«Libro aberto», noutro horario, por favor!

Na madrugada de onte comezou outra nova tempada de Libro aberto, o magnífico programa de libros da TVG. A verdade que son de agradecer as mellores introducidas, sobre todo a de levar o programa fóra do plató (a entrevista a Manuel Rivas gravouse na imprenta Litonor de Santiago) a espazos vencellados coa cultura do libro. No entanto, resulta decepcionante o horario do programa, nada menos que a unha e media da madrugada do domingo para o luns. Hai que ser un auténtico heroe para manterse de pé a esas horas agrandando toda unha semana de chollo. Xa sei que me van dicir que se pode ver en Internet (mais hoxe luns á tarde, cando escribo esta anotación, o programa de onte aínda non subiu á rede). Nunca entenderei a teimosía dos programadores da TVG de ubicar este programade indubidable interese para máis de vinte mil persoas a esas horas. Non sería posible adiantalo un chisquiño, por favor!

Bravo, Suso!

O artigo de Suso de Toro de hoxe na tribuna de El País sobre a figura de Steiner volve ser oportunísimo. Estou con Perfecto Conde, é moi recomendable.

Cultura democrática

No artigo da semana reflexiono sobre a implantación das tres materias de «Educación para a Cidadanía» que para min teñen como obxectivo primeiro o desenvolvemento dunha cultura democrática.

Steiner, non é todo ouro de lei

Ten razón Xabier Cordal, as desculpas de Steiner están cargadas de dinamita. Se ben «pide sinceras disculpas» e admite que as súas declaracións sobre o galego foron froito dun «comentario irreflexivo», a continuación afirma que a súa foi «unha resposta ó chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España», o que non ven máis que agravar a polémica. Que entende o profesor de Cambridge por «chauvinismo rexional»? Para el o uso das linguas oficias españolas ameaza a «unidade de España»? Hai veces que é mellor ter a boca calada, xa que se pretendía desculparse por «irreflexivo», agora este comentario máis meditado semella moito máis grave (considerar as linguas oficiais españolas como ameaza é outro disparate). A verdade é que os prexuízos culturais e a visión política deste señor non dan máis de si. Creo que é estéril continuar tirando dese fío, ben sabemos que non é todo ouro de lei.

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia as recomendacións que diversas persoas da cultura galega fariamos ao señor Steiner para desmontar os prexuízos sobre a nosa literatura. Un interesante canon espontáneo das nosas letras.

Actualización (21-09-2008): «Steiner, no; nosotros», Suso de Toro. Un artigo moi recomendable e clarificador.

Libros baixo demanda

Así funciona a impresión baixo demanda. O da edición dixital impresa é un camiño sen volta que pode asegurar a edición democrática de libros con tiradas inferiores ao centenar de exemplares ou impresos baixo demanda dos lectores.

Vía Leroy Gutiérrez.

Desculpas

Dende onte arrastro problemas con blogger (dá un erro ao gardar automaticamente) que levan a que as entradas queden todas datadas no día 17 de setembro. Como podo solucionalo? As miñas desculpas.

Esperpento

Impresionante! A noticia é mellor que a maioría das páxinas de humor de Ozú! Esta xente toleou de tanto reiterar a súa mentira.

Vigo, a cidade perdida

Opaco montou este formidable álbum de Picassa no que se recollen duascentas fotos dos arquivos dos fotógrafos vigueses da memoria (Prosperi, Pacheco, Llanos, Magar). Unha fonte de memoria para a nosa cidade de sal. Beizóns.
Hoxe recuperamos unha foto do bulevar da Gran Vía, a comezos do 70. (Premer na imaxe para vela máis grande ou velo como montaxe de diapositivas).