Onte 471: Twitter 4.000
/en Blogs, Blogs_e_libros, Internet, Lingua, Onte, Persoal, Twitter, Xerais/por bretemasO meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.
(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)
Onte 470: Con Callón en Vigo
/en Autores, Lingua, Novidades, Onte, Presentacións, Recurso_didáctico, Vigo, Xerais/por bretemasAcompañei a Carlos Callón na roda de prensa que organizamos na cafetaría do Marco para presentar en Vigo Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Como é adoito, Callón contaxionounos decontado o seu entusiasmo inconformista e a súa convicción sobre a importancia do traballo corresponsable na activación lingüística, unha tarefa á que está chamada a participar toda a cidadanía.
Iniciou as súas declaracións confesando que «este libro, coma o anterior, xoga coa idea da autoaxuda, pretende ofrecer un diálogo lúdico, práctico, útil e funcional no que participen todas aquelas persoas interesadas polo noso idioma, dende aquelas que se queren incorporar o seu uso decote, aquelas galegocalantes que queren ser galegofalantes, pasando polos estudantes galegos de diferentes niveis que poden utilizado como manual de consulta, até aqueloutras que xa falan galego mais queren mellorar a súa calidade lingüística». «Aprender unha lingua é tarefa de toda unha vida, razón pola que este libro está destinado a un público moi diverso. Ademais, é un libro, lamentablemente, necesario. Como lembran as sentenzas recentes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é necesario, aínda, un apoio suplementario para a nosa lingua. Precisamos un apoio dende os poderes públicos que garanta que o alumnado de todos os niveis teña competencia en galego».
Despois insistíu Callón en que «o mellor xeito de apoiar unha lingua é utilizala» e que «a maioría da xente que fala castelán en Galicia ama a lingua galega». Referíuse a importancia de fenómenos de uso do emprego do galego como que a rede social Tuenti, utilizado polas persoas novas, conte con 130.000 perfís en galego. Denunciou que «a prensa escrita utilizase hoxe menos o galego ca na Transición, o que demostra un uso fraudulento das axudas públicas destinadas a promover o uso do galego nos medios». Rematou facendo un chamamento á participación na manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego o 27 de xaneiro «Polo galego que nos une».
Onte 469: Radio na libraría
/en Autores, Beizóns, Entrevistas, Narrativa, Novidades, Onte, Promoción do libro, Radio, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemasNa xornada pontevedresa de promoción d’ As voces baixas, gustei moito da conversa que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo con Manuel Rivas na libraría Cronopios. O reducido espazo da libraría abríuse dende o fermoso escaparate á rúa onde varias ducias de persoas seguían con moito interese a conversa arredor dun libro. Esta experiencia da radio na libraría, que Onda Cero de Pontevedra e a Cronopios veñen promovendo con éxito dende o pasado mes de maio, merece ser emulada, mais aínda cando, coma nesta caso, é apoiada por un clube de lectores. A visibilidade do libro nos espazos cidadáns é fulcral para recuperar a presenza da lectura na axenda pública que utilizan os medios e as administracións. Parabéns a Susana Pedreira, Onda Cero e Cronopios.
A conversa (case unha hora) será emitida hoxe e logo subida á rede. Recoméndoa.
Onte 468: Os alicientes de Rivas
/en Autores, Librarías, Narrativa, Onte, Presentacións, Xerais/por bretemasAcompañamos a Rivas en Ourense. Primeiro asinou exemplares na renovada Libraría Torga, hoxe tamén café e tenda de comercio xusto, despois realizou unha lectura d’ As voces baixas no salón noble do Liceo. Como é adoito, Rivas miniou coa paciencia e a habilidade do artesán os seus alicientes (así chaman en México ás asinaturas de libros), onde singulariza cada un dos exemplares. Unha marabilla!
Nas palabras limiares da súa lectura no Liceo, Rivas confesou a importancia que tivo a súa nai no nacemento d’ As voces baixas. Referíuse a ese xogo no que todos participamos algunha vez no que pretendemos identificar cal foi a nosa primeira lembranza: “Que é o primeiro que lembramos? Que hai nesa cámara escura, estenopeica capaz de captar a luz da primeira lembranza, desa faísca, desa epifanía, o primeiro recordo?” “No meu caso ese recordo é o primeiro medo. Mais nesa lembranza hai un detalle definitivo, imprescindible para que nacese este libro. Unha lembranza daquela frase que pronunciou a miña nai: ‘Eran os dous xigantes cabezudos. Isabel e Fernando. Os Reis Católicos’. Aí foi onde vin por vez primeira a boca da literatura. Unha construción moi sutil, nacida do imprevisible, do máis insospeitado. unha frase que na súa sinxeleza une o terror e o exconxuro por medio da ironía e do humor. Nesta herdanza de agasallo que fixo a miña nai, coido que está a cerna deste libro, a cerna da literatura, ese urdido de humor e dor, esa alquimia fundamental da linguaxe literaria”.
Hoxe Rivas estará en Pontevedra, primeiro, ás 18:00 horas, nunha asinatura na Libraría Cronopios e ás 20:00 horas na lectura que no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo organizou o Ateneo de Pontevedra.
Onte 467: Antón Patiño fala das “voces baixas” de Rivas
/en Autores, Librarías, Narrativa, Novidades, Onte, Presentacións, Vigo, Xerais/por bretemasManuel Rivas estivo toda a tarde en Librouro, a veterana libraría viguesa creada por Antón Patiño, o libreiro da memoria de ferro. Despois de asinar exemplares, realizou unha lectura de dous capítulos d’ As voces baixas, que foi precedida por unha intensa intervención do pintor e ensaísta Antón Patiño (fillo).
Patiño comezou definindo As voces baixas como un “libro histórico. Un libro que ten a intensidade das mellores obras de Manuel Rivas, un libro que ten tamén algo único, xa que non tivo que separarse do espazo familiar. Ten algo novo, xa que apreixa un relato que non lle é alleo a súa experiencia”. “Manuel Rivas ofrece un álbum familiar, onde a memoria ten dimensión comunitaria, transpersoal. O autor botou man dese lugar máxico, ese paraíso esquecido de Monte Alto e logo desa casa prendida no ceo de Elviña. Aquí as imaxes son relampos na néboa do esquecemento. Cada palabra está imantada, reververa sobre o silencio, ten o ADN libertario e republican dos libros de Rivas”.
Continuou Patiño dicindo que “o libro está atravesado polo loito dos seres queridos, mais tamén polo humor. A figura do pai, retranqueiro, como un pensador presocrático. A nai, unha muller que non puido ter o luxo de estar enferma. Seres loitadores moi apegados á natureza.” Despois salientou “a paciencia coa que o escritor agardou pola palabra precisa para representar este mundo”, así como “que lle parecía imposible pensar este libro sen lembrar ao fotógrafo Virxilio Vieitez. As voces baixas é un documento antropolóxico de nós, da Galicia daquel ano 57, no que naceu Manuel Rivas, o mesmo ano no que Manuel Ferrol realizou na Estación Marítima da Coruña, un día concreto, a súa famosa fotografía da Emigración”.
Patiño referíuse despois á presenza da melancolía no libro, “a señardade é unha lente de aumento, unha lupa, que no eido emocional queda representada por unha bágoa vidrosa. Non podemos separar esta literatura do corpo, das emocións, dos cronotopos. Estamos atravesados por relatos. As voces baixas comeza de forma maxistral co primeiro medo, literatura expresionista da nova obxectividade, dunha nova realidade, semellante á pintura de Maruja Mallo ou Urbano Lugrís. O libro treme dende a primeira páxina, constitúe unha chamada decisiva da gran literatura, que marca o ton de todo o relato. Aparece o estrañamento, o inhóspito, a prensenza do totalitario”. “Neste libro está isto e moitas cousas máis. A memoria colectiva. A aldea urbana, aldea oceánica, anfibia. O libro é unha auténtica caixa de sorpresas, onde hai un importante inventario de perdas. Como está moi pigmentado de pintura e da presenza de animais. Estilisticamente hai unha economía expresiva comparable á de Rulfo, Beckett, Cunqueiro ou o mellor Castelao narrador. Non hai dúbida que Manuel Rivas é un escritor de liña clara, o que o vincula a Tintín”.
Rematou Antón Patiño dicindo: “As voces baixas é un libro onde todo ten un recendo táctil, matérico. Unha marabilla”. “Manuel Rivas é un escritor postvangardista. Leva anos constituíndo a comunidade do pobo da noite, onde gravitan voces e sombras protectoras, que debuxan unha cartografía simbólica. Aquí, nestas voces baixas atópanse moitas das claves de toda a obra de Rivas”, foron as súas últimas palabras.
Hoxe Rivas estará en Ourense e mañá en Pontevedra, onde asinará exemplares e realizará novas lecturas d’ As voces baixas.
Onte 466: “Abecedario das mantenzas”, lembrando a Fausto Galdo
/en Autores, Gastronomía, Homenaxes, Onte, Presentacións, Xerais/por bretemasNa sede da Real Academia Galega celebramos a presentación do Abecedario das mantenzas. O acto constituíu unha intensa e emocionante homenaxe a Fausto Galdo, o seu autor, falecido o pasado mes de novembro cando a edición do libro estaba comezando a ser encadernada. Médico reumatólogo queridísimo, Galdo pertenceu a esa xeración de médicos humanistas coruñeses, irrepetible, que consideran o ser humano na súa integridade. Así foi lembrado na presentación por Cristino Álvarez, que encadrou esta enciclopedia gastronómica na estirpe das obras clásicas publicadas por Alexandre Dumas, Ángel Muro ou nos diversos dicionarios gastronómicos de Larousse.
Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou con emoción a Fausto salientado que “a pesar de non chegar a tempo para a presentación, estaba presente no acto”. Valorou, despois, “esta enciclopedia gastronómica galega como o auténtico testamento intelectual de Galdo. Aquí aparece todo o que ten que ver coa mantenza, toda a súa sabedoría. Faino de forma asequible, integrando con enorme xenerosidade os nomes de todos os que en Galicia escribiron sobre temas gastronómicos”. O profesor Barreiro insistíu na importancia do libro: “Isto é cultura galega. Non só por estar escrita en lingua galega. A cultura no seu fondo é a forma que a comunidade galega tivo de dar resposta as súas necesidades en forma de beleza. A forma que ten un pobo de comer é cultura. Con este gran libro Fausto Galdo fixo patria”.
Pechou as intervencións Faxildo Galdo, un dos fillos de Fausto, autor da ilustración de cuberta, realizando unha fermosa e moi emocionante biografía gastronómica do seu pai. Faxildo definíu o Abecedario das mantenzas como un “libro de gastrosofía”, lembrando ao seu pai como un “grande discutidor e escoitante”, no que o interese pola cultura das mantenzas, a pesar de que cociñaba pouco, foi un continuo na súa vida. Unha presentación inesquecible, na que o salón da RAG quedou pequeno.
El Ideal Gallego publica unha ampla crónica do acto e os xornais La opinión da Coruña e Faro de Vigo publican hoxe na súa última páxina unha ampla reportaxe sobre o libro.
No centro do mundo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Cultura, Deporte, Fútbol, Novidades, Política, Presentacións, Selección_Galega, Vigo, Xerais/por bretemasDedico o artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da aparición do libro Futbol es fútbol de Jacobo Buceta e da vitoria do Celta fronte ao Madrid, a criticar o relato centralista e reaccionario promovido pola caverna madrileña sobre as competicións de fútbol profesional.
Na presentación de “Fútbol es fútbol” (Xerais 2012) en Santiago de Compostela, Fernando Vázquez gabou o extraordinario humor co que está escrito o libro de Jacobo Buceta, ademais de insistir en que lle parecía insostible a actual estrutura dunha competición baseada na confrontación entre dous clubes, que reciben a maior parte dos cartos e atención das televisións, considerando ao resto dos equipos como meros comparsas ou figurantes. O seleccionador galego de fútbol –non esquezamos, tamén o adestrador do Celta que gañou dúas tempadas seguidas no Bernabeu– expresaba coa súa sutileza que era posible outra ollada do fútbol profesional en España, sen necesidade de centrar o foco na liorta entre madridistas e culés, semellante a desmitificadora que realiza no seu libro Jacobo Buceta.
No mesmo acto de presentación, o xornalista Xosé Hermida iniciou a súa intervención lembrando as palabras de Albert Camus, o escritor francés que xogara de porteiro, “todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol”. Hermida enxalzou despois o divertido “das historias deste animalario de xentes que pululan polo fútbol actual, clasificadas por arquetipos”, ademais de agradecer que o libro estivese escrito dende Galicia, “evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre Real Madrid e Barcelona, unha comedia interpretada sempre por persoas interpostas”. Vázquez, Hermida e Buceta insistiron, pois, na necesidade dunha nova ollada distanciada do relato centralista, máis equilibrada e orixinal, sobre o mundo do fútbol español, xa que hai moita vida e ilusións máis alá dese eixo Madrid-Barcelona.
Vinte e catro horas despois da magnífica presentación compostelá, o colosal partido de copa do Celta en Balaídos demostrou sobre a lameira o acertado das palabras dos tres oradores. Os de Herrera gañaron con claridade meridiana un partido no que foron moi superiores tanto na utilización das estratexias do xogo coma na intensidade da súa posta en práctica. Conducidos polo rigor excepcional no manexo dos tempos do seu capitán Borja Oubiña, os celestes foron capaces de reducir a arrogancia das figuriñas madridistas até transformalas en monecos caprichosos incapaces de entender o que lles estaba sucedendo. Os celestes reescribiron coas súas biqueiras o argumento de David contra Goliat, un dos relatos fundacionais da humanidade, o do asalto á fortaleza por parte de heroes humildes. Un argumento seguido en Balaídos con tanta verosimilitude, ao que nin sequera lle faltou o imprescindible elemento da fatalidade que supuxo o gol merengue nos minutos finais, un feito que deixa o castelo madridista menos ameazado e obrigará a un maior esforzo dos nosos no novo Chamartín.
Porén, semellante proeza futbolística galega foi considerada por algún medio da caverna mediática madrileña como unha manifestación “de paletismo de ardor nacionalista do Celta de Vigo, que nunca se repite contra o Barça, que é outro tipo de independentismo”, ademais da “típica patada ao destino desta nación sometida aos rexionalismos que á levaron á ruína, en plena época da globalización”. Semellantes barbaridades evidencian que para persoas como o seu autor, o xornalista Julián Ruiz, esta traballadísima vitoria celeste non ten cabida posible no seu relato único, onde equipos e afeccións “tan simpáticas” coma a celeste están apenas para baixar os brazos, deixarse golear, facer o corredor aos campións brancos e aplaudir abraiadas e “agradecidas” as carreiras e caneos de Cristiano e outras figuras fichadas pola “xenerosidade ilimitada” de Florentino. Un noxento relato reaccionario e fanático que oculta o brutal endebedamento do clube dos seus amores (tamén coa Facenda Pública), mais tamén os continuos privilexios horarios e “outras axudas” recibidas ao longo das competicións. Un relato deportivo centralista que admite modulacións aparentemente menos ferintes, como a da transmisión deste partido en Canal +, onde os locutores descoñecían os nomes dos nosos xogadores e confundían os dos estadios e cidades galegas, expresión simbólica de que para eles máis alá da capital todo semella terra conquistada.
Oubiña, Mallo, Aspas, Bermejo, Sergio, Krohn Delhi, Bustos e o resto de heroes celestes demostraron o mércores o seu protagonismo, evidenciaron que o Celta non é comparsa de ninguén e que Balaídos volveu ser o centro do mundo onde competir con dignidade cos rivais mais difíciles. Abondou confíar nas propias posibilidades e dosificar con intelixencia o esforzo que requiríu activalas. Como o apoio entusiasta que os xogadores recibiron demostra que o Celta é un patrimonio afectivo e identitario de todos e todas, por riba de calquera diferenza, sexa política ou xeracional, ou a pesar de calquera distancia física ou virtual. Ala Celta!
Onte 465: Cota de mercado do libro galego
/en Comercio do libro, Cultura, Economía, Edición, Editores, Onte, Promoción do libro/por bretemasDediquei a tarde a estudar os datos do informe de Comercio Interior do Libro en Galicia 2011, que presentamos esta mañá xunto ao Secretario Xeral de Cultura. Tempo haberá para comentar devagariño os datos dun traballo que ofrece unha radiografía bastante fiable do estado do sector da edición en Galicia e en galego no último lustro. Con todo, adianto apenas dúas cifras que me pareceron moi significativas: as vendas do libro editado polos editores galegos supuxeron en 2011 o 16,1% do mercado galego (27,16 millóns de euros); mentres que para o libro en galego foron do 13,1% (21,43 millóns de euros). Eis as dúas cotas do noso mercado. Dá moito que pensar.
Onte 464: Vixencia dos blogs
/en Blogaliza, Blogs, Blogs_e_libros, Lingua, Novidades, Onte/por bretemasA piques de finalizar o oitavo ano blogueando en galego de forma ininterrompida, continúo crendo que os blogs son a cerna da identidade dixital dos que participamos no procomún da rede. A irrupción da vertixe das redes sociais, informativas e profesionais semella que os foi colocando nun segundo plano, o que quizais provocou perda de audiencia e atractivo, mesmo a pesar de ser o soporte que utiliza de xeito máis xenuíno as utilidades do hipertexto. Porén, fronte a fraxilidade de Facebook e a inmediatez de Twitter, os blogs continúan sendo a referencia da memoria da rede, xa que en cadanseu arquivo gardan todo o traballo hipertextual do seu autor ou autora, unha utilidade aínda non substituída por ningún outro soporte. Ademais, os blogs son neste momento unha ferramenta didáctica e profesional imprescindible para compartir o traballo dixital. Razóns polas que para min é unha grande ledicia saber da incorporación recente á rede de blogs en galego de persoas tan amigas e tan admiradas como Agustín Fernández Paz ou Mercedes Queixas. Cadanseus blogs constitúen senllas alfaias valiosísimas para o hipertexto en lingua galega. Convido a visitalas decote. Benvidas e longa travesía!
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.