Escollo o galego

Tras dúas semanas de descanso, reanudamos a xeira de publicación dos artigos de Campo de Granada en Faro de Vigo con esta achega ao fío da publicación do libro de Carlos Callón Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o Tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.

Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.

No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.

En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.

Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.

Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.

A crise do busiño

O luns, 8 de agosto, publiquei en Faro de Vigo o derradeiro artigo semanal da tempada. Que quede aquí para o arquivo.

Fundación Premios da Crítica Galicia

Hoxe participei na constitución da nova xunta directiva da Fundación Premios da Critica Galicia, un proxecto do galeguismo integrador que non podía crebar a súa andaina despois do seu funcionamento ininterrompido dende 1978.

Os reunidos acordamos nomear a seguinte xunta directiva: presidencia, Bieito Ledo; vicepresidencia, Antón Pulido; secretaría, Manuel Bragado; vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó; vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela.

Ademais, tras analizar aspectos relativos ás características de cada unha das modalidades, acordamos que o fallo dos premios correspondentes ao ano 2011 realizarase na cidade de Vigo o serán do 22 de outubro. O 26 de agosto celebraremos en Compostela unha nova xuntanza.

Feira do Libro da Coruña 2011, os actos de Xerais

Hoxe abre a feira do Libro da Coruña, a máis importante do ciclo anual organizado pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais organiza os seguintes actos de presentación aos que estades convidados.

  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas. Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón. Participan: Xabier P. DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.

«Como defenderes os teus dereitos lingüísticos», presentación en Festigal

Presentación do libro “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” from Redelibros on Vimeo.

Grazas aos amigos de Redelibros por realizar a gravación completa da presentación no Festigal (serán do 24 de xullo) de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, o libro máis recente de Carlos Callón.

Cuestión de confianza

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da convocatoria de xerais, reflexiono sobre os retos de rexeneración democrática e o discurso do falso pensamento positivo.

Vencido polos mercados e apurado por Rubalcaba, Zapatero decidiu acurtar a agonía e convocar eleccións para o 20-N. Apenas pasara unha hora do anuncio de quen fora o home máis optimista de España, cando Mariano Rajoy tomou a remuda como líder do pensamento positivo asegurando que a saída da crise é apenas unha “cuestión de confianza”. Segundo quen será, moi probablemente, o próximo presidente, co seu goberno volverá a confianza, axiña fluirá o crédito bancario e mellorarán as cifras de desemprego. Unha receita elemental para un electorado ao que se pretende identifique a saída da crise co cambio ofrecido polo Partido Popular, sen máis sacrificios impositivos, sen máis perda de emprego, sen máis rebaixas salariais para os funcionarios e mesmo sen recurtes sociais… O pasado venres Rajoy abrazou a estratexia optimista que Zapatero abandonou aquel fatídico 9 de maio de 2010, cando anunciou o recurte fiscal dos 35.000 millóns de euros, presionado polos bancos e polos líderes da Unión Europea. Outra vaca no millo!

Estes falares optimistas de Rajoy terían escasa transcendencia se non coincidisen, a mesma mañán, coa publicación do informe do Fondo Monetario Internacional sobre a evolución da economía española e co anuncio dunha probable rebaixa da cualificación da débeda española por parte dunha das axencias de rating. Anuncios que agoiran novos e moi severos recurtes a realizar polo novo Goberno. Tomemos nota. Se o FMI pretende que España reduza máis a factura dos seus funcionarios públicos, o Goberno só o poderá conseguir cunha nova rebaixa salarial ou cunha redución dos seus cadros de persoal. Se ao FMI a rebaixa recente da indemnización por despido improcedente a 21 días lle parece insuficiente, o próximo Goberno acometerá unha nova reforma laboral. Se o FMI propón aumentar o capítulo dos ingresos, é probable unha nova subida do IVE e do imposto sobre as gasolinas. En definitiva, non parece difícil imaxinar que estes recurtes preñados polo FMI serán o solimán que dosifique o novo Goberno a comezos de 2012, sen descartar a hipótese de que deba adiantalos in extremis o propio Zapatero, xa que aí están os monstros da crise orzamentaria americana e da subida das primas de risco española e italiana. E sabemos que o novo executivo non terá dificultades en xustificalos co argumento de que o “o estado das contas públicas era aínda peor do previsto”.

Con estes agoiros da existencia dun programa económico agochado, compartido polos dous partidos de quenda e concibido ao ditado dos mercados de débeda, non é doado agardar unha campaña electoral entusiasta. Mais aínda, cando estes anuncios o que procuran é a resignación dos membros do grande partido conformista, o da indiferencia e o fastío co desprestixiado rito da política parlamentaria. Mais non debería ser este tempo de desolación, senón de mobilización cidadá e corresponsabilidade participativa, xa que nestas eleccións dirimiranse cuestións esenciais para o futuro das políticas públicas e temas principais para o devir do autogoberno galego. Non desbotemos a posibilidade de que unha lexislatura con maioría absoluta popular supoña unha recentralización do modelo autonómico, como propoñen algúns medios xacobinos, avalados polos argumentos da redución do déficit e da eficacia na xestión orzamentaria, nin desbotemos a sospeita doutro adiamento dalgunhas das infraestrutras básicas en obras, nomeadamente os AVE do Eixo Atlántico e da Meseta.

Se isto todo non abondase, estas xerais deberían supoñer un xiro rexenerador da actividade política. Así o veñen reclamando o movemento dos Indignados e iniciativas políticas apartidarias como BenComún que deberían ser moi tidas en conta. Non esquezamos que medidas de transparencia pública, de participación cidadá, de racionalización das administracións, de comportamento ético dos cargos públicos ou de supresión dos seus privilexios constitúen parte do ADN da saída da crise. Medidas que deberían entrar na axenda dunha campaña electoral decente, austera, onde o financiamento dos partidos fose transparente; onde todas as candidaturas tivesen posibilidade de debater as súas posicións e contasen cun tratamento equitativo nos medios de comunicación. Un campaña en clave galega, que situase á cidadanía no foco da actividade política, cunha participación activa nas redes sociais na valoración das propostas programáticas e dos compromisos co país que asumen cada unha das candidaturas.

A cuestión de confianza non atinxe, pois, os asertos do pensamento positivo da mercadotecnica política, como á mobilización cidadá que de forma consciente e corresponsable escolle as medidas estratéxicas para enfrontar un tempo decisivo para a sociedade galega no social, no económico e no político.

Café de redacción en «Xornal de Galicia»

Non sei como debeo agradecer a Xornal de Galicia a deferencia de ter organizado un Café de redacción comigo. Máis aínda cando estiven acompañado por xenerosos amigos de meu como Camilo Nogueira, Xabier DoCampo, Manuel M. Barreiro e Óscar Sánchez e de catro profesionais do xornal como a directora María Val, o subdirector Xabier Blanco, o responsable de Cultura Iago Martínez e a fotógrafa Sonia Daponte.

A eles oito a miña maior gratitude polas dúas horas de conversa tan fluída e (permitídeme a inmodestia) interesante sobre cuestións de actualidade política, edición, lectura, lingua, educación e mesmo un pouco de fútbol en clave galega.

O traballo de transcrición e síntese, moi traballado por Iago Martínez, quedou magnífico. Eis os enlaces dos tres grandes apartados e o retrato de IM e o editorial do xornal («Entusiasmo nos malos tempos»):

Galicia desacougada

No artigo da semana de Faro de Vigo, coincidente co 25 de xullo, propoño unha reflexión sobre a actual situación política de Galicia.

Galicia chega a este 25 de xullo, o seu día nacional, desacougada e cun pulso máis baixo ca noutrora. Coa excepción da luz que provocou durante uns días na conciencia colectiva o movemento dos Indignados, semella que as incertezas e medos provocados pola crise financeira do euro (que sabemos agocha unha crise estrutural máis profunda) e pola escasa iniciativa política, tanto do actual Goberno Galego conservador como da súa oposición parlamentaria, impiden albiscar escintileos de esperanza que se puidesen enxergar no horizonte.

As cifras e os indicadores estatísticos non axudan a atopar razóns para o entusiasmo sobre o futuro do país noso. Ao longo do último ano, o paro afectou a un cuarto millón de galegos e a taxa de desemprego superou o 17%, cifras elevadísimas que sitúan a nosa como a terceira comunidade na que máis emprego se destruíu. O número de Expedientes de Regulación de Emprego medrou de forma notable en todos os sectores produtivos, con singular incidencia nos da automoción, a construción naval e pesca, eidos industriais de noso que arrastran dificultades estruturais de viabilidade por mor das limitacións dun ou doutro tipo que impón a normativa da Unión Europea para o seu funcionamento. A anemia demográfica non cesa e Galicia continúa liderando a perda de poboación en España, volvendo diminuír en 2010, por segundo ano consecutivo, o número de nacementos; crise agudizada nas provincias de Ourense e Lugo onde o número de defuncións duplicou o de nacementos. Sangría poboacional agravada polo incremento da emigración, sobre todo a dos membros da “xeración perdida” –estimada xa en máis de vinte mil persoas, entre 25 e 35 anos, unha barbaridade!–, e pola oferta escasa para poboación inmigrante, fóra do sector do coidado a persoas maiores e dependentes.

Dende a súa toma de posesión o actual Goberno Galego apostou por un modelo de xestión por coiuntura, acomodando a súa axenda á confrontación sistemática coas actuacións do Goberno bipartito (audis, lingua, reparto eólico…) e co agotado e errático Goberno Zapatero (financiamento, desaparición das caixas, xenéricos…). Unha estratexia deseñada en clave de partido, que achegou réditos mediáticos ao presidente Feijóo, convertido pola prensa conservadora madrileña no príncipe da “austeridade” futura e no azoute dos excesos nacionalistas, mais que ameaza deixar o noso país en poucos anos nun auténtico ermo. Abandonadas as crenzas galeguistas dos gobernos de Fraga e transformada Galicia en laboratorio da recentralización prometida por Rajoy e deseñada por FAES, a ninguén pode estrañar que o Goberno Feijóo se desentenda de enfrontar a xestión estratéxica, e polo tanto en clave de país e con elevadas doses de consenso entre os partidos, que require cuestións, entre outras, como a crise industrial atlántica, a reorganización territorial e administrativa, a reinvención das formas de vida da Galicia interior ou o futuro da lingua e cultura galegas como patrimonios que a humanidade deixou ao noso cargo.

Mais tampouco a oposición parlamentaria foi capaz ao longo destes dous anos de lexislatura de mobilizar á cidadanía co aliciente das súas propostas. Sen liderado claro en ningunha das dúas formacións e sen posibilidade de conformar unha alternativa crible para a cidadanía, os actuais responsables do PSdeG-PSOE e BNG asumen de facto que, neste momento, o seu primeiro obxectivo é o de conservar as súas posicións institucionais e manter as súas estruturas partidarias. Unha mesma estratexia conservacionista de coiuntura, incapaz de agochar a crise profunda de dúas formacións minadas polos fracasos electorais recentes. Se queren evitar caer no precipicio da irrelevancia e mesmo, no caso do BNG, da desaparición institucional, os socialistas e nacionalistas precisan reinventar o seu discurso programático e a súa estratexia de comunicación con toda a sociedade galega.

Presentado así o panorama, o balance non pode ser máis desacougante para un país que se afixo a vivir en permanente estado de desánimo colectivo. Como xa sinalabamos o pasado ano, para saír desta situación de desacougo e melancolía paralizante, Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía en clave de país –traducidas politicamente na fórmula de “máis autogoberno, máis consenso, máis cidadanía”– que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como veñen demostrando Cataluña e Euskadi, non se resignan a que outros decidan por elas. Estou convencido que tamén esa é a mellor solución para Galicia. A crise financeira, política e social actual obriga a reinventar o proxecto nacional de Galicia no marco europeo. Quizais sexa a nosa derradeira oportunidade.

As fotografías de Ricard Terré

No artigo da semana en Faro de Vigo recomendo moi vivamente a exposición antolóxica do fotógrafo Ricard Terré aberta na sede da Fundación Barrié en Vigo.

Tras “Os adeuses” de Alberto Martí, a sede viguesa da Fundación Barrié acolle outra exposición para non perder, “Ricard Terré. Obras maestras”, unha antoloxía de máis dun cento de pezas do fotógrafo afeccionado catalán instalado en Vigo. Acompañada, ademais dun catálogo de coidada edición (magoa do seu prezo elevadísimo), onde destaca a completísima cronoloxía preparada por Laura Terré, esta exposición da Barrié permite ao público vigués gozar do traballo deste grande fotógrafo humanista, artesán da sutileza compositiva, cazador de emocións e olladas, indagador discreto da esencia da condición humana, modernizador rotundo da linguaxe da fotografía documental nun tempo de silencio. Unha antolóxica que, despois do seu falecemento hai apenas dous anos, volve reivindicar en Vigo a figura principal de Terré, de quen xa en 1991 Manuel Sendón e José Luís Suárez Canal prepararan unha exposición visitadísima na Casa das Artes e a quen Manuel Sendón dedicara un pioneiro achegamento biográfico e un estudo da súa obra nas páxinas de Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionda en Galicia (1950-1965) (Xerais 1999).

Chegado a Vigo en 1959, onde se instalou por razóns familiares e onde montou Spica S.L., un pioneiro comercio de electrodomésticos e de aparellos de alta fidelidade, situado en Gran Vía 6, Terré realizou en 1961 a súa primeira exposición na cidade nosa en Foto Club, a tenda de material fotográfico e de molduras da rúa do Príncipe que dispuña dun pequeno espazo dedicado á exposición de pintores locais. Aquela mostra alboral, na que Terré amosaba a súa vontade inequívoca de fuxir do clasicismo bucólico, característico da fotografía dos salóns de afeccionados do seu tempo, foi visitada por todo tipo de público, demostrando que a fotografía podía interesar a calquera persoa con inquedanza artísticas. Un fito que, ademais de poñelo en contacto con intelectuais como Fernando Alonso Amat, Alexandre Cribeiro, Pepe Bar Boo ou Méndez Ferrín, supuxo para Terré algúns encargos profesionais como o que lle fixo o alcalde Rafael J. Portanet de decorar a gasolineira da Praza de España ou a sala de xuntas da Zona Franca. Un traballo como muralista fotográfico no que chegou a preparar 144 pezas para empresas e mesmo casas particulares viguesas, nas que nunca renunciou ao seu carácter gráfico e a introducir en cada peza unha citación poética ou irónica, senllos riscos de toda a súa obra.

Fora en Vigo, tamén, onde cinco ou seis anos antes, durante os veraneos coa súa dona viguesa, comezará a interesarse pola fotografía, ao que non foi allea a amizade familiar co xoieiro Rainiero Fernández, outro fotógrafo “amateur” que o familiarizou coa técnica fotográfica e o introduciu nos círculos da Agrupación Fotográfica Gallega de Vigo.  No en tanto, cando Terré se instala de forma definitiva en Vigo, xa é un fotógrafo feito, que ten acadado prestixio de seu nas exposicións colectivas organizadas en Barcelona pola Agrupación Fotográfica de Cataluña, formando parte do grupo TMM (Terré, Miserachs, Masats). Así se demostra nesta antolóxica comisariada por Chema Conesa en pezas memorables como as da Semana Santa de Sant Boi, a reportaxe do circo ou os retratos roubados nas rúas de Barcelona, onde a súa ollada irónica e o seu afiadísimo sentido do humor equilíbranse cunha tenrura tan elegante capaz de descubrir nas persoas comúns, as máis humildes, aquilo que non se ve ou o fotógrafo por pudor e respecto deixou fóra do seu foco.

Outrosí sucede coas reportaxes realizadas na Galicia tradicional, un dos seus espazos preferidos. Singular importancia teñen na exposición algunhas pezas rescatadas da romaxe de Santa Marta de Ribarteme, fotografada por Terré até nunha ducia de anos cunha intención inequívoca e honesta de deitar unha ollada que na escenificación do tránsito da morte enxergase a esencia do humano. Esa é a intencionalidade sobranceira de todo o seu traballo, procurar os espazos da alma, ese espírito do humano que constitúe a esencia fundamental que permanece no tempo. Quizais fose esa a razón pola que Terré non quixo modificar nunca a súa técnica ao longo de toda a súa andaina (utiliza sempre o mesmo material, película Ilford de 400), renunciando a empregar a cor, procurando a maior simplicidade, xa que para el unha foto é apenas ese medio capaz de deter o tempo e limitar un espazo para amosar o que á maioría das persoas pasa desaparecibido. Nese enfoque humanista, ao noso artista non lle interesa o caso concreto, retrata os vellos ou os picariños, os ataúdes, os exvotos, as túnicas relixiosas ou os disfraces inquedantes do entroido, para identificar nese espazo do dramático o adn universal do ser humano. Recomendo moi vivamente visitar esta exposición, aberta até o 30 de outubro. Conmovedora e emocionante.