Carrilanos en Verín

A presentación de onte foi moi emocionante. Trescentas persoas acudiron a un acto onde se falou moito e onde se cantaron os romances e coplas da vía. Carrilanos é un libro e un DVD, os dous soportes preparados por Rafael Cid, que recupera a memoria viva dos homes da vía, esas quince mil persoas que durante trinta anos traballaron nas obras do treito do ferrocarril entre Puebla de Sanabria e Ourense, a obra de enxeñaría máis importante da Galicia do seu tempo. A presentación demostroume, outra vez máis, o papel do libro na recuperación da memoria, xa que unha vez impresa transfórmase en construción cultural colectiva.
Os milleiros de pulmóns feridos polo mal da vía (a silicose), o papel da Pasionaria Blanca (tamén chamada a “Desenterramortos”), afolga de Ourense do trinta e dous ou a morte do enxeñeiro Fernández-España foron recordados nun acto, onde a señora Lola de Pedroso e o seu home Herminio (ambos os dous na foto, durante o acto) vivificaron o romance de “Pepe de Veiga de Nostre” e as “Coplas do 20 de maio”. A axuda de Xosé Lois Foxo, de Merche de Leilía e de Eloi Domínguez (concelleiro do BNG de Verín) foron vitais para que o acto acadase unha grande brillantez.
Os carrilanos supervivientes e os seus familiares e veciños marcharon felices sabendo que a súa epopea quedou gardada para sempre nas páxinas dun libro e nas imaxes dun magnífico documental. Rafael Cid, o teimoso argalleiro da recuperación do carrilanismo, ten razóns abondas para estar satisfeito.

Benvido, Oulego!

Outra importante incorporación ao blogomillo (que enlazamos xa a pasada semana) é a de Oulego. O escritor caurelao, residente en Madrid, adianta no blo os primeiros parágrafos da prometida segunda parte d’ O brindo de ouro. O autor de Fonte de esperante, un dos mellores libros de relatos publicados o pasado ano, vén publicado no blo uns microrrelatos estremecedores e de beleza desbordada. Recomendo moi vivamente engadilo aos enlaces preferidos.

Acento gallego

Non souben ata hoxe da existencia de Acento gallego a bitácora de Couselo. No seu blog, o veterano xornalista explica cómo se produciu a súa saída do Correo, xornal no que traballou durante tantos anos. Seguiremos a súa bitácora. Os seus artigos, ben documentados e escritos, sempre merecen a pena. Benvido á rede Couselo!

Xa estamos en pre campaña

No artigo da semana alerto sobre as presas do PPG por adiantar o máis posible o comezo da pre campaña das eleccións municipais de 2007. Non teño dúbidas de que Vigo será o centro de todas as batallas.

Premio da Crítica 2005

Para min este premio constitúe unha grande satisfacción. Os lectores, os libreiros e, agora, tamén os críticos apoian a recepción do texto, podemos pedir máis? Máis beizóns para Teresa.

Actualización (01-04-2006)
: Pola magnífica información da Voz sei que As galeras de Normandía foi a obra finalista, o que supón para min outra alegría. A novela de Ramón Loureiro é outra desas grandes obras que sei collerán pulo e recoñecemento dos lectores co paso dos anos.