. Na primeira parte o profesor de Historia Antiga da USC Marco García Quintela, Manel Cráneo, o ilustrador, e Manuel Gago, o autor do texto e deste proxecto de edición estendida, presentaron os contidos principais do libro e dos materiais adicionais. Insistiron todos os tres no esforzo realizado de reconstrución visual e de humanización dunha sociedade concreta, a da sociedade da Idade de Ferro, anterior á invasión romana. Cráneo desvelou con detalle o proceso de creación de cinco das imaxes principais «dunha obra que alumbra a existencia dun riquísimo panteón de deuses e deusas na Idade de Ferro, capaz de crear unha pequena mitoloxía». Gago encadrou o proxecto no esforzo por poñer o patrimonio no centro do debate cultural. «Vento e chuvia é unha ollada sobre un período que deixou unha fonda pegada no noso patrimonio dende unha abordaxe transversal, no que están presentes disciplinas como a arqueoloxía, a historia, a toponimia e a onomástica». «Un proxecto no que se mesturan a investigación, a divulgación, a fantasía e a literatura». Tras estas intervencións, as máis de duascentas persoas asistentes gozaron durante máis dunha hora da representación dalgúns dos textos do proxecto a cargo de Soledad Felloza, Anabel Gago, Belén Constenla e Avelino González. O libro estará dispoñible nas librarías galegas a partir de finais da vindeira semana. O 15 de novembro en Biblos de Betanzos e 22 na Libraría Couceiro de Santiago e o 1 de decembro en Culturgal os autores presentarán o «making off» do proxecto e asinarán exemplares do libro. Un proxecto de edición híbrida moi coidado e novidoso do que nos sentimos moi orgullosos e esperanzados. Parabéns moi merecidos a Gago e Cráneo.