Lándoa

Lándoa. Marxes de texto é un blog a seguir. Recoméndoo vivamente.

Homenaxe a Francisco Taxes

Este serán homenaxereamos a Francisco Taxes na Coruña. Unha oportunidade para lembrar ao autor d’ O velorio e doutras pezas primeiras do teatro galego da segunda metade do século XX. No acto participarán o seu fillo Xurxo, Ramón Nicolás, Manuel Rivas e Ánxela Bugallo.

Para entender a crise

Este traballo de Joseph Stiglitz, nun día coma o de hoxe no que se desploman os mercados financeiros, axuda a entender as razóns desta crise profunda do capitalismo especulativo. Para o Premio Nobel en Economía de 2001 o problema principal da economía estadounidense é que dedicou pouco esforzo a administrar os riscos reais importantes, mentres que fixo moitos máis na creación de produtos financieiros que aumentan o risco: «Gastouse demasiada enerxía intentando facer diñeiro fácil; dedicouse moito esforzo a aumentar beneficios mentres non se dedicou o suficiente para aumentar a verdadeira saúde, se a saúde ven da produción ou das ideas novas». O fracaso dos mercados, responsables de asignar capital e administrar risco, é estrepitoso. «Nos últimos anos, os mercados financeiros crearon un casino de ricos xigante, no que xogadores potentados poden facer apostas de billóns de dólares contra outros. Estou entre os que cren que debe permitirse ás persoas adultas gran liberdade no que fagan, mentres non prexudiquen a outras. Mais velaí a fricion. Eses dilapidadores non se xogan os seus propios cartos. Tamén xogan o doutra xente. Poñen en risco todo o sistema financeiro, isto é, todo o sistema económico. E agora todos pagamos o prezo.» Máis claro, auga.

Xosé González Martínez: diálogo e paciencia

A entrevista a Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador, que traballa na galeguización do mundo da empresa, expresa posicións moi realistas sobre a actual situación do proceso de normalización lingüística. «Pepiño de Redondela», un veteranísimo traballador das causas da nación e da lingua, insiste nesta entrevista na idea de pasar do ensino á economía o foco do traballo normalizador: «Os profesores de galego non teñen que ter como obxectivo formar escritores ou poetas, senón axudar a desenvolver unha vida profesional en galego. Por iso penso que especialistas en dereito e empresa, sociólogos e non filólogos, son os que teñen que atender prioritariamente ese labor porque son os que entenden de métodos e prospeccións, e saben da lexislación e das maneiras de aplicala. O futuro do galego está na economía e na empresa e iso esixe renunciar a tantas actitudes de arrebolar con pequenos conflitos que son unha perda de enerxía». As receitas de González para saír da encrucillada actual son ben sinxelas, diálogo constante e moita paciencia: «a lección que sacamos [refírese ao traballo con empresarios realizados dende o Foro] é que hai que ser máis flexíbeis e saber que sen paciencia non se consegue nada en política lingüística».

Campo do Fragoso LXV

DEPRIMENTE PECHACANCELOS
Tras esta nova derrota, xa non temos dúbidas: este Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez é un equipo moi frouxiño, sen intensidade anímica ningunha, sen unha concepción orixinal e áxil do xogo e, o peor de todo, sen vimbios de calidade suficientes que permitan albergar esperanza ningunha. A moitos seareiros puideron parecerlles inoportunas ás declaracións realizadas durante a semana polo indolente adestrador andaluz; mais, sufrindo o xogo deprimente que realizaron os seus pupilos onte na lameira de Balaídos, debemos recoñecer que eran absolutamente realistas e sinceras: “o obxectivo deste Celta non é o ascenso” porque, desgraciadamente (aos pésimos resultados hai que aterse) a súa única aspiración é intentar non desaparecer como club. O partido fronte ao Nastic de Tarragona, mui ben dirixido polo ex-céltico Jandro (el só toleou a todos os nosos centrocampistas e defensas), foi un novo episodio dun pesadelo que, agora con novos protagonistas, se ven repetindo ao longo do último ano. Na primeira parte, os celestes dominaron o encontro e estragaron as súas oportunidades. Dani Abalo fixo un par de boas internadas pola súa banda que non atoparon remate, Ghilas outra moi perigosa (que puido ser penalti) e Trashorras un lanzamento lonxano (que semellaba gol). Aí rematou o noso perigo. A segunda foi toda dos cataláns que deron un auténtico baño aos galegos. Coa lección ben aprendida do anterior partido co Girona, deixaron que o Celta marease a pelota con escasa profundidade, á esculca da oportunidade de destrozar co seu contraataque a un equipo que sabían que cando recibise un tanto se desfaría coma un xeado. Así foi punto por punto. Xa aos catro minutos da reanudación tiveron unha oportunidade enorme, que cinco minutos despois o velocísimo Dipo xa non desperdiciaría. Co marcador en desavantaxe, e como sucedera hai dúas semanas, Murcia tardou case vinte minutos en reaccionar e introducir os seus trocos. A pesar de que Dinei (substituíu a un nulo David) rematou nunha ocasión ao longueiro e Noguerol (o mellor dos celestes) subiu algunhas boas pelotas á área, o encontro quedou con todo o peixe vendido cando no minuto corenta N’Gal batiu a Notario. A preguiza coa que Pepe Murcia dirixiu o encontro amosa que se sabe fugaz ave de paso. Quizais, durante algunhas xornadas, as estreiteces da lei concursal o poidan salvar, mais tal como van as cousas (o Celta despois de moitos anos está de pechacancelos) semella a pé feito que lle corresponderá a Alejandro Menéndez, o actual adestrador do Celta B intentar dirixir a remontada.

Síntomas de atraso

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as naves industriais sen licenza no concello de Vigo (destapadas tras o incendio do Gorxal) e a crise das vieiras, que interpreto como síntomas do atraso empresarial que aínda padecemos.
Outras interpretacións sobre estas cuestións, que me parecen moi interesantes, son as que fai Ánxel Vence («País de trapalleiros») na derradeira páxina do suplemento Estela de Faro de Vigo e Suso de Toro na edición de El País Galicia (desgraciadamente non aparece na web).

Prudencia co tema vieiras

Perfecto Conde, que rompe o seu silencio, ten toda a razón, no asunto das vieiras un chisco de prudencia non estaría de máis. Nesta mesma liña vai a anotación de Manolo Gago, que tamén comparto.