Identidades de dominio público

Compromisos profesionais impedíronme asistir á totalidade da xornada do encontro blogueiro. Por fin, coñecín a Ascárida que moderou modelicamente a nosa mesa, tanto polo control dos tempos como polo atinado das presentacións.
Foi magnífica e moi clarificadora sesión de Juan sobre xornalismo electrónico. A súa definición dos blogs como identidades de dominio público pareceume que sinala unha inflexión na reflexión que vimos facendo sobre o futuro desta nosa textualidade electrónica. Profundizaremos neste interesante debate.
Beizóns para Arvpart por recoller todos os enlaces da xornada.
Etiquetas: ,

Bernabé en Compostela

Ao fío do anuncio do Enblogs 06 paréceme moi lúcida a análise que publica hoxe Jaureguizar (por certo, é moi boa a primicia que publica hoxe no seu cabaret). Non hai posibilidade de editar un Bernabé colectivo galego? Alguén se apunta?
Etiquetas: ,

Enblogs´06

Mañá participarei no Enblogs’06 nunha mesa de experiencias, moderada por Ascárida, xunto con Monica André, Miguel Vila, Isaac Cordal, onde abordaremos a diversidade de historias que se recollen nos blogs. Para animar o debate os organizadores pedíronme que contestase este cuestionario:

Que che aportou o fenómeno blog?
–Abrín brétemas os primeiros días do ano 2005, aínda que era lector de blogs en galego con continuidade desde o verán de 2004. Asumín a escritura do blog como un reto para experimentar coas posibilidades da textualidade electrónica. Os blogs supoñen unha nova literacidade, un xeito diferente de ler e de escribir, en base as posibilidades de intertextualidade que proporcionan o seu hipertexto e a súa intermodalidade (texto, imaxes e sons). A experiencia foi para min moi satisfactoria. Lendo e escribindo nos blogs aprendín moito. Estoulle moi agradecido a todos os que forman parte das comunidades de blogueiros nas que participo polo moito que me achegaron.

Son os blogs unha moda social ou viñeron para quedarse?
–Parto do principio de que as posibilidades técnicas son posibilidades creativas. Supoño que as utilidades actuais que proporcionan os blogs se irán modificando (de feito xa melloraron nestes tres anos) e o soporte, polo tanto, transformando. Aparecerán, pois, novas posibilidades. Non vexo o fenómeno blog como unha moda e si, polo contra, como unha poderosa ferramenta de comunicación e creación intermodal. Os blogs son un dos fenómenos máis importantes da literacidade electrónica. Esta nova textualidade dixital é un fenómeno irreversible.

No ano 2005 produciuse unha auténtica explosión do número de bitácoras en galego. Cres que o fenómeno seguirá expandíndose?
–As estimacións dun milleiro de bitácoras en galego amosan a importancia do fenómeno, aínda que, se as comparamos coas existentes no conxunto da blogosfera, non deixan de ser unha pinguiña. O fenómeno blog expandirase ao ritmo da incorporación do galego a Internet e da recuperación do seu uso como lingua vehicular. Nestes dous eidos son pesimista, xa que fender esta nosa fenda dixital e a anemia normalizadora só será posible se existen políticas públicas moi decididas e enérxicas. Mágoa que ata agora isto non se vexa no horizonte.

Enriquecen os blogs a esfera pública e fomentan a pluralidade?
–Un dos grandes valores dos blogs son a súa posibilidade de proporcionar información e opinión alternativa á dos medios impresos.

Que influencias pensas que teñen os blogs na vida cultural e nos medios de comunicación?
–Os blogs están axudando a marcar tendencias e a abrir a axenda informativa dos medios impresos. No pequeno sistema literario galego xa están, dunha ou doutra maneira, influíndo.

Etiquetas: ,

Libreiros e préstamo

Despois de oito meses o conflito suscitado pola modalidade de préstamo do libro de texto segue aberto. Hoxe a Federación de Libreiros presentou un informe no que reitera os seus argumentos a prol dun modelo que asegure unha gratuidade dos textos máis redistributiva socialmente e respectuosa coa canle de valor do libro.
Mañá haberá unha nova reunión da Comisión de Seguimento do Programa na Consellaría de Educación, aínda que os sectores do libro non esperamos que se presenten grandes novidades. Editores e libreiros, que non perdemos nin a esperanza nin a paciencia, confiamos nos compromisos expresados en xaneiro polo presidente da Xunta e pola conselleira para abordar o debate do modelo definitivo de gratuidade que se implantará consonte o calendario do novo currículo da LOE.

Etiquetas: , ,

Un amour sans résistance

Creo que unha das responsabilidades do editor literario é ir construíndo un catálogo de autores. Esta é hoxe unha tarefa difícil que asumiu Salamandra na súa colección Narrativa, onde, ademais da publicación continuada dos títulos dos exitosos Camilleri ou Marai, sempre aparecen autores novos para satisfacer a lectores curiosos. Velaí un criterio da calidade do traballo dunha editora.
Este é o caso recente de Gilles Rozier, novelista de orixe xudía que escribe en francés, le en alemán e soña en yidish, que acaba de ver traducida ao español (cun título, na miña opinión, moi pouco axeitado) a obra que lle valeu o recoñecemento da crítica francesa.
Un amour sans résistance é unha emocionante novela da memoria daquela Francia ocupada, onde a pasividade dos invadidos estivo moitas veces máis achegada ao colaboracionismo que a afouteza da resistencia.
A paixón amorosa entre un profesor de alemán e un xastre xudeu, vencellando o seu amor en tempos de guerra por medio da lectura de obras Heine e Thomas Mann, permítelle ao narrador propoñer o poder vivificador que a literatura ten nas máis difíciles condicións que poidan vivir os seres humanos. Unha novela breve de escrita fluida e elegante. É recomendable.

O control da palabra

Hai case un mes anunciabamos a publicación da edición española do novo libro de André Schiffrin. Non é nova a miña devoción polos libros sobre libros. Hoxe lin con auténtica paixón o último ensaio deste veterano editor no que analiza con lucidez os fenómenos da concentración de editoriais e medios de comunicación que tiveron lugar desde a publicación do seu xa mítico La edición sen editores.
Sen ser nova a súa análise, Schiffrin –á vista do caso francés de concentración editorial e do control dos medios nos Estados Unidos despois do 11-S– conclúe que na actualidade (o libro está pechado a comezos de 2005) a práctica totalidade da universo da palabra escrita (coa excepción de Internet) quedou sometida a control. Proceso que afecta tanto ao mundo da edición, como ao da prensa, a radio e o cinema (tanto no que atinxe á produción como a distribución dos seus produtos), xa que todos estes sectores da industria cultural das ideas e información escritas, agora están en mans de grupos industriais que, polas súas conexións co estado, crean unha poderosa rede de relacións bilaterais de vencellos mutuos.
Con respecto ao volume anterior, pareceume novidosa a súa análise dos procesos de concentración da distribución editorial e os efectos perversos que isto supón para a rede de librarías independentes (en Francia apenas xa o 19% das vendas do libro). A descrición pormenorizada das estratexias dos discounters estadounidenses (que xa controlan a venda do cincuenta por cento dos betsellers) e dos responsables dos hipermercados franceses (captan o 20% do mercado do libro, o 42,3% dos CD e o 70% dos DVD) é tan clara como moi anticipatoria para nós.
A pesar do sombrío do panorama descrito, Schiffrin non se deixa abatir polo pesimismo e apunta algunhas alternativas para opoñerse a este proceso que, para el, non debe ser considerado como unha fatalidade:

  • Desenterrar a idea do investimento público no lanzamento de medios independentes (editoriais e xornais) como sociedades de interese público de carácter non lucrativo, sempre que fosen controlados polos seus cadros de persoal.
  • Crear cooperativas de lectores. Pon o exemplo a de Ordfront, a editora sueca (onde ata xaneiro de 2006 publicou orixinalmente os seus libros o xenial Mankell) na que 30.000 lectores aboan anualmente 20 € anuais e reciben unha revista de información editorial das súas novidades (en realidade un modelo de clube de lectores). Estímase que a compra do 10% dos socios desta cooperativa comprometida coa democracia e os dereitos humanos abonda para equilibrar as súas contas.
  • Promover librarías e salas de exhibición de cinema públicas (como xa sucede en Noruega).

Un libro o do rabudo Schiffrin que recomendo moi vivamente a todas as persoas interesadas no futuro das industrias culturais no entorno da globalización.

Etiquetas: ,

Viva a República!

Esta mañá asistimos aos actos do setenta e cinco aniversario da Segunda República. Preparei o artigo do domingo sobre a cuestión, recalcando a revolución educativa republicana que sempre tanto admirei. Durante a concentración comentei con varios amigos as razóns do escaso entusiasmo polo espírito republicano dos actuais dirixentes nacionalistas (só vin alí a un ex-concelleiro). Que sería deles se Castelao ou Bóveda erguesen a cabeza?

Etiquetas: ,