Campo do Fragoso XIX

OUBIÑAS VEÑEN
O sábado o Celta precisou só media hora para facerse dono dun partido decisivo para as súas aspiracións europeas contra un frouxo e inocente Zaragoza, moi abaixado tras a derrota da final copeira. Paseniño, como é adoito nos de Fernando Vázquez, a solidez defensiva celeste (Lequi é Contreras son a mellor parella de centrais da segunda volta desta liga) foi escachando os ataques de Savio e Ewerthon e permitindo a xenial condución de Oubiña, o noso mago Merlín. Así, nunha contra levada con moita serenidade polo canteirán (que non só recupera e xa se atreve a atacar e a meter balóns entre liñas) chegou o primeiro gol de Canobbio. Entón a bancada respirou aliviada, consciente de que o partido estaba gañado xa que igual que os de Vázquez nunca foron capaces de remontar un resultado adverso, tampouco ninguén foi capaz de levantarlles un encontro. Na segunda parte, os celestes, sen perder unha miga da súa disciplina defensiva (o seu punto máis forte), saíron dispostos a ampliar o marcador e a desmentir a súa anemia na definición. Axiña chegaron tres goles moi xeitosos que, por vez primeira na tempada, provocaron que a esixente bancada de Balaídos corease entusiasmada a Rianxeira e xogase coa marea da Onda, reservadas só para os días das grandes xestas europeas. Non hai dúbida de que a esta altura a afección está completamente rendida diante do traballo dun adestrador que está sabendo atopar ouro neste cadro de mociños (os máis novos da competición) tan talentosos no toque e na distribución como disciplinados no xogo colectivo. Oubiñas veñen, Oubiñas veñen e van. Si, señor.

Etiquetas: ,

Amo a Laura

Tabucchi: "un libro é un universo en expansión"

Recomendo esta dúas entrevistas de hoxe con Tabucchi, pregoeiro do Sant Jordi. Recollo algunha das súas opinións que me interesaron:

  • Unha flor e un libro supoñen unha fermosísima combinación: paz, ledicia e intelixencia.
  • Pensar nos libros, nos propios e nos alleos, é unha actividade interesante, porque un libro, contra o que algúns cren, non remata na derradeira páxina, é un pequeno universo en expansión, non ten final.
  • O oficio de escritor, tal como eu o entendo, é observar e vixilar os políticos. Mirar e escribir sobre o que un ve.
  • Unha sveces o encontro co lector dá pracr, outras medo. […] Cada un le a súa propia historia. A literatura ten ese poder misterioso e máxico de poñernos diante do espello.

A resposta do goberno vigués: evitar aglomeracións

O conflito sobre a celebración do día do libro en Vigo adquiriu tintes alucinantes. O concelleiro de tráfico e seguridade, o que intervén no caso, xustifica a decisión para “evitar aglomeracións“. Este tipo, se estivese en Barcelona, mandaba o exército á Rambla: que fai semellante xentío empuxándose diante desas mesas? O dito: Vigo ou barbarie!

Etiquetas: ,

A resposta dos libreiros vigueses

Txetxu dá conta das diversas formas de celebrar o Día do Libro. Mentres, en Vigo, como xa anunciamos, o goberno local impide que os libreiros saian á rúa do Príncipe.
Os nosos militantes fantasía víronse obrigados a enviar aos medios (como noutrora) este comunicado de protesta:

Ante a negativa por parte do Concello de Vigo de autorizar a instalación dunha carpa na Rúa do Príncipe co gallo do Día Mundial do Libro, a Federación de Libreiros de Galicia quere manifestar:

  • Coa declaración do 23 de abril como Día Mundial do Libro, a UNESCO pretende o fomento da lectura e a industria editorial. Na declaración deste ano do Director Xeral da UNESCO dise textualmente que “esta conmemoración pública constitúe unha nova ocasión para que os responsabeis políticos, os axentes económicos e os membros da sociedade civil honren de moitas maneiras este instrumento sui generis de expresión, educación e comunicación que é o libro”.
  • Era intención da Agrupación de Libreiros de Vigo sumarse á celebración deste Día sacando á rúa, como se fai en todo o mundo, os fondos bibliográficos das librarías.
  • Para elo solicitou no Concello autorización para instalar unha carpa na Rúa do Príncipe, denegada, “toda vez que na referida rúa non se autorizan tales actos-exposicións”
  • Toda a organización do evento, instalación da carpa, seguridade e actividades que terían lugar serían asumidas polos libreiros xa que o Concello no aportaba nada, tanto económica como materialmente.
  • A intención do departamento de seguridade de buscar outros puntos alternativos para a instalación da carpa é inasumible polos libreiros precisamente porque é nesa rúa onde un maior número de persoas poderían acudir á celebración, e a festa do libro tería unha enorme repercusión mediática.A actitude da actual corporación municipal debe enmarcarse dentro do nulo interese que ten manifestado polo mundo do libro, sendo un feito insólito no conxunto das administracións locais do país., e non estando á altura da importancia que o sector editorial ten nesa cidade. En Vigo creáronse e teñen a súa sede as máis importantes editoriais de Galicia e, en Vigo tamén, abren as súas portas á cidadanía recoñecidas librarías, algunhas situadas entre as máis importantes do estado español. Frente a este alentador panorama editorial temos un Concello inoperante á hora de pilotar calqueira iniciativa en torno ao libro, chegando incluso a boicotear como neste caso a iniciativa particular do sector. Os libreiros de Vigo observan con envexa como noutras cidades e vilas do país son as propias administracións locais as que patrocinan e impulsan esta celebración. Vexamos só algúns exemplos. A Coruña: os libreiros saen á rúa os días 21, 22 e 23. Instálanse 15 casetas nos Xardíns de Méndez Núñez. O Concello aporta 3000.00 euros e o día 23 hai presenza institucional de membros da corporación. Santiago de Compostela: os libreiros instálanse na Praza do Toural os días 21 e 23. O Concello aporta unha actividade musical. Lugo: os libreiros colocan os seus postos de venda no mesmo centro de Lugo, na Praza Maior o día 21. Pontevedra: saída de casetas á Praza da Ferrería-Paseo de Odriozola o día 23. Ourense: os libreiros instalan mesas e carpa subvencionada polo Concello na Rúa do Paseo. Actuación dunha Banda de Música e visita institucional do Alcalde e membros da Corporación Municipal. Estas actividades veñen realizándose coa total colaboración dos Concellos dende hai moitos anos, tanto polo apoio ao libro e a lectura como para colaborar coa institución libreira, de fonda tradición na sociedade galega.
  • As librarías de Vigo animan ao pobo desa cidade a acudir en tan sinalada ocasión aos seus establecementos. As librarías de Vigo seguirán sendo espazos de cultura, coñecemento e liberdade.
Etiquetas: ,

Pétalos de cultura

Así felicita o president o día de Sant Jordi.
(ter un pouquiño de paciencia co frame)
Etiquetas:

A noite dos libros

Vía María coñezo esta iniciativa tan chula de animación do día do libro en Madrid. Pola contra, o goberno municipal de Vigo impide que os libreiros saquen os seus libros á rúa. Viva a barbarie!

Recomendo a crónica de Oulego.

Etiquetas: ,