Sintonía

Extratexto

Esta semana acaba de nacer Extratexto, un blog dedicado á industria editorial e do libro en Portugal. Parecéronme interesantes os enlaces que propón e algún dos seus primeiros textos. Seguirémolo.
Etiquetas: , ,

Mauricio ou as eleccións primarias

Eduardo Mendoza é un dos poucos novelistas españois (xunto a Marsé, Landero e Mateo Díez) que sigo desde hai máis de vinte anos. Estes días lin de tres longas sentadas a súa última novela, unha obra notable que, porén, non acada a altura doutros seus textos maiores.
Mendoza consegue que neste triángulo amoroso o lector simpatice cun dentista, Mauricio Greiss, un home con pouco carácter, mais con moitos principios e ideais que o levan, ao comezo da novela, a aceptar ser candidato no remate dunha lista do PSC ás eleccións autonómicas. Neste cadro desolador e pesimista do inicio da Cataluña pujolista e da Barcelona guapa do inicio do maragallismo olímpico, Mendoza propón unha reflexión sobre o desencanto da política e as dificultades da condición humana para facer fronte ao fenómeno do amor.
Chámame a atención que un escritor tan dotado como Mendoza –a velocidade da narración, a claridade na presentación dunha trama complexa, os diálogos memorables e a capacidade para manexar materiais diferentes son valores admirables na novela que comentamos– teña, porén, tantas dificultades para titular con xeito. A pesar de coñecer o seu interese polo paródico, unha das maiores carencias de Mauricio… é o seu título horrible, tan confuso como equívoco. En xeral non gusto dos títulos nos que aparece o nome do protagonista nin tampouco dos sintagmas ou frases difíciles de memorizar. Con todo, esta cuestión é menor, diante do esforzo de Mendoza de seguir reinventando a novela, algo que valoro no esforzo que isto supón.

Etiquetas: ,

Lendo en abril 2006

A Consellaría de Educación está distribuíndo Lendo en abril 2006, unha revista en papel dirixida ao profesorado que se responsabiliza da dinamización das bibliotecas escolares. Como todas as iniciativas que promove a Asesoría de bibliotecas escolares os contidos son moi atractivos. En Galicia botábase en falta unha revista deste tipo.
Non hai dúbida que neste eido das bibliotecas e da promoción da lectura o novo equipo de Educación está facendo un esforzo importante. Converter a biblioteca escolar na primeira aula de cada centro educativo e a lectura na súa actividade educativa principal son dous obxectivos a desenvolver por todos os claustros.

Máis sobre o pan durmido

O pasado ano con motivo da Pascua publiquei un textiño sobre o pan durmido. Desde a miña postura estritamente laica, esta homenaxe que facemos os galegos durante esta semana a este doce primeiro non debera pasar desapercibida; razón pola que semella moi oportuno neste abril dos libros a posta en marcha do programa Pan con poesía da Consellaría de Cultura.
A fornada dos roscóns de Pascua no forno do meu Barrio do Cura era unha das alegrías da miña nenez. Unha tradición que se repetía nos fornos todos da abella da ribeira, nun afán colectivo no que cada familia posuía o segredo das proporcións da súa receita, herdado de vello, convertido nun tesouro prezado que se transmitía de xeración a xeración.
Os investigadores Mariano García e Fina Casalderrey debuxaron a xeografía do pan durmido galego en Repostería en Galicia, un dos libros fundamentais da gastronomía galega. Descubriron, entre outros, os segredos das receitas da rosca de cama, da rosca de Navia (que se baña con merengue), do roscón trenzado de Muros, da peculiar forma do roscón de Caldas, do novo roscón de xema dos pasteleiros da Guarda, da rosca de noces, da bola de auga fría con fariña centea de Navia de Suarna ou da poufeira da confitería Regino de Ponteareas, unha bola de boliñas, cun sabor de a cabalo entre a rosca e as rosquillas.
Con todo, ¡e hai abondo onde escoller!, as miñas preferencias decántanse pola fe que profeso nas roscas de Camos, a parroquia onde traballei sete anos de mestre, quizais pola súa estraña mestura de fariñas, un segredo moi ben gardado por dona Josefa Copena e a súa ampla familia de panadeiros. Un bocado da rosca camoesa –coa súa característica textura case carnosa, como as mazas da mesma orixe, hoxe case desaparecidas, como outras variedades autóctonas– permite aprezar o verdadeiro sabor do ovo inchado no padal.
Non incorramos no erro de pensar que este pan durmido existe só en Galicia. Os brioches, esas coronas francesas (variantes das famosas galettes des rois de follado) ou as especialidades árabes tamén deixan durmir a masa, primeiro nun lugar frío e logo quente. O pao de ló da vila de Ovar, na ría de Aveiro, prepárase con dezaoito xemas e catro claras de ovos; os “dormidos” de Bragança son boliños que agardan toda a noite pola calor do forno, como o Folar de Pascua de Tras os Montes, expresións autóctonas todas dunha mesma tradición da repostería europea e árabe.
Este roscón e as súas múltiples variantes, este “gulódice” de Pascua –como o chamaba don Fernando Filgueira Valverde nun dos seus adrais, publicados no Faro– posúe a forma de coroa circular como signo de eternidade, como expresión de eterno retorno, como invocación ao poderoso Pan, sustento do mundo. Esta deliciosa larpeirada, seguramente o doce popular máis antigo dos que se fan en Galicia, na que os ovos e o fermento son os grandes protagonistas, é símbolo da procura da fecundidade e da vida. O roscón é o pan das festas, esa marabillosa mestura de auga, fariña e tempo, sometida a múltiples formas e procedementos en todo o mundo, como alimento con poderes tan nutritivos como antidepresivos. Probade un bocado. Que mellor forma de aproveitar estes días!

Premios Xerais 2006

O pasado venres pechouse a entrada de orixinais dos nosos Premios. Entre os tres certames concorreron máis de noventa obras, o que supón a máis alta participación da súa historia. Os quince membros dos xurados xa comezaron a lectura dos manuscritos. Terán a primeira reunión o venres, 2 de xuño, día no que decidirán as obras finalistas de cada concurso. O fallo anunciarase o sábado 10 na illa de San Simón. Con estas cifras tan elevadas de participación, ninguén pode dubidar da efervescencia creativa da literatura infantil e xuvenil nin tampouco da novela en lingua galega.
Etiquetas:

Inundación

Levo dous días sen apenas poder postear por mor dunha inundación de augas sucias que tivemos na editorial. Sen alguén o dúbidaba: a auga e os libros lévanse moi mal. Sentímonos impotentes: non sabiamos como poder evitar unha catástrofe que ameazaba estragar o arquivo dos libros editados. Afortunadamente, despois de varios intentos, os especialistas en mecánica de fluídos conseguiron desatascar a entullada e hoxe intentamos volver á normalidade recuperando do pequeno naufraxio o que puidemos.

Etiquetas:

Dominio .gal

Cómpre traballar por conseguir a concesión do dominio para a nosa lingua e para a nosa cultura.

Etiquetas: ,

Ciber-romería

Beizóns, todos os meus parabéns! Semella que foi unha marabilla. Quen dubida que este país con xente nova tan aquelada ten un futuro luminoso?

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XVIII

CONTRA UN MURO
Fernando Vázquez sabía que o Valencia do fachendoso Quique Sánchez Flores é o conxunto que posúe o maior rigor defensivo e a capacidade máis intensa de presión dos que participan no campionato. Para facerlle fronte a xogo tan difícil, o adestrador celeste reforzou, coa entrada de Iriney, o medio do campo, e procurou a profundidade de dous extremos natos (Núñez e De Ridder) buscando que estes coa súa velocidade e capacidade de desborde proporcionasen balóns francos que finalizasen Canobbio e Baiano. Porén, este modelo táctico resultou un rotundo fracaso xa que os celestes, a pesar do seu alto ritmo de xogo e do seu coraxudo empuxe da segunda parte, nunca foron capaces de facerse coa área central (controlada con autoridade por Albelda e Baraja) nin moito menos rachar a disciplina defensiva que impoñían Ayala e Albiol. Por riba, a pésima noite de Núñez e Baiano (ambos os dous moi desafortunados, precisan pasar con urxencia pola cura de humildade que proporciona varias xornadas no banco) e a capacidade endiañada para o contragolpe de Villa, Aimar, Regueiro e Angulo acabaron por desarborar aos nosos. O Valencia, o equipo máis italiano da liga española, demostrou que para saltar o seu altísimo valado defensivo os seus rivais precisan de grandes doses de fantasía atacante, de acerto na definición e de disciplina e intensidade defensiva, cualidades as tres das que careceron o sábado á noite os de Fernando. Os celestes estreláronse impotentes contra un muro -o magnífico xogo antipático, sobrio e eficaz dos valencianistas- que non souberon superar. Outra vez será!

Etiquetas: , ,