Onte 291: Castelao na Unión Soviética

Presentamos Castelao na Unión Soviética en 1938, o libro no que don Xesús Alonso Montero defende o filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. Como xa é adoito nas súas presentacións, o Profesor ditou unha conferencia sobre os principais contidos do libro. Comezou relatando a viaxe que realizou o rianxeiro, acompañado da súa dona e durante vinte e seis días, a tres repúblicas da Unión Soviética, formando parte dunha delegación plural que representaba á España leal. Logo, analizou os dous textos principais incluídos no libro: a entrevista preparada por Luís Soto para a revista Nueva Galicia –para don Xesús escrita polo propio Castelao– e a carta ao seu amigo Rodolfo Prada, que achega interesantes matices para comprender o seu esquerdismo durante este período. O carácter táctico da colaboración do Partido Galeguista coa Frente Popular, coa intención de acadar a Autonomía, estratexia na que acreditaban Castelao e Bóveda, e a influencia da teorización de Stalin no concepto de nación acuñado en Sempre en Galiza foron outros dos temas principais abordados con afán didáctico por Alonso Montero na súa clarificadora intervención.

[Alfonso Paz-Andrade na presentación de «Castelao na Unión Soviética en 1938», 25 de xuño de 2012]

Os libros son a creación máis egrexa que fixo a humanidade. Os libros son a soá dunha cultura que ha ser modulada pola lingua.

Un Son

Excelente peza creada en «stop motion» por un equipo de alumnas de 3º de ESO do Colexio Andersen de Vigo. Un modélico proxecto de educación musical e de posta en valor da lingua galega. Merece ser divulgada. Parabéns.

Onte 290: #ForzaLugo

Tras vinte anos o C.D. Lugo regresa a Segunda División A. Despois dun partido épico fronte a un rival durísimo, que conta cunha afección incansable, foi a grandeza emotiva dos penaltis a que certificou un ascenso que o equipo branquivermello xa debeu acadar por calidade de xogo a pasada tempada. O do Lugo de Quique Setién, xunto ao do Deportivo, Celta e do Ourense, é o cuarto ascenso dunha tempada soñada para o fútbol galego. Gocemos destas horas de ledicia efémera e agardemos que a vindeira tempada celebremos os ascensos do Pontevedra e Racing de Ferrol.

A encrucillada de NGB

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a encrucillada de Novagalicia Banco. Creo que o Parlamento Galego debe  investigar decontado o que sucedeu no proceso de fusión das caixas e propoñer as mellores solucións para os intereses xerais de Galicia.

Unha cantidade importante do rescate de 62.000 millóns de euros que o reino de España solicitará aos fondos europeos para sanear o sector bancario irá destinada ás entidades nacionalizadas, entre as que se atopa Novagalicia Banco. Efectivamente, o banco nacido da fusión das dúas caixas galegas, tras recibir do FROB máis de dous mil millóns de euros, que situaron a participación pública no 90,3% do seu capital, recibirá agora unha nova inxección por determinar, entre os sete e os dez mil millóns, para sanear de vez os seus “activos tóxicos inmobiliarios”, a maior parte deles situados fóra de Galicia. Unha nova recapitalización pública que debería despexar de forma definitiva as dúbidas existentes sobre o futuro dunha entidade que, a pesar da súa crise e inevitable deterioro recente da súa imaxe, mantén unha (elevada) cota do 40% do mercado bancario galego.

Neste enleado proceso da fusión e reestruturación das nosas caixas de aforro, no que tan decisivas foron as circunstancias persoais dos seus altos directivos e os intereses políticos de PP e PSOE, no que mesmo xa perdemos a continuidade e a fidelidade do relato do acontecido, semella que para o Banco de España chegou a hora da verdade. Resumindo moito os protocolos financeiros, a autoridade supervisora deberá escoller entre dúas grandes opcións: ou ben Novagalicia Banco continúa en solitario como banco público cunha participación privada minoritaria (como propón o plan do seu actual equipo directivo) ou ben será adquirido por un dos tres grandes bancos por medio dalgún procedemento de subasta (sexa pura ou en concorrencia competitiva con participación privada).

Sen menoscabo de cómo finalmente se resolva este proceso de capitalización –clave para o futuro da entidade, para o seu cadro de persoal cada vez máis minguado, como para o conxunto da economía galega nunha coxuntura de recesión e clave mesmo para a existencia de Galicia como feito político diferenciado–, Novagalicia Banco non pode continuar coa venda nos ollos e debe enfrontar a crise provocada pola venda de participacións preferentes, polas indemnizacións e pensións millonarias percibidas polos directivos de ambas as dúas caixas matrices, como polo futuro incerto da obra social e cultural do que foron as caixas. Tres cuestións esenciais para o futuro de NGB xa que dunha ou doutra maneira afectan a milleiros e milleiros dos seus clientes, perplexos e decepcionados diante da xestión dunha entidade na que confiaron, a maioría ao longo de toda a súa vida, tanto as súas nóminas e aforros como a compra dos seus produtos financeiros.

O engano no caso da venda de participacións preferentes por parte tanto de Caixanova como de Caixa Galicia (como doutras caixas) do que foron vítimas moitos milleiros dos seus clientes evidencia a opacidade (por utilizar un eufemismo piadoso) coa que durante a década da burbulla inmobiliaria e da economía de casino foron xestionadas estas entidades que utilizaron sen prexuízos este produto para aumentar o seu capital. Un problema que de non ser resolto decontado, ademais de arruinar a unha parte dos seus clientes (a maioría pequenos aforradores e xubilados), funcionaría coma un lastre sobre a credibilidade do novo equipo de xestores. Outrosí sucede coas indemnizacións e pensións millonarias ao persoal de alta dirección das vellas caixas que grazas á mobilización cidadá e sindical están sendo retidas e supervisadas polo Banco de España coa intención de valorar se foron aprobadas de acordo a dereito.

O caso do futuro de Novacaixagalicia, que ten na actualidade unha participación en NGB de só o 6,84% e xestiona a maior parte da Obra Social e Cultural, aínda é máis preocupante xa que a recapitalización do banco a deixaría na insignificancia ou no caso da subasta ao borde da súa desaparición. A reformulación decontado do seu estatus como “Fundación de carácter especial” como a renovación dos seus órganos de goberno, nos que aínda permanecen os xestores de toda a vida, semellan imprescindibles para manter polo menos a súa actividade nos servizos sociais de atención a maiores e persoas con dependencia, así como para conservar o seu valioso patrimonio inmobiliario e artístico.

Diante da encrucillada na que se atopan Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, a cidadanía ten dereito a coñecer con todo detalle qué pasou ao longo deste proceso de reestruturación e qué pode suceder no futuro. Ningún lugar mellor que o Parlamento de Galicia, onde traballan os representantes do pobo galego, para investigalo, para esixir responsabilidades se as houbese e para propoñer as mellores solucións para os intereses de Galicia. Agardar para facelo á resolución do dilema, como propón o presidente da Xunta, coincidindo co remate da lexislatura, pode ser xa moi tarde.

 

Onte 289: Lume novo

Tras ver o partido do equipo de Del Bosque, compartimos coa familia en Bembrive as primeiras sardiñas do verán e o lume novo. Non deixa de ser paradóxico que o rito purificador das fogueiras, nas que queimamos o vello, o fanado, o estragado ou o gastado polo tempo, recuperen parte do seu pulo (simbólico) a esta altura do século XXI, cando as tecnoloxias dixitais e os plásticos reinan nas nosas vidas. Miña nai lembroume que en 1965, tal noite coma de onte, dous días antes de dar a luz a miña irmá máis nova, saíramos de paseo a participar nas fogueiras do barrio noso, que daquela os mozotes preparaban no bulevar do Paseo de Afonso e nas chairas do Berbés e do Campo de Granada. Non puiden evitar un aceno de melancolía saudosa daquel tempo de infancia, mentres pasmabamos co engado do noso lume novo. Feliz verán!

[Ángel Gabilondo, «Darse a la lectura», RBA 2012]

Ler é demorarse. Unha das condicións fundamentais para ler é non sentirse plenamente satisfeito. Ler é sempre buscar, aínda que non exactamento o xa coñecido.