Onte 282: Martín Codax

A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.

Novo vídeo de Karpinha


Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.

«De primeira»

«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.

No Premio Xerais 2012

Quede no arquivo o vídeo da intervención do Premio Xerais 2012.

Onte 281: Serán poético en Viveiro

Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira.  Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.

Onte 280: «Atl», a distopía de Manuel Lourenzo

Despois de varios meses de intensa e concienciuda edición, chegaron os primeiros exemplares de Atl, a obra de Manuel Lourenzo González gañadora da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela. Este fermoso volume de 540 páxinas e encadernación acartonada contén un texto no que se propón un novo achegamento á Atlántida, o continente perdido, dende perspectivas que van dende a historia e o mito, até a crónica e a fábula. Esta é unha engaiolante novela de acción, de lectura moi áxil e entretida, mais tamén unha coidadísima e complexa obra de ficción científica na tradición das mellores obras do xénero. Unha distopía que retrata de forma minuciosa e verosímil outra sociedade posible, na que se lle outorga moita importancia á política, ao desenvolvemento tecnolóxico postdixital, á ciencia e o coñecemento, a relación coa natureza, así como as formas de vida cotián, nas que existen escasas posibilidades para a iniciativa persoal. Revísanse así, os grandes temas da condición humana e da organización social nun espazo, que o autor sitúa «nalgún mar do noso interior máis profundo», e nun tempo futuro que pode ser calquera nese continente perdido. Neste momento de desconcerto e desacougo sobre o futuro,  a reflexión que Atl propón sobre a deriva dunha sociedade futura é de enrome interese. Sen dúbida, Atl é unha novela importante na traxectoria solidísima do autor, froito dunha década de traballo, mais tamén creo que marcará un fito na narrativa galega do século XXI. Parabéns!!!

Onte 279: Paíño, o pichichi rebelde

Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones  y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba  criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!

Onte 278: Bernardo García Cendán in memoriam

Magooume o pasamento de Bernardo García Cendán. Coñecino da man de Agustín Fernández Paz, que o tiña por irmao maior. Grande lector, Bernardo presentou moitos dos nosos libros en Vilalba e Lugo con mestría. Admirei sempre a súa cordialidade infinita, a súa disposición incondicional, o seu verbo preciso, a súa cultura extraordinaria, a súa actitude permanente de escoita e abrazo. Asocieino sempre a Fuxan os Ventos, quizais por que foi un dos autores dalgunhas das súas cancións; coa revista Encrucillada, da que foi un dos seus principais animadores durante décadas e coas súas columnas xornalísticas, «Cartas a Antón», que publicaba n’ A Voz de Vilalba. Bernardo foi un auténtico esteo de solidariedade e axuda para todos os membros da súa comunidade. Un profesor queridísimo polo seu alumnado. Un home bo, xeneroso sen límite. Deixa saudades moi gratas. Con todos os abrazos para os seus.

Onte 277: Carteiros en folga

Os carteiros do meu barrio están en folga. Protestan pola redución de trece prazas do cadro de persoal da cartaría da Alameda. Apenas 39 persoas ocúpanse do reparto diario dunha zona onde viven 184.000 persoas, o que supón, nalgúns casos, até 1.400 envíos por xornada e traballador. Os carteiros non reivindican melloras salariais, senón o mantemento do cadro de persoal e  a cobertura de baixas e vacacións, para asegurar a calidade deste servizo público básico. Os recurtes das políticas públicas, a privatización dos servizos postais e a profunda mudanza dos procedementos de comunicación interpersoal (os telegramas desaparecen e as cartas persoais van por idéntico camiño) son factores que ameazan o futuro do correo público. No obstante, como reivindican os carteiros do meu barrio, a existencia dun servizo postal universal é unha condición imprescindible para asegurar a equidade entre todos os cidadáns e todos os territorios. Non é pouca cousa a que se dirime nesta folga!